GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ALBA DE GRORIA
Este texto de Castelao, un discurso promunciado un 25 de xullo no ano 1948 na Arxentina, está cheo de saudade e emoción, pero tamén é unha pequena gran obra xenial do noso autor na que realiza unha curiosa panorámica do máis esencial da nosa cultura ata o comezo do XX. Aquí tedes un enlace para podelo ler enteiro:
ALBA DE GRORIA

CUESTIÓNS:

1. Tras da lectura, indica as partes nas que podemos dividir este texto e intenta argumentar a que respostan cada unha desas divisións.

2. Por que evoca Castelao á Santa Compaña?

3. Dos personaxes que se citan cántos coñeces, indica brevemente qué sabes deles.

4. Escolle 10 destes personaxes que non coñezas e infórmate sobre eles.
Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 28-09-2010 07:17
# Ligazón permanente a este artigo
PARA LER E COMENTAR (Textos da Unidade 0)

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nen saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

CELSO EMILIO FERREIRO,
Longa noite de pedra.1963



AS LINGUAS SON AS QUE NOS FAN HUMANOS

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza



IGUAIS, PERO DIFERENTES ou COMO SERMOS ORIXINAIS ANTE OS DEMAIS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.

Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua; xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

Se queremos ser nós mesmos temos que cultivarnos en galego, envorcado o noso espírito da infancia e da mocidade no molde redentor do noso idioma. Do noso idioma que nos abre magnánimo e fecundo as portas dos corazóns de moitos millóns de almas que se expresen no portugués irmán… No comezo eramos vinte persoas…hoxe son moitas as Irmandades feitas; no termo destes últimos anos falouse máis galego culto que denantes nun século. Galicia comezou a ser considerada. E aquí tedes como somos uns homes históricos; uns homes a quen o porvir non terá que esixirlles responsabilidade. Porque ofrendaron a Galicia un pensamento propio, unha vontade propia e un sentimento propio.

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira



O RESPECTO QUE MERECEMOS: O DEREITO A SER DIFERENTE.

O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

CASTELAO, Sempre en Galiza



Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 21-09-2010 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA O CURSO: RESPECTO Á DIFERENZA, DEREITO Á IDENTIDADE

Limiar ao curso 2010/2011

RESPECTO Á DIFERENZA, DEREITO Á IDENTIDADE
IGUAIS en dignidade, DiFeReNTeS en cultura,
FALAMOS GALEGO!


A defensa da lingua propia non converte as alleas en inimigos porque o respecto que demandamos para a nosa convértenos en respectuosos e solidarios con todas as demais; ao cabo, a palabra é a produción máis especificamente humana, e mal se pode ser respectuoso co home sen selo coa lingua que fala.

Velaí, logo, que a tolerancia debe ser emblema dos loitadores pola dignificación da lingua, e nunca deben facer súas as actitudes de desprezo das que outros fan uso. Tolerantes, que non febles, nesa loita esperanzada pola dignificación da nosa lingua, é dicir, pola nosa dignificación. Orgullos@s e conscientes da nosa diferenza, esa que nos fai orixinais ante o mundo.



Comentarios (0) - Categoría: CELSO EMILIO FERREIRO - Publicado o 19-09-2010 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal