galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DESCUBRE A VERDADE ... A GALICIA QUE LEVAS DENTRO

Chegamos ao Bacharelato e despois de pasar por un proceso longo de socialización que comezou tras o noso nacemento na nosa propia casa na que eramos o centro do mundo onde só parecía importar eu, despois de aprender a andar e a falar, fomos incorporados ao Sistema Educativo onde soubemos da existencia dun nós resultado da suma de moitos eu cos mesmos dereitos, e cos mesmos deberes.
Pasada logo a etapa de Primaria comezamos un proceso se se quere inverso de volta de novo cara ao eu, na procura do eu como adolescentes que deben descubrir quen é cada quen, cal é o seu carácter, a súa identidade. Esa persoa en formación rematada a ESO, está en disposición de asentar a súa personalidade para comezar a responsabilizarse seriamente co seu futuro como persoa adulta.

Fixemos un recordatorio nestes días de como a lingua fainos humanos, a diversidade lingüística que nos caracteriza fronte as restantes especies e mesmo como ser orixinal nun universo tan diverso pasa por non avergoñarse dun mesmo, ser verdadeiro e asumir que a nosa Terra ten unha cultura e unha lingua en boa medida por descubrir.

Hai quen pode crer que somos galegos simplemente por ter nacido en Galicia, pero como nos demostra Castelao no seu relato " Chegou das Américas..." ser galegos significa máis cousas que ser habitante dun territorio.

Nesta unidade inicial temos seguidamente que abordar outra vez, agora con maior profundidade, o tema de cómo nace unha lingua.

Utilizaremos algunhas citas que seguro vos soarán de anos anteriores:

Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais… Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

ANTÓN VILAR PONTE


Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión.

CASTELAO

“Cada lingua dálle personalidade cultural ao seu pobo e transmítella a cada un dos seus membros. Cada pobo ten a súa. Cada home ten a do seu pobo. Nós, os galegos, temos a nosa.”


RAMÓN PIÑEIRO


Intenta logo deducir e redactar coas túas palabras cómo nace unha lingua.

Finalmente imos pechar esta unidade dándolle un repaso á situación actual da nosa lingua sobre a que imos traballar este curso botándolle unha ollada as últimas estatísticas e comentándoas brevemente. Observa o mapa de uso de galego concello a concello de Galicia ou tamén nesta dirección da galipedia: sobre o uso real da lingua galega. (2001)
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 22-09-2011 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal