galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

JONH BALAN
Escollín o traballo sobre este home dado o seu desgraciado falecemento o pasado 19 de marzo (2008). O seu nome real era Manuel Outeda aínda que se facía chamar John Balan xa que aparecía comunmente disfrazado como vaqueiro falando un “falso” inglés, caracterizado sempre cun sombreiro Stetson, garabata texana e botas campeiras.
Naceu en Seixo (Marín) no seo dunha familia de mariñeiros moi humilde. Gran parte dos seus veciños coñecían os portos de todo o mundo ou estaban emigrados en Nova York ou Chicago, pero el nunca se embarcou e descubriu ao Jonh Balan que levaba dentro en películas que protagonizaban John Wayne, James Stewart o Richard Widmark.
Dotado dunha gran capacidade de imitar sons e dunha imaxinación desbordante de neno corría descalzo e reproducía todos os ruídos dun coche ou dun autobús os sete quilómetros que separan a súa aldea de Marín. Comezou a ruta da bohemia improvisando espectáculos en tabernas ou no trolebús Pontevedra-Marín. Aprendeu o pouco que sabía de inglés durante a súa estadía na mili en Rota relacionándose cos soldados americanos, tamén cos emigrados en Estados Unidos que viñan de vacacións como Sr. José O Roxo da rúa Calzada quen lle regalaba roupa xenuinamente americana.
Imbuído no seu papel, chegou a parar un expreso Vigo-Santiago e simulou un atraco cun trabuco de mentira, ante o susto dos pasaxeiros tivo que parar e incluso foi detido.
Foi tamén cantante de orquestra, actuaba en grupos como Balan y los yankees. Despois da súa aparición en televisión comeza a súa proxección fóra de Galicia en salas de festas, discotecas, e festas privadas. O mesmo escenificaba películas con argumento e guións propios con títulos tan surrealistas como: La muerte es inoxidable, El callejón de las vírgenes distraídas, Supusitorio para un hipopótamo estreñido, ¿Quién robó las peras del cementerio?, Calzoncillos de manga larga... nas que se facía cargo das personaxes e interpretaba a vez a banda sonora e os efectos especiais. Daba concertos tocando cunha porta coa que reproducía os baixos e a percusión, e utilizaba a boca para o resto dos instrumentos.
Era evidente que tiña un claro perfil televisivo, a mestura entre o popular e o cinematográfico é a súa causa. José María Íñigo levouno varias veces a Directísimo onde se relacionou con estrelas mundiais como Johnny Weissmuller “Tarzán”. Foi neste punto de inflexión na súa carreira artística e persoal, cando os seus veciños comezan a valoralo máis. En 1985, o programa de TVE Vivir cada día levouno a Estados Unidos. “Estamos viendo la ciudad de los rascacielos, la gran ciudad de Nueva York, donde yo he vivido ilusoriamente toda mi vida hasta hoy” dicía Balan na escea final, mentres sobrevoaba Manhattan a bordo dun helicóptero.






A súa andaina televisiva continúa aparecendo en programas de Jesús Quintero e José Luis Coll. Na Televisión de Galicia chegou a ter un sketch propio no show Adiviña quen vén esta noite e a compartir pantalla co seu bo amigo Rafael Pintos coñecido como Bladimir, “o vampiro de Pontevedra” quen na actualidade está escribindo a biografía de Balan.
A falta de recursos non chegou nunca a quebrantar un espírito artístico que se nutría dos aplausos Balan explicou que nunca lle pagaron más de 30.000 pesetas, salvo en Foz, onde déronlle 85.000, aínda que moitas veces traballou gratis.
Hai unha praza de Seixo, a aldea onde naceu, que leva o seu nome (o artístico). Fai uns meses recibiu unha homenaxe no teatro Principal de Pontevedra abarrotado de público, onde fixo un percorrido pola súa vida e amosou os seus agradecementos cara os seus amigos e, en especial, as monxas do seu asilo. Un momento de película , pero de verdade, abarrotado de público.
Nos últimos anos da súa vida residía no Asilo de Anciáns de Pontevedra atacado dunha hemiplexía.


Martín Guerra Barreiro
Comentarios (0) - Categoría: PERSOAS E COUSAS CURIOSAS - Publicado o 18-04-2008 06:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal