galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Retamos 2013 con Manuel Rivas e comezaremos o 2014 coa Lingua das bolboretas
A idea de achegarmos á SENSIBILIDADE dun autor do noso tempo, a través dunha lectura e dun coñecemento do seu estilo, tamén da súa traxectoria vital e literaria.

Manuel Rivas será o obxecto do próximo traballo persoal, que despois da lectura de Que me queres, Amor? ademais da proba de lectura e da visualiación e comentario da película A lingua das bolboretas(texto orixinal que deu pé ao filme) debemos presentar na derradeira semana de xaneiro.

Veremos pois a película tras da volta das vacacións, e, tras ler o texto e rematar de visualizar o filme, faremos un breve comentario na aula ao redor de ambos.

Na primeira fin de semana de xaneiro realizaremos un comentario dun texto narrativo de Manuel Rivas do seu libro Comedores de patacas. Podes consultar aquí. Se precisades botar un ollo a algunha das claves para achegarse á narrativa de Manuel Rivas, tamén tedes oportunidade de facelo nesta entrada.

O traballo consistirá nunha presentación-exposición:

1- Comentario dun texto dun dos relatos lidos (calquera dos do libro de lectura, agás A lingua das bolboretas).
2- Achegamento á vida e a obra de Manuel Rivas, un autor coa sensibilidade do noso tempo: Poeta, Xornalista e Narrador botando man da información que circula pola rede (entrevistas, textos, vídeos,...)

A avaliación destes dous apartados sumará 10 puntos (para o primeiro 5 puntos e para o segundo outros 5).
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 19-12-2013 08:29
# Ligazón permanente a este artigo
Traballando "Que me queres. Amor?"
Acabamos de ler os tres relatos que deron pé á película " A lingua das bolboretas" de J.L. Cuerda. Imos realizar agora o comentario para entregar dun dos tres textos:

- A lingua das bolboretas.
- Carmiña.
- Un saxo na néboa.

A continuación deberemos seguir lendo o resto do libro. Nas seguintes clases ( traballaremo sinterpretación, comprensión e outras cuestións) tras da lectura dos seguintes títulos:
- Que me queres, Amor?
- A leiteira de Vermeer
- Só por aí.
- Vostedes serán moi felices

E noutro bloque de textos os seguintes serán:

-O míster e Iron Maiden
- O inmenso campo Santo da Habana.
- A moza do pantalón pirata
- Debuxos animados
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 12-01-2012 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
TRABALLO DA LECTURA DE MANUEL RIVAS
É momento de ir rematando coa lectura de Que me queres, Amor?, de Manuel Rivas e de ir concluíndo o traballo que en paralelo á lectura imos realizando.

A estrutura do traballo era a seguinte:

1- O meu retrato do autor (unha biografía tirada das diversas entrevistas e datos que puidemos recabar na rede).

2-Manuel Rivas Poeta: Temáticas recorrentes na súa obra lírica. (Usar exemplos dos poemas traballados na aula).

3-Manuel Rivas Narrador. Comentarios de textos dos seus libros: Comedores de Patacas e Un millón de vacas.

4- Lectura do libro: Que me queres, Amor? Breve análise das temáticas recorrentes do autor no libro. Usar os diferentes textos para exemplificar ditas temáticas.

5- Visualización da película " A lingua das bolboretas" e actividades posteriores á mesma.
Comentarios (1) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 10-12-2010 08:03
# Ligazón permanente a este artigo
UN NOVO TEXTO PARA COMENTAR: UN MILLÓN DE VACAS
UN MILLÓN DE VACAS
Non ía de negro senón cun vestido estampado azul e branco e levaba sobre os ombros un chal da color da prata vella, como prolongación dos cabelos. Fíxome sinal de stop desde a sombra da marquesina e, cando me detiven, asomou con resolución pola xanela do auto uns ollos de curuxa con gafas de cuncha.
¿E logo irá para Vigo, ou non?
Preguntouno coma se realmente non houbese outro sitio a onde poder ir. Gracias, neniño, déchesme a vida, dixo despois de acomodarse no asento e retocar o pelo coas mans. Na radio daban os sinais horarios das cinco da tarde e logo soou a sintonía do informativo. Allea ó son intruso que se interpuña entre os dous, explicou de seguida que perdera o coche de liña e que tiña vez no médico. A esta idade non che temos máis que achaques, neniño, ser vello éche unha desgracia. En Galicia, dicía o locutor, hai aproximadamente un millón de vacas. Que va, señora, díxenlle eu por cortesía, non diga iso. Parvadas, dixo ela, pensan que somos parvos, ¡un millón de vacas!, pasan o día dicindo parvadas. Apaguei a radio e virouse cara a min con rostro satisfeito. Nada do que din é certo, neniño, nada do que din é certo.
Preguntoume que onde vivía e respondinlle que non sabía moi ben. Ando de aquí para aló. Ela sorriu. Os mozos sodes un caso. Eu vivín en Madrid. ¿Coñeces Madrid? Ata hai moi pouco vivín en Madrid. Teño un fillo alí, marchou a traballar e alí casou, Un día apareceu na casa, en Soutomaior, eu estaba pelando nas patacas e díxome anda mamá, colles as cousas e véste comigo. E díxenlle eu pero neniño, e que fago cos animais, e coa casa, ¿quen vai coidar da casa? E el díxome mira mamá, xa haberá quen coide dos animais, deixámosllos ós veciños, e a casa, a casa ninguén a leva. E así foi. Funme para Madrid.
¿E gustoulle Madrid?
¿Que?
¿Gustoulle Madrid?
Moito. Gustoume moito.
A vella revolvía no bolso e sacou un pequeno espello e unha barra de labios.
Gustoume moito, dixo despois do arreglo. Pero non podía durmir. O meu fillo vivía nun piso, un pisiño, pero estaba ben. En fin, podía pasar. A nora é unha xoia. Eu sempre quixen que buscase unha moza da terra, pero, en fin, casou alí, e dígolle que a rapaza é unha maravilla, moi delgadiña, iso si, pero moi xeitosa. Non me deixaba tocarlle a nada. Nin fregar os pratos me deixaba. Tú mamá -chamábame mamá-, a descansar que ya has tenido bastantes trabajos. Eu, miña filla, como todo o mundo. Que no mamá, que te sientes. Pero, ai neniño, o que non podía era durmir. As paredes sonche de papel. No piso de arriba tiñan un crío, unha criaturiña que, claro, poñíase a chorar. Xusto enriba miña tiña o berce. ¿Queres crer que os desgraciados dos pais non se levantaban para acariñalo? Noite tras noite, e o crío chorando coma unha víctima ata que calaba de cansancio, meu pobre. A min comíanme os demos. Un día encontrei no portal á nai e díxenllo, por estas que llo dixen. Díxenlle que se non tiñan alma, deixar chorar así á criatura. ¿A que non sabes o que me contestou a descarada? Usted métase en lo suyo. Iso foi o que me dixo, mala chispa a confunda. Pero o peor non foi iso.
Mireina de esguello, Tiña os beizos apretados e refregaba as mans.
O peor foi que iso mesmo me dixo a miña nora. No son cosas suyas, mamá, cada uno vive su vida. Aquela noite o neno volveu chorar. A min comíanme os demos. Así que marchei. ¿Que lle parece? Marchei ó día seguinte.
Baixando polo Meixueiro, recortábase no fondo a silueta caótica de Vigo, coma unha descoidada medianeira no paraíso da ría.
¿Vai á Residencia?
Non, non. Déixame á entrada que xa eu me arreglarei.
Se quere, achégoa ó médico; teño tempo abondo.
Volveuse a negar, pero cando parei o coche no semáforo da plaza de España púxome unha man enriba do xeonllo e arrimouse como para dicirme unha confidencia. ¿Sabes onde está a Nova Olimpia? Quedei sorprendido, pero díxenlle que si. Si, creo que si. Pois déixame alí. Hoxe hai baile da tercera edá. ¿Sabes? Cando volvín de Madrid, botei un noivo.
¿E non será médico?
¡Non, que va!, dixo ela chorando de risa.

Este texto é do libro de relatos curtos que leva o mesmo título que o relato escollido, un millón de vacas.

Trátase de facer un novo comentario de texto do presente relato seguindo as pautas do anterior, mellorando no posible os resultados.Poñer especial coidado en descubrir os recursos e procurar e explicar a súa finalidade en relación co tema central do texto, por qué aparece e que aporta para que os lectores cheguemos á conclusión de que ese é o tema. Este tema é o que da cohesión ao mesmo. O que nos escollamos debemos ir xustificándoo no comentario.
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 18-11-2010 05:08
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá da noite un poema de Manuel Rivas musicado
Berrogüetto realizou no seu último traballo unha versión musical sobre un poema de Manuel Rivas:



Eu non sabía que había
tanta alegría nas báguas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas máguas.

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.

No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se poidera afogare
na ardora dunha misteira.

O que eu soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 16-11-2010 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
UN TEXTO NARRATIVO PARA COMENTAR
Mamá, ( da novela “Os comedores de patacas” de Manuel Rivas)

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste.Sempre a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme gañas de chorar. Ela queríame.

-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.

Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón,antes de que manchen o traxe de almirante. Tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá- díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. O médico contárame que todo ía ir ben pero que a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara como a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
-¡Desgraciado! - dio ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta como unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. ïa pasar meses mirando para o teito.
- Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
- Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao earoporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló enbaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse a escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estanbamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. Non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminosos na grande teitume.Drumín lambendo o sangue doce dos labios.
- ¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame mamá. Sufría por min.
- ¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.



IMOS FACER UN COMENTARIO DE TEXTO:


Como fago un comentario dun texto

Comentar un texto esixe de nós, ademais dun esforzo, seguir os seguintes pasos:

1º/Lectura e información: Implica realizar as lecturas do texto necesarias para entendelo e consultando as dúbidas do significado das palabras que lemos, o vocabulario utilizado. O coñecemento da obra serve de gran axuda nesta fase previa.

Localización do texto: Determinar xénero, período no que se encadra, identifiando ao autor, a obra da que procede e a corrente ou contexto literario e da época á que pertence.

Interpretación do texto: Este é o núcleo do comentario, presentando por separado as seguintes partes da:
a) Asunto, tema e punto de vista: Resumir o que transmite coas nosas palabras, para deducir un tema central ou idea principal de forma clara e breve é fundamental para continuar coa interpretación o resto do comentario xirará arredor del. Finalmente analizar o punto de vista lírico ou narrativo que utiliza o autor.
b) Estrutura: Analizar as partes nas que se pode dividir e as relacións que se dan entre elas ( no caso dos textos narrativos aquí analizaremos personaxes, espazo, tempo e modos de discurso).
c) A linguaxe: Analizarémola por niveis
Nivel semántico ou de contido ( Do léxico e das súas relacións, das connotacións e artificios deduciremos o ton do texto melancólico, optimista, máxico, reflexivo…)
Nivel morfosintáctico ou da forma (Dos distintos elementos gramaticais, tipos de oracións e artificios referidos ao ritmo, deducimos o dinamismo expresivo que será negativo ou lento, se abondan as figuras de repetición por exemplo, e positivo no caso contrario)
Nivel fónico ou do son: (Especialmente importante para a poesía medida e rima, artificios que contribúen á musicalidade do texto).

Valoración: Unha valoración debe conter unhas conclusións extraídas dos pasos anteriores do comentario unindo cada un dos apartados anteriores, identificando dende a idea central ao seu valor literario nun contexto histórico e social.

Para que os primeiros pasos non sexan complicados aquí quedan xa unha información previa a a Localización do texto para comentar, queda o máis complicado e estenso por realizar.

O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espazos, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Localización: Mamá é texto inicial ou de presentación do protagonista Sam no capítulo primeiro dunha das primeiras novelas que escribe Manuel Rivas no ano 1991. Como é sabido comeza a súa andaina literaria como poeta. Encádrase na literatura do posfranquismo ou dos primeiros anos da democracia, a poesía e narrativa contemporánea. Na creación máis recente sendo un autor destacado e premiado a partir especialmente da publicación do seu libro de relatos curtos Un millón de vacas, premio da Crítica Española no ano 1990.


Asunto: Unha nai visita no hospital ao seu fillo tras dun accidente de tráfico, o diálogo entre eles transcorre en paralelo co pensamento do rapaz que vive o suceso dun xeito case infantil, como se dunha aventura se tratase, e no que expresa con insistencia o seu sentir verdadeiro cara a nai, sentir que é incapaz de expresar. Ese diálogo manifesta todo o contrario. A través do monólogo interno descubrimos que ten problemas coas drogas e atópase no hospital despois dun accidente de tráfico no que resultou ferido nunha perna do que vai quedar coxo. O coche conducíao un tal Luou, amigo polo que sente admiración. Na súa reflexión lembra as sensacións tras do accidente. E o diálogo volve ao primeiro plano a falta de comunicación coa nai, pero tamén o afecto que senten e que non saben expresar un ao outro.


Continuará despois de que vós o intentedes!!
Comentarios (1) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 12-11-2010 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
MANUEL RIVAS: POETA


Do libro Mohicania (1986)

A NEGRA TERRA

DE falar, falarei coa terra.
A terra verdadeira,
a negra terra
onde prende a raíz.
A terra que se pisa.
A terra que se queima e que se crava.
Ese enorme lenzo onde o home debuxa o seu capricho.
Onde o home se perde e se revolve en sombras.
A negra terra,
ese corpo de puta vella con dentes amarelos de tabaco,
con olleiras negras de tan azuis.
De falar, só con ela falarei
e falarei coas mans,
docemente coas unllas,
coa paixón dun amante,
como falan, cando albiscan a morte, os xabaríns feridos.
De falar, falarei coa terra.
Coa terra, con esa negra terra
que cospe, como sangue do peito, primaveras.

CUESTIÓNS:

1- Cal pode ser o tema deste poema?


Outro poema que xa escoitamos na clase e sobre o que propoñemos logo unhas cuestións.




MIL (do libro Ningún cisne).

Teño algo importante que dicir
agora que vimos de despedirnos
para sempre.
Quérote.
Crávame as unllas,
pero has de saber que tamén fun sincero
as outras mil veces.

Ela acúsame de non ter sentimentos
porque falo e falo
ou non falo.
Vai comer todas as unllas,
as súas altivas unllas escarlata.
Pero ireime.
Díxenllo e riu indiferente,
pero ireime
ou non me irei.
Chegarei a unha desas cidades,
non tan grandes como unha cidade,
onde se para o tren e xa non hai máis tren,
con monxas que se sentan nun barril de cervexa na estación,
e miles de corvos que esperan con sorna a El-Rei
ou unha cámara de cine.
Desa cidade sae un autobús
tan vello
que ten un conductor que fuma
e fala cos viaxeiros,
xusto en cada curva,
cando chove,

e faino cada día desde sempre,
limpa o cristal coa man,
como si estiveramos caendo,
chove tamén dentro.
E non pasa nada,
pois chegamos cando escampa,
e só pinga no autobús,
todos mollados menos os paisanos
que rin
ou non rin.
Esta xa non é cidade nin nada,
pero hai un barco panza arriba
e unha praia de area negra.
E hai tamén unha cabina de teléfono.

¿Escoitas? Estou nunca cabina.
Si, ben
Non, nada.
Chovía no autobús.
Só hai un bar.
Si, teño moedas.
¿De verdade? Tamén eu. Non, aínda non se corta.

Si, sigo aquí.
Non, non estaba pensando.
Escoitaba, iso é todo.
Non sei que dicías. Escoitaba.
Non non é un libro.
Son as follas da guía.
¿Sabes cal é o prefixo de Ras-Al-Khaimah?
Marcas o 07, máis 971 e logo o 77
e xa podes falar con laguen en Ras-Al-Khaimah.
Non, non é que non te escoite.
Escoito, só quero escoitarte.
Pero non me preguntes o que dis.
Non podo facer dúas cousas ao mesmo tempo,
entender e pensar en ti.
Que fácil é falar con calquera lado.
Non, non cortes por favor.
Se colgas,
chamarei a Ras-Al-Khaimah
ou a calquera lado.
Mentras ti falas, non teño frío.

El era forte e feble
como un marine ianqui.
Ela, fráxil e invencible,
como unha guerrilleira do Vietcong.

1- En cantas partes dividirías este poema de Manuel Rivas que escoitamos na propia voz do autor na aula grazas ao CD que acompaña a súa antoloxía poética titulada O POBO DA NOITE.

2- Por que cres que chove no autobús?

3- Para que aparece no poema unha cabina de teléfono?

4- Cal cres que será o tema central deste poema?

5- Fíxate no cambio da voz do poeta, que provoca isto no lector ?



Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 09-11-2010 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
Que podemos saber de Manolo Rivas?
Imos ler un conxunto de relatos da súa obra narrativa Que me queres, Amor? galardoada cun Premio Nacional de Narrativa e editada xa en múltiples idiomas. Para coñecer mellor o seu estilo imos comezar por coñecer algo da súa vida.



Hai unha entrevista edita no país que circula pola rede que o denomina "o garda da Memoria" por ser recorrente neste autor a temática relacionada coa guerra civil, pero tamén as historias silenciadas da Galicia rural, vistas dende a perspectiva da Galicia urbana que xa non viviu, que xa non sabe ou non quere saber daquela Galica digamos "histórica ou tradicional".

CUESTIÓNS:
1- Le esta biografía e realiza unha síntese.
2- Que foi antes poeta ou narrador? Con quen fundou a Revista Loia? Coñéceselle, ademais de escritor por ser un activista cultural e ecoloxista, como argumentarías esta afirmación?
3-Podes completar a biografía cunha rápida panorámica sobre a súa obra.
4- Podemos ver tamén esta entrevista en TV cultura entrevista en vídeo

Manuel Rivas responde a dúas cuestións:

Cando te sentiches escritor?



Que é a literatura?


Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 07-11-2010 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
DESPOIS DE VER A LINGUA DAS BOLBORETAS
Despois de ver a película, cres que a ilustración de Castelao do 1937 do seu álbum GALICIA MÁRTIR ten alguna relación coa película. Cres que puido inspirar a Manuel Rivas á hora de escribir o seu relato. Cal é tema que une o debuxo, o relato e a película. (Podes ver a ilustración no enlace de máis abaixo onde os comentarios)



Comenta estas palabras do texto orixinal do relato de Manuel Rivas:

"¡Traidores! ¡Criminais! ¡Roxos!"
"Berra ti tamén, Ramón, polo que máis queiras, ¡berra! A miña nai levaba collido do brazo a papá, como se o suxeitara con toda a súa forza para que non desfalecera. "Que vexan que berras, Ramón, que vexan que berras!" E entón oín como o meu pai dicía "Traidores!" cun fío de voz. E logo, a cada vez máis forte, ¡Criminais! ¡Roxos!" Soltou do brazo da miña nai e achegouse máis á fileira dos soldados, coa mirada enfurecida cara ao mestre. "¡Asasino! ¡Anarquista! ¡Comenenos!"
Agora mamá trataba de retelo e tiroulle da chaqueta discretamente. Pero el estaba fóra de si. "¡Cabrón! ¡Fillo de mala nai!" Nunca lle escoitara chamar iso a ninguén, nin sequera ao árbitro no campo de fútbol. "A súa nai non ten a culpa, ¿eh, Moncho?, recorda iso". Pero agora volvíase cara a min entolecido e empuxábame coa mirada, os ollos cheos de bágoas e sangue. "¡Bérralle ti tamén, monchiño, bérralle ti tamén!"
Cando os camións arrincaron cargados de presos, eu fun un dos nenos que corría detrás lanzando pedras. Buscaba con desespero o rostro do mestre para chamarlle traidor e criminal. Pero o convoi era xa unha nube de po ao lonxe e eu, no medio da alameda, cos puños pechados, só fun capaz de murmurar con rabia: "Sapo! ¡Tilonorrinco! ¡Iris!".




Agora, para rematar comenta este texto da película:

─ Cando un morre... ¿morre ou non morre?
─ ¿Na súa casa que din?
─ A miña nai di que os bos van ao ceo e os malos ao inferno.
─ ¿E o seu pai?
─ O meu pai di que de haber xuízo final os ricos irían cos seus avogados, pero á miña nai non lle fai gracia.
─ ¿E vostede que pensa?
─ Eu teño medo...
─ ¿É vostede capaz de gardar un segredo?
(si coa cabeza)
─ Pois en segredo... ese inferno do máis aló non existe... O odio, a crueldade... iso é o inferno... Ás veces o inferno... somos nós mesmos.

Do guión da película " A lingua das bolboretas" José Luis Cuerda
A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE
ÁLBUM GALICIA MÁRTIR por CASTELAO
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 17-02-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
UN TEXTO NARRATIVO PARA COMENTAR
Mamá, ( da novela “Os comedores de patacas” de Manuel Rivas)

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste.Sempre a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme gañas de chorar. Ela queríame.

-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.

Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón,antes de que manchen o traxe de almirante. Tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá- díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. O médico contárame que todo ía ir ben pero que a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara como a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
-¡Desgraciado! - dio ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta como unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. ïa pasar meses mirando para o teito.
- Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
- Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao earoporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló enbaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse a escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estanbamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. Non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminosos na grande teitume.Drumín lambendo o sangue doce dos labios.
- ¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame mamá. Sufría por min.
- ¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.



IMOS FACER UN COMENTARIO DE TEXTO:

O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espazos, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Localización: Mamá é texto inicial ou de presentación do protagonista Sam no capítulo primeiro dunha das primeiras novelas que escribe Manuel Rivas no ano 1991. Como é sabido comeza a súa andaina literaria como poeta. Encádrase na literatura do posfranquismo, na creación máis recente sendo un autor destacado e premiado a partir especialmente da publicación do seu libro de relatos curtos Un millón de vacas, premio da Crítica Española no ano 1990.



Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 19-10-2008 08:36
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal