galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

No 2015 para o galego
Desexos para unha lingua no 2015.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-01-2015 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
No día contra a violencia de xénero


Pensar: Non; dicir: Non; escribir: Non

Educadas na submisión e no consentimento perpetuo. Obrigadas a dicir sempre si; a sermos como se esperaba que fósemos, como se quería que foramos... as mulleres aprendemos dende moi cedo a calar e asentir, a non dicir e non facer aquilo que nos afastaba da norma, a reprimir e mesmo avergoñármonos de pensamentos e sentires que nos convertían en “malas”, porque a bondade era, é, obedecer.

Afortunadamente sempre houbo transgresoras, mulleres insubmisas e rebeldes que se atreveron un día a dicir NON: na casa, na cama, na rúa, na fábrica, tamén na escrita.

Escribir cura as miñas dores. Libérame dos meus medos, escorrenta as pantasmas que me atormentan. Escribir permíteme crear espazos de xustiza e liberdade máis semellantes ao mundo no que desexaría vivir. Pero, como muller feminista, escribir non é tan só unha opción individual . Escribir forma parte tamén do compromiso colectivo coas mulleres que loitan en diferentes frontes. Escribir é unha homenaxe as mulleres que me abriron camiño, aquelas que dixeron NON, moitas veces a costa da súa vida. Pero, sobre todo, escribir é unha obriga con todas aquelas outras que aínda non descubriron a palabra que nos fai libres e fortes, aquelas que aínda non saben a grande revolución que se desencadea cada vez que alzan a voz e da súa boca sae un simples NON.

Begoña Caamaño.

outro
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2014 07:14
# Ligazón permanente a este artigo
PARA SETEMBRO
Deixamos a seguir unha proba modelo da 3ª avaliación:

1- Opción A) Compara a poética de Rosalía coa de Pondal e Curros./Opción B) Explica a EVOLUCIÓN DO GALEGUISMO XIX ata 1936.
2- O mundo poético de Pondal: Poesía cívica e lírica.
3- A Rosalía de “Cantares Gallegos” (temáticas e estrutura do libro)
4- Follas Novas estrutura, temáticas e estilo.
5- O mundo poético de Curros Enríquez. (Temáticas e estilo).
6- X. M. Díaz Castro: Vida e obra.
7- Localiza nos seguintes poemas trazos de estilo que permitan identificar ao autor e a obra á que pertencen:

I)
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

II) Nobre e armoniosa,
fala de Breogán,
fala boa de fortes
e grandes sin rival.
Ti nos eidos da Celtia
e co tempo serás
un lábaro sagrado
que ao trunfo guiara.
Fala nobre armoniosa,
fala de Breogán!
Seras épica tuba
e forte sin rival que chamarás
os fillos que aló do Miño están.
Os bos fillos o Luso,
apartados irmáns,
cos robustos acentos
grandes os chamarás
!Verbo do gran Camoens,
fala de Breogán!


III) Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.


IV) Un repoludo gaiteiro
de pano sedán vestido,
como un príncipe cumprido,
cariñoso e falangueiro,
entre os mozos o primeiro
e nas cidades sen par,
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña,
con esta miña gaitiña
ás nenas hei de enganar.


V) Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.

Cando de lonxe vos oio
penso que por min chamades
e das entrañas me doio.


VI) Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

VII)
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


VIII) Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"


IX) Ó pé do castro verde,
ben os mira ó pasar;
quen masa escura e informe,
axuntados están,
e na nativa costa,
os escuita fungar:
Parécelle que soan,
intrépido compás,
cuida que do combate,
murmuran o siñal;
en escadron formados,
cal gente de Breogán,
en falange de ferro ben tecida,
que s'aprest' a luitar.

X) Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentou,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal chorou Madalena na Pasión.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2014 05:25
# Ligazón permanente a este artigo
Temporalización 2013-14
A temporalización prevista inicialmente para este curso de Lingua e literatura galegas de 1º de Bacharelato será a que segue:

A materia divídese en tres avaliacións seguindo o seguinte cadro para a súa distribución ( os temas do 1 ao 14,correspóndense en gran medida cos do libro de texto do presente curso):

GALEGO

1ª avaliación
LINGUA UNIDADES
0-1-5-6
LITERATURA
8-9-10-11

2ª avaliación
LINGUA UNIDADES
2-7
LITERATURA
12-13-14

3ª avaliación
LINGUA UNIDADES
3-4
LITERATURA
15-16*

* As Unidades 0,15 e 16 son complementarios que non están no libro de texto, relacionados co lema do curso do centro, coas Letras galegas e outro ao período do Rexurdimento e autores das lecturas.)

As propostas mínimas de lectura persoal fóra da aula e que se distribuirán ao longo do curso son:
¿Que me queres, amor? de Manuel Rivas. (Nadal)
A Praia dos afogados, Domingo Villar.(Maio)

Libros a traballar na aula :
Made in Galiza, Séchu Sende.
Poetízate, selección de poemas de Fran Alonso.


Pendente dunha posible dramatización dun texto teatral de autor galego como pode ser: Criaturas de Vidal Bolaño.

PRIMEIRO TRABALLO - EXPOSICIÓN ORAL EN GRUPO:

Dividimos a clase en 5 grupos (de 4 ou 5 compoñentes) que farán unha exposición oral na aula nas clases na semana do 14 ao 18 de outubro, todos sobre o mesmo tema e baseándose nunha presentación power point.
O tema será a Formación do Galego: con 4 ou 5 apartados:
- A Gallaecia prerromana e os substratos do galego.96-97
- A Romanización.98-99
- Os superestratos do galego.100-101
- O nacemento e esplendor do galego medieval. 120-121
- Causas da decadencia e dos Séculos Escuros.142-143

Ademais cada traballo presentará unha serie de preguntas sobre a exposición para realizar aos compañeiros/as a continuación da exposición.
Contidos: tirados do libro de texto páxinas indicadas máis arriba / na antiga web do Centro Historia do galego e outros libros de texto.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-10-2013 23:17
# Ligazón permanente a este artigo
XORNADA ACTIVA POLA PAZ
Día escolar pola non violencia e a Paz no Colexio San Narciso

Os alumnos/as de Secundaria do CPR SAN NARCISO hoxe luns día 30 de xaneiro, día escolar da non violencia e a Paz, levaron a cabo unha xornada didáctica e activa pola Paz. Este tipo de actos se ven realizando en centros de ensino en todo o mundo en lembraza da figura de Mahatma Gandi que foi asasinado tal día como hoxe no ano 1948.


A Xornada consistiu nun traballo inicial nas aulas de cada curso tras da reflexión inicial da mañá no que as distintas materias foron desenvolvendo actividades referidas á celebración para ao concluír a xornada realizar unha posta en común coa lectura de textos (Miguel Hernández, Gianni Rodari, Celso Emilio Ferreiro…) , a confección dunha xigantesca pomba da paz de papel e algunha dramatización utilizando temas tan coñecidos como o de “Imagine” de Jonh Lennon ou " Blowin in the wind" Dylan interpretados en directo polos propios alumnos/as de 4º da ESO e Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-01-2012 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
De cara a Setembro:
Para todos recomendar a lectura: Ollos de auga, de Domingo Villar (Galaxia)a outra novela da saga da que xa limos durante o curso e que seguro vos atrapará de novo.

Para os alumnos/as coa 1ª, 2ª e 3ª avaliacións pendentes, estudar ben os temas do Libro: 1-2-3-13-14-15-16-17-18 -19 e incluír un tema sobre as Letras Galegascon dous apartados:
- Lois Pereiro, poeta dos 80 ( vida e obra)
- Himno galego ( consultar a entrada sobre Pondal neste mesmo blog).

Prácticas: Xénero, número, pronomes, verbos.

Ver probas modelo máis abaixo.

Para os alumnos/as coa 2ª e 3ª avaliacións pendentes, estudar ben os temas do Libro: 13-14-15-16-17-18 -19 e incluír un tema sobre as Letras Galegascon dous apartados:
- Lois Pereiro, poeta dos 80 ( vida e obra)
- Himno galego ( consultar a entrada sobre Pondal neste mesmo blog).

Prácticas: Xénero, número, pronomes, verbos.

Ver probas modelo máis abaixo.

Para os alumnos/as coa 3ª avaliación pendente, estudar ben os temas do Libro:17-18 - 19 e incluír un tema sobre as Letras Galegascon dous apartados:
- Lois Pereiro, poeta dos 80 ( vida e obra)
- Himno galego ( consultar a entrada sobre Pondal neste mesmo blog).

Ver probas modelo máis abaixo.


PROBAS MODELO

Para 1ª avaliación

1- Diferenza HOMONIMIA e POLISEMIA. Logo indica o hiperónimo das seguintes series de palabras:
–sobreira, maceira, cerdeira, bidueiro
–rosa, margarida, petunia, azucena
–enxeñeiro, carpinteiro, cirurxián, mestra

2- Define: linguas de substrato e de superestrato. Indica cales son as linguas de substrato e superestrato do galego, pon exemplos de léxico procedente de cadansúa linguas de substrato e superestrato.

3- Indica se as seguintes palabras están formadas mediante sufixos alterativos ou derivativos e explica a diferenza entre estes dous tipos de sufixos.
casiña, argalleiro, casarío, tradución, camisón, ximnástico, pequecho, cubismo, froitaría, duradeira, rapazote, xentalla, irmanciño, pouquiño, portelo, penacho, cochazo.

4- Do nacemento do galego ao esplendor medieval da nosa lingua IX ao XIII. Realiza un esquema básico deste período.

5- Indica se os seguintes substantivos teñen xénero masculino ou feminino:
cabotaxe, mel, ponte, cume, cute, cuspe, diadema, dote, pube, trade, ubre, arte, legume, suor.

-Indica as diferenzas entre os seguintes pares de palabras:
río / ría, bolso / bolsa, pozo / poza, cesto / cesta.

6- Escribe o feminino das seguintes palabras:
catalán, comellón, xuíz, heroe, campión, italiano, tecelán, san, cru, marqués, xudeu, papán, alemán, barón.


-Escribe o plural das seguintes palabras:
fértil, iraquí, anzol, til, dólar, cóctel, ollomol, patín, fiel, fel, cadáver, esquimó, pavillón.


7-Tema: As cantigas de amigo.

8- Tema: As cantigas de amor


9/10- Clasifica as seguintes cantigas (tipo e subtipo) e sinala nelas dous recursos de carácter tradicional e trobadorescos:

“Eno sagrado, en Vigo,
bailava corpo velido:
amor ei!
En Vigo, [e]no sagrado,
bailava corpo delgado:
amor ei!
Bailava corpo velido,
que nunca ouver' amigo:
amor ei!
Bailava corpo delgado,
que nunca ouver' amado:
amor ei!
Que nunca ouver' amigo,
ergas no sagrad' , en Vigo:
amor ei!
Que nunca ouver' amado,
ergu' en Vigo, no sagrado:
amor ei!”

Martín Códax.




Un tal home sei eu, ai ben tallada,
que por vós ten a sa morte chegada;
vede quen é, e seed’en nembrada:
eu, mia dona.

Un tal home sei eu que preto sente
de ssi morte chegada certamente;
vede quen é, e véñavos en mente:
eu, mia dona.
Rei don Dinís


Para 2ª avaliación


1- Cantigas de amigo: Definición, tipos e características.
2- Cantigas de amor: definición, tipos e características.
3- Cantigas de Sta María: definición, tipos, autoría e características.
4- Lingua e sociedade: Explica brevemente os pasos do movemento galeguista dende o século XIX ata o 1936.
5- SÉCULOS ESCUROS: Razóns que os provocaron, extensión e definición da situación do galego neste período.
6- Quen eran e que escribiron os precursores do Rexurdimento. Que eran os Xogos Florais.
7- Rosalía de Castro: Os principais fitos da súa biografía.
8- Rosalía e a tradición oral nos “Cantares Gallegos”.
9- Define a Tradición oral a través das súas características principais.
10- CLASICIFA os seguintes textos e localiza en cadansúa cantiga dous recursos tradicionais e trobadorescos.

A dona que eu am' e tenho por senhor
amostrádemi-a Deus, se vos en prazer for,
se non, dádemi a morte.

A que tenh'eu por lume destes olhos meus
e porque choran sempr', amostrádemi-a, Deus,
se non, dademi a morte.

Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai, Deus!, fazédemi-a veer,
se non dádemi a morte.

Ai Deus!, que mi-a fezestes mais ca min amar,
mostrádemi-a u possa con ela falar,
se non dádemi a morte.

Bernal de Bonaval


Sériame eu una ermida de San Simón
E cercáromne as ondas que grandes son
Eu atendendo ao meu amigo
E verrá?
Estando na ermida ante o altar
E cercáronme as ondas grandes do mar,
Eu atendendo ao meu amigo
E verrá?
E cercáronme as ondas que grandes son
Non hei barqueiro nen remador
Eu atendendo ao meu amigo
E verrá?
E cercáronme as ondas do alto mar
Non hei barqueiro nen sei remar
Eu atendendo ao meu amigo
E verrá?
Non hei barqueiro nen remador,
Morrerei fremosa no mar maior,
Eu atendendo ao meu amigo
E verrá?
Non hei barqueiro nen sei remar
Morrerei fremosa no alto mar,
Eu atendendo ao meu amigo
E verrá?

Meendinho



Para 3ª avaliación

1- Contrasta e compara a poética de Rosalía coa de Pondal e Curros.

2- O mundo poético de Pondal: Poesía cívica e lírica.

3- A Rosalía de “Cantares Gallegos” (temáticas e estrutura do libro).

4- Follas Novas estrutura, temáticas e estilo.

5- O mundo poético de Curros Enríquez. (Temáticas e estilo).

6- LOIS PEREIRO: Vida e Obra.

7- Localiza nos seguintes poemas trazos de estilo que permitan identificar ao autor e a obra á que pertencen:

I) Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise...

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais de amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.


II)
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras, ao pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa.
Se cantan, es ti que cantas,
se choran, es ti que choras,
i es o murmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min e en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

III) Velaí vén, velaí vén tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos,
mais vén a fartura
¡e a luz! ¡ e o progreso!

IV) Maio longo...Maio longo;
todo cuberto de rosas,
para algúns tes, te-las de morte,
para outros, te-las de bodas.

Maio longo, maio longo,
fuches curto para min,
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.


V)Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2011 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre a seguinte proba de galego.
Imos traballar sobre os seguintes temas do libro:

tema 4- O galego e a súa historia no XIX e XX Cadro final ( páx. 60-65)

tema 16- Os Séculos Escuros.

tema 17-O Prerexurdimento (Contexto, textos e autores)

tema 18- Rosalía ( biografía e importancia da tradición oral na súa obra Cantares Gallegos.)

tema especial da Tradición oral.

Non entrará nada de sociolingüística.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2011 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
COMENTARIOS DoS SUFRIDOS ALUMN@S
Comentarios (12) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2010 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
Para o día do Libro: UN TIPO LISTO
Un tipo listo de X. Monteagudo é a lectura que esperamos iniciar xa para poder compartila no próximo nmes co seu autor. Se non a mercáches, mércaa hoxe, ou pásate pola biblioteca máis próxima para reservar o teu exemplar e comezar esta lectura intrigante. Que aproveite!
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-04-2010 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
ESTIVEMOS EN LUGO: CIDADE ROMANA, PATRIMONIO DA HUMANIDADE E DO CAMIÑO

Os cursos de 1º Bacharelato realizaron unha saída educativa a LUGO o día 9 de marzo na que se traballou sobre diversos centros de interese. A cidade como cidade Romana e monumentos como as súas Murallas, declaradas Patrimonio da Humanidade e tamén diversos aspectos culturais entre outros os que están expostos no magnífico Museo Provincial. tamén houbo unha visita á Catedral onde non foron quen de atopar resposta a unha das preguntas que se lles propuña nesa especie de xogo entre preguntas e respostas que intentaba ir debuxando os trazos que definen a cidade nunha visita dunha xornada. A pregunta era sobe a inscrición que aparece na catedral en latín que podes atopar nesta entrada da Galipedia: Lugo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2010 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal