A sesión da RAG no Courel comezou cun desbordante discurso de Manuel Rivas, advocado ao chamado dos "irmáns de maio". Rivas subliñou como Novoneyra logrou transcender o Courel e como o converteu no "centro do universo" a través do "soño da esfera" que lle proporcionou a poesía. A liberdade, indicou, foi o alicerce da súa obra, unha obra na antítese do verso-propaganda, dócil e decorativo. Poemas que foron "revolucións sensoriais" nun canto xeral de "ecoloxía creadora" até construír "o máis fermoso libro: o manuscrito da terra".
Manuel Rivas tampouco esqueceu o compromiso co idioma e destacou que todo galego ten "responsabilidades como tal" en relación co idioma, responsabilidades que van "máis aló das ideoloxías e das premisas do propio partido".
"Non valen medias tintas, hai que estar si ou non con Galicia e non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sente a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial", proclamou.
Margarita Ledo, a segunda académica en intervir, enxalzou "unha xeración enteira" que defende a identidade, a cultura e o idioma galegos: "Está aquí, no Courel, e alí, en Compostela", proclamou, ao tempo que lembraba a forza ritual de Novoneyra como dicidor, até converter os seus recitados en actos comunais".
O encargado de revisar a traxectoria literaria de Novoneyra foi Darío Xohán Cabana, que subliñou os seus comezos poéticos ou a súa amizade con Manuel María. Cabana salientou, de xeito especial, o seu "verso xestual" e a medida da respiración como métrica. Foi, concluíu, "como Picasso reinventando as covas de Altamira".