galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DE SARMIENTO A XOÁN MANUEL PINTOS
CAUSAS QUE PROVOCAN O REXURDIMENTO

O Rexurdimento foi consecuencia dunha serie de factores que se van dar no século XIX en Galicia:

- A influencia dos Ilustrados, especialmente Sarmiento e os seus escritos na defensa do galego, mesmo ao crear un modelo de literatura contemporánea coas súas 1200 coplas.
- A repercusión da Guerra da Independencia que vai provocar unha firme conciencia de pobo que precisaba o autogoberno.
- A difusión dos postulados políticos do liberalismo,fronte ao absolutismo centralista, descentralización e defensa das peculiaridades de Galicia.
- As ideas do romanticismo movemento que se estende por toda Europa exaltando a liberdade e as culturas autóctonas.

Temos que ter en conta que o ambiente intelectual de Galicia eclosiona co Provincialismo políticamente falando, pero como consecuencia da represión exercida (os mártires de Carral 1846) produciuse un desprazamento das reivindicacións cara ao terreo da cultura e da literatura que contribuirá á maduración do movemento literario que denominamos o Rexurdimento.

OS CHAMADOS PRECURSORES
Aínda que hoxe podemos considerar a Sarmiento como o primeiro dos Precursores, este termo acuñado por Manuel Murguía relacionase con aqueles escritores do século XIX anteriores ao Rexurdimento e foron uns dos primeiros que fixeron grandes progresos na dignificación de Galicia, dos galegos e da lingua galega. Estes precursores nacen de dous movementos político-sociais da época, que son o Provincialismo e o Rexionalismo.
O Provincialismo foi un movemento político e cultural que xurdiu en Galicia arredor do 1840 e constituíu un dos antecedentes para os grupos políticos e culturais do galego que terían lugar no século XX.
Este movemento naceu principalmente en Santiago de Compostela grazas aos estudantes desta cidade. Xurdiu como consecuencia do ambiente político da época, para defender os intereses dos galegos e para dignificar Galicia do desprestixio que tiña. De feito, debe o seu nome á oposición por parte dos provincialistas á división de Galicia en provincias, de forma incoherente, pola administración en 1833. O Provincialismo pretendía que se vise Galicia como unha soa provincia e fose chamada como era no pasado, como Reino de Galicia.
A este primeiro movemento que se divide en dous períodos (o primeiro de 1840 ata 1846, que tivo moita actividade política e literaria e o segundo desde 1854, que sobre todo tivo actividade literaria) pertencen numerosos precursores, que publicaban as súas obras en xornais e facían poemas e concursos ou grupos de intelectuais a favor da lingua galega. Os principais precursores desta época son:
-Francisco Añón: Foi poeta e tratou temas como os costumes galegos (como a obra ``Alma en pena´´) ou a morriña e o amor por Galicia, póndoa como un lugar idílico cunha lingua idílica, intentando borrar así os antigos prexuízos que tiñan os estranxeiros sobre Galicia (como en ``Recordos da infanza´´). Ademais fomentou a lingua galega a través de xornais nos que participou activamente como no El Idólatra de Galicia. Serviu como referencia para autores do Rexurdimento como Curros, que o representa nunha das súas obras (O divino sainete).
-Antonio Neira: Foi basicamente xornalista, e fixo un gran traballo para promover o uso do galego mediante os xornais nos que participou activamente, como, por exemplo, en El recreo compostelano, La Situación de Galicia, ou El Idólatra de Galicia.

-Antolín Faraldo: Foi escritor galego e xornalista no xornal de El Recreo Compostelano. Realizou, sobre todo, unha grande activdade política, incitando aos mozos galegos a que se deran conta da mala situación na que vivía Galicia e mediante as súas obras alentaba os levantamentos provincialistas.

O precursor máis importante da época do Provincialismo e dos que virían máis tarde co Rexionalismo foi Xoán Manuel Pintos (Pontevedra 1811-Vigo, 1876). Pintos, escritor, poeta e lexicógrafo, estudou filosofía na Coruña, fixo a carreira de dereito en Santiago de Compostela (1829-1835), exerceu como avogado na Coruña (1837-1840), foi xuíz en Cambados e Pontevedra (1840-1844) e rexistrador da propiedade en Vigo (1862).
Casou en 1841 con Serafina Amando, coa que tería catorce fillos. Sabía tocar o violín e participou na Real Academia Galega en 1906. Pertenceu ao segundo grupo provincialista e defendeu a lingua e cultura galega e aos galegos mediante as súas obras poéticas e literatura.

PINTOS EDITOR DE SARMIENTO E POETA

A obra de Sarmiento era coñecida nos ambientes intelectuais de Galicia, pero sería Pintos quen en 1859 prepara unha edición e publica o Coloquio das 1200 coplas de Sarmiento, instaurado así como modelo literario a seguir polo poetas da época como o propio Pintos, Morales e Rosalía.

Foi o primeiro poeta importante do Rexurdimento, ou se se prefire, do Prerrexurdimento. As súas obras reflicten o seu estudo para a recuperación do galego e a súa preocupación pola eliminación dos defectos que puidese haber no galego, escribindo así, con dozura, sonoridade e sen defectos. Tamén, en moitas das súas obras, podemos ver como incita aos galegos ao uso da lingua propia de maneira correcta.


Esta preocupación pola normativización da lingua, vémola na súa obra Breve diccionario gallego, escrito por un tamborileiro para facilitar a comprensión de A Gaita Gallega, de feito axudou á Real Academia Galega co seu Glosario.
A maioría dos seus poemas e dalgunhas das súas obras foron publicadas en xornais ou revistas como no xornal pontevedrés El Circulador.
A súa obra máis importante e coa que se centrou máis na lingua galega foi A Gaita Gallega, publicada en 1853 e da que xa se publicaran algunhas partes no xornal pontevedrés Los Misterios de Pontevedra. Os personaxes fundamentais desta obra son Cristus que é un gaiteiro galego que fala da súa lingua e dos seus costumes galegos e Pedro Luces, tamborilero non galego que é o destinatario do contado por Cristus. Este, vaille ensinando que o galego non é una mala lingua e vaille desmentindo os prexuízos que teñen os casteláns sobre os galegos. Nesta obra, Pintos defende notablemente a nosa lingua e dignifícaa, combatendo os prexuízos sobre ela dos pasados séculos escuros. Esta obra servirá de referencia para moitos autores do Rexurdimento xa que é unha das primeiras grandes obras que defenden o uso da lingua galega e a Galicia.
Ademais destas obras Pintos escribiu outras vinte composicións poéticas e, antes de morrer estaba escribindo unha ao xa defunto Vesteiro Torres, que fundara en Madrid a agrupación Galicia Literaria.
Máis tarde, Pintos será un escritor de referencia non só para os poetas do Rexurdimento, senón tamén para os posteriores, polo seu labor na defensa da lingua galega. Un exemplo deste respecto que sentirán por el os escritores do Rexurdimento pódese observar na obra de Curros Enríquez O divino sainete, na que fai referencia, ademais de a outros autores do Provincialismo como é Añón [interpreta nesta obra un dos papeis de protagonista] a Pintos que tamén aparecerá nesta obra.

Volvendo ao resto dos precursores, cabe destacar aos dous últimos máis importantes, pertencentes xa ao Rexionalismo: Alfredo Brañas e Manuel Murguía.
-Alfredo Brañas foi un escritor do Rexionalismo, que fixo numerosos estudos sobre a sociedade e lingua galega. Defendía que a tradición e a sociedade galega non merecían o esquecemento no que estaban e incitaba a que se seguise loitando polo galego.
-Manuel Murguía (marido de Rosalía) foi un escritor, poeta e xornalista do Rexionalismo que estivo en contacto con moitos dos outros precursores. Entre as súas obras destacan algunhas como Historia de Galicia. Tampouco debemos esquecer o seu labor animando á súa muller Rosalía para que escribise en galego. Foi un dos intelectuais que máis traballou polo galego e por Galicia.

Todos estes Precursores anteriormente nomeados, incluído Pintos, realizaron un gran labor de dignificación da nosa lingua e da nosa cultura. Fomentaron o uso da lingua galega entre os galegos, trataron de dignificala demostrando que non era un dialecto, como se pensaba, e que tamén valía para escribir literatura. Grazas a eles foron posibles os grandes movementos literarios, socias e políticos como o Rexurdimento ou o nacionalismo galego, porque estes personaxes, mediante diferentes métodos (revistas, poemas, novelas, conferencias…) intentaron e conseguiron fomentar a nosa lingua e que os nosos costumes non se perdesen e, sobre todo, prepararon o camiño para o avance dos que viñeron despois deles.
Comentarios (0) - Categoría: OS PRECURSORES - Publicado o 04-04-2014 07:05
# Ligazón permanente a este artigo
DE SARMIENTO A MORALES (II)
DA TRADICIÓN Á RECREACIÓN DE FERNÁNDEZ MORALES

Logo virían autores no XIX no chamado Rexurdimento das Letras que recrearían tamén a fala e as formas de cantar tradicionais para realizar obras magníficas como é o caso dos Ensayos Poéticos en dialecto berciano, de Antonio Fernández y Morales (1861) unha obra extensa (9.137 versos) e clave para entender en toda a súa dimensión este período da nosa literatura, posto que se adiantaría á tan popular Rosalía de Castro. Seleccionamos aquí dous anacos de dous poemas distintos:

Entrando logo na villa
Franca, garrida, sencilla
que honores ten de Ciudá,
un castillo hacia Castilla
o viaxeiro atopará.

...
Se logo se vai á praza,
ailí verá pampalliños,
liño en cerros pequeniños,
de Dragonte leña e caza
e de Hornixa marraniños. ...
Leite fresco de Vilela;
as tarxas de Ponferrada;
as truitas de Paradela;
de Burbia a leite mazada
i estopa de Horta en manelas.
Manteca, en grandes roscois
de tripas, de Paradiña;
de Penoselo xamois;
perdices da Veigueliña,
e de Ruitelán castrois.
De Bembibre pimentón;
nas tabernas muitas “zorras”;
de Galicia pescao bon;
trigo e mel de Valdeorras,
e figos de Corullón.

(Do poema Villafranca e a vendima)

Ainda non acabara
o torto de falar esto,
cuando, bufando ca cólera,
botouse a fiera correndo
Fóra da cova, entre o lume que escagallou polo suelo.
En cuanto co escuadrilao
se encarou, púxose tieso
sobre as patas, como un home,
e pra el foise dereito.
...
Despois que un pedazo bon
ambos luitando estuveron,
pillando a ocasión o torto,
fundiu hasta o puño mesmo no costao zurdo do oso
dun solo golpe o cuitelo.
Pegou entonces a fiera
unhos berridos tan recios, que pareceu polo pronto
que se escacharan os tesos,
e que tremían os valles,
e que estoupaban os cerros.
Seguidamente pegaron
tal sacudida seus nervios,
que co cazador caeu
dende o mesmo pericueto
dunhos lastrois, dando voltas
cuasi hasta o fondo do cerro.


(Do poema A caza maior)

Para entender ben os textos usa o dicionario.


Organiza un pequeno vocabulario coas palabras que non entendas.
Localiza castelanismos e trazos dialectais do galego do Bierzo.
Repara nos topónimos citados e contrástaos coa denominación actual nun plano da comarca. En que se parece o primeiro texto de Morales e o anterior de Sarmiento?


Categoría: OS PRECURSORES - Publicado o 09-04-2010 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
DE SARMIENTO A MORALES (I)


SARMIENTO O PRECURSOR
Sarmiento foi o primeiro en darse conta e valorar este patrimonio común que conservamos e que é á vez unha das compoñentes máis significativas da nosa identidade. A fala foi durante moitos séculos un patrimonio conservado polas xentes humildes, que non sabían ler e escribir, pero eran quen de máximas como: “Do mal peito, mal feito” ou “Das palabras non o sonido, sino no sentido” . Sarmiento sería dos poucos coñecedores neses Séculos Escuros para a literatura en galego da magnífica poesía medieval en lingua galega conservada en manuscritos que tivo ocasión de consultar, por vez primeira, en Toledo. Pero tamén el foi o primeiro en compoñer á imitación do que o pobo facía o Coloquio en mil duascentas coplas galegas.

TEXTO A)

Na vila é costume
dempois qu’a coñezco
qu’os sábados todos
do ano e arreo,

se faga mercado
mercando e vendendo
mil cousas do usso
con muito comerzo

de olas, de potes,
de asados, pucheiros,
de pratos, cazolas,
picheles e petos,

angazos e rodros,
rebolos e eyxos,
de rocas, de fusos,
de trouzos, sarelos,

de polas e polos,
de lebres, coelhos,
de pitas e ovos,
deveces son frescos,

marrás, bacuriños,
años e carneiros,
capós e cabirtos,
e todo a bom prezo...
(coplas da 26-31)

pantrigos, petadas,
ripotes e queixos,
mel e manteiguiñas
e fruitas do tempo

de liño, d’estopa,
de mantas, mantelos,
de cintas, de faixas
manguiñas, ourelos,

navallas, fouciñas
tixeiras, cuitelos,
e vingueletiños
grandes e pequenos.

As coles con terra
se venden por centos,
se mide a naviña
val muito diñeiro.

Por fin e por postre,
mal e que cansemos,
se vende , se merca,
de todo, sen termo.

Así pois un día
do mes de setembro
que foi dezasete
mercado o terceiro...

(coplas 32-37)

TEXTO B)
Perucho:
... o rey don Phelipo
estando no leito
non sein se durmindo,
non sein se desperto,...

...Faltoulle o resollo
e mais os meneos,
sen febre e sem dore
se foi para o ceo...

Sacáronlle a maga,
botáronlle drento,
sal e vinagre,
allos e mais cheiros...

Maruxa:
-Fe, pu, como fedes
Perucho fedello
con conto tan podre,
tan porco e fedento.

Cuidein que poñías
por caso e enxempro
cando por Nadal,
no noso terreo
matan, lañan, salgan,
os porcos bem cheos,
e fan-os touziños
e mais os codelos.

(coplas 162, 168-219, 221-223)


PROPOSTAS DIDÁCTICAS

TEXTO A)Cantos dos produtos que se venden neste mercado da época de Sarmiento coñeces?
Coa axuda dun dicionario intenta buscar as palabras que non entendas.
Sarmiento facía estas enumeracións para cubrir diversos campos semánticos, organiza por campos semánticos os substantivos que aparecen.
Compara un mercado daquela cos de hoxe. Que semellanzas e diferenzas atopas?

TEXTO B) Esta obra de Sarmiento é un Coloquio no que interveñen personaxes. De que cres falan nestas coplas Perucho e Maruxa?
Esta obra é un Coloquio de 24 rústicos, no texto falan dous labregos e por que cres que Maruxa se lembra do Nadal. Que ten que ver isto coa morte do Rei da que fala Perucho?

Localizas no textos A e B algunha ironía ou retranca? Explícaa.
Comentarios (0) - Categoría: OS PRECURSORES - Publicado o 09-04-2010 08:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal