galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HIP HOP GALEGO E CULTURA URBANA


Sabemos de cantidade de grupos que se remexen na xeografía galega na música folk e tradicional, tamén da pouca saúde da que goza o rock cantado en galego. Pero hai outro xénero musical emerxente a nivel estatal, o rap, que conta con moitos seguidores/as neste país a pesar de que a cantidade de grupos que se centran neste estilo non é demasiado importante (aínda que máis do que podería pensarse).

Remexemos un pouco neste mundiño e atopámonos grupos interesantes coma 5 Talegos, Ghamberros, Non Resident, Safari Orquestra, con colectivos coma Dios Ke T Crew, que xa está a presentar un proxecto colectivo da cultura do Hip Hop onde se funde música, pintura, baile, djs... Unha iniciativa semellante á do colectivo La Familia que foi e é un laboratorio de experiencias artísticas. Non faltan rapeiros que canten en castelán, algún deles de sona, coma é o caso de El Puto, a parte dunha longa lista de dilleis. Persoas que deixan voar a imaxinación e crean grafittis no muro da esquina. Arte ás veces pouco valorada ou marxinada.

Ordes, o punto de partida

O punto de arranque desta viaxe polas novas tendencias musicais en Galicia é Ordes, vila situada cerquiña de Compostela. Alí atopamos a 5 Talegos, grupo que a pesar de non ter nada editado actuou en moitas ocasións en diversos escenarios cunha proposta nova por ser rap en galego. Letras intelixentes e unhas bases rítmicas que pouco a pouco foron madurando . Non concordan coa maioría do rap que triúnfa no mundo por individualista, comercial e con exceso de autovaloración, de ego, do eu son, eu fago. Podemos atopar pezas en dous recompilatorios "Revolta Sonora-Sons de Luita.1999" e "Mixtura-Asociación Lucerna 2001".

Os Ghamberros vanse cocendo ó rebufo de 5 Talegos na mesma vila e hoxe son un grupo ben coñecido en Galiza. Ultimamente convertidos en trío, utilizan unhas músicas moi influenciadas polo jazz e o funki con letras en galego moi críticas coa realidade social e política. Levan tres anos pisando escenarios e deixando moi bos comentarios alí por onde soltan as súas linguas. Recentemente editaron unha maqueta con nove cortes da que venderon, en tres semanas, as cincocentas copias de tirada inicial.

Debido á proximidade e ao colegueo destas dúas bandas xorde o colectivo Dios Ke T Crew, que tenta englobar dentro de si moitas das vertentes artísticas que conforman a cultura hip hop e revolven música rap con graffiti (Vandals Crew, Cousas Novas), break (desde Compostela, o colectivo de breakers Play Movil Kids) ou dilleis (Murdock e Kaze Lu). Pretenden potenciar a creatividade e desenrolo da cultura hip hop e dar a coñecer a todos os grupos que forman o colectivo, sempre mantendo un proxecto común pero respectando a independencia de cadaquén.


Non Resident

En Compostela están os Nont Resident, grupo cunha maqueta editada, e ó redor do cal xorden iniciativas varias. O seu estilo ten moitas influencias alleas. Un dos rapeiros chegou do Brasil e o dj de Inglaterra. Eles fan rap desde o ano 1999 utilizando o idioma galego e portugués. Lord Keison, o dillei, aterrou en Galiza despois de estar traballando en bares e clubs "underground" de Londres. Chegou acompañando aos US3 nunha xira polo estado en 1993 . Aquí se quedou formando parte da Fundación Cru, onde coñeceu a Hevi e Brasi. Foi despois da disolución daquel colectivo de hip hop cando crearon o trío Non Resident.


Safari Orquestra

Máis recentemente nace un grupo que se fai chamar Safari Orquestra e no que atopamos nomes ben coñecidos da escena galega. Por un lado está Emilio, voz do desaparecido grupo galego Skornabois, que deixaron un disco no mercado e algunhas maquetas. Os Skornabois xa se introducían no rap en galego fai uns cantos anos, aínda que fusionado con sons moito máis duros e guitarreiros que hoxe triúnfan no estado. Xunto con Emilio están Xerman Viluba (tamén exSkorna) e Arturo Vaquero, ben coñecido por Humanoid (cdj Playmobil) na súa faceta de creador e produtor de música electrónica. Vaquero xa ten dous discos no mercado e un terceiro a piques de editarse. Leva case 15 anos como dillei e o seu traballo tivo máis recoñecemento en cidades de fóra da Galiza. Cdj Playmobil caracterízase polas súas sesións variadísimas.

Safari Orquestra apoiase nun cuarto membro, un dillei que soe ser Álvaro Pardo ou Alex. Dr Think (Alvaro Pardo), que leva desde o 90 nisto do arte das mesturas e que deixa pasar polos seus platos funk, chill out, hip hop, drum&bass..., que combina en estilo libre (Freestyle) ou por separado. Álvaro Pardo empezou coas primeiras actuacións polo ano 95. Aparte de promover este xénero musical pertence tamén a outros grupos como nTn (noite Tras Noite)ou Telémaco. Tamén pode verse actuando en solitario baixo o nome de Mr Fishman. En ocasións é Alex o que acompaña o grupo.
Safari Orquestra montase no 2001. A súa música ten moitas influencias do jazz e ramifícase noutros moitos estilos electrónicos coma o drum bass ou o trip hop. Teñen unha maqueta editada e en breve lanzaran un maxi con dúas pezas.


EL ASUNTO

El Asunto é un colectivo formado no 2006, composto por Sucias Ratas, Sokez MC & DJ Zepo, Roke (SFC) e O'Ras (DGB). Colectivo concebido para intentar reuni-los 4 elementos do HipHop nos directos. Sucias Ratas (Koke, Jona, Iago y Sac) grupo afincado en Pontevedra e Marín, con varios concertos xa as súas costas e compartindo escenario con xente coma Falsalarma, DeLaHoja, Bronkitis Crónica, Mito Escrito, Ogmios, KDS, SKA & Kaze, etc etc... están en proceso de gravación da súa primeira maqueta aínda que xa presentaron algún adianto no seu MySpace. Por outra beira Sokez, un MC de Pontevedra (Galicia) de 23 anos que leva nisto do HipHop os seus nove anos xa. Introduciuse nesta cultura escoitando ata a saciedade as típicas cintas que che deixaba un colega, como calquera outro b-boy. Fai algo máis de dous anos, e grazas a Dj LaEse, coñeceu a Dj Zepo, Dj de 19 anos con moi boas maneiras. Empezou a currar e a facer temas e o resultado foi "No Hay Fallo", unha maqueta que tivo unha moi boa acollida. Con este primeiro traballo queren expresar as súas vivencias relacionadas có entorno que lles rodea e por riba de todo aportar o seu grán de area a este pequeno (aínda) deserto do HipHop. Antón G. Seoane a.k.a. ROKE naceu o 6 de Nadal do 86 en Vigo. Os seus inicios no graffiti remóntanse ao 97, cos seus primeiros tags influenciado por Aley97 (VDS) e o graffiti que vía pola rúa. Tras madurar no graffiti e logo de pertencer a colectivos como a BEM ou a BVK, asentase en SFC, colectivo no que permanece hoxe en día, composto por él e outros tres colegas de seu barrio (Dime, Moos e Mais), o cal obtivo recoñecemento pola súa gran adicción ao negro bituminoso, a cor prata, e ás grandes creacións en chapas. Roke caracterizase por ser un artista polifacético que realiza todo tipo de graffiti: Bombing, Murais (tanto letras coma kekos), Street Art… Alternando entre un ou outro segundo tempadas. Ademais, dende fai un par de anos iniciase na tatuaxe e tatúa ocasionalmente ata o día de hoxe nun local privado. Artista autodidacta que nunca recibiu ningún tipo de educación artística ata hoxe, xa que estuda na Escola de Deseño Industrial de Ferrol.



Simón Crespo
Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA EN GALEGO - Publicado o 30-05-2008 05:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal