GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PARABÉNS A ANTÍA SESTELO!

Antía Sestelo acaba de proclamarse campioa de España S-18 e record galego de lanzamento de xavelina. Unha campioa á que saudamos e desexamos todos os éxitos acordes aos seus soños e aos seus esforzos, que sabemos son moitos e grandes.
Un pracer contar con ela entre os nosos estudantes e ter ocasión, como non podía ser doutro xeito, de enriquecérmonos noutras facetas creativas do noso centro que cobran outra dimensión coa súa aportación xenerosa.
Graciñas, Antía, e que a vida te siga sorrindo!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2019 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Volvendo a mirada cara a Rosalía

Decimos Rosalía

i alcéndese un espello

na noite largacía.

Na noite ensimesmada

cai un orballo escuro

de auga lenta e calada.

De auga lenta de pranto:

nosos ollos son fontes

de tanto chorar tanto.

De tanto vao laido,

polas serras e vales

pasa un vento ferido.

Este poema foi composto e editado por Celso Emilio lembrando a Rosalía de Castro. Esta poeta foi e segue a ser unha referencia constante para a poesía galega contemporánea.
Convén logo traer aquí aproveitando as datas algunhas claves coas que a poesía do século XX e do XXI entende a obra dun dos símbolos máis representativos da nosa literatura:

Para os poetas do século XX a partir dos anos 60 Rosalía vai descubríndose cuns versos de temáticas máis próximas á poesía cívica: Rosalía, a obra en galego.

A medida que nos achegamos ao século XXI emerxe a
Rosalía, libre de pensamento.

Mais dun xeito ou doutro revive cada ano na boca de De Vacas, por exemplo:


1- Visualiza este vídeo e logo:
2- Localiza o poema orixinal de Rosalía de Castro que usan nesta versión De Vacas.
3- De que libro de Rosalía é este poema? De que trata? Que recursos poéticos atopas neste poema?
4- Nun momento da canción, a modo de retrouso, ademais de Rexurdimente se citan a varios personaxes relacionados con este movemento. Indaga quen son Murguía, Pondal, Curros, Pascual Veiga?
5-Que diferenzas existen entre os dous libros de poemas en galego de Rosalía?




Comentarios (0) - Categoría: CELSO EMILIO FERREIRO - Publicado o 21-02-2019 06:07
# Ligazón permanente a este artigo
Temáticas e poemas de Celso Emilio para comentar
Celso Emilio foi un poeta altamente influente polo desenvolvemento de novas temáticas na poesía galega.
No seu O soño sulagado a temática é existencialista, identificada coa Escola da Tebra (unha corrente poética da Posguerra) que camiña cara á poesía cívica, así o expresaba o poeta:
"Como o poeta-queira ou non- vive no seu tempo, o quid divinum do seu oficio consiste en saber interpretalo e ser o seu voceiro..."
"...teñen que retorcerlle o pescozo ao reiseñor do lirismo lacrimóxeno, saudentoso, vello estilo. En troques, teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra, nos problemas vivos do noso tempo, nas angurias das nosas xentes. Pero cos ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas..."

ACTIVIDADES:
1-Imos ler os poemas de Longa noite de pedra e ímolos clasificar en dúas temáticas nas que os críticos adoitan dividir o poemario:

-Liña social, cívica e comunitaria onde está presente a denuncia e a crítica, a defensa dos oprimidos e marxinados,alegatos contra da guerra ou da terra e a defensa dos sinais de identidade.

-Liña lírico-intimista que son composicións nas que canta os paraísos perdidos da infancia e mocidade, nostalxia da paisaxe natal.

2- Procura tres poemas representativos das dúas liñas poéticas para comentalos en profundidade. Lembra como organizar o comentario.

A liña temática de carácter social pode derivar na satírica (que logo aparecerá con forza noutras obras como Viaxe ao país dos ananos) á pertence este poema de Longa noite de pedra de Celso Emilio cantado polo cantautor berciano Amancio Prada:



Finalmente, lembrade que no seu libro Onde o mundo se chama Celanova predomina a liña intimista coa presenza da saudade da súa vila natal e amorosa (Moraima: diario de a bordo)
Comentarios (0) - Categoría: CELSO EMILIO FERREIRO - Publicado o 18-02-2019 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
Que diría Celso Emilio nun 14 de febreiro
É case seguro que Celso Emilio escribiu este poema cada día durante a súa vida a partir do 37 para Moraima.


Moraima, Celso Emilio Ferreiro from Inés Piñeiro on Vimeo.


Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.

Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.

Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.


Onde o mundo se chama Celanova


Lembremos que neste libro hai múltiples referenias e versos dedicados ao amor da súa vida mesmo algún pensado par despois da morte:

" E cando chegue o día do xuízo
choutarei do sartego pronunciándote,
Moraima defendida polos anxos,
Moraima compañeira mar adentro.
Porque o meu corazón é unha dorna,
e ti, ronsel da longa travesía,
meu diario de a bordo..."


Ademais, se cadra, simplemente tal día como hoxe nos aconsellaría:

- Díllo con toxos!
pois tamén as rosas teñen espiñas.

ACTIVIDADE- Neste poema, debemos indicar o tema e localizar recursos e poñelos en relación co tema.
Comentarios (0) - Categoría: CELSO EMILIO FERREIRO - Publicado o 13-02-2019 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Castelao: A derradeira leición do mestre

E chegou o día de lembrar neste curso que o pasado triste tamén existe e que é necesario lembrar para non esquecer, para que sexa posible a esperanza dun futuro mellor.

En Castelao Maxistral e na Exposición: Alba de Gloria de Castelao que imos visitar atoparemos esa mensaxe, esa derradeira leición do mestre.

Procura unha resposta a estas cuestións:

Cando pinta Castelao A derradeira leicción do mestre?
Quen era o mestre?

Que é Alba de Groria? Explica o contido desta obra mestra de Castelao.

Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 11-02-2019 07:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal