galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CURROS ENRÍQUEZ
Manuel Curros Enríquez



BIOGRAFÍA;
Nacido o 15 de setembro de 1851 en Celanova (Ourense), Manuel Curros Enríquez pasa por ser, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, o gran referente do denominado “Rexurdimento” da literatura galega de finais do século XIX.
A súa obra “Aires da miña terra” identificao como un gran poeta civil, capaz de conxugar a denuncia social en favor da clase máis desfavorecida, como demostra en poemas como “As Pragas”, “Nouturnio” ou “Mirando ó chau”, cunha poesía de exaltación dos valores tradicionais da cultura galega, como é o caso “Unha boda en Einibó”, “O gaiteiro de Penalta” e moi especialmente “A virxe do Cristal”, onde describe de forma maxistral a lenda sobre a aparición da imaxe da pequena virxe desta localidade, cuio santuario se ubica na parroquia de Vilanova dos Infantes, lugar de nacemento de Petra Enríquez, a súa nai.
Pero a súa obra trascende máis alá da poesía e céntrase durante gran parte da súa vida no xornalismo. Prestixioso redactor de “El País” e a “Gaceta de Madrid”, a súa labor informativa levoulle a exercer como corresponsal de guerra no País Vasco durante a terceira guerra carlista, escribindo unha serie de “Cartas del Norte” que publicou no diario “El Imparcial”; despois dun temporal regresou á súa Galicia natal como funcionario de Facenda en Ourense, finalmente viaxaría a Cuba, en cuia capital, a Habana, funda “La Tierra Gallega”, chegando a traballar tamén en “El Eco de Galicia”, así como no “Diario de la Marina”. O seu concurso desde aquela isla caribeña foi fundamental para, en colaboración con Manuel Murguía e outros intelectuais galegos dun e outro lado do Atlántico, promover a constitución da actual Real Academia Galega da Lingua a través da “Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega”, da que foi elexido presidente-fundador.
Perseguido pola igrexa e pola xustiza -que o condenaría a dous anos e catro meses de cárcere en Ourense, para ser posteriormente absolto na Audiencia Territorial de A Coruña- a raíz da publicación de varios poemas de “Aires da miña terra”, a súa capacidade de conexión ca vila seríalle recoñecida nun acto de coroación como o gran poeta civil de Galicia, no que participaron os principais personaxes do mundo cultural e literario da Galicia daquel momento e que tivo lugar na cidade de A Coruña no mes de outubro de 1904 con motivo da última viaxe que fixo desde a Habana.
Tras o seu falecemento, ocorrido na capital cubana o 7 de marzo de 1908, a cidade herculina que tan ben o acollera en vida e á que recordou e homenaxeou en mái s dunha composición poética, fíxose cargo finalmente dos seus restos, que permanecen enterrados no cemiterio de San Amaro daquela cidade.
CRONOLOXÍA ELEMENTAL;

1851: Nace en Celanova, fillo do escribán Xosé María de Curros Vázquez e de Petra Enríquez

1865: Escápase da casa e acaba residindo en Madrid na casa do seu
irmán Antonio

1869: Comeza a estudiar a carreira de Dereito e escribe o seu primeiro poema titulado “Cantiga”

1871: Cásase con Modesta Vázquez Rodríguez, nada en Puebla de Sanabria e filla dun maxistrado da Audiencia Nacional de Madrid

1873: Incorpórase como redactor á “Gaceta de Madrid”, iniciando así a súa carreira xornalística nesta cidade

1874: Gaña un concurso literario convocado por “El Imparcial” cun traballo titulado “Oda a la guerra civil”, o que lle serve para entrar a traballar neste xornal.

1875: Traballando en “El Imparcial” desplázase ó País Vasco para informar sobre os pormenores da terceira guerra carlista. Escribe as súas colaboracións desde aquel lugar tituladas “Cartas del Norte”.

1877: Gaña un certame literario en Ourense promovido por un dos seus protectores, Modesto Fernández González, cos poemas “A Virxe do Cristal”, “Unha boda en Einibó” e “O Gaiteiro de Penalta”.

1878: Regresa a Ourense, onde traballa como funcionario de Facenda. Nesta cidade encárgaselle a dirección do xornal “El trabajo” e colabora con “El Heraldo Gallego”.

1880: Morre a súa nai, suceso que lle inspira un poema titulado “Na morte de miña nai”. Publica o seu libro máis coñecido “Aires da miña terra”, que é prohibido pola Igrexa e que lle supón un proceso civil polo que sería condenado inicialmente en Ourense a unha pena de dous anos, catro meses e un día e unha multa de douscentas cincuenta pesetas, e posteriormente absolto pola Audiencia Territorial de A Coruña.

1883: Volve a Madrid e ingresa como redactor en “El Porvenir”, pasando posteriormente por distintos medios como “El Progreso” ou “El País”.

1888: Publica o seu segundo libro en galego “O divino sainete”.

1893: Con motivo da fundación do Centro Gallego de Madrid, o escritor é coroado poéticamente nun acto de homenaxe que se celebra no Teatro da Comedia desta cidade.
1894: No mes de marzo chega a Cuba e funda o xornal “La Tierra Gallega” que editará durante dous anos. Durante esta época ten diversos problemas coa colonia galega que o acusa de separatista, ante o problema de Cuba, sendo el un firme defensor dun régime de autonomía para a illa.

1896: Traballa como corrector de probas no “Diario de la Marina”, onde consegue importantes éxitos profesionais e un recoñecemento público. Ó mesmo tempo comeza a manifestarse nel unha actitude crítica con parte da colonia galega na illa.

1904: Enfermo de asma e reuma, decide regresar a Galicia. Neste mesmo ano a cidade de A Coruña, a onde chega, organízalle unha gran homenaxe e un acto de coroación poética, o segundo que lle é organizado en vida. Durante a súa estancia en Galicia mantén frecuentes contactos con Murguía, Tettamacy e outros, que despois serían o xerme da Asociación Inciadora e Protectora da Academia Galega. En outubro deste mesmo ano, despois do acto poético do Teatro Principal coruñés, regresa a Cuba.

1905: É elixido presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, que poría as bases para o nacemento, ó ano seguinte, da Real Academia Galega.

1908: O 7 de marzo falece na clínica Covadonga do Centro Asturiano.

O día 31 dese mesmo mes o seu cadáver chega á cidade de A Coruña, en cuio cemiterio é enterrado no medio dunha multitudinaria e popular manifestación de dó polo falecemento do que nesos momentos é considerado xa o máis grande dos poetas civís de Galicia.


OBRAS MAIS DESTACADAS;

1880 :Aires da miña terra. Ourense.

1888: O Divino Sainete. A Coruña.

1892:El maestre de Santiago. Madrid.

1893:Biografía de Eduardo Chao. Estudio biográfico-político, Madrid
1910:Obras Completas. Madrid.





Aires da miña terra ; O maio, cantiga…

O maio


Aquí ven o maio
de frores cuberto…
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o qué polo de hoxe
que darvos non teño.
eu són vos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!….
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus éidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero..
Querédes castañas
dos meus castiñeiros?…
cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos.
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.









Cántiga

No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdés dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
"Xa no mundo non teño ninguén;
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben".

Os seus ecos de malenconía
camiñaan nas alas do vento
i o lamento
repetía:
"¡Vou morrer e non vén o meu ben!"

Lonxe dela, de pe sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América,
Vaio o probe, infelís amador.

I ó mirar as xentís anduriñas
cara á terra que deixa cruzar:
"¡Quen pudera dar volta -pensaba-
quen pudera convosco voar!..."

Mais as aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
sólo os ventos
repetían:
"¡Quen pudera convosco voar!"

Noites craras, de aromas e lúa,
desde enón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!...

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou sólo, de bágoas a proba,
unha cova
nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.

LETICIA Estévez Barcia
Comentarios (1) - Categoría: DÍAS DAS LETRAS - Publicado o 18-04-2008 07:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 a cancion vai dunha tradicion que leva facendose no noso pobo dende sempre. Esta moi ben porque non deberíande perder#blgtk08#se estas tradicións tan divertidas pero a vez complicadas de facer


Educación para a Ciudadanía
Comentario por ángeles gallego calvar (20-10-2008 21:09)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal