galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UN TEXTO NARRATIVO PARA COMENTAR
Mamá, ( da novela “Os comedores de patacas” de Manuel Rivas)

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste.Sempre a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme gañas de chorar. Ela queríame.

-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.

Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón,antes de que manchen o traxe de almirante. Tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá- díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. O médico contárame que todo ía ir ben pero que a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara como a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
-¡Desgraciado! - dio ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta como unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. ïa pasar meses mirando para o teito.
- Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
- Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao earoporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló enbaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse a escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estanbamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. Non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminosos na grande teitume.Drumín lambendo o sangue doce dos labios.
- ¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame mamá. Sufría por min.
- ¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.



IMOS FACER UN COMENTARIO DE TEXTO:


Como fago un comentario dun texto

Comentar un texto esixe de nós, ademais dun esforzo, seguir os seguintes pasos:

1º/Lectura e información: Implica realizar as lecturas do texto necesarias para entendelo e consultando as dúbidas do significado das palabras que lemos, o vocabulario utilizado. O coñecemento da obra serve de gran axuda nesta fase previa.

Localización do texto: Determinar xénero, período no que se encadra, identifiando ao autor, a obra da que procede e a corrente ou contexto literario e da época á que pertence.

Interpretación do texto: Este é o núcleo do comentario, presentando por separado as seguintes partes da:
a) Asunto, tema e punto de vista: Resumir o que transmite coas nosas palabras, para deducir un tema central ou idea principal de forma clara e breve é fundamental para continuar coa interpretación o resto do comentario xirará arredor del. Finalmente analizar o punto de vista lírico ou narrativo que utiliza o autor.
b) Estrutura: Analizar as partes nas que se pode dividir e as relacións que se dan entre elas ( no caso dos textos narrativos aquí analizaremos personaxes, espazo, tempo e modos de discurso).
c) A linguaxe: Analizarémola por niveis
Nivel semántico ou de contido ( Do léxico e das súas relacións, das connotacións e artificios deduciremos o ton do texto melancólico, optimista, máxico, reflexivo…)
Nivel morfosintáctico ou da forma (Dos distintos elementos gramaticais, tipos de oracións e artificios referidos ao ritmo, deducimos o dinamismo expresivo que será negativo ou lento, se abondan as figuras de repetición por exemplo, e positivo no caso contrario)
Nivel fónico ou do son: (Especialmente importante para a poesía medida e rima, artificios que contribúen á musicalidade do texto).

Valoración: Unha valoración debe conter unhas conclusións extraídas dos pasos anteriores do comentario unindo cada un dos apartados anteriores, identificando dende a idea central ao seu valor literario nun contexto histórico e social.

Para que os primeiros pasos non sexan complicados aquí quedan xa unha información previa a a Localización do texto para comentar, queda o máis complicado e estenso por realizar.

O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espazos, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Localización: Mamá é texto inicial ou de presentación do protagonista Sam no capítulo primeiro dunha das primeiras novelas que escribe Manuel Rivas no ano 1991. Como é sabido comeza a súa andaina literaria como poeta. Encádrase na literatura do posfranquismo ou dos primeiros anos da democracia, a poesía e narrativa contemporánea. Na creación máis recente sendo un autor destacado e premiado a partir especialmente da publicación do seu libro de relatos curtos Un millón de vacas, premio da Crítica Española no ano 1990.


Asunto: Unha nai visita no hospital ao seu fillo tras dun accidente de tráfico, o diálogo entre eles transcorre en paralelo co pensamento do rapaz que vive o suceso dun xeito case infantil, como se dunha aventura se tratase, e no que expresa con insistencia o seu sentir verdadeiro cara a nai, sentir que é incapaz de expresar. Ese diálogo manifesta todo o contrario. A través do monólogo interno descubrimos que ten problemas coas drogas e atópase no hospital despois dun accidente de tráfico no que resultou ferido nunha perna do que vai quedar coxo. O coche conducíao un tal Luou, amigo polo que sente admiración. Na súa reflexión lembra as sensacións tras do accidente. E o diálogo volve ao primeiro plano a falta de comunicación coa nai, pero tamén o afecto que senten e que non saben expresar un ao outro.


Continuará despois de que vós o intentedes!!
Comentarios (1) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 12-11-2010 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Fant�stic#blgtk08#o. Terrell Playa
Comentario por Terrell Playa (19-04-2016 09:49)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal