GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O HIMNO GALEGO, único himno do mundo que comeza cunha pregunta.
Este texto tan emblemático á hora de comentarse esixe de nós unha certa paciencia pois precisamos inicialmente despexar dúbidas de caracter léxico que a todos nos asaltan cando lemos con intención de comprender en profundidade este texto de Pondal.

Eduardo Pondal recibía un encargo do músico mindoniense Pascual Veiga dunha letra para a composición dun himno para Galicia. A primeira versión foi rexeitada por problemas rítmicos. Pondal xa de por si era un poeta dado a constante reelaboración e pulido dos seus textos. Tivo que realizar unha segunda que a altura do 22 de abril de 1890 satisface xa ao músico. A intención era presentala nun certame que se celebraría no mes de agosto dese mesmo ano na Coruña, pero esta composición non foi finalmente interpretada ata 1907 un 20 de decembro fóar de Galicia, entre galegos emigrados no Gran Teatro da Habana, nunha homenaxe póstuma ao músico Pascual Veiga.
O himno comeza cunha pregunta, é unha cuestión singular e curiosa que foi interpretado por máis dun humorista como evidencia do noso carácter.

O certo é que unha voz pregunta polo significado do rumor dos piñeiros, unha pregunta anónima que iremos identificando a medida que nos adentramos no mundo épico ao que nos traslada o bardo de Bergantiños. Se cadra hai alguén que aínda non saiba que é un bardo. Esta palabra non é a única que debemos coñecer para entender ben o noso himno.

Que din os rumorosos
na costa verdescente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, onde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redención da boa
nación de Breogán.

Debemos saber que este texto é unha parte dun poema máis longo titulado OS PINOS que ten dez estrofas cuxa lectura axuda tamén a comprender mellor o propio himno, que loxicamnete pode comentarse por separado.

Comecemos logo coas palabras que nos resultan de difícil comprensión:
- os rumososos: unha substantivación dun adxectivo que polo título e polo que se di máis abaixo das "altas copas" refírese a os pinos.
- luar: unha noite de lúa
- arume: o pico ou a frouma que vén sendo a folla dos pinos, unha dobre púa que semella unha arpa, instrumento céltico evocado no adxectivo que o acompaña "arpado"
- monótono fungar:un único son ou ruído que produce o vento nas copas dos piñeiros.
- cinguido: rodear
- confín:fin, linde,estrema. Galicia é Finis Terrae
- castros: Conxunto de vivendas da prehistoria. Evoca a primeira civilización de Galicia, a cultura castrexa.
- inxuria: aldraxe, insulto, ofensa
- rudo:bruto, áspero, groseiro.
- encono:odio,rancor, aversión, exasperación, antipatía, noxo, resentimento… xenreira
- Breogán: Na Mitoloxía o primeiro rei coñecido destas terras que hoxe son Galicia. Mandou construír unha Torre en Brigantium que podería ser a Torre denominada de Hércules na Coruña.
- arroubo:admiración, éxtase, arrebato
- féridos:crueis, violentos ou feros.
- bardos: cantor-poeta das tribos celtas que gardaba coñecía a historia do seu clan recitándoa de memoria, era o garda da memoria do pobo.
- vaguedades:imprecisións,indefinicións
- pregoa:anuncia
- redención: salvación,liberación
- nación: comunidade delimitada pola xeografía e história ademais dunha socio-economía definida e unha cultura propia.


Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 10-05-2012 08:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal