galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O HIMNO GALEGO

OS PINOS

¿Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?


Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.


Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.


Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a rendezón da boa
nazón de Breogán.


COMENTARIO DO TEXTO
1. Localización.
Dentro do amplo cadro do Rexurdimento pondaliano, poderiamos clasificar esta obra dentro da etapa da poesía cívica, como se comproba pola presenza continua dos elementos celtas. O autor, Eduardo González-Pondal Abente naceu en Ponteceso, fillo dun rico emigrante. Fixo en Compostela a carreira de medicina, que apenas exerceu. Era aínda estudante cando se deu a coñecer como poeta cun vibrante brinde (pronunciado con Aurelio Aguirre, no Banquete de Conxo, 1856), que estivo a punto de lle costar o desterro.

Retirado á sua casa natal, adicouse por enteiro á poesía, publicando "Rumores de los pinos" (1877), obra bilingüe, sen precedentes no galego. E "Queixumes dos pinos" (1886) -libro no que figura a poesía "Os pinos", adaptadas as catro primeiras estrofas como himno galego, coa música que para él escribíu Pascual Veiga-. Daquela xa saíran "Follas novas" e "Aires da miña terra" (ámbolos dous de 1880), dos dous poetas, Rosalía e Curros, que forman con Pondal a xa tópica triloxía máxima do Rexurdimento.
Morreu Pondal na Coruña, solteiro, ós oitenta e dous anos.
O contexto histórico-social no que Pondal escribe era moi complicado, unha fase escura na que o lento agromar da conciencia nacional como resposta aos males do país (explotación, marxinación, atraso económico, emigración…) medra parello á reivindicación lingüística, de xeito que o simple emprego do galego na literaura xa constituía unha clara opción ideolóxica e a mellor maneira de prestixiar un idioma é utilizalo como vehículo dunha grande obra literaria.

2. Interpretación.
a) Asunto → O poeta vese a sí mesmo coma un bardo que guía ao pobo sometido, e pretende facelo coñecedor do seu heroico pasado celta a fin de que procure a súa redención e liberación política. Nos seus versos opóñense por un lado dous períodos positivos referidos tanto ao pasado celta como a un futuro de gloria e esplendor, e polo outro un negativo representado polo presente. Esta oposición exprésase así mesmo mediante unha adxetivación tamén positiva no primeiro caso e negativa no segundo. O punto de vista lírico expresa moi firmemente os sentimentos nacionalistas e patrióticos do autor.

b) Linguaxe
• Nivel Semántico → As cadeas léxicas referidas ao sons nas que destaca a abundante adxetivación e verbos de dicción ( rumorosos, arpado, din, pregoan, voz...)xunto ao da paisaxe natural e do céltico/mítico onde volve a estar moi presente a adxectivación ( costa verdescente, verdes castros, altas copas, escuro arume arpado,bardos, Breogán...). Os cultismos contribúen a crear un ton aristocrático, pero melancólico e reflexivo. O poeta adoita utilizar simboloxías, a relación connotativa da copa da árbore co futuro, por exemplo.
Os recursos estéticos de Pondal, están condicionados pola súa formación clásica en función da concepción da poesía. Na obra, predominan as oracións aseverativas, reflexo do seu mundo de afirmacións, e desbota o emprego de diminutivos por non cadrar o seu matiz afectivo co espírito enérxico e nobre do bardo. O símil e a lítote aparecen tamén nesta obra, revelando a pegada de literatura clásica.
● Nivel Morfosintáctico → En relación cos elementos gramaticais, o longo da obra predominan as oracións simples. O dinamismo expresivo é negativo, lento, debido á presenza de numerosos paralelismos e outras figuras de repetición coma o polisíndeton.
● Nivel Fónico → Cada unha das dez estrofas que hai no poema, presenta oito versos heptasílabos de rima consoante.

3. Valoración → Pondal consegue plasmar na súa querida obra patriótica os sentimentos e o cariño que pola súa nación sente, a pesar dos grandes problemas que Galicia vivía nesta etapa. Cabe destacar que unha das intencións coas que o autor escribe o poema era criticar o escaso emprego que algúns galegos facían da súa lingua, ademais da vergoña que por eles sentía.
Tendo en conta o aspecto lingüístico, tenta converter o galego nun idioma literario moi traballado e culto. Dentro do aspecto literario pretende crear unha literatura verdadeira. Pondal elabora literariamente o mundo en que vive e, asi mesmo, a súa poesía popularizante é unha realización erudita sobre temas populares.

IVÁN CACHAFEIRO


NO seu 100 aniversario:




Comentarios (0) - Categoría: PONDAL - Publicado o 22-05-2008 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal