Os que lestes Merlin e familia lembraredes como o mago de Cunqueiro é quen de tinguir coa cor que lle pete a realidade, coa sinxeleza de mesturar nun vasiño de auga unhas gotas "do licor dos países". Así todo o un día é azul; ao día seguinte pode ser vermello, ou mouro, ou verde,...
Menos relativistas, e moito máis prosaicos ca Merlín, somos os mestres (aínda que de cando en vez tamén se produce a maxia nas aulas). Pero tendemos á realidade monocromática: a da nosa materia. Ás veces parecera como se non existise nada máis alá da nosa especialidade.
Así que para combater esa teima convén paseármonos por outras realidades que tamén están aquí; no mesmo IES de Allariz: son os blogs das outras materias.
Así que ligarémonos con:
Comezamos a estudar a Xeración dos 50 ou Xeración das Festas Minervais, como denomina Ferrín ao grupo de escritores ao cal el mesmo pertence.
Como o ano 2010 é o ano de UXÍO NOVONEYRA, comezaremos polo poeta do Courel vistando a páxina www.uxionovoneyra.com
Era algo que xa sabiamos: os nosos autores e autoras están entre os mellores. Xa sabiamos que o panorama da literatura galega actual é rico e interesante. Mais o que era algo máis ca unha intuición vén de ser corroborado neste titular: FERNÁNDEZ PAZ E DOCAMPO, SINALADOS ENTRE OS MELLORES AUTORES DO SÉCULO XX( Xornal de Galicia, mércores 10 de febreiro de 2010)
Expertos do I Congreso Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil escolleron dúas obras súas,Contos por palabras de Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Docampo, entre as once máis salientables.
Parabéns aos autores recoñecidos e a todos os que están no mundo na nosa lingua.
O programa Libro aberto da RTVG foi unha xanela non só ao mundo dos libros, senón en xeral, ao panorama cultural de Galicia.
É interesante porque se fomenta a lectura, danse a coñecer as novidades editoriais, non só as galegas; de feito, lembro unha entrevista a Ángeles Caso polo seu premio Planeta; podemos voltar a este arquivo visual que tanto xogo nos pode dar e ver entrevistas a Rosa Aneiros, a Domingo Villar e a tantos outros autores e autoras, presentacións de libros, reportaxes sobre poesía e música,...
Picade en Libro aberto da RTVG.É moi interesante.
Grazas a Rosa Aneiros por acudir ao encontro literario co alumnado de 1º de Bacharelato do Ies de Allariz neste día de San Brais.
Tamén queremos amosarlle gratitude a Rosa por regalarnos a súa escrita fermosa, ricaz, interesante e comprometida, non só coa memoria, senón tamén ,e moito, co presente; e por facelo na lingua nosa.
Rosa Aneiros é da xeración de escritoras mozas, ás que ninguén lles abriu a porta das letras; elas empurrárona con moitos azos, e cun talento extraordinario.
Así é que Rosa sendo tan nova ten xa unha obra amplísima e recoñecida:
En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser, á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia no ano seguinte; Veu visitarme o mar no 2004 e Ao pé do abismo (2007) no que se recollen artigos publicados en diferentes medios. Recentemente publicou dúas novelas : Ás de bolboreta, e Sol de inverno. Ademais participou en moitas obras colectivas, entre elas O son das buginas, que tiña ademais un fin solidario. Á parte podémoa ler en moitos medios de comunicación impresos e dixitais.
Se a galardóns nos referimos, mencionaremos os máis recentes : o xerais do 2009 por Sol de inverno. E o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil por Ás de bolboreta. Conta con outros recoñecementos xornalísticos e literarios como o Modesto Rodríguez Figueiredo, o Manuel Lueiro Rey, o Manuel Murguía, o Carvalho Calero o Premio Arecebispo Juan de San Clemente( cuxo xurado está composto por estudantes coma vós) o Premio Careón e o Premio Fernández del Riego de xornalismo.
Se dos premios obtén a escritora recoñecemento e prestixio, como non podía ser doutra maneira, quixera que dos lectores coma nós notara admiración e gratitude; neste senso dicíame hai poucos días unha compañeira referíndose a Sol de inverno: “Canta historia aprendín e canto chorei” Non é algo fantástico? É verdade que esta novela nos fai menos inconscientes da nosa historia recente, e acádao de xeito emotivo, gozoso e inesquecible porque esa historia ten nomes e carne e emoción e beleza. Probablemente algo semellante sentimos con Resistencia: case seguro que a escola nunca vos empurrara a vos interesar pola historia recente de Portugal; pois isto conségueo Resistencia case sen decatármonos, con grande mestría; e asulagámonos nese tempo de ditadura e poñémonos na pel de Filipa e imos ao cárcere de Peniche con Dinís, …
Reitero o agradecemento a Rosa Aneiros polo compromiso e por engaiolarnos con estes libros e cos que virán.
O martes que vén a excelente escritora Rosa Aneiros estará co alumnado de 1º de bacharelato do IES de Allariz para falar da súa obra. Xa leron Resistencia e seguro que axiña moitos deles disfrutarán con Ás de bolboreta e Sol de inverno
Que vos gustaría preguntarlle?
/i> e
Inma López Silva estivo connosco na biblioteca do Ies falando sobre a súa última e galardoada novela Memoria de cidades sen luz.. Explicounos anécdotas de como elixiu o título despois de moito remoelo: primeiro pensou en "Igual que Medea", mais non estaba convencida. Tiña que aparecer a palabra memoria tan importante na historia, onde o protagonista vai nómade á busca da súa identidade polas cidades de Santiago, A Coruña, París, Nova Iorq, Bos Aires, de volta a Galicia,... Evidentemente tamén as cidades,...O da falta de luz, foi por un apagón que se produciu en Barcelona, que lle acendeu á autora a bombilla.
Explicounos o que máis lle interesa das historias: os personaxes; cando as personaxes teñen carne, como as das mulleres galeguistas como Lucía , constrúe vidas e escenarios para elas. Tamén contou como personaxes reais de carne e óso ás veces están a soster o esquelete dos de ficción.
Inma López Silva, que xogaba aos mitos na nenez, é consciente da responsabilidade dos novelistas na tarefa da recuperación da historia, esa historia que habitualmente non aparece nos libros de texto.
Aínda nos contou moitas outras cousas sobre o panorama da literatura galega actual, @s seus narrador@ favorit@s,a súa seguinte novela coa que vai andar moi pronto ensarillada...
Pesie a non ser mitómanos, engaiolounos coas súas palabras adicadas, fermosas e amables, nas entradas dos nosos libros asinados, o sorriso natural e perenne na súa boca e a lucidez dunha moza que irradia humanidade e luz.
Moitas grazas Inma.Ata cando ti queiras;agardámoste en Allariz.