galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ALBA DE GRORIA

ALBA DE GRORIA

Este texto de Castelao, un discurso promunciado un 25 de xullo no ano 1948 na Arxentina, está cheo de saudade e emoción, pero tamén é unha pequena gran obra xenial do noso autor na que realiza unha curiosa panorámica do máis esencial da nosa cultura ata o comezo do XX. Aquí tedes un enlace para podelo ler enteiro:
ALBA DE GRORIA

CUESTIÓNS:

1. Tras da lectura, indica as partes nas que podemos dividir este texto e intenta argumentar a que respostan cada unha desas divisións.

2. Por que evoca Castelao á Santa Compaña?

3. Dos personaxes que se citan cántos coñeces, indica brevemente qué sabes deles.

4. Escolle 10 destes personaxes que non coñezas e infórmate sobre eles.
Comentarios (6) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 29-09-2010 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
UN ACHEGAMENTO Á FIGURA DE CASTELAO
BIOGRAFIA

Era fillo de Manuel Rodríguez Dios, mariñeiro, e de Joaquina Castelao Genme.
Manuel emigrou a Arxentina aos tres meses do nacemento de Daniel, e no decurso do 1895 emigrou coa súa nai para ir vivir co pai en Bernasconi, na Pampa; alí residiu até o 1900 e, segundo el mesmo conta, descubriu o valor da caricatura lendo Caras y Caretas.
Na casa e na escola chamouse sempre Daniel, non Alfonso, como, por iniciativa propia, puxo na partida o crego, por ser nado no mesmo ano en que se agardaba o nacemento do futuro rei, ó que se lle tiña destinado o nome de Alfonso.
Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, tamén durante os anos da universidade agroma o seu interese polo debuxo e a pintura, e en especial pola caricatura.
En 1908 expuxo os seus debuxos en Madrid e comezou a colaborar coa revista Vida Gallega. Entre 1909 e 1910 fai un curso de doutorado en Madrid e participa na III Exposición Nacional de Humoristas e colabora como ilustrador con El Cuento Semanal. En 1910 especialízase en Santiago en obstreticia e ao rematar instálase en Rianxo, e durante este período colaborou na fundación do semanario El Barbero Municipal (1910–1914), no que publicou as súas primeiras caricaturas e escribiu atacando o réxime caciquil galego. Castelao insírese na vida política local dentro do Partido Conservador local nunha liña maurista.
Dá a súa primeira conferencia en marzo de 1911, en Vigo, falando sobre a caricatura e ao longo dos anos seguintes realiza exposicións das súas caricaturas en diversas cidades galegas. En 1912 adheriuse ao movemento Acción Gallega e o 19 de outubro dese ano casou con Virxinia Pereira. Durante esta época colaborou con El Liberal, El Gran Bufón, La Ilustración Gallega y Asturiana, Mi Tierra, Suevia, La Voz de Galicia de Bos Aires, publicacións que axudaron a popularizar as súas caricaturas.
Un desprendemento de retina déixao cego en 1914, pero unha operación devólvelle a vista. En 1915 participou na Exposición de Belas Artes de Madrid, no que obtén grandes eloxios da crítica. En 1916 obtén por oposición unha praza na delegación de Pontevedra do Instituto Xeográfico Estatístico e nese ano foi un dos fundadores da agrupación local das Irmandades da Fala. Nese mesmo ano participa no filme Miss Ledyia, rodado en Pontevedra por José Gil y Gil. Gaña praza de profesor adxunto da cátedra de Debuxo, no instituto de segunda ensinanza de Pontevedra.
En 1918 comezou a colaborar co xornal madrileño El Sol. Con Vicente Risco, Otero Pedrayo e outros fundou a revista Nós, arredor da cal xermolou a vida política e cultural de Galiza entre 1920 e 1936. En xaneiro de 1921, grazas a unha bolsa de viaxe da Xunta de Ampliación de Estudos, viaxou a Francia, Bélxica e Alemaña para estudar a arte deses países; froito desa viaxe foi o diario que escribiu e que publicou parcialmente na revista Nós e que apareceu como libro en 1977 co título de Diario 1921. En 1926 foi nomeado académico de número da Real Academia Galega. O 3 de xaneiro de 1928 morreulle o seu fillo Afonso aos 14 anos e nese ano marchou a Bretaña coa súa dona en viaxe de estudos para estudar os cruceiros bretóns que materializou no libro As Cruces de Pedra na Bretaña en maio de 1930, tamén quedou fondamente afectado pola morte de Antón Losada Diéguez o 15 de outubro de 1929.
En 1931 resultou elixido deputado como galeguista independente para as cortes constituíntes da Segunda República e participou na constitución do Partido Galeguista. Membro da Real Academia Galega dende 1933, foi desterrado por medio dun traslado administrativo forzoso a Badaxoz en novembro de 1934, durante a súa estadía en Estremadura escribiu para A Nosa Terra unha serie de artigos co título de Verbas de chumbo que posteriormente integraría en Sempre en Galiza. O 6 de setembro de 1935 púxose fin ao desterro tras as xestións do novo ministro da Gobernación, Manuel Portela Valladares. En 1936 foi escollido de novo deputado na candidatura da Frente Popular. Protagonizou a campaña polo si ao Estatuto de Autonomía de Galiza, que foi aprobado en plebiscito en 1936.
O "Levantamento Nacional" colleuno en Madrid cando participaba na delegación que facía entrega oficial do estatuto galego ao presidente das Cortes, promoveu a organización dunhas milicias galegas en colaboración co Partido Comunista de España, instalouse en Valencia en decembro de 1936 e posteriormente en Barcelona e xa nunca volvería a Galiza. Do 20 de abril ao 20 de maio de 1938 realizou unha viaxe oficial coa súa dona, por encarga do ministro de Estado, Julio Álvarez del Vayo, á URSS, alí quedou impresionado pola aparente liberdade de que gozaban as nacionalidades. O 20 de xullo de 1938 embarca cara a Nova York ao encomedarlle o goberno a realización dunha campaña de axuda á República en América, para o que contou coa colaboración das Sociedades Hispánicas Confederadas e da Casa de Galicia Unidade Galega. Conseguiu recadar 50.000 dólares e organizou a Fronte Popular Antifascista Galega, participou tamén na campaña das eleccións ao Centro Gallego da Habana apoiando á Hermandad Gallega e finalmente en xullo de 1940 marchou para Bos Aires. Foi ministro sen carteira do goberno republicano no exilio presidido por José Giral (1946–1947) e establecido en París, cidade onde viviu Castelao ata agosto de 1947. Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 no sanatorio do Centro Gallego de Bos Aires e foi soterrado o 9 de xaneiro no cemiterio da Chacarita.
Polifacético novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade. Durante o exilio franquista, no 1944 publica Sempre en Galiza, obra capital do nacionalismo galego, e converteuse en primeiro presidente do Consello de Galiza, unha entidade que pretendía actuar como representación de Galicia no exilio. Os seus restos mortais foron repatriados e levados para o Panteón de Galegos Ilustres en 1984 en medio de manifestacións nacionalistas que acusaban ás autoridades de que "os que o exiliaron agora fanlle honores".
Os seus debuxos, complementados con agudos textos, amosan a Galiza rural, o caciquismo, os pobres, os cegos, os desamparados, o pobo que sofre, desde unha visión realista crítica pero humorística, no álbum Nós (1931) recolleu debuxos feitos entre 1916 e 1918. E nos últimos álbums habitan os horrores da Guerra Civil.
Iniciouse na narrativa coa colección de relatos curtos Un ollo de vidro en 1922. En Cousas, Retrincos e Os dous de sempre establece un conxunto único na narrativa galega que culmina coa colección de ensaios Sempre en Galiza, conectando literatura, política e teoría do galeguismo. A súa visión literaria tenta desmitificar os tópicos costumistas cun humorismo sarcástico e, de cando en vez, esperpéntico.
Debemos mencionar unha obra de teatro titulada Os vellos non deben de namorarse (1941), comedia que conta os amores tardíos de tres vellos con tres mozas novas, e que incorporaba tendencias renovadoras do teatro europeo xunto coa tradición popular galega.
Castelao é sen dúbida o galego máis destacado do século XX. Dedicóuselle o segundo Día das Letras Galegas, en 1964.



PENSAMENTO POLÍTICO

Castelao define o seu ideario como un ideario nacionalista galego, federalista, pacifista, progresista e universalista. Acepta o concepto das autonomías na Segunda República como a máxima aspiración do momento, pero sen renunciar ao federalismo. Tamén pode ser denominado europeísta xa que afirma que a súa meta é chegar a uns Estados Unidos de Europa. O pensamento político de Castelao atópase, fundamentalmente, no libro Sempre en Galiza.

IDEA DE HESPAÑA

Castelao empregou sempre a verba Hespaña con H diante para facela derivar de Hispania.

(...) Hespaña, cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico. Sacámolle á verba España todo canto ten de prosapia castelán (abonda engadirlle unha H para derivala de Hispania) e con ela abranguemos a Península enteira, facéndoa sinónima de Iberia.

Para el, Hespaña non era outra cousa que unha entidade sociolóxica que abranguía toda a Península Ibérica. Por isto mesmo, afirma en varias ocasións que Portugal é Hespaña, e apóiase nas verbas de Camões ou nas de Almeida Garret:
Hespañoes somos, de hespañoes debemos prezarnos tódolos habitantes da península; pero de casteláns, non.
Porén, malia afirmar en repetidas ocasións a pertenza de Portugal á hispanidade, outras moitas veces esquece mencionalo ó enumerar as nacións de Hespaña. Probablemente refírese entón ó estado español dos anos trinta.
Afirma entón que o estado español dos anos trinta debe recoñecer a súa realidade plurinacional. Segundo el, Hespaña era unha unidade formada por catro nacións: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza:

Concebimos a Hespaña como un soio estado, constituído polo libre consentimento de catro pobos: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza.



GALIZA COMO NACIÓN

O IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas e a Terceira Internacional definiron a Galiza como unha nacionalidade, xustamente o mesmo que sostén Castelao. Castelao apela para demostrar que Galiza é unha nación á definición que dá Stalin, non por sentirse ideoloxicamente próximo a el, senón por consideralo como un autor imparcial neste tema:

Nación é unha comunidade estable, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Somentes a eisistencia de tódolos signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación.

Partindo da base de que Galiza é unha nación, Castelao afirma que como tal ten dereito á autodeterminación.

Unha nación é soberán e ten dereito a organizarse autonomicamente, sen máis límites que os derivados do respeito ao dereito igoal das demais nacionalidades. A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse da federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente.

Castelao rexeita expresamente as reivindicacións nacionais baseadas na raza:

Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con tódalas razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado.

SEPARATISMO

Castelao rexeitaba o separatismo e defendía a federalización de Galiza cos demais pobos Ibéricos como método para conseguir a liberdade de Galiza.

Non somos separatistas da Hespaña verdadeira nin tan siquera da falsa e ficticia, se é que esta nos permite creer na súa transformación; é decir, se nos deixa manifestar os nosos pensamentos en réxime de liberdade. Por eso somos ardidos defensores da República e dunha democracia asentada na liberdade.
Porén, co tempo, foi aceptando a posibilidade da independencia de Galiza, aínda que esta non fora a súa idea política.

Se eu agora tivera nas mans a posibilidade de independizar a Galiza non dubidaría en aceptar esa posibilidade para salvar a miña Terra do terrorismo falanxista e para decirlles a tódolos hespañoes desterrados: "Vinde a este anaco de terra hispana para vivirdes en liberdade".

Diremos lealmente que a nosa condición de "separados" está próisima a trocarse en enerxía "separatista", porque nin os demócratas hespañoes queren comprerdernos.(...) Despois do devandito sóio nos resta engadir que se os demócratas hespañoes nos considerasen separatistas non teríamos máis remedio que selo realmente; pero no entanto debemos defender a lexitimidade das nosas ideias, amostrándolle aos galegos apoucados a estrela das nosas espranzas.

Somos "separatistas" cando defendemos os valores sustantivos da nosa nación e somos "unionistas" cando consideramos a necesidade de coordinar os nosos valores relativos cos valores relativos do resto de Hespaña e do mundo.

LINGUA ESCRITA

No aspecto gráfico a lingua que empregou Castelao é semellante á da actual normativa da lingua galega, utilizou o x, o ñ e o ll, nun rexistro escrito que ó longo do tempo se vai afastando do rexistro falado, así a terceira forma do artigo cada vez ten menos presenza na lingua escrita de Castelao ata desaparecer, agás para reproducir diálogos de personaxes populares, igual acontece coa contracción de a máis o que nun primeiro momento representaba contraído como ô. Seguindo a tradición do galego moderno escrito non representou graficamente o timbre das vogais medias, agás nuns poucos casos na súa primeira época mediante o emprego do acento circunflexo (lêr por exemplo). O uso do apóstrofo está presente de forma abondosa no primeiro Castelao pero gradualmente chegou a eliminalo dos seus escritos. O trazo utilízao en formas como po-lo e todo-los dun xeito constante ó longo da súa obra. Na súa escrita mantéñense características propias do galego de Rianxo, pertencente ó galego occidental como os plurais en -ns, a forma -án para o feminino, terceira persoa do singular do pretérito indicativo en -eu.


IMPORTANCIA DA LINGUA GALEGA EN CASTELAO

A miúdo Castelao vinculaba o futuro de Galiza ó futuro da lingua galega:
A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.

Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
Consideraba, ademais, ó castelán como unha lingua invasora, rexeitando enerxicamente o bilingüismo:

Un pobo sometido á loita de dous idiomas acaba por non saber espresar o que sinte. Cando a un pobo que canta e fala nunha língoa creada polo seu proprio xenio, se lle impón a obriga de adoptar un idioma estraño á súa personalidade afectiva, prodúcese un esmorecimento do lingoaxe que comeza pola inhibición e remata pola impotencia.

E xa é hora de decir que Galiza será forte en Hespaña cando se negue a falar en castelán e fale fortemente a súa língoa.

OBRA

- Cego da romería (1913)
- Diario 1921.
- Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922)
- Cousas (1926, 1929)
- Cincoenta homes por dez reás (1930)
- As cruces de pedra na Bretaña (1930)
- Nós (1931)
- Os dous de sempre (1934)
- Retrincos (1934)
- Galicia Mártir (1937)
- Atila en Galicia (1937)
- Milicianos (1938)
- Sempre en Galiza (1944)
- Os vellos non deben de namorarse (representada en 1941, publicada en 1953)
- As cruces de pedra na Galiza (1950)




DEBUXOS E PINTURAS DE CASTELAO

Os seus debuxos, complementados con textos agudos móstranos a Galiza agraria, o caciquismo, as pobres xentes do campo, os cegos, os desamparados, o sufrimento do pobo, todo isto baixo un punto de vista crítico e realista mais cunha fina ollada humorista.
No seu álbum Nós (1931) móstranos unha colección de debuxos que datan de 1916 a 1918. Os derradeiros álbums son a expresión dos horrores da Guerra Civil.

ESCOLMA DE HUMOR GRÁFICO



- Nesta aldea non hai mais homes
honrados que ti e outro que non
me toca a min decilo.
- Pois... non vexo quen será ise.





- Tes unha cara, rapaza que
lle levanta o rabo ó mesmo
can de San Roque.









- ¿Qué me das se son teu mozo?
- ¿Eu? Eu dóuche unha labazada.








- A mi me gustas una barbaridá ¿sabes?;
pero como eres can de palleiro...
- Vaites, vaites...








O CAN.- Domestícate, home, e verás que vida mais regalada.
O RAPOSO. -Non che nacín pra can.








O GATO.- Volven as escuras anduriñas;
pero unha que comín o ano pasado,
isa non volverá.









- ¿E qué che dixo o médico?
- Pois que comese ben e que no traballase nadiña.









- ¿Por qué non qués ir á escola, rapaz?
- Porque... porque sempre me preguntan o que non sei.







- Disque agora os casados poden descasarse.
- Tamén din que vai vir o amor libre obligatorio.







- Nós, os mariñeiros, non engañamos a ninguén.
- E logo, ¿non engañades ós peixes?







- O maiestro berroume porque dixen "Ollomol".
- Debeches decir "Ojoblando".








O ESCOLANTE.- Se llama isla a una porción de tierra rodeada de agua por todas partes.
O RAPAZ.- Pois a min paréceme que as illas non teñen auga por enriba nin por embaixo.





TRABALLO SOBRE UN DOS SEUS LIBROS;
UN OLLO DE VIDRO, MEMORIAS DUN ESQUELETE

RESUMO:
Este libro relata a vida dun esquelete, que grazas o ollo de vidro que tiña en vida, ve todo o que pasaba nese ceminterio e o escribe nas suas memorias.

A REFERENCIA MUSICAL:
“A Danza Macabra”, de Camilo Saint-Saëns.
A primeira vez que se tocou esta obra non tivo moito éxito. O público escandalizouse polos efectos sonoros da obra, porque resultaban demasiado novedosos para a época. Conta a historia que o barullo que fixo o público de Paris trala primeira presentación da Danza macabra fixo que a nai do compositor se desmaiara. Franz Liszt, amigo de Camilo, defendeu a obra e ata escribiu unha versión só para piano.
Nos nosos días, xunto ó Carnaval dos animais, a Danza macabra é unha das obras máis populares de Camilo Saint-Saëns. É importante saber que estas dúas obras teñen música en común xa que na sección chamada “Fósiles” do Carnaval dos animais, o compositor utiliza unha melodía case idéntica a unha parte da Danza macabra e nos dous casos utiliza o xilófono para representar o son dos ósos.

NARRADOR OU NARRADORES:
Na primeira parte deste conto é o mesmo autor quen fala directamente ó lector.
Conta entre outros pensamentos que non lle ten medo á morte, e que ás veces vai polo cemiterio falar co enterrador.
Na segunda parte, aínda que quen fala é un esquelete, a narración está feita en primeira persoa e conta as noites dun esquelete que ten un ollo de vidro co que pode ve-lo que sucede no cemiterio. Aproveita para facer un análisis da sociedade da sua época, da fame, dos abusos da clase alta, das folias, da emigración, dos caciques dos pobos, etc. Cousas que podemos asocia-la súa propia vida.

ESTRUTURA:
Comeza cunha carta ó lector e remata da mesma maneira.
O tema principal da obra é a vida do esquelete e o que lle pasou co seu ollo de vidro, pero ó mesmo tempo ten outros temas secundarios que son as breves historias que conta das vidas dos seus compañeiros os esqueletes.

A FIGURA DO VAMPIRO:
O vampiro é un home da clase alta, que vivía oprimido, roubando e enriquecéndose a costa dos demais, xa que fala dun dono da xustiza que roubaba para darlle regalía ó seu bandullo ...un cacique.
Comentarios (1) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 30-05-2008 05:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal