GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Shakespeare escribía para ignorantes ou para necios?
Unha pregunta que vai ter resposta despois de ver a representación do próximo xoves. Na programación do Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ofrécense diversas sesións de teatro. unha delas xira ao redor do dra,maturgo inglés e sobre a ignorancia e a necedade, como veremos. Podes xa ir botando unha ollada á crítica da obra.

Shakespeare era para ignorantes ou para necios?

Para poder dar unha resposta apropiada debemos retomar a definición que fai Aristóteles dos ignorantes. Cal era?

Por que un necio é necio e sempre o será, debería ser a segunda cuestión.

As diversas fórmulas para matar que Shakespeare puxo en escena eran? Que era o que se reservaba pra detrás das cortinas?


Importante destacar tamén que existen cursos en EE.UU. para empresarios baseados nas obras do noso autor. Será certo? Fai as túas pescudas.

Que ten de semellante, pois, un empresario con algún dos moitos personaxes creados por Shakespeare?



Houbo un brillante monólogo sobre a conciencia, a que obra de Shakespeare pertencía este fragmento seleccionada?

Curioso tamén o argumento de Pericles e o rei de Tiro. Saberías indicar de que trataba nun breve resumo.

Un personaxe patético resulta ser un personaxe que fai unha apoloxía misóxina. En que consistía semellante discurso, cal era o motivo e que impresión dá aos espectadores semellante escena? Cal é o comentario que fai do mesmo o profesor erudito en Shakespeare (Quico Cadabal)?

Shakespeare descobre que cada un de nós leva un heroe no seu interior, mais tamén un covarde ou un traidor. Esta obra quere ser unha versión orixinal sobre este dramaturgo inglés procurando aqueles momentos cómicos que hai en cada unha das súas traxedias, recreándose naqueles personaxes secundarios con gran transcendencia ética e que nos permiten facer unha lectura moi actual do autor.

Non hai moitos vídeos na rede colgados sobre esta montaxe, os que aparecen están ás veces en castelán.







Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 15-02-2011 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
Modelo dun comentario dun texto de Castelao

Esta que segue é unha proposta que circula polos libros e que precisa unha pequena explicación ou un modelo de comentario seguindo o esquema que se propón. Colocamos un texto de Castelao de modelo a continuación ( é importante ver o debuxo que realizou para ilustrar este texto o propio Castelao):


Esta morea de pedras e tellas, de latas tomadas e táboas podres, que semella un cortello abatido, foi o tobo en que viveu moitos anos a vella Fanchuca.
Esta figueira de ponlas ensarilladas foi o amparo da vivenda. Os figos ninguén degoraba comelos porque sabían a miseria.
A vella Fanchuca pregaba de porta en porta, alá cando nas nosas aldeas había máis fartura de pan que de diñeiro. Aínda era no tempo en que cada esmola recibía un bico de quen a daba e outro bico de quen a collía; porque as esmolas non eran cachos de cobre acuñado, que eran codelos de pan ou espigas de millo.
A siña Fanchuca, por ser tan probe e tan vella e por estar tan perto da morte, ía tornándose terra e xa se confundía de lonxe coa lama dos camiños. Mais a vella Fanchuca sabía remozarse o día da festa prendendo na roupa moitos remendiños bonitos: adobíos da súa probeza, que o sol e a choiva de todo o ano ían trocando en novos ferrapos torreiros.
A vella Fanchuca contaba máis de catro veces vinte anos e portaba nas roupas os remendiños de tódalas festas, talmente como levan as plumas os paxaros cativos.
A primeira mostra de probeza que fitaron os meus ollos foi a siña Fanchuca e dende aquela tiven tan aparelladas na miña memoria a vellez e a miseria, que aínda hoxe tódolos vellos enrugadiños parécenme probes de pedir polas portas.

Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 09-02-2011 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
Unha peza sobre a lingua
Aqui tedes o vídeo prometido:



Hai moitos textos e cantigas sobre a lingua. Está ben que se vaian anovando día a día. esta está musicada por Roi Casal, pero é do poeta Manuel María:

O idioma é a chave coa que abrimos o mundo.
O salouco máis feble o pesar máis profundo.
O idioma é a vida, o coitelo da dor,
o murmurio do vento, a palabra de amor.

O idioma é o tempo e a voz dos avós,
ese leve ronsel que deixaremos nós.
O idioma é un berce, patrimonio do pobo
maxicamente vello, eternamente novo.

O idioma é a patria e a esencia máis nosa
E a creación do mundo meirande e poderosa,
O idioma é a patria e a esencia máis nosa.

O idioma é a forza que nos xungue e sostén
Se perdemos a fala non seremos ninguén
O idioma é o amor , o latexo , a verdade,
a fonte da que agroma a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.


Copia a letra da peza e indica:
1- Cal é o tema central desta cantiga?
2- Trátase dunha descrición na que abondan as metáforas. Localízaas e comenta o sentido das que creas máis importantes.
3- Intenta explicar con argumentos claros que quere dicir cando se afirma "se perdemos a fala non seremos ninguén".
4- Intenta comentar e explicar coas túas palabras estas outras dúas afirmacións relacionadas co título deste tema: O idioma é o tempo, a voz dos avós... maxicamente vello, eternamente novo" (fíxate na antítese vello-novo)
5- Outro verso que se repite na composición é "O idioma é a forza que nos xungue e sostén" razoa sobre o sentido do mesmo.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 02-02-2011 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal