galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ROMANCE DE DON GAIFEROS
Trátase dun dos romances máis vellos dos conservados e recollido por tradición oral polo estudoso Faustino Santalices, un dos homes aos que debemos a recuperación da zanfona, ese instrumento medieval que usaban os cegos para cantar ás portas das igrexas ou nas feiras romances como os que podes escoitar a continuación. Estes cegos á súa vez foron continuadores da tradición dos xograres medievais de aí que nalgúns casos se nos conserven pola vía da tradición oral romances como o de DON GAIFEROS DE MORMALTÁN que é o nome dun ilustre peregrín a Compostela do século XIII, o Duque de Aquitania, que tras percorrer baixo o nome cabaleiresco de Gaiferos de Mormaltán o Camiño Francés até Santiago morreu un día de Venres Santo ao pé do altar do Apóstolo como narra o romance e aparece tamén citado tal suceso no Códice Calixtino.




ROMANCE DE DON GAIFEROS
I onde vai aquil romeiro, meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela, non sei se alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue, xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello, non sei se alí chegará.
Ten longas e brancas barbas, ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados, verdes como a auga do mar.
-I onde ides meu romeiro, onde queredes chegar?
Camiño de Compostela donde teño o meu fogar.
-Compostela é miña terra, deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles, brilante como un altar.
-Cóllase a min meu velliño, vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas da Virxe de Bonaval.
-I eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará.
Chegaron a Compostela, foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou Gaiferos de Mormaltán:
-Gracias meu señor Santiago, aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida, pódesma señor tirar,
porque morrerei contento nesta santa Catedral.
E o vello das brancas barbas caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes, verdes como a auga do mar.
O bispo que esto oíu, alí o mandou enterrar
E así morreu señores, Gaiferos de Mormaltán.
Iste é un dos moito miragres que Santiago Apóstol fai

Para SABER Máis sobre Faustino Santalices
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 26-02-2009 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal