galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Comentamos Adiós ríos, adiós fontes
O asunto que trata este poema podería resumirse así: un home galego que ten que emigrar comeza unha longa despedida da súa terra, o lugar onde vive, unha aldea que vai describindo lembrándose dos mortos do cemiterio, da capela na que ao afastarse soan as campás distantes, xa no mar que o levará lonxe do fogar despídese da amada e da terra que quizás vexa por derradeira vez.
Tema: A despedida doída da Terra. É un poema que vai máis aló do lamento, de aí que o incluamos na temática social-patriótica
O punto de vista: un eu escénico por veces próxima a un apóstrofo á Natureza, á Terra.

Estrutura: Adiós ríos, adiós fontes é unha das composicións máis antigas do poemario, xa aparece antes de 1863 editada no Álbum de la Caridad. En Cantares Gallegos é o número 15, e nel figuran 15 estrofas de versos octosílabos se incluímos o cantar popular que encabeza a composición e que presentan rima predominantemente consonante, pero logo aparecen catro quintillas de esquema ababa antes de rematar con outro grupo de coplas nas que predomina a asonancia. Tres grandes unidades estrtuturais, que poderiamos subdividir en seis:
As cinco primeiras estrofas que seguen a copla popular que Rosalía glosa inician a despedida da terra desde o lar nativo, o corazón da aldea. Logo en dúas estrofas máis reitera un adiós neste caso máis íntimo e abstracto nun contraste doído do propio polo alleo.
As quintillas son a denuncia da causa da marcha. Debemos fixarnos que están no medio do poema, nas quintillas centrais, aparece a razón da despedida que nunha versión máis antiga que logo Rosalía desbotou na edición dos Cantares aparecía outra quintilla dicindo:

Por xiadas, por calores,
desde qu´amañece o día
dou á terra os meus sudores,
mais, canto esa terra cría,
todo...todo é dos señores.


Logo outras dúas quintillas son a despedida dos mudos dos mortos que descansan na terra e dos protectores divinos da terra.

Coa volta ás coplas nas estrofas doce e trece a sensación de afastamento polas badaladas e incremento da dor pola separación. Para pasar ás estrofas finais nas que aparece a amada, que despide á beirado mar, un último adeus.

Síntese do comentario semántico:

Debemos comentar como recursos máis importantes o denominado ?locus amoenus? que na primeira parte representa para o emigrante a súa aldea, lugar ideal, paraíso, espazo de felicidade contraposto con múltiples antíteses co alleo e afastado ao que se dirixe. A acumulación ou enunciación de elementos da paisaxe contribúen a facer máis dolorosa a partida que reitera nun adeus constante que transmite a ansiedade do eu du xeito exclamativo. As fontes e os ríos que levan ao mar parecen estar ecoando como metáfora simbólica do fluír da vida cara á morte. Ecoan para outros tamén as crenzas animistas da natureza e da nai terra, tan arraigadas no pobo galego. O uso e abuso do diminutivo para marcar quereres e lembranzas da infancia e adolescencia feliz do paraíso que se esta a piques de perder, de deixar atrás.
Na parte central cháma a atención o paradoxo ?a miña terra n´é miña? e o exclamativo probe, desventurado, que determina a causa da marcha e separación de todo o que máis se quere.

Do que se deixa atrás, na terra, son os mortos e os protectores sobrenaturais evocados en clave moi popular, moi presentes na conciencia das xentes de Galicia que evocan a morte e o paso do tempo de novo. A divindade unha virxe, branca coma un serafín, (simil moi do gusto popular) que é tamén unha gran nai, semellante identificable coa da natureza primitiva ancestral e protectora da Terra, que agora podemos darlle carácter de persoa con maiúscula, algo máis que un terreo é a contorna cargada de sentires e elementos cos que o home se sinte identificado, como formando parte dela, do espazo material e espiritual do que é arrincado, forzado a partir. As simbólicas e fúnebres badaladas de dor, unha moi lograda sinestesia que bota man dos sons fondos das campás que dan sensación de movemento cos lonxe, moi lonxe que se reiteran. Despedida final da persoa amada, con hipérboles como morro de soidás! Que reitera outra vez a posible morte e o patético dunha despedida quizás definitiva, revelan a técnica de acumulación e da lograda intensificación dos sentimentos de dor que quere destacar Rosalía.
Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 12-05-2015 07:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0