galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Retomamos o tema da tradición oral neste curso 2011

INTRODUCIÓN:Rematado o estudo sobre a Lírica Medieval Trobadoresca, esa que bebera das fontes da tradición oral máis antiga do galego, esa que nacera á vez da nosa lingua cara o século IX. Esta tradición oral máis antiga foi en algunha medida, transcrita nas cantigas de amigo e de escarnio máis tradicionais no século XIII e debido ao esplendor Literario e a unha serie de trobadores cultos sensibles a dita tradición oral.
Despois dun período de decadencia nos séculos XIV e XV, os denominados Séculos Escuros, por non escribirse practicamente ningunha literatura en galego, temos que saber que a nosa rica tradición oral que non morrera vai ser a responsable de soster a nosa cultura , darlle coherencia durante estes trescentos anos que van ata o século XIX. Xa no XIX vai permitir que de novo a nosa literatura escrita renaza, é o chamado Rexurdimento, que non se pode entender sen a fértil corrente literaria de tradición oral da que van beber todos os seus principais autores.

DEFINICIÓN e CARACTERÍSTICAS: Imos logo primeiro definir a Tradición oral cos conceptos xa explicados de carácter espontáneo, versatilidade e reiterativa execución dos seus diversos xéneros, a peculiaridade de non conservarse por escrito senón de boca en boca e de xeración a xeración, e, por suposto, o seu anonimato, dado que se concibe como creación colectiva dun pobo humilde e traballador.

DIVERSOS XÉNEROS:
Partimos do Romance (se ciclas na categoría de TRADICIÓN ORAL na marxe da esquerda deste blog, podes escoitar e consultar nunha das entradas do curso pasado a letra do famoso Romance de D. Gaiferos de Mormaltán, que recolleu o primeiro estudoso da zanfona e un bo coñecedor da tradición dos romances de cegos, Faustino Santalices). É un dos xéneros máis antigos que arrincan precisamente dos Cantares de Xesta e da tradición literaria culta e popular da Idade Media. Este xénero épico-narrativo (preséntase en conxuntos de versos octosilábicos con rima nos pares)pode pensarse de feito como antecedente dos relatos tipo lendas ou mesmo das máis modernas novelas.

Hoxe imos deixar aquí este outro texto dun romance moderno (burlesco e moito máis vulgar de creación recente, se cadra no século XIX, por non aparecer en cancioneiros antigos e que nunha versión do grupo Pallamallada foi escoitado xa na aula. Di o seguinte:

Era un vello setentón,
que tiña de nome Ghillermo,
e intentou buscar no vrán
unha muller para o inverno.
Acordouse dunha moza
de trinta anos ben maduros;
vivía soa na casa,
alá cerca de Teigur.
E pra o domingho sighiente
púxose de traxe fino,
foi visita-la rapaza
montado no seu pollino.
Cheghou, doulle as boas tardes,
felices, lle contestou.
Puxolle o pollino á porta
pra xunto a rapaza entrou.
Que ghuapa estás, Pepiña,
Quen che me dera, a poder!
darte un bico e un abrazo
pra saber o que é muller.
-Usté non sabe, Ghillermo,
que é cousa tan verghonzosa.
Un vello tan acabado
darlle bicos a unha moza!
O vello, xa enfadado,
foi e agharroulle unha teta,
e aínda non quedou conforme
votoulla á relinqueta.
Pepiña, xa de asustada,
pronto empezou a chorar,
e o vello, moi mainiño,
empezouna a consolar.
- Non chores, Pepa,non chores,
ó meu lado non teñas pena,
que si me queres de veras
eu caso contgho, nena.
Querereino por marido
si sabe corresponder,
e si comigho se casa
ben contento hei de ter.
O día tres de setembro
casáronse no convento,
foi cando notou Ghillermo
que cansaba o instrumento.
Era o día noveá noite,
entroulle unha pulmonía;
era o día nove á noite,
xa morreu ó outro día.
Morreu Ghillermo, morreu,
Pepa a ghusto quedou logho;
sin trazas de ter familia
o vello doulle pra un novo.


( Recollido en Anceu (Pontevedra no ano 1988 por Carlos Rei Cebral).

Na clase despois de escoitalo reflexionamos sobre o seu contido procurando un tema ou idea central que substenta este texto tradicional. Saberías ti cal é logo o seu tema?

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 01-03-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal