galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Esa era unha daquelas tardes

Esa era unha daquelas tardes que a ela tanto lle adoitaban gustar. Sentada xunto á fiestra, miraba en silencio como chovía. Nunca se fartaba de ver caer as pingas contra o chan, os regueiros a carón da beirarrúa que arrastraban ata os sumidoiros toda sorte de cousas. Amaba o ceo galego con aquela cor gris que a invitaba a esquecer toda preocupación e soñar. Mais, naquela ocasión, sentíase afogar nun cárcere de nubes. Suspirou.
-Que é o que che pasa?
Volveu a cabeza. O seu amigo deixara de lado os mapas e a miraba con preocupación.
-Por qué o dis?
-É a oitava vez que suspiras hoxe, e levas uns días moi raros. Estás como ausente...
Ela sorriu. Álex era así, pouco falandeiro, pero cando dicía algo, case sempre levaba razón. E coidaba tanto dela... Facía xa moito que se coñecían, dende rapaces andaran sempre xuntos, e co paso do tempo uníranse moito, pero non foran nunca mozos, estaban ben sendo os mellores amigos o un do outro. Vivían xuntos, máis ou menos, porque Alexandre necesitaba viaxar tanto coma o aire que respiraba. Era desa clase de persoas que non aturan estar pechadas nun edificio nin pasar máis de dous ou tres días nun mesmo sitio. Pero con ela facía unha excepción e ficaba na casa unha ou dúas semanas. E, desa vez, xa pasaran doce días.
-Non che sei, meu. Non teño nada, pero sinto coma... coma se fose romper por dentro... non sabería explicalo.
O rapaz foi sentar onda ela. Colleuna das mans.
-Cecilia -comezou con voz doce-, xa falamos delo: necesito pasar algo máis de tempo fóra desta vez. Non é que xa non queira estar contigo, é só...
-Xa o sei, o tema dos cranios -Álex era arqueólogo, e tiveran un problema na última viaxe. Unha das caixas extraviárase e tiñan que recuperala.-Compréndoo, pero...
El aloumiñou con tenrura o seu pelo.
-Eu tampouco quero dicirte adeus durante tanto tempo, e pediríache que me acompañases se non soubese o moito cariño que lle tes a esta cidade. Ti non es coma min, teslle moito apego ó que che rodea e doeríache ter que marchar.
O corazón de Cecilia conmoveuse con aquelas palabras. El xa fixera moito por ela, como mínimo debía ser sincera.
-Prefiro dicirlle adeus a todo antes cá ti.
Un bico bastou para dicir todo o que non saía con palabras.
Dous días máis tarde eran dúas as equipaxes que agardaban o comezo da nova aventura. En adiante, ían estar sempre xuntos.

LETICIA GOIMIL
Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓN PROPIA - Publicado o 15-04-2008 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal