galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NA NOITE

(Azalea)
A noite, silenciosa compañeira, desexaría que durase por sempre. Esta quietude... é o único momento do día no que me sinto en paz, a miña alma está en calma. Realmente non sei con quen vou ir dar. A nota que deixaran pasar baixo a miña porta só dicía: "Agárdote na praza do xardín ás 23:30". A letra era fermosa, tanto como para chamar a atención; esa persoa escribía moito, e probablemente tería estudos superiores. A caligrafía non tremía, man firme e seguridade, tanto en si mesmo coma no que di. Anos de mercenaria obrigáranme a aguzar a mente respecto destas cousas. Quen me agarda non me teme. Pode ser por arrogancia, aunque parece pouco probable, unha persoa intelixente nunca infravalora ó seu contrincante, e sei que o é. O máis seguro é que me coñeza, que leve un tempo observándome, por iso aitoume nun lugar que frecuento para que non estea nerviosa, non máis do preciso. Supoño que quererá falar, propoñerme algo. De querer asasinarme levaríame a un lugar apartado ou emboscaríame nunha calella escura.
Chego ó lugar indicado. O tañido das campás señalando as once e media ecoa pola praza. Non pasa máis dun minuto ata que escoito uns pasos achegándose. Camiña de forma pesada aposta, co fin de meter ruido e non pillarme por sorpresa. Sorrío interiormente: este si sabe o que fai, non coma eses pánfilos que adoitan contratarme.
-Boas noites, miña señora -saúda cunha voz moi agradable.
Viste moi elegante, e tan negro coma min, é xoven, de vinte e poucos, alto e agraciado. O seu pelo loiro de tan claro semella case branco, e eses ollos de esmeralda evalúanme de arriba a abaixo. Algúns dos seus rasgos fánseme un pouco familiares, pero coñezo a tanta xente...
-Boas noites a vós tamén, cabaleiro. Qué é o que busca de min?
-Escoitei falar ben de vostede, señorita Moreno, e creo que pode ser a indicada para resolver o asunto que agora me ocupa.
Azalea Moreno, esa son eu. Estou sempre disposta a todo: asasinatos, asaltos, roubos... Non teño medo cando pregunto:
-Que teño que facer?
El sorrí deixando ver os seus brancos dentes.
-Gústame a súa determinación. Veña, deamos un paseo.
Ó seu carón comprobo que non me saca máis dunha cabeza. O seu andar é agora lixeiro, elegante. Saímos da praza e chegamos a unha pequena rúa carente de máis iluminación cá da lúa. Os nosos corpos fúndense coa escuridade: non somos máis ca sombras. Camiñamos en silencio un bo treito.
-É aquí -di de súpeto.
Escoito un son metálico. Paréceme que busca algo, probablemente unha chave. O chasquido duha pechadura dá paso ó son dunha porta abríndose. Sígoo a través dela. Óese un "ras" e unha vela acéndese. Prende dúas máis.
-Sería tan amable de pechar a porta?
Fago o que me pide. Logo sinálame unha cadeira. Sento nela, fronte a el.
-Verá, señorita Moreno, estou metido nun gran apuro. Non me andarei con rodeos: pertenzo a un grupo de asasinos, pero, no último encargo, pedíronnos matar a alguén a quen eu teño moito aprezo. Liquidei ós que me acompañaban e, como comprenderá, van todos a por min.
-Entón... quere que o protexa a vostede?
Fai un xesto de rexeitamento coas mans.
-Non, non, de ningún modo. O que eu non poda facer por min non o poderá facer ninguén... non... o que preciso é que protexa á miña irmá.
-Á súa irmá? -comezo a ter unha desagradable sensación de angustia.
-Si. É que ela é un pouco coma vostede. Tentando seguir os meus pasos molestou a xente importante. Vive na cidade, chámase Clara Leire e...
-Clara! A miña Clariña!? -non o podo crer, a miña mellor amiga metida nun lío así. Ela, tan coitadiña...
O meu interlocutor pega un chimpo.
-Ti... entón ti es Azalea!
-Son... Logo ti es Dimas... -aquilo explicaba que o seu rostro me resultase tan familiar.
Mirámonos un anaco. Clara falárame moito del, e probablemente a el de min; pero nunca chegáramos a coñecernos. Xamais o imaxinara así.
-Ben -di rompendo o silencio-, iso facilita as cousas, mais, prégocho, non llo comentes a ela, non sabe aínda no que está metida.

Chego á porta do instituto co estómago feito un nó polos nervios. Coma sempre, Clariña estame agardando.
-Ola! -saúda cun dos seus grandes sorrisos.
Non sei qué terá esta rapaciña, pero a pesar de ser tres anos menor cá min, sempre preferín estar con ela antes que xuntarme cos da miña idade. É difícil imaxinar que tras deses grandes ollos se agoche unha asasina, unha ladroa ou mesmo ambas cousas.
-Ola -respondo. Tento sorrir, pero sáeme un xesto forzado e falso.
-Ei, que tes? -pregunta.
-Nada, nada...
-Xa... -sorrí burlona.-Entón, pensando en Dimas?
Din un respingo.
-Como...?
-Dimas pasou por casa esta mañá e faloume de ti. Polo visto vai pasar unha temporada na cidade.
-Humm... que ben.
-Cambiou moito. Está guapo, non crés?
-Si, ben, é... interesante -ese é o único adxectivo que se me ocorre para el.
-Que extraño -comenta-, Dimas dixo o mesmo de ti. O que non me contou é de qué faláchedes.
Oh, oh... que lle digo eu a esta?
-Eh... en fin, pois, ó principio non sabíamos quen era o outro, e logo preguntoume por ti -non era exactamente mentira.
-Ah, vale... -parecía decepcionada.-Oes, agora que me acordo, non podo ir á túa casa hoxe -tódalas tardes quedabamos para estudar-, teño un... un compromiso. É moi importante, non podo faltar.
Noto a vacilación da súa voz. Recordo a conversa con Dimas e comezo a preocuparme.
O resto do día pasa sen sobresaltos. No recreo e á hora do xantar estou con Carla, pero non falamos en absoluto do seu irmán nin do seu misterioso asunto. Ó despedirme dela despois das clases, sinto os ollos dalguén sobre min. Cando me xiro vexo unha figura escura meténdose por unha rúa. Sigo o mesmo camiño ata que topo con el.
-Por que non vas con ela? -espétame furioso.
-Polo visto ten un "compromiso", pero non sei de qué.
-Non llo preguntaches?
-Nunca o fago. Creo que todos temos dereito a unha certa privacidade, e se ela non mo di, é que non me incumbe. Carla o respeta e fai o mesmo. Se saco de novo o tema, sospeitaría, e ti pedíchesme que non llo contase.
Queda calado. Lentamente asinte. Suspiro.
-Lamento non poder ter feito máis.
-Entón terei que seguila...
-Vou contigo.
-Non, a situación pode ser complicada.
-Precisamente, queiras ou non, eu irei tamén.
Mírame un rato cun sorriso extraño.
-Gracias, Azalea, alégrame saber que miña Carla ten alguén que se preocupe tanto por ela.
-A nosa Clara -corrixo sorrindo á vez.

Clara camiña despaciño, dubida moito cada paso que da. Ainda que non lle contamos nada, intúe o perigo de estar alí, nesa calella escura e húmida. Seguímola dende os tellados esvaradizos con coidado de non caer. Dimas cólleme do brazo para axudarme a saltar á seguinte azotea. De súpeto, ela detense. Aproximámonos paseniño.

(Clara)
<>. Esa idea xira a gran velocidade na miña cabeza. Dimas xa me advertira que non tratase de indagar nos seus asuntos. Velo esta mañá confirmoume o que xa temía: estou en perigo.
-Boas noites, señorita Leire -unha voz sae da negrura e asústame.
-B-boas noites -tento que non me trema a voz.
-Non me andarei con rodeos, es unha molestia, andas a meter o nariz en asuntos alleos... Teño que quitala do medio.
É un home grandísimo, corpulento. Á súa beira aparece a curva silueta dunha esbelta muller. Sóname o seu rostro, xa o vira anos atrás en persoa, e tempo despois nunha foto... con Dimas.
-Ola, Clara, canto tempo. Vaites, que maior estás. Xa tes quince, non si? Como pasa o tempo... Que tal está teu irmán? -sorrí cun xesto despectivo e burlón.
Saca unha navalla. Estou morta.

(Azalea)
-Non... non pode ser, ela non -murmura Dimas.
Sei que é pola muller, pero ameazou a Carla e non vou consentir que lle poña a man enriba. Vou coller o coitelo pero unha man aferra a miña.
-Non podes matala, coñézoa, é... era... -non é capaz de seguir, mais non é preciso.
-Quere acabar coa túa irmá, a elección non pode ser máis fácil.
-Natalia é boa persoa, estabamos sempre xuntos...
-Falabades moito, ou sexa, sen segredos?
-Si... Queres dicir...? -asinto.-Non, non pode...
-Traizoarche? Nada llo impide.
Respira fondamente.
-Déixame falar con ela.
-Pero a soas.

(Clara)
Un brillo de prateado aceiro rasga o aire. O silencio é roto por un grito. A muller vólvese. O corpulento home ten algo cravado no peito e sangra moito.
-Quen...!?
Unha sombra salta axilmente ó chan, achégase ó home e afunde aínda máis o coitelo na súa carne.
-AAAAHHH!!!
O home desplómase. A nova figura vólvese, alta e ameazante, cara á muller. É...
-Azalea! Q-que fas ti aquí?
-O de sempre, coidar de ti.
-Moi bonito -Natalia mira o cadáver sen inmutarse-, así morreredes xuntas.
-Non te movas Natalia -recoñezo esta voz, é Dimas.
Meu irmán interponse entre ela e mais eu. Azalea faise a un lado para deixalos fronte a fronte.
-Dimas, que estás facendo?
-Iso podería preguntarche eu.
-Sabes que se non acabo con ela estou morta.
Dimas lanza unha ollada a Azalea. Ela asinte.
-Clara é a miña irmá, e ti non estás por riba dela.
Ela entorna os ollos e fala con desdén.
-Es un brando, Dimas -sorrí, e rodea o colo del cos seus brazos-, aínda que fai tempo que rompemos, non deixaches de quererme, e sei que xamais te atreverías a mancarme.
Estreita a súa aperta para bicar ó meu irmán. Esa escea cáusame noxo, sen embargo, Azalea non muda a súa expresión.

(Azalea)
No máis fondo moléstame que Natalia e Dimas se biquen, mais eu non son quen de decidir por el, xa é maiorciño dabondo. Confío en que fará o correcto. Unha das súas mans enrédase nos escuros cabelos dela. A outra paréceme que suxeita algo, pero non alcanzo a velo. Dimas sepárase un pouco e di en voz baixa:
-Tes razón, xamais se me ocorrería mancar á miña querida ex-moza... pero matarei a calquera que ameace á miña irmá -engade con voz áspera.
O sorriso esfúmase da face de Natalia. Os seus ollos ábrense moito. Ningún son sae dos seus beizos. A súa mirada queda baleira, desenfocada, e o seu corpo cae. A man dereita de Dimas, empapada en sangue, sostén unha navalla.
Clara aferra o meu brazo. Aquelo a supera. Apértoa procurando non manchala. Tamén eu teño as mans manchadas de sangue. O alivio reflíctese nos nosos rostros. Dimas achégase e aloumiña con dozura á súa irmanciña.
Sei ben que non remata aquí a cousa, pero non quero estragar este momento.

(Dimas)
Estamos xa en casa de Azalea. Polo que sei, seus pais nunca están, teñen que viaxar moito por cuestión de negocios, pero está todo ben ordeado e moi limpo. Clara garda o seu abrigo no armario da entrada e déixase caer no sofá, coma se estivese na súa casa.
-Queredes tomar algo? -pregunta a nosa anfitriona.
-Calquera cousa, un bocata ou algo... e se tes, unha aspirina, por favor -pide miña irmá.
-E ti?
Non sei por qué, pero a súa mirada ponme algo nervioso. Inponme respeto dende que a vin matar ó home aquel na calella, sen vacilar, disposta a matar e morrer pola miña Clara... a nosa Clara.
-Non, gracias.
Quedo alí de pé, sentíndome coma un pasmón, fóra de lugar e aleccionado por unha rapariga tres ou catro anos menor ca min... pero que semella levarme catro ou cinco. Dende logo ten claras as súas prioridades.

-Gracias -atrévome a dicir.
Seguimos na casa. Clara foi durmir. Azalea entretense cun libro e eu sigo extrañamente incómodo, sen atreverme a facer un só movemento, mirando pola fiestra. Queda pouco para o amencer e chove con suavidade.
-Non hai por qué dalas. Tería feito o mesmo aínda que non mo pediras -non alzou a vista mentres falaba.
Quero expresar a miña gratitude, pero non sei cómo.
-Pero non te relaxes -continúa-, isto só acaba de comezar.
-Seino ben. Lamento que agora ti tamén esteas en perigo.
-Non tes qué lamentar, fíxeno porque debía facelo, déixao estar.
Sorrío, non podo evitalo. Mírame extrañada.
-Estou ledo de que Clara te teña para coidala -resposto á súa muda pregunta.
Sorrí, ilumínaselle a cara con ese sorriso. Síntome mellor, a gusto. Creo que podo enfrontarme ó que sexa se está comigo.
-Vas ficar na cidade?
-Si, creo que será o máis sensato.
Quedamos calados un momento.
-Tiñas razón, Natalia estaba utilizándome para conseguir información e así ascender. Nunca me quiso.
Ela suspira.
-Non tes culpa ningunha, ti si que estabas namorado, pensabas que ela sentía o mesmo.
Sinto moita vergonza por non terme dado conta en anos do que Azalea vira en dous segundos.
-Por certo, eras ti o que me andaba a seguir a pasada semana?
-Eh... si. Tiña que saber algo de ti antes de quedar. Só coñecía o teu apelido.
-Para a próxima non te achegues tanto, e menos cando estea soa, se non queres levar unha coitelada.
-Si, xa vin a túa puntería esta noite... Entón, por iso non ías con Clara.
-Non sabía o que querías, e de ter ido comigo a estaría poñendo en perigo.
Estremézome un pouco ó pensar no que podería ter acontecido de enfrontarnos. Fixera ben achegándome a ela con pasos ruidosos. Poida que sexa máis forte ca min.
Debo de ter unha cara extraña, porque di:
-Agora que xa non es un descoñecido non corres perigo.
-De todos modos irei con coidado.
-Si, mellor... -di volvendo ó libro.
Xa non falamos máis.

(Azalea)
Ó final, Dimas fixo o correcto, e xa non voltarían a atacarnos ata pasado moito tempo. Clara deixou os temas nos que andivera liada, e eu... o único cambio na miña vida foi atopar un novo amigo en Dimas. Nada máis. Todo seguía e permanecería igual na miña vida... ata o próximo encargo.

LETICIA GOIMIL
Comentarios (1) - Categoría: CREACIÓN PROPIA - Publicado o 30-05-2008 05:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Una historia impresionante, que te hace ponerte en la piel de los personajes #blgtk08#y emocionarte con ellos. Espero poder seguir leyendo historias así de buenas.
Comentario por Daniel Martínez (05-06-2008 16:20)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal