Nom quer'eu donzela fea
e negra come carvon
que ant'a mia porta pea
nem faça come sison**.
Nom quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.
Nom quer'eu donzela fea
e velosa come can
que ant'a mia porta pea
nem faça come alarmã***.
Nom quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.
Nom quer'eu donzela fea
que há brancos os cabelos
que ant'a mia porta pea
nem faça come camelos****.
Nom quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.
Nom quer'eu donzela fea,
veelha de má[a] coor
que ant'a mia porta pea
nem [me] faça i peior.
Nom quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.
VOCABULARIO:
* pea : do verbo peidar
** sisom: ave que emite sons e gases fétidos.
***alarma ou alerma: ruda, planta de cheiro desagradable.
**** velosa: peluda coma un can.
***** camelo: animal que, por veces, produce cheiro fétido.
****** Nen me faça i peior: que non faga aquí algo peor que sería en sentido figurado "nin que me defeque aquí".
A "Arte de Trovar" que se conserva no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa é un tratado de poesía medieval moi interesante. Este cancioneiro, descuberto no século XIX en Italia e que mercou o Estado Portugués, é o máis completo dos tres cancioneiros que conservamos (1600 cantigas dos distintos tipos). Presenta un tratado de poética (Arte de Trovar) que estuda eses diversos tipos de composicións e os trazos formais que as caracterizan.
Das cantigas de escanio e maldicir esta Arte de Trovar da época di:
"Cantigas d´escarneo son aquelas que os trobadores fan querendo dizer mal dalguén nelas, e dizen-lho per palavras cubertas (que teñen dúas interpretacións)... e estas palabras chaman os clérigos equivocatio. E estas cantigas pódense fazer ben de refrán ou mestría (sen refrán).
Cantigas de maldizer son aquelas que fan os trobadores descubertamente. Nelas entran palabras que queren dizer mal e non aver outro entendimento senon aquel que queren dizer abertamente."
DIFERENCIAR CANTIGAS DE ESCARNIO E CANTIGAS DE MALDICIR
Son pois dúas categorías algo difíciles de diferenciar a non ser por:
- As cantigas de escarnio son INDIRECTAS usan o dobre sentido, adoitan tirar dun léxico popular mais evitar un vocabulario vulgar ou mal soante e mesmo poñer nomes propios (aínda que poden aparecer nalgúnhas composicións).
Un par de exemplos cargados de ironías e equivocatios:
1º) Uns versos dunha cantiga de escarnio de Afonso X: Vi coifetes (soldados) de gran brío
eno medio do estío (verán) estar tremendo de frío
ant´os mouros d´Azamor (Almanzor) e íase deles río
que Agualdaquivir maior.
(a causa do medo mexar por eles máis co río Guadalquivir)
2º) Unha cantiga de Afonso López de Baián: En Arouca (un mosteiro portugués coñecido) úa casa (ademais da construción pode ser o órgano sexual feminino) faría: atant´hei gran sabor de a fazer,
que jamais custa non recearía
nen ar daría ren por meu haver,
ca hei pedreiros e pedra e cal
e desta casa non mi mingua al
senón madeira nova (pode ser órgano sexual masculino), que quería.
E quen mi a desse, sempr´o serviría,
ca mi feria i mui gran prazer
de mi fazer madeira nova haver,
en que lavrass´úa peça (parte) do día,
e pois ir logo a casa madeirar
e telhá-la, e, pois que a telhar,
dormir en ela de noit´e de día.
(Interpretación: Os estudosos apuntan dúas interpretacións derivadas da equivocatio "madeira nova" ou ben como órgano sexual masculino ou ben significando unha novicia, é dicir, unha monxa nova no mosteiro aludido coa que deitarse que no texto tamén aparece encuberto detrás dos verbos: telhar ou lavrar noite e día)
- As cantigas de maldizer son DIRECTAS sen dobres sentidos polo que adoitan usar un vocabulario soez, malsoante e tenden a poñer o nome da persoa á que se critica.
Poñamos un par de exemplos:
1º) O primeiro a partir de dúas cantigas de maldizer de Joao Garçía de Guilhade:
A Dom Foam quer'eu gram mal
e quer'a sa molher gram bem;
gram sazom há que m'est'avém
e nunca i já farei al;
ca, des quand'eu sa molher vi,
se púdi, sempre a servi
e sempr'a ele busquei mal (...)
( Interpretación: Don Foao é como dicir don Fulano, un calquera do que se burla o trobador confesando abertamente a relación coa muller do incógnito, como tamén declara na seguinte cantiga)
Nunca [a]tam gram torto vi
com'eu prendo d'um infançom,
e quantos ena terra som,
todo'lo têm por assi:
o infançom, cada que quer,
vai-se deitar com sa molher
e nulha rem nom dá por mi.(e non lle importo)
E já me nunca temerá,
ca sempre me tev'em desdém,
des i ar quer sa molher bem
e já sempr'i filhos fará
- siquer três filhos que fiz i,
filha-os todos pera si (ten como fillos propios)
o Demo lev'o que m'en dá!(e que demo me importa!)
Em tam gram coita viv'hoj'eu
que nom poderia maior:
vai-se deitar com mia senhor
e diz do leito que é seu
e deita-se a dormir em paz;
des i, se filh'ou filha faz,
nõn'o quer outorgar por meu! (non recoñece por meus)
(Esta cantiga búrlase dun infanzón que non se dá conta da relación que mantén coa súa muller o trobador e da que mesmo naceron varios fillos)
2º) Uns versos dunha cantiga de maldizer de Joao Soares Coelho: María do Grave, grav'é de saber
porque vos chamam Maria do Grave,
ca vós nom sodes grave de foder,
e pero sodes de foder mui grave;
(Crítica directa a María do Grave co xogo de palabras. Grave como adxectivo que significa nunha primeira acepción doloroso, pesado, pero tamén caro ou custoso asociado á alusión clara e directa ao verbo foder. Lembrar que estar grávida é estar embarazada)
ORIXE DAS CANTIGAS DE BURLAS
Teñen estas cantigas de burlas seguramente unha dobre orixe unha autóctona, ligada á crítica social, á inversión dos valores establecidos asociada por veces ao ciclo do entroido e, por outra banda, a derivada do sirventés un xénero satírico trobadoresco provenzal que era máis reflexiva e complexa. Na tipoloxía que desenvolvemos máis abaixo imos ver como se concretan estas dúas orixes, que, como xa comentamos anteriormente falando das cantigas de amor e de amigo, aparecen nos textos amalgamados por veces os trazos máis específicos dunha e doutra procedencia, aínda que facilmente identificables.
TIPOLOXÍA DAS CANTiGAS SATÍRICAS
Unha gran variedade de textos destas 430 cantigas de escarnio e maldicir conservadas que se acostuman a clasificar:
Sátira política: Tratan dous conflitos políticos. Cantigas sobre o conflito no trono de Portugal entre Sancho II e Afonso III o Boloñés. E cantigas sobre a guerra de Granada (sobre os nobres que abandonan a Afonso X na súa loita contra os exércitos árabes no sur da Península.
Sátira moral:Un pequeno grupo de cantigas máis próximas ao sirventés provenzal. Trátase dunha crítica xeral e de ton exemplar que critica a decadencia das virtudes, a corrupción, a mentira...
Sátira literaria e xograresca: Abarca tamén dous subtipos. Un tipo de cantigas que parodian o código do amor cortés onde se ve de novo unha pegada provenzalizante. O outro tipo son enfrontamentos entre trobadores e xograres.
Sátira social, persoal e de costumes: É con moito o apartado máis numeroso e diverso. Podemos establecer varios subtipis todoso eles amplos e variados. Adoitan ser os seguintes:
- Cantigas contra á nobreza.
- Cantigas contra o estamento relixioso.
- Cantigas contra a administración do poder e cargos públicos ou grupos sociais (avogados, xuíces e médicos, amas e tecedeiras, peregrinos, mouros e xudeus...)
- Cantigas contra o comportamento sexual de homes e de mulleres.
Este tipo de cantigas pode asociarse a algún das tipoloxías anteriores (por exemplo sátira sobre o comportamento sexual dunha abadesa) e mesmo pode personalizarse e derivarse á ridiculación de eivas físicas e outras múltiples posibilidades.
ACTIVIDADES
1- Serías capaz de atopar exemplos de cantigas para cadansúa tipoloxía, é dicir, un de sátira política, outro de sátira moral, un par para cada tipo ou modelo de sátira literaria e outras catro, como mínimo, diferentes e variadas para as sátiras sociais, persoais e de costumes?