galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ROCK EN GALEGO
Logo de toda esa morea de miseria cultural e prohibicións, semellaba que a lingua galega non interesaba a ninguén ou que o complexo de lingua vulgar era moi grande. A finais dos 70 un grupo chamado “Goma dous” edita un LP en galego, pero a primeira referencia do rock en galego chega na seguinte década cando aparecen no panorama musical outras bandas como “Radio océano” ou “Os Resentidos”. Estes últimos conseguen abrir un burato e introducirse no mercado discográfico estatal co apoio de fóra do país. Gravaron o primeiro LP no ano 85 “Vigo Capital Lisboa”, e despedíronse no 94 cun compilatorio titulado “Made in Galicia”.
Antón Reixa, líder dos Resentidos: “Ao rock galego véxolle un futuro duro, vin con moita esperanza unha chea de grupos que comezaron despois de nós cantando en galego, había e hai grupos moi interesantes pero o mercado e as circunstancias son moi inxustos con eles, que fixeron e fan moi boa música pero que case nunca ten repercusión nos medios, no público… Tivemos a sorte de que ‘ Galicia-Caníbal’ entrou nas listas de éxitos do estado e converteuse na nosa canción máis radiada e que nos abriu todas as portas…”



Nun momento coma o actual, no que a industria da música está a vivir importantes cambios que afectan de cheo aos modelos de creación, producción, distribución e recepción convencionais das últimas décadas, semella necesario analizar os retos que vai ter que afrontar o sector da industria musical en Galicia.
A música, un sector cunha grande importancia e potencialidade simbólica e económica, vai ser merecente dunha especial atención por parte da Consellaría de Cultura. Neste sentido, tanto a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural coma o IGAEM están a levar adiante unha serie de accións de apoio ás músicas producidas en galicia coas que se desexa construir un novo escenario de colaboración e confianza co sector que permita xuntar esforzos e definir liñas estratéxicas para o seu desenvolvemento.
Descrita por algún dos mellores compositores como a súa forma de comunicarse co máis aló, a música sempre forma parte integrante na cultura de calquera pobo. En Galicia a música tivo a súa época de esplendor á vez có galego, pois na nosa cultura, música e lingua están moi unidas. Calquera poema de xograres de toda Galicia era musicalizado e isto atraeu a moitas persoas, o que enriqueceu moito a nosa cultura. Pero non imos falar de Alfonso X nin de Mendiño.
A principios dos 80, Vigo experimentou unha forte cultura musical, ao igual que todo o mundo, pero o que en realidade destaca de Vigo e que conseguiu converterse nunha das cidades máis importantes de España en música pop-rock. Unha cousa xa estaba clara, os galegos temos un especial sentido para a música. O único problema era que case ningún grupo utilizaba o galego, que parecía que estaba relegado a unha música folk sen apenas público. A cousa evolucionou, e segue evolucionando, e agora focos de xóvenes nas cidades usan o galego para comunicarse, o que deu pé a que apareceran grupos novos en galego total ou parcialmente, como: Festicultores, Cenk, Guezos, Galegoz, Nao, A Banda de Poi, Presencia Zero, Balbordo, Soak, etc.
É un feito que o galego non está no seu mellor momento, pero esta situación pódese arranxar, un factor historicamente importante para unha lingua é a música. Nela vénse avances positivos e é moi favorábel para a súa normalización. Por qué non utilizar o galego para comunicarnos co máis aló?
Despois da conquista dos Resentidos moitas bandas seguen o exemplo e comezan a aparecer grupos por todo o país como “Yellow Pixoliñas en Monforte, Diplomáticos na Coruña, Os Rastreros en Chantada, Skornabois en Vilanova de Lourenzá, Korosidansas en Vilagarcía, Zenzar desde Cerceda, Túzaros e Fame Neghra en Compostela, etc. Por mencionar algúns dos que editaron un ou varios discos. Uns abandoaron, outros desapareceron emoitos resisten coa mesma formación ou con outras bandas.
Xurxo Souto dos Diplomáticos: “Naquel momento existía un tabú que dicía que o galego non valía para o rock, precisamente creo que Os Diplomáticos xurdiron para demostrar que todo aquilo era mentira, falácias, miseria mental. A cuestión funcionou ben e logo coñecemos outros compañeiros de ruta e agora afortunadamente calquer rapaz ten a opción de facer rock en calquera lingua, pero tamén en galego; pois ese tabú está derrubado grazas ao labor dunha dúcia de grupos que nos 80 e 90 estivemos aí”.
Richi, batería dos Rastreros: “En Chantada ninguén nos tomaba en serio nin valorizaba o noso disco ata que nos virón na TVG (risos…). Hai que ter un pouco de criterio e personalidade para escoller o que gostas sen que che digan o que debes mercar. As institucións non deben molestar, non poñer trabas para a celebración de concertos…Non debemos pensar nunha música subvencionada porque a realidade demóstranos que só subvencionan e promoven a artistas politicamente correctos”.
Pódese afirmar que todos estes grupos que van xurdindo teñen en común varias cousas; practican a maioría rock reivindicativo, con letras críticas que fomentan a reflexión, inconformistas e desde unha ideoloxía de ezquerdas, tamén claro está por diversión.
Existen varias discográficas que se encargan da edición dunha mínima cantidade de traballos cada ano,”Sons Galiza, Clave Récords, Chorima, Edicións do Cumio…”, e aínda que cada vez as condicións son mellores debido á existencia dunha aceitábel oferta de estudos de gravación, técnicos de son… a distribución segue sendo moi pobre xa que a presenza dos traballos en tendas de música no noso país case nunca se consegue. As tendas reservan oco aos grupos de moda do momento que soan cada hora nas emisoras comerciais, desgraciadamente é a música que segue a venderse.
Emilio dos Skornabois: “A culpa da mala situación é en boa parte dos medios de comunicación que só dan cancha a grupos de discográficas potentes que pagan pola promoción. Os medios públicos como a Radiotelevisión Galega ou Radio 3 marxinan ao rock galego. Ademais hai pouca consciencia, valorízase pouco o propio e mírase sempre para o que chega de fóra aínda que ás veces a calidade sexa moi inferior. Moitos grupos que editamos discos fixémolo porque turramos contra todo”.
En canto á produción, non hai ningunha empresa en Galicia que aposte polo rock en galego. Isto lévanos a que as grandes montaxes encárganse a empresas controladas desde fóra do país polo que os cartos vánse e non se inclúe o rock galego nestes festivais que ao fin promoven o alleo e non axuda para nada á nosa música.
Un novo xeito de promoción e divulgación aparece coas novas tecnoloxías e neste apartado hai varios proxectos que intentan botar unha man; páxinas como brabu.net ou culturagalega.org, que ofrece mostras sonoras. Aínda que os usuarios non son maioritarios é moi positivo non descoidarse nese terreo. Como podemos deducir, a situación do galego, e como consecuencia, da música galega depende de nós e de intentar favorecer a nosa cultura; unha cultura única.

Noelia Otero Reboredo
Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA EN GALEGO - Publicado o 26-05-2008 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal