galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ALGUNHAS CLAVES PARA SITUAR AO AUTOR
MANUEL RIVAS, O NARRADOR
por BASILIO LOSADA 1990.

A literatura galega deu sempre excelentes contistas. Mesmo nos séculos escuros, dende o XV ao XIX, cando o galego perdeu a súa condición de lingua escrita, sobreviviu no galego unha narrativa de riquísima transmisión oral. Esta tradición oral chegou case que ata hoxe, e só nos últimos quince anos foi aniquilada polas telenovelas e outros subprodutos culturais de consumo preferentemente urbano. Desta riquísima tradición oral nutriuse sempre a literatura galega escrita: Anxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares, X.L. Méndez Ferrín entre os máis recentes cultivadores da narración breve. E, fundamentalmente, Rafael Dieste, co seu libro "Dos arquivos do trasno" que contén pezas maxistrais no seu Xénero. Aínda que, por outra parte, a obra de Manuel Rivas xurde dunha situación diferente, co galego normativizado e recoñecido oficialmente.
Nace tamén a obra de Manuel Rivas despois da profunda conmoción social da última década, que rompeu coa Galicia rural, creou arrabais inhóspitos arredor das cidades, ao tempo que deixaba despoboadas as aldeas, non menos deprimentes que estes arrabais, pero quizás con máis posibilidades de arraigo, é dicir, de cultura. Aquela riquísima tradición oral campesiña da que Fole ou Cunqueiro extraían a substancia máxica dos seus relatos, é xa só unha lembranza. Os narradores destes últimos anos- Manuel Rivas, Suso de Toro, por exemplo- non se recoñecen nela. Naceron nunha Galicia urbana, nun ámbito en gran parte alleo ao galego, e recuperaron a súa lingua, ou enriquecérona, nun esforzo consciente de aprendizaxe. Teñen outros mestres, outras pautas creativas. Interésanlles outros temas e outras situacións. A poesía de Manuel Rivas foi definida como "poesía urbana". Pola linguaxe, temas e situacións.
Poderíamos dicir o mesmo da súa prosa, nacida por vocación de realismo, vulnerado pola tenrura e a ironía, e, en xeral, máis pola ironía que pola tenrura.(1) Os seus relatos elaboran aspectos da Galicia urbana. Mesmo cando se afonda no misterio e o desalento da Galicia campesiña faise dende unha perspectiva dun home de cidade. E da cidade, Manuel Rivas prefire un espazo concreto: o suburbio, e unha concreta parcela humana: a mocidade. Máis que do misterio e da maxia, como Fole ou Cunqueiro, nútrese das supersticións urbanas: o cine, a motorización, ídolos da música de consumo, novelas de aventuras, deportes de masas, as barras, as viaxes de mochila e auto-stop...
Aquel proxecto de volta aos valores do mundo rural, ao irracionalismo idealizado dunha cultura aínda medieval, aquela identificación do mundo labrego coa Galicia esencial, a morte da cal se asistía dende unha actitude desolada, era unha proposta anacrónica. O compromiso coa esencialidade de Galicia asúmeo Manuel Rivas dende outros supostos máis actuais, dende o ecoloxismo militante, por exemplo. E o ecoloxismo é unha proposta cultural de signo urbano...Manuel Rivas está máis preto de Dieste que de Cunqueiro... Da lección de Dieste procede a exploración do misterio do cotiá, do vulgar, dos actos que repetimos mecanicamente, das palabras que pronunciamos baleiradas de senso, como fórmulas para finxir unha comunicación que non existe. E non sei se de Dieste, ou, simplemente, da mellor tradición universal do canto literario, procede a capacidade de Manuel Rivas para concentrar todo o relato nunha soa frase... Subliña Dieste(2) que é esencial no conto a "unidade emotiva”, e marca con elo, implicitamente, as distancias con relación a novela, mesmo a chamada “novela curta”, que admite episodios, digresións. O conto está moi próximo ao poema, tan próximo que, como nos amosa cumpridamente Manuel Rivas, ás veces estas distancias esvaécense. Un conto é só a notación dunha atmosfera tensada por " a obsesión do que ten que sobrevir", basta con que o lector o presinta, nun último termo se lle deixa a liberdade de concluír o relato..."O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas derradeira palabras, despois de colmalo poderosamente". Iso é o que acada Manuel Rivas, e por procedementos tan sinxelos que case que parecen pura alquimia: converter a cotidianeidade en emoción...O difícil de extraer destas causas que pasan o mínimo de substancia lírica que nos permita seguir emocionándonos : un drama trivial.

(1) Lémbrese a narrativa de Castelao, os trazos que a definen ironía e tenrura, humorismo e lirismo que herda tamén Manuel Rivas.

(2)DE DIESTE: Unha filosofía para crear un conto que está no limiar do seu libro “NOS ARQUIVOS DO TRASNO”:
"A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir.
O remate a de ter a virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas.
A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en todos os currunchos do relato.
O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.
O conto é unha pelica na que se sente o pulso dunha imaxe contida.
O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada
moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz."
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 19-10-2008 08:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal