galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sarmiento e a tradición oral (I)
I) O CONTEXTO: Os Séculos Escuros da uniformidade, centralismo e castelanización da Península. Sarmiento non encaixará nese modelo de ilustración:
Non poucas veces teño pensado en cal foi a causa de que en Galicia se introducira o uso de escribir en castelán o que antes se escribía ou en latín ou en galego. Non hai xénero de escritura testamentos, doazón, venda, contrato, foro, arrendamento, compra, cambio, partillas,etc… que eu non teña visto e lido en Galicia ou en latín ou en galego. E sei que se poden cargar carros deses instrumentos que se conservan en Galicia. Non tendo precedido, pois, nin Concilio , nin Cortes nin consentimento uniforme dos galegos par actuar, outorgar, comercializar en lingua castelá, quen a introduciu?
A resposta está patente: que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, senón os non galegos, que nos comezos do século XVI inundaron o reino de Galicia, non para cultivar as súas terras, senón para se facer carne e sangue dos mellores, e para cargar cos máis beneficiosos empregos, así eclesiásticos como civís, foron os que por non saber a lingua galega, nin por cargar palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro. Esta monstruosidade é máis visible nos empregos eclesiásticos.

Non sei como toleran os bispos que curas que non son galegos nin saben a lingua teñan emprego “ad curam animarum”, e sobre todo a administración do Santo Sacramento da Penitencia. Que é o coloquio dun penitente rústico e galego con confesor non galego, senón un entremés de xordos? Son innumerables os chistes vergoñentos que se contan desa inicua tolerancia. Haberá 13 días que un cura galego natural me dixo que confesando a unha galega díxolle que xa se confesara antes cun castelán, pero que non cría que fose confesión: porque nin o castelán entendeu á galega, nin esta ao castelán.
O verbo “trebellar” en galego, de tripudiare, sempre significa “in malam partem" e dista cen leguas do honesto verbo “traballar” o “trabajar”. Confesor castelán ten habido que ata despois de moitos anos estivo no erro de que o mesmo era o verbo “trebellar” galego que o “trabajar” castelán. E aos penitentes, que confesaran que trebellaran tantas veces dicíalles que en días festivos só podía “trebellar” unha hora, pero que nos días soltos podían trebellar ad laudes et per horas. Si o tal confesor escoitara a copla galega común: “O crego e maila criada xogaban aos trebelliños, etc…” entendería o significa.

(tirado da obra Elementos etimológicos)

II) VIAXES, CADERNOS DE TRABALLO E DESCUBERTA DE GALICIA: COLOQUIO das 1200 coplas:



Sarmiento recoñece “Eu que son de Galicia por todos os costados sabía máis da China que do meu país orixinario” precisa unha imaxe exacta do propio país, “un grandísimo mapa de Galicia que non teña igual nos libros en canto a exactitude, certeza, universalidade, sen que ningún sitio se coloque a vulto… percorrendo todo os perfís ou ourelas de toda a auga doce e salgada que hai en todo o Reino de Galicia”
O seu método de 150 preguntas destinadas para os aletóphilos dos que fala no derradeiro volume da súa Obra de Seicientos sesenta pliegos e obxectivos xa definidos en 1741, estruturados no 1751, revisados no 1759 e nos que parte do lingüístico como primordial, o nome das cousas:
“O medio máis breve, pronto e fácil que adoito usar para indagar a verdade…é o de facerlle eu varias preguntas encadeadas… confeso que son un preguntón insufrible… así preguntaba a todo trapo ao primeiro ou primeira que se me poñía diante, … e aínda que oín algunha respostas pouco instrutivas para o que desexaba saber, informeime non obstante de moitas cousas, que só puiden indagar por medio das miñas repetidas preguntas”...

“Que en 150 preguntas coordinadas con división, claridade e método, abrace todo canto se pode saber dunha provincia, territorio, cidade, vila ou aldea…”
“...Estas preguntas … as 24 primeiras fan referencia ao estado cosmográficoe subdivídense en seis apartados: Gramática, Xeografía, Metereoloxía, Topografía, Idioma e Carácter."

Sobre a Historia Natural e Botánica:
“Todo isto tense que estudar peregrinando, preguntando, escribindo e recollendo. Tense que recoller todos os nomes de animais, aves, peixes, mariscos, cunchas, insectos, anfibios, terras, fósiles, minerais,etc. Tamén debe recoller todos os nomes de todo vexetal árbore, planta, herba, flor, froito e semente,etc. Todos cantos oíse, aquí ou alí."

Criterios sobre os interlocutores fiables: O estudo que xamais deixará de man é a lingua galega, en toda a súa extensión e de todos "os países" (comarcas). Terá cadernos aparte nos que vaia colocando verbos, nomes, frases e adaxios como os fose oíndo e sempre preguntando para oír máis, a vellos, vellas, nenos, rústicos e pouco ou nada aos que, sen saber o galego, enorgullecen de castelanizantes.
Nenos e nenas, vellos e vellas, rústicos e páparos, iliteratos e idiotas, etc.. que sin pensar en ofender chamarei aquí a escoria e esterco da racioalidade… destes saquei, saco e sacarei o máis puro ouro da verdade que busco…
...primeiramente pregúntolles o seu nome o dos seus pais e apelidos, o do seu lugar e parroquia… da súa idade actual. Do que viron no seu lugar de obxectos da Historia natural, do nome do río da veciñanza, das distancias …”

Algúns exemplos concretos do seu carácter curioso e preguntón:
“Sempre que falo de Viveiro, non é porque estivese alí, senón porque a muller do meu irmán Fco Xabier criarase en Viveiro e escoiteille a ela moitas voces que alí usan”

"Viñan a min os rapaces con moreas de varias cunchas e ás cales daban o nome vulgar porque sabían que lles había de dar para castañas…
Dá cartos para castañas aos nenos aos vellos para tabaco, ás vellas para unha roca e a calquera para botar un cuartillo de viño"


Pero non pensemos que non selecciona a súa información e realiza unha crítica das súas fontes antes de tirar conclusións.

El mesmo utilizaba seguramente o galego nas súas entrevistas:
“ …Apenas cumprín en 9 de marzo os 15 anos da miña idade, cando a 3 de maio de 1710 saín da vila de Pontevedra para Madrid a tomar o hábito neste mosteiro de San Martín. Dende entón ata hoxe nunca fun a Galicia, senón o verán de 1725, que saído do colexio de Oviedo para Madrid, rodeei por Pontevedra; e o ano de 1745 que co fin do santo xubileu de Santiago, pasei dende o capítulo de Valladolid a aquela cidade, e despois de ter rodeado as costas marítimas, detívenme en Pontevedra aquel outono.
Dende o ano dito de 1710, nunca falei, nin lin, nin escribín tres períodos en lingua galega, e en canto a ler, apenas sabía que houbese monumentos (= documentos)escritos neste idioma, ata o dito ano de 1745 que vin infinitos pergamiños e papeis, e lin tal por curiosidade. Tampouco fun afeccionado a facer coplas, pois cando o diaño podería terme tentado na xuventude a facer de “Saúl inter poetas”, caín na tentación de ler libros serios e instrutivos, a que me introduciu o acaso de ter algúns a man. Tampouco pensara e indagar a orixe das voces galegas ata o ano 1745, cando por unha tal cal inclinación anterior a conxeturar sobre a etimoloxía dalgunhas voces castelás, estendina sen particular estudo a penetrar a orixe das voces galegas conforme as ía oíndo en Galicia…

Así nacen as 1200 coplas como o ensaio do comento (=comentario: "fíxenas unicamente para os galegos das proximidades de Pontevedra e en especial para o meu irmán Francisco Xabier, quen na súa vista poderá emendar algunhas locucións que non sexan puras galegas, e con esa ocasión recollerme moitas voces galegas puras, por se nalgún tempo estou de festa para continuar as coplas;… e espero que só V.Sª (Padre Rábago) aínda que castelán, por vivir tanto tempo en Pontevedra, e vivir actualmente en Madrid, entenderá moitísimo do dito coloquio poético…
Dixen arriba que non lin cousa escrita en galego. Lembreime que no ano 1727 vin na biblioteca de Toledo un códice manuscrito en pergamiño e en folio que conten os Dezires ou Coplas que fixo o rei don Afonso o sabio en loor da Nosa Señora e sobre os milagres que obrou co seu pai San Fernando… teño tamén texto do douto Marqués de Santillana, quen máis fai de 300 anos, escribiu que no antigo facíanse en lingua galega todos os Dezires, Coplas e Cantares… é certo que se eu tivese unha copia antiga podería exornar mellor o meu glosario e aclarar as mesmas coplas do dito rei don Afonso o Sabio.
Non hai regras da ortografía galega,se ben a que observei nos instrumentos
(=documentos) é moi constante e arranxada; e porque cando escribín as copliñas, non puxen toda a atención posible á ortografía, o propio acento de cada voz, porque as pensaba, profería e escribía, “calamo disparante”, tiven o coidado de rectificar no comento a verdadeira ortografía e o propio acento…
Claro está que só a min, ou a Xabier, ou a outros patriotas curioso de Pontevedra, poderán servir de algo os 15 pregos ditos.”


Nestas coplas o que fala non é Sarmiento, senón que cede a voz a un aldeán:
“Coñecín a un aldeán natural de Mourente e do lugarciño de Monte Porreiro, veciño e ao norte de dito chan (Parafita); o seu nome Marcos da Portela. Este era ( e creo vive) o rústico máis advertido , picarón e gracioso que alí tratei aíndo sendo eu neno.
Finxo que o cura de Taboadelo, ao mediodíado chan (de Parafita) estaba enfermo e que ofrecéndoselle ao dito Marcos ir a velo,foille forzoso atravesar polo chan; e vendo alí tanto concurso de xente sentada, parouse e sentou e estiven oíndo todo o coloquio e que despois determinou poñelo en coplas…”


Se cadra nos seus mesmos versos atopamos unha razón máis para escribir en galego, sentírense na Terra dalgún xeito como el mesmo di:

“Cando for a vila,
para meu contento,
verein qu´as saudades
cantando son menos.”


Deixamos aquí a versión dixital do Coloquio de 24 galegos rústicos ou das 1200 coplas

A continuación colgamos o vídeo resumo dos traballos realizados por varios alumnos/as de 1º bacharelato:

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 03-03-2012 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
A tradición oral e Sarmiento
Imos comezar preguntándonos por que o Padre Sarmiento, a luz dos Séculos Escuros, o Pai das Letras Galegas escribiu en Madrid en 1746 un libriño titulado Coloquio en 1200 coplas galegas ou dos 24 galegos rústicos?

Esta pregunta ten unha primeira e contudente resposta no que vén sendo o encabezamento que a dito traballo filolóxico realizou o frade bieito. Pero precisan estas razóns maiores puntualizacións que teñen que ver coa personalidade e as investigacións que sobre a lingua galega viña realizando o propio Martín Sarmiento.


Procuraremos primeiro respostas nun coñecemento máis preciso da situación na que vivían as nosas letras e a tradición en pleno século XVIII, para logo adentrarnos no mundo erudito deste ilustrado que se considera un adiantado a súa época e polo mesmo precursor e modelo para autores do XIX, dos do Rexurdimento, ese momento fundacional da Liteartura galega contemporánea e, en gran medida, da literatura que se realiza hoxe. Ese é o motivo de que teñamos que proseguir este traballo de investigación indagando na pegada do Coloquio nos séculos posteriores a Sarmiento, quen morreu en Madrid en 1775 sen ver editada esta obra.

A estrutura do traballo sería:

- A modo de introdución: Cal é o contexto no que se escribe este libro?

-Por que escribe Sarmiento este Coloquio das 1200 coplas?

-Que pegada tivo este libro en autores posteriores?
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 23-02-2012 13:30
# Ligazón permanente a este artigo
DOS CICLOS NA TRADICIÓN ORAL
O CICLO DO ANO ou O CICLO DA VIDA.
Para estudar os distintos xéneros e subxéneros que se dan na tradición oral adoitanse a traballar con dous ciclos: o da vida e o do ano, para intentar abarcar os numerosos tipos de manifestacións deste patrimonio inmaterial da nosa cultura que foi primeiramente estudado e clasificado polos especialistas en Cancioneiros dende o século XIX ata hoxe e que máis recentemente tamén se vén traballando con gravacións de campo a informantes o que nos permite reproducir tal e como se producen estes actos da tradición que en Galicia se mantivo moi viva ata a irrupción da mecaniación e abandono do rural e a impronta de fenómenos como o do Franquismo e o dos Meddios de comunicación de masas que desvirtuaron xa para sempre este sistema tradicional de comunicar esta literatura popular e anónima.

O CICLO DA VIDA
Do ancemento á morte o home e mais a muller pasan por unha serie de acontecementos que resultan cíclicos para cada persoa: celebracións do nacemento, cantigas de berce, cantos, contos e xogos dos primeiros anos de vida, asociados á infancia, logo cantigas de traballo, regueifas e careos, cantos de voda, etc...

Chamar a atención sobre cantigas asociadas a determinados traballos falamos e escoitamos os cantos asociados ao traballo do liño e as fiadas ou coa sega, tamén chamada seitura e
como a que se escoitou na clase sobre os canteiros (mesmo coa xerga específica "latín dos canteiros" o "verba dos arxinas"). Pódela escoitar de novo neste vídeo interpretado polo grupo Pallamallada:




O CICLO DO ANO
Este é o ciclo de celebracións que ao longo do ano se celebran e repiten de xeito períodico unha vez ao ano. Son moitas delas manifestacións festivas propiamente ditas Nadal, Maios, Romarías... ou simplemente festeiras onde o traballo habitualmente asóciase a unha festa a modo de remate do labor correspondente: Fiadas, Segas, Seráns.
Un grupo moi importante de creacións está asociado ao mesmo baile tardicional: muiñeiras e xotas e outros ritmos bailables con coplas populares cantadas por pandeireteiras, por exemplo.

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 28-03-2011 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
Retomamos o tema da tradición oral neste curso 2011

INTRODUCIÓN:Rematado o estudo sobre a Lírica Medieval Trobadoresca, esa que bebera das fontes da tradición oral máis antiga do galego, esa que nacera á vez da nosa lingua cara o século IX. Esta tradición oral máis antiga foi en algunha medida, transcrita nas cantigas de amigo e de escarnio máis tradicionais no século XIII e debido ao esplendor Literario e a unha serie de trobadores cultos sensibles a dita tradición oral.
Despois dun período de decadencia nos séculos XIV e XV, os denominados Séculos Escuros, por non escribirse practicamente ningunha literatura en galego, temos que saber que a nosa rica tradición oral que non morrera vai ser a responsable de soster a nosa cultura , darlle coherencia durante estes trescentos anos que van ata o século XIX. Xa no XIX vai permitir que de novo a nosa literatura escrita renaza, é o chamado Rexurdimento, que non se pode entender sen a fértil corrente literaria de tradición oral da que van beber todos os seus principais autores.

DEFINICIÓN e CARACTERÍSTICAS: Imos logo primeiro definir a Tradición oral cos conceptos xa explicados de carácter espontáneo, versatilidade e reiterativa execución dos seus diversos xéneros, a peculiaridade de non conservarse por escrito senón de boca en boca e de xeración a xeración, e, por suposto, o seu anonimato, dado que se concibe como creación colectiva dun pobo humilde e traballador.

DIVERSOS XÉNEROS:
Partimos do Romance (se ciclas na categoría de TRADICIÓN ORAL na marxe da esquerda deste blog, podes escoitar e consultar nunha das entradas do curso pasado a letra do famoso Romance de D. Gaiferos de Mormaltán, que recolleu o primeiro estudoso da zanfona e un bo coñecedor da tradición dos romances de cegos, Faustino Santalices). É un dos xéneros máis antigos que arrincan precisamente dos Cantares de Xesta e da tradición literaria culta e popular da Idade Media. Este xénero épico-narrativo (preséntase en conxuntos de versos octosilábicos con rima nos pares)pode pensarse de feito como antecedente dos relatos tipo lendas ou mesmo das máis modernas novelas.

Hoxe imos deixar aquí este outro texto dun romance moderno (burlesco e moito máis vulgar de creación recente, se cadra no século XIX, por non aparecer en cancioneiros antigos e que nunha versión do grupo Pallamallada foi escoitado xa na aula. Di o seguinte:

Era un vello setentón,
que tiña de nome Ghillermo,
e intentou buscar no vrán
unha muller para o inverno.
Acordouse dunha moza
de trinta anos ben maduros;
vivía soa na casa,
alá cerca de Teigur.
E pra o domingho sighiente
púxose de traxe fino,
foi visita-la rapaza
montado no seu pollino.
Cheghou, doulle as boas tardes,
felices, lle contestou.
Puxolle o pollino á porta
pra xunto a rapaza entrou.
Que ghuapa estás, Pepiña,
Quen che me dera, a poder!
darte un bico e un abrazo
pra saber o que é muller.
-Usté non sabe, Ghillermo,
que é cousa tan verghonzosa.
Un vello tan acabado
darlle bicos a unha moza!
O vello, xa enfadado,
foi e agharroulle unha teta,
e aínda non quedou conforme
votoulla á relinqueta.
Pepiña, xa de asustada,
pronto empezou a chorar,
e o vello, moi mainiño,
empezouna a consolar.
- Non chores, Pepa,non chores,
ó meu lado non teñas pena,
que si me queres de veras
eu caso contgho, nena.
Querereino por marido
si sabe corresponder,
e si comigho se casa
ben contento hei de ter.
O día tres de setembro
casáronse no convento,
foi cando notou Ghillermo
que cansaba o instrumento.
Era o día noveá noite,
entroulle unha pulmonía;
era o día nove á noite,
xa morreu ó outro día.
Morreu Ghillermo, morreu,
Pepa a ghusto quedou logho;
sin trazas de ter familia
o vello doulle pra un novo.


( Recollido en Anceu (Pontevedra no ano 1988 por Carlos Rei Cebral).

Na clase despois de escoitalo reflexionamos sobre o seu contido procurando un tema ou idea central que substenta este texto tradicional. Saberías ti cal é logo o seu tema?

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 01-03-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Para elaborar un tema sobre a Literatura de Tradición Oral
Apartados:
-Introdución: Dos xograres aos cegos esmoleiros (Texto, lectura e comentarios sobre: romance de Don Gaiferos, os tipos de romances e Faustino Santalices.

I-A literatura de tradición oral : definición, características e relación co folclore e o patrimonio inmaterial dunha cultura.

II-Xéneros e Ciclos da literatura de tradición: (Líricos, narrativos e dramáticos. Os tipos musicais. Os ciclos do ano e da vida na oralidade.

III-Fontes de información e estudo da literatura de tradición oral: Cancioneiros e recolleitas.Do Seminario de estudos Galegos, Casto Sampedro 1942, Bal y Gay e Torner 1973, D.Schubarth e Antón Santamarina 1982.

IV- Conexion entre a literatura de tradición oral e a culta. Antes do esplendor medieval. O vigor da oralidade nos Séculos Escuros. Contribución ao Rexurdimento: do Pai Sarmiento a Rosalía, Curros e Pondal. O sinuoso camiño da modernidade (Irmandades e Nós) no século XX. Situación actual e perspectivas de futuro.
Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 12-03-2009 07:33
# Ligazón permanente a este artigo
Alá cando eu era un mozo
En Galicia existe unha grande variedade de contos (marabillosos, humorísticos, mnemotécnicos, eróticos,etc...) pero o estraño é atopalos en forma de canto. Trátase sen dúbida dunha mestura de subxéneros da tradición oral pois son acontecidos cargados de ironía que usando as técnicas propias dos romances( ese formato tan popular e tan antigo)manteñen con eles unha semellanza formal, sendo de contidos menos elevados, máis populares e que podían perfectamente ser parte do repertorio dos cegos aínda que non sempre foron historias escritas nos pregos.Esta que transcribimos a continuación pode ser de orixe "culta", pero o seu anonimato fai dela unha peza singular dentro da literatura de tradición oral.
Traemos aquí este exemplo conto cantado coñecido e popularizado a partir da gravación do CD "GALICIA DERRADEIRA POLAVILA" unha gravación realizada na casa dos mesmos informantes, é dicir, por especialistas cun estudo móbil que percorreu Galicia nos anos 80.

Alá cando eu era mozo foi interpretada por Xosé Abilleira nunha versión que xa fora recollida a principios de século con máis coplas. Tiña 75 anos no momento de ser rexistrada no ano 1985 en Neira de Rei, Baralla ( Lugo).

Alá cando eu era mozo,
tiña doce anos cumplidos
fun ver a unha nena guapa
filla de Xoan dos Despidos.

Eu levaba un pau tan grande
coma un fumeiro dun carro,
unhas zocas de chinela,
fumando nun gran cigarro.

Cheguei, déille as boas noites,
sae un can moi apurado,
eachóume o calzón de estreno
e máis deixoume deitado.

A rapaza non estaba,
que iba dar un viaxiño
e saín para aguardarlle
ó alboio dun veciño.

Sae outro can tan grande
coma a cabeza dun sapo,
arrastróume polo chan
coma se eu fora un trapo.

Eu a sentir tal barullo
deixei as zocas chinelas
e para que non me colleran
déille cebo ás canelas.

Miña nai ó chegar á casa
fíxome unhas boas sopas,
cantóume as cuarenta en bastos
e máis dispois vinte en copas.

Meu pai ó chegar á casa
para quentarme ben as moas
dóume sete bofetadas,
encima de mans, filloas.

* Outra versión versión cantada
Comentarios (1) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 26-02-2009 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
ROMANCE DE DON GAIFEROS
Trátase dun dos romances máis vellos dos conservados e recollido por tradición oral polo estudoso Faustino Santalices, un dos homes aos que debemos a recuperación da zanfona, ese instrumento medieval que usaban os cegos para cantar ás portas das igrexas ou nas feiras romances como os que podes escoitar a continuación. Estes cegos á súa vez foron continuadores da tradición dos xograres medievais de aí que nalgúns casos se nos conserven pola vía da tradición oral romances como o de DON GAIFEROS DE MORMALTÁN que é o nome dun ilustre peregrín a Compostela do século XIII, o Duque de Aquitania, que tras percorrer baixo o nome cabaleiresco de Gaiferos de Mormaltán o Camiño Francés até Santiago morreu un día de Venres Santo ao pé do altar do Apóstolo como narra o romance e aparece tamén citado tal suceso no Códice Calixtino.




ROMANCE DE DON GAIFEROS
I onde vai aquil romeiro, meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela, non sei se alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue, xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello, non sei se alí chegará.
Ten longas e brancas barbas, ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados, verdes como a auga do mar.
-I onde ides meu romeiro, onde queredes chegar?
Camiño de Compostela donde teño o meu fogar.
-Compostela é miña terra, deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles, brilante como un altar.
-Cóllase a min meu velliño, vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas da Virxe de Bonaval.
-I eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará.
Chegaron a Compostela, foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou Gaiferos de Mormaltán:
-Gracias meu señor Santiago, aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida, pódesma señor tirar,
porque morrerei contento nesta santa Catedral.
E o vello das brancas barbas caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes, verdes como a auga do mar.
O bispo que esto oíu, alí o mandou enterrar
E así morreu señores, Gaiferos de Mormaltán.
Iste é un dos moito miragres que Santiago Apóstol fai

Para SABER Máis sobre Faustino Santalices
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 26-02-2009 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
O libro da memoria do San Narciso na TVG
Estivo hai uns días a TVG no San Narciso, en Primaria, para gravar un miniprograma "Ben falado! cunha das nosas actividades a prol da lingua... podes velo no enlace de máis abaixo.
Outro día voltará, esta vez por Secundaria.
BEN FALADO do 14 de novembro 2008
Comentarios (1) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 21-11-2008 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
DENDE CANDO EXISTE A NOSA TRADICIÓN ORAL?
Podemos falar da existencia de tradición oral en galego dende o século VIII ou IX, é dicir, dende o seu nacemento como lingua diferenciada do latín, porque como ocorre coa maioría das linguas, a nosa naceu de forma oral para despois ser utilizada nos textos escritos.
A primeira mostra de tradición oral en galego atopámola nas cantigas medievais, porque, aínda que están recollidas en textos escritos, eran cantadas polos trobadores ou xograres e así foron pasando de xeración en xeración ata chegar aos nosos días. Está demostrada, por outra parte, a relación das cantigas denominadas "de amigo" cunha tradición oral anterior ao fenómeno da escrita no reino de Galicia, práctica que foi introducida, como tamén é sabido, pola influencia do trobadorismo que chega a estas terras polo Camiño Francés. Mesmo hai autores como Méndez Ferrín que insinúan que a cronoloxía dos acontecementos puido ser distinta, é dicir, que o que coñecemos como lírica provenzal veuse primeiramente influenciada pola lírica tradicional peninsular, especialmente pola galego-portuguesa.
Ademais destas cantigas podemos falar da existencia de cantos relacionados con acontecementos cíclicos (festa dos maios, por exemplo)ou numerosas lendas, desde as dos mouros ata as lendas de cidades asolagadas, pasando polas lendas de lobos, lobishomes e o resto de personaxes míticos das que non sabemos con certeza cando naceron, pero que podemos constatar dende moi cedo na nosa cultura.
Se falamos da riqueza da tradición oral, non debemos esquecer os nosos refráns, así como tampouco as nosas adiviñanzas. As principais transmisoras de todas estas lendas, adiviñanzas, contos e cantigas foron as mulleres. A obriga destas a quedar na casa ou a traballar nas veigas, fixo que foran elas as que lles contaran contos aos seus fillos ou as que inventaran cantigas de berce, de colleita ou relacionadas con cada época do ano.
Dende o final da Idade Media ata mediados do século XIX, a literatura escrita en galego desapareceu case por completo. O único que nos quedou foi a literatura de tradición oral nas pequenas vilas e aldeas. E destas aldeas e vilas é do lugar de onde beberon os nosos autores do Rexurdimento para volver a crear unha literatura escrita de calidade.

Cada vez son máis as persoas que se interesan por recuperar o que tradicionalmente é noso e van recollendo cantigas, contos e lendas para que non desaparezan coa xeración dos nosos avós. Eles, os nosos avós, foron os últimos que viviron ese mundo ruralizado na que Galicia viviu e que permitiu que ata os anos 50 do século pasado moitas destas manifestacións orais permanecesen entre nós vivas. Debemos pois buscar fórmulas neste mundo da globalización para manter viva esta fonte constante de alimento da nosa cultura hoxe ameazada pola universalización e a despersonalización da cultura.

Agora que saímos do entroido, debemos pensar máis en todo isto da tradición oral, porque todas as nosas tradicións están unidas ao idioma; as típicas cancións de entroido nas que se fai unha crítica dos políticos, da sociedade ou da xente en xeral, non son tan diferentes daquelas cantigas medievais de escarnio e maldicir coas que comecei este texto.

LENA Blanco Soage
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 25-03-2008 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal