galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mamá, un texto para comentar.
Mamá, texto para comentar do libro Os comedores dePatacas de Manuel Rivas.

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste. Sempre que a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme ganas de chorar. Ela queríame.
-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.
Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón, antes de que manchen o traxe de almirante. tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá -díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. o médico contárame que todo ía ir ben pero a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara coma a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
- ¡Desgraciado! -dixo ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta, coma unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. Ía pasar meses mirando para o teito.
-Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
-Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao aeroporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló embaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estabamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminososna grande teitume. Durmín lambendo o sangue doce dos labios.
-¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame, mamá. Sufría por min.
-¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.

COMENTARIO DE TEXTO: Mamá,
da novela “ Os comedores de patacas” de Manuel Rivas.
O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espazos, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Localización: Mamá é texto inicial ou de presentación do protagonista Sam no capítulo primeiro dunha das primeiras novelas que escribe Manuel Rivas no ano 1991. Como é sabido comeza a súa andaina literaria como poeta. Encadrase na literatura do posfranquismo, na creación máis recente sendo un autor destacado e premiado a partir especialmente da publicación do seu libro de relatos curtos Un millón de vacas, premio da Crítica Española no ano 1990.
Asunto: Unha nai visita no hospital ao seu fillo tras dun accidente de tráfico, o diálogo entre eles transcorre en paralelo co pensamento do rapaz que vive o suceso dun xeito case infantil, como se dunha aventura se tratase, e no que expresa con insistencia o seu sentir verdadeiro cara a nai, sentir que é incapaz de expresar. Ese diálogo manifesta todo o contrario. A través do monólogo interno descubrimos que ten problemas coas drogas e atópase no hospital despois dun accidente de tráfico no que resultou ferido nunha perna do que vai quedar coxo. O coche conducíao un tal Luou, amigo polo que sente admiración. Na súa reflexión lembra as sensacións tras do accidente. E o diálogo volve ao primeiro plano a falta de comunicación coa nai, pero tamén o afecto que senten e que non saben expresar un ao outro.

TEMA: Se Mamá o título o tema xira precisamente ao redor dos problemas que o fillo, protagonista do relato ten á hora de comunicarse con ela. Marxinalidade e incomunicación.
O punto de vista é un narrador interno, protagonista, ese prototipo de mozo marxinal que aparece frecuentemente nos relatos de Manuel Rivas, portavoz de conflitos interxeracionais.

Tendo en conta que se trata dunha especie de cabeceira dun capítulo inicial da novela OS COMEDORES DE PATACAS, dun texto onde cada relato ten a súa vida propia, imos analizalo por separado sen facer referencia algunha ao que logo virá na novela. É, por suposto, un momento de presentación e de limiar ou introdución da mesma e isto naturalmente inflúe poderosamente no texto.
Na estrutura do relato chama rapidamente a atención a presenza nesta breve intriga psicolóxica dos dous personaxes, nai e fillo, que nunha situación crítica tras dun accidente son incapaces de pronunciar palabras que expresen claramente cariño. O personaxe protagonista, o mozo, é o que evidencia as dificultades de relación que teñen nas súas reflexións. O hospital é un espazo referencial insinuado co relato do diagnóstico do médico, nunha breve retrospección, pero tamén hai outro espazo evocado, preto do aeroporto da Coruña, de noite, nunha retrospección máis precisa da lembranza na súa mente dos momentos anteriores e inmediatamente posteriores ao accidente. Este espazo aparece descrito con trazos máis precisos á vez de idealizados, un xardín onde se mesturan olores e música nunha descrición agridoce. A pesar da reflexión do protagonista non deixa de estar presente nela os sentimentos cara a súa nai que en clave de antagonista intervén dun xeito reiterativo, só a través do diálogo que interrompe os pensamentos do seu fillo parcialmente e nos momentos precisos para evidenciarmos a incomprensión e os sentimentos que se profesan, a pesar da dureza das palabras, palabras duras ás que parecen estar afeitos, nai e fillo, e que funcionan como motor do relato no comezo e no fin do mesmo, xa dixemos que é cabeceira dun primeiro capítulo da novela. Este texto podémolo dividir en tres partes.Unha primeira ata xusto despois da primeira contestación desconcertante e o pincho da perna do accidentado que nos sitúa no espazo do hospital. Comeza así un relato con dúas evocacións internas do protagonista: a da visita do médico e o diagnóstico de que se ía quedar coxo, en primeiro lugar, e logo aparece xa a lembranza do accidente tamén suxerida polo diálogo previo, conciso e fugaz que é unha especie de exculpación ante a nai: “conducía el”. A terceira parte sería o último diálogo entre nai e fillo, entrecortado con breves pensamentos de contraste evidente e que nos lembran a cabeceira do texto, nunha evidente estrutura circular, pechada para manifestar precisamente o imposible dunha comunicación de amor directa e aberta entre o adolescente delincuente e a súa nai.

Imos pois a analizar a linguaxe do texto comezando no nivel semántico. O primeiro que nos chama a atención son dúas cadeas léxicas de palabras e frases referidas contrapostas: unha do querer e os sentimentos de cariño como “ganas de chorar” “ agarimase” “sufría por min” fronte a outra cargadas de desprezo “desgraciado”, “ vai á merda, mamá” que contrastan para evidenciar unha ironía tráxica, pero ironía ao fin, ao ser antitéticas as ideas que están na súa mente “dábame moita pena” e as que se expresan de palabra “Déixame tranquilo, hostia!”. Van situadas estratexicamente no texto no comezo e final do mesmo e ocupando unha parte substancial do mesmo. Situadas pois cun valor relevante e destacado. É un dos recursos máis significativos que subliña nun ton desacougante precisamente este contraste entre a formar de pensar e o que di e cómo se expresa o personaxe protagonista que se nos revela aparentemente ( léase as primeiras liñas) tenro, sensible e, á vez, malfalado, desafiante, provocador e agresivo. Tamén se percibe esa conduta na contestación que espera o lector da nai e a que realmente dá, entrando nunha espiral de mutua incomprensión. Hai de novo ironía na descrición de Loou, o condutor do coche accidentado, na comparación “coma unha momia”, “coma un pelele de serrín” e sobre todo por ese “ía pasar meses mirando para o teito”ou tamén cando “o coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou”. Esta ironía acompaña á visión da vida alegre, ousada e inmatura do mozo drogadicto. Mais Manuel Rivas quere levar ao lector á reflexión a través das “reflexións” que a modo de denuncia, como se dun símbolo se tratase, denuncia unha situación cada vez máis común entre a nosa mocidade e na nosa sociedade. Denuncia da drogadicción, da marxinación e a incomunicación que se xera.
Se buscamos outros recursos frecuentes na prosa de Manuel Rivas atoparémonos co lirismo que deixa caer ao comezo do relato, no retrato inicial da nai descrita polo propio protagonista: “tan delgada, tan triste”… “con aqueles ollos de animal ferido”. Un lirismo que expresa tamén na descrición das sensacións que rodean o accidente, especialmente os instantes posteriores do accidente, coa comparación do coche voando e planeando “coma un parrulo torpe e desfalecido” ou a metáfora das estrelas “pespuntes luminosos na grande teitume”. Este lirismo evocador do accidente en clave de “aventura” define ao protagonista, sitúanos na tesitura de pensar se realmente iso foi un accidente ou máis ben unha consecuencia lóxica da alteración dunha vida normal para un mozo e ruptura co mundo que significa “meternos Algo”, esa metáfora, en maiúscula, tabú que evita pronunciar a palabra que fai deste accidente algo esperable. O protagonista gaña fondura con valores moi rechamantes e fortemente contrapostos cos feitos que se narran, a penosa e dura situación de marxinación na que se atopa e a inconsciencia xuvenil e cega coa que este a vive. Amosase pois cara el certa tenrura e simpatía. Pero el é un personaxe da rúa que non sabe nin quere estar, un personaxe incómodo, ousado. De aí que apareza axiña fumando un cigarro no hospital e de aí que saía unha palabra da boca da nai, á que só parece quedarlle esa palabra constante que atravesa todo o texto redundante e monótona: desgraciado. Do personaxe protagonista preséntanos pois unha descrición de carácter, unha etopea, cun mundo interior por veces onírico, co pseudobrillo desa falsa aventura que cre estar vivindo para inmediatamente volver as súas dificultades expresivas “o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí” ao seu uso da linguaxe coloquial, os tacos, a música xitana do radiocasete que nos lembran constantemente o seu verdadeiro estatus social. Unha vítima do consumo de Algo que dun xeito tamén enfermizo e infantil se nos presenta cun desexo, o de ser querido e manifestar ese amor de fillo que na práctica é incapaz de expresar a causa da súa dependencia da droga, das circunstancias nas que se atopa, accidentado , no hospital e por suposto das súas carencias mesmo á hora de falar.
O texto presenta un dinamismo áxil axeitado ao que se quere expresar, acompaña a súa estrutura conceptual un diálogo con carácter reiterativo que marca o ritmo do mesmo e entrecortando un discurso máis pausado, pero intenso cheo de frases curtas, pensamentos e reflexións breves, pequenos cadros descritivos das retrospeccións do protagonistas sobre a visita do médico e do accidente a modo de flashes da visión da vida que ten o rapaz, esa vida e as súas vivencias que nos pasa tamén veloz por diante a todos, pero da que debemos saber sacar leccións de vida, para un mellor existir.

A modo de conclusión podemos encadrar este texto sobre a incomunicación, unha consecuencia da marxinalidade, como representativo da narrativa dos anos 90, unha narrativa que nace na Galicia da Normalización, é dicir, en pleno proceso de normalización do galego, de incorporación do mundo urbano e as súas problemáticas á literatura e mesmo a especial querencia polo mundo marxinal e a mocidade, as problemáticas interxeracionais e os seus problemas de relación recorrentes na obra de Manuel Rivas. Un texto no que conviven ironía e lirismo como recursos característicos do seu estilo e que son unha das constantes dos grandes autores da narrativa galega do XX. Chama a atención o seu dominio da linguaxe á hora de plasmar os trazos esencias dos personaxes a través dunha combinación áxil de coloquialismos e expresións maxistralmente engarzadas coa estrutura do texto, esa combinación de dous modos de discurso como o diálogo e a narración cun ritmo de vertixe capaces de retratar dun xeito conciso a vida destes dous personaxes símbolo e vítimas dunha incomprensión mutua produto da nosa sociedade. Unha fórmula que reitera Manuel Rivas na súa obra, a de facer un pequeno drama transcendente dun feito cotiá ao que estamos, ou cremos estar acostumados e afeitos. Este texto é logo unha chamada de atención sobre o mundo no que vivimos, mundo que creamos ou do que deberíamos facernos responsables.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS COMENTADOS - Publicado o 11-11-2009 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
ESQUEMA PARA UN COMENTARIO DE TEXTO

Esta que segue é unha proposta que circula polos libros e que precisa unha pequena explicación ou un modelo de comentario seguindo o esquema que se propón. Colocamos un texto de Castelao de modelo a continuación ( é importante ver o debuxo que realizou para ilustrar este texto o propio Castelao):


Esta morea de pedras e tellas, de latas tomadas e táboas podres, que semella un cortello abatido, foi o tobo en que viveu moitos anos a vella Fanchuca.
Esta figueira de ponlas ensarilladas foi o amparo da vivenda. Os figos ninguén degoraba comelos porque sabían a miseria.
A vella Fanchuca pregaba de porta en porta, alá cando nas nosas aldeas había máis fartura de pan que de diñeiro. Aínda era no tempo en que cada esmola recibía un bico de quen a daba e outro bico de quen a collía; porque as esmolas non eran cachos de cobre acuñado, que eran codelos de pan ou espigas de millo.
A siña Fanchuca, por ser tan probe e tan vella e por estar tan perto da morte, ía tornándose terra e xa se confundía de lonxe coa lama dos camiños. Mais a vella Fanchuca sabía remozarse o día da festa prendendo na roupa moitos remendiños bonitos: adobíos da súa probeza, que o sol e a choiva de todo o ano ían trocando en novos ferrapos torreiros.
A vella Fanchuca contaba máis de catro veces vinte anos e portaba nas roupas os remendiños de tódalas festas, talmente como levan as plumas os paxaros cativos.
A primeira mostra de probeza que fitaron os meus ollos foi a siña Fanchuca e dende aquela tiven tan aparelladas na miña memoria a vellez e a miseria, que aínda hoxe tódolos vellos enrugadiños parécenme probes de pedir polas portas.


COMENTARIO
TEMA: A decadencia do ser humano é a pobreza.
Resumo: O lugar onde a vella Fanchuca viviu é unha figueira e un cortello. A siña Fanchuca pedía de porta en porta na aldea de por si pobre. A proximidade á morte achega a vella á terra, aínda que se poña remendiños bonitos. Logo vén a reflexión final do autor que ten dende neno: a asociación mental sobre identificación da miseria e a vellez.

O narrador testemuña, polo tanto un narrador interno, que se nos descobre cara o final do texto, dálle sentido completo a biografía da siña Fanchuca, como icona máis próxima na que se asocian na memoria de Castelao miseria e vellez.

A Estrutura do texto parte dun lugar que evoca en sentido retrospectivo a vivenda do personaxe protagonista, a Siña Fanchuca (ver o nome). O debuxo que acompaña o relato é precisamente unha figueira de pólas ensarilladas. A continuación describe a situación da aldea como contexto de atraso económico onde subsiste Fanchuca. Unha terceira parte na que se repara na condición terreira de Fanchuca e a súa vellez e aspecto. E o final, de tipo conclusivo, no que se extrapola a impresión que dende a nenez do autor provoca a visión da miseria personificada nesta vella, unha asociación coa que invita a reflexión.
Analizando a linguaxe do texto, en primeiro lugar, debemos destacar a descrición inicial da “vivenda” de Fanchuca punto de arranque da evocación ideas de fachuco, enliado, amoreamento, revolto, podre, derrubado e a metáfora “tobo”, último elemento da enumeración da primeira oración na que aparece previamente un simil “cortello” asociable á connotación do sufixo despectivo en -uco. Esta enumeración inicial, unha selección de substantivos e adxectivos maxistralmente combinados na que Castelao presenta unha asociación degradante, un lugar máis propio de bestas e animais coa intención de retratar unha vivenda indigna do ser humano. Finalmente presenta, en oración aparte e en primeiro plano, unha figueira enmarañada, único amparo daquela vivenda, para convertela nun símbolo do desprezo que provocaba a vella Fanchuca, pois os seus figos, ninguén os degoraba. Unha hipérbole suliñada no momento en que nos dí o por qué: “sabían a miseria”. Xa desta primeira parte do texto se desprende un valor negativo que o narrador presenta como colectivo, asumido polo conxunto dos veciños.
A vella (epíteto case constante ligado a siña Fanchuca vencellando permanentemente vellez á miseria) reside na Aldea. O contexto é Galicia esa economía do intercambio e atrasada onde a esmola se exerce non con moedas (palabra evitada cun rodeo “cachos de cobre acuñado” a propósito, para facer máis evidente a súa rareza). O punto de partida de onde emerxen as preocupacións de Castelao, o telón de fondo é sempre Galiza. A preocupación polas súas xentes humildes aquí se transparenta na figura da siña Fanchuca. A atención está pois centrada nun pobo, o galego, e nunha clase, a humilde, e no seu retrato sentimental, conmovedor, o ton reflexivo co que aborda a presentación do personaxe no que a miseria, a sitúa mesmo petando na “porta da morte” de aí a hipérbole coa que di que “ía tornándose terra” cofundida na lama dos camiños, metafórica descrición da soidade e desamparo que xa se insinuaba na palabra “tobo” do primeiro parágrafo e mesmo na figueira dos figos da miseria, elementos ligados todos á terra, esa que nos acolle cando morremos. O dramatismo da situación aparece aínda máis marcado no paradoxo de “querer remozarse” a unha muller “tan vella e tan pobre” o valor dos adverbios de cantidade reforzando a imaxe degradada da protagonista. De novo outro paradoxo que recobra folgos ao colocarse no día da festa ( elemento aparentemente alegre que entoldará no contraste evidente co personaxe mísero que nos presenta) moitos remendiños bonitos ( fixámonos aquí no valor connotativo do diminutivo que evoca afecto e tenrura cara a Fanchuca como querendo aminorar o tráxico destino e a poderosa evocación buscando o contraste dos adxectivos moitos e bonitos) definidos finalmente como os “adobíos da pobreza”, potente metáfora que recolle tamén a intención de destacar por parte de Castelao o inútil (ironía tráxica) que resultaba ese esforzo inxenuo. Esta idea tamén aparece máis abaixo no simil “talmente como levan as prumas os paxaros cativos”, suliñando a imposibilidade de saír dos parámetros da pobreza. Precisamente cara o final deste parágrafo o mesmo autor coa mención metafórica do paso do tempo (sol e chuvia) desenmascara baixo unha nova fórmula literaria, unha metáfora da forma de vestir da siña Fanchuca que é un reclamo da terra que a espera: “novos farrapos torreiros” ( a adxectivo novos reforza a idea paradóxica e ata certo punto antitética que domina o parágrafo presentando á vez un choque entre o novo e remozado versus o vello e o farrapo, o remendo. Unha vellez física evidenciada polo circunloquio “máis de catro veces vinte anos” con roupas tamén enrugadas polo paso do tempo como símbolo da pobreza.
No derradeiro dos parágrafos vén a reflexión o ton meditativo expresado nas palabras “viven na miña memoria” como se as ideas fosen tamén seres que habitan en nós e que se instalan para non marchar nunca. Permanencia e insistencia remarcada con expresións adverbiais como “dende aquela” e “aínda hoxe” que suliñan, por unha parte, que estamos ante unha mirada que leva anos lembrando esa imaxe da siña Fanchuca e do que ela representaba ( teñamos presente que se nos dí: “a primeira mostra que fitaron os meus ollos” co que se nos deixa a entrever que o narrador observador que se dirixe a nós era mozo ou neno, o que nos provoca unha maior carga de dramatismo e de valor sentimental. Por outra banda destaca a importancia da sentencia final, esa semellanza da vellez e a pobreza do ser humano, da asociación de calquera vello enrugadiño (de novo o valor afectivo do diminutivo) coa debilidade e decadencia da que tamén son víctimas os humanos que viven na miseria. Neste páragrafo a insistente aparición do concepto de semellanza nos leva a ineludible asociación de miseria co decaimento físico que supón a ancianidade.

O ritmo do texto narrativo é pausado ao recrearse na descrición, dada tamén a importancia de elementos gramaticais como os adxectivos e os adverbios, a subordinación. Na reiteración de enunciados e do nome do personaxe ao comenzo de varios parágrafos a modo dunha anáfora imprimen ao texto e no lector esa sensación de constante recreación dun mesmo tema, que sen dúbida queda reforzado con este ritmo lento escollido polo autor.

Nos aspectos fónicos do texto non destacamos especialmente ningún recurso esencial, anque podemos falar da sonoridade do nome da protagonista e de posibles aliteracións que reforzan valores connotativos de figuras antes sinaldas como “farrapos terreiros”.

En conclusión, neste texto recoñecemos valores moi singulares do estilo de Castelao tanto á hora de escoller unha temática (contido) que busca a comuñón coas clases humildes de Galicia, a emoción solidaria co ser humano centrada neste caso na pobreza como elemento de decadencia, como á hora de establecer unha estructura textual (forma) na que o final sexa moi relevante, tendo un carácter sintético que provoca a reflexión profunda e universal anque parta no seu relato da anécdota singularizada neses seus personaxes retratados con tanta emotividade, con tanta tenrura que contaxian ao lector. A siña Fanchuca recorda aquí a eses grandes personaxes tráxicos do teatro de todos os tempos nos que o personaxe se revela inutilmente (no que se chama ironía tráxica) ante o drama da súa propia existencia. Os remendiños moitos e bonitos cos que nos días de festa vestía a vella Fanchuca son ante os ollos sensibles de Castelao os adobíos tristes da pobreza.
Castelao como narrador establece fortes relacións co ser galego, coa súa forma de narrar, cos seu estilo achegado a temas tan populares como a morte que aquí tamén se evoca na proximidade de Fanchuca á mesma, recursos tan característicos da nosa literatura como o diminutivo, o certo lirismo das expresións metafóricas comentadas, a proximidade tamén á ironía, neste caso tinxida do escuro da dramática situación do personaxe retratado nos días de festa. Castelao recolle a esencia dunha longa tradición de relato oral para facela pasar polo seu peculiar punto de vista.

Castelao nesta “cousa” reproduce pois unha visión centrada na Galicia do seu tempo, na que a crítica das inxustizas e a denuncia da miseria na que viven labregos e mariñeiros son aspectos esenciais da súa creacción inserta no momento emerxente do nacionalismo galego no primeiro tercio do século xx, do que como sabemos Castelao é unha peza sustancial.

Comentarios (2) - Categoría: TEXTOS COMENTADOS - Publicado o 10-11-2009 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Como fago un comentario dun texto
Comentar un texto esixe de nós, ademais dun esforzo, seguir os seguintes pasos:

1º/Lectura e información: Implica realizar as lecturas do texto necesarias para entendelo e consultando as dúbidas do significado das palabras que lemos, o vocabulario utilizado. O coñecemento da obra serve de gran axuda nesta fase previa.

2ºLocalización do texto: Determinar xénero, período no que se encadra, identifiando ao autor, a obra da que procede e a corrente ou contexto literario e da época á que pertence.

3º Interpretación do texto: Este é o núcleo do comentario, presentando por separado as seguintes partes da:
a) Asunto, tema e punto de vista: Resumir o que transmite coas nosas palabras, para deducir un tema central ou idea principal de forma clara e breve é fundamental para continuar coa interpretación o resto do comentario xirará arredor del. Finalmente analizar o punto de vista lírico ou narrativo que utiliza o autor.
b) Estrutura: Analizar as partes nas que se pode dividir e as relacións que se dan entre elas ( no caso dos textos narrativos aquí analizaremos personaxes, espazo, tempo e modos de discurso).
c) A linguaxe: Analizarémola por niveis
Nivel semántico ou de contido ( Do léxico e das súas relacións, das connotacións e artificios deduciremos o ton do texto melancólico, optimista, máxico, reflexivo…)
Nivel morfosintáctico ou da forma (Dos distintos elementos gramaticais, tipos de oracións e artificios referidos ao ritmo, deducimos o dinamismo expresivo que será negativo ou lento, se abondan as figuras de repetición por exemplo, e positivo no caso contrario)
Nivel fónico ou do son: (Especialmente importante para a poesía medida e rima, artificios que contribúen á musicalidade do texto).

4º Valoración: Unha valoración debe conter unhas conclusións extraídas dos pasos anteriores do comentario unindo cada un dos apartados anteriores, identificando dende a idea central ao seu valor literario nun contexto histórico e social.
Comentarios (3) - Categoría: TEXTOS COMENTADOS - Publicado o 21-04-2009 07:05
# Ligazón permanente a este artigo
Mamá, de Manuel Rivas
COMENTARIO DE TEXTO: Mamá,
da novela “ Os comedores de patacas” de Manuel Rivas.
O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espacios, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS COMENTADOS - Publicado o 06-11-2008 06:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal