galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DIVERSOS NO UNIVERSO

I- AS LINGUAS SON AS QUE NOS FAN HUMANOS

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.

CASTELAO, Sempre en Galiza


II- IGUAIS, PERO DIFERENTES ou COMO SERMOS ORIXINAIS ANTE OS DEMAIS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.

Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua; xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

Se queremos ser nós mesmos temos que cultivarnos en galego, envorcado o noso espírito da infancia e da mocidade no molde redentor do noso idioma. Do noso idioma que nos abre magnánimo e fecundo as portas dos corazóns de moitos millóns de almas que se expresen no portugués irmán… No comezo eramos vinte persoas…hoxe son moitas as Irmandades feitas; no termo destes últimos anos falouse máis galego culto que denantes nun século. Galicia comezou a ser considerada. E aquí tedes como somos uns homes históricos; uns homes a quen o porvir non terá que esixirlles responsabilidade. Porque ofrendaron a Galicia un pensamento propio, unha vontade propia e un sentimento propio.

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira


III- O RESPECTO QUE MERECEMOS: O DEREITO A SER DIFERENTE.

O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

CASTELAO, Sempre en Galiza.


IV- MINITEXTOS

Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!
MANUEL MARÍA
Os soños na gaiola


“Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.” A.D.R. CASTELAO

CUESTIÓNS
1-TEXTO I- Por que cres que hai algúns homes que senten envexa das formigas? Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel?
2- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?

3- TEXTO II Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante e un galego falante?
4- Que cres que significa a expresión “redimirse da servidume do mimetismo”?
5- Como nace unha lingua?
6- Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
7-Este texto II escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é unha das meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.

8-TEXTO III A cultura é un alimento dos seres humanos? Cal son os termos reais das metáforas do “biberón” e da “teta”?
9- Que está pedindo Castelao no último texto?

10- Despois de ler todos os textos redacta unha resposta a esta cuestión final: Como podemos ser respectuosos coa nosa identidade, coa nosa cultura e coa nosa lingua?

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 23-09-2010 16:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal