GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sementar a esperanza dun futuro mellor.

A MULLER QUE VIVÍA NO FUTURO
Hai moito tempo sucedeu algo.
Naceu unha nena que vivía no futuro.
Puxéronlle de nome Manhá e a xente non se explicaba como sucedera aquilo.
Manhá chegaba á primavera antes que as flores.
E antes de que chegase o inverno, as mans de Manhá xa estaba frías.
Como ela vivía no futuro, toda a xente era como dunha época pasada.
Ela daba as respostas antes de saber as preguntas.
E dicía cousas que ninguén nunca imaxinara.
Cando Manhá ollaba cara atrás, todo estaba moi lonxe.
E a sombra da muller que vivía no futuro ía varias horas de sol adiantada.
As casas novas volvíanse antigas cando pasaba ao seu lado.
As mazás oxidábanse nas súas mans.
Manhá nunca estaba aquí e agora.
O día que Manhá morreu, a xente deixou de vivir no pasado.


Trátase dun conto de Séchu Sende un autor dos nosos días, Made in Galiza

Sobre as técnicas do conto en Rafael Dieste:
Lede a continuación esta introdución maxistral ao seu libro "DOS ARQUIVOS DO TRASNO"(1926) na que define a súa técnica narrativa.

Introdución

A unidade emotiva consíguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir.

O remate ha de ter a virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas.

A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en todos os currunchos do relato.

O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.

O conto é unha pelica na que se sente o pulso dunha imaxe contida.

O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz.


CUESTIÓNS: Quen pode ser esta muller?
1- Analiza o texto: tema, personaxes, espazos e tempos.
2- Comentario dos principais recursos e da función destes no texto. Por exemplo, intenta explicar por que Manhá é unha muller no relato cando o mañá (referido ao futuro), substantivado, adoita ser masculino. Lembra a transcendencia simbólica da mañá e da alborada na literatura universal e, sobre todo, na galega (dende Rosalía a Celso Emilio).
3- Proposta creativa: Realiza un pequeno conto seguindo as pautas que Rafael Dieste (un autor da narrativa de vangarda do primeiro terzo do século XX) recomenda e aplicando as técnicas de alteración da temporalidade como neste texto. Logo remíteo ao correo do blog.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 11-09-2018 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal