GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Próxima proba
Unidade O:Sementar a esperanza dun futuro mellor

-Repaso da Historia da Lingua.
- Como afrontar o comentario dun texto
- Repaso de Gramática:
Tipos de palabras: distinguir as distintas
categorías.
Colocando os pronomes átonos no seu sitio.

UNIDADE 1 (seguindo o libro):O TEMPO DAS IRMANDADES: Ramón Cabanillas.
- O texto narrativo.
- A formación de palabras.
- O plurilingüísmo no mundo: As linguas da península.
- A fonética e a fonoloxía. Vocalismo.
- Unha nova idea de Galicia (1900-1936)
- As Irmandades da Fala.
- Antón Vilar Ponte e o teatro nas Irmandades.
- A poesía das Irmandades:
- Ramón Cabanillas.
- Textos para comentar.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2018 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
Un comentario sobre un texto de Cabanillas, o poeta das Irmandades
Acción Gallega (Hino). Ramón Cabanillas

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra o sangue a regos
dende a montaña ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val.

Do libro Vento Mareiro

Pasos a seguir para comentar un texto:
1-Lectura (consultar o léxico que non se coñeza)
2- Localización do xénero, autor, obra e contexto social e literario no que se realizou.
3- Interpretación do texto:
a) Asunto ou resumo, tema central e punto de
vista (narrativo ou lírico)
b) Estrutura ou partes nas que se divide.
c) Linguaxe, análise por niveis semántico
(ton), morfosintáctico (ritmo) e fonético (no
caso dun texto lírico a rima ou os elementos
sonoros do mesmo).
4-Valoración ou conclusións finais.

Tras da lectura deste texto e asegurar que non hai palabras das que descoñecemos o seu significado pasamos ao segundo punto.

2.LOCALIZACIÓN: Trátase dun texto de xénero lírico, está escrito en verso, coñecemos ao autor e a obra, Vento mareiro un libro que presenta tres direccións temáticas:a intimista, a costumista que desbotamos pois este texto presenta unha temática social ou combativa de carácter agrarista e anticaciquil. Precisamente o contexto deste poema sitúase nas loitas agrarias pola redenzón do foro, e como se pode ver no título se indica que é un himno para un dos sindicatos agrarios dirixidos polo cura Basilio Álvarez. No tocante ao contexto literario Cabanillas é un poeta que serve de ponte entre a poesía do Rexurdimento e a das Vangardas do 1º terzo do século XX, de feito vai introducir a estética modernista nos seus poemas.

3. Interpretación do texto:
a) Asunto ou resumo: O poeta fai un canto de irmandade dirixido aos galegos que levan a fouce, aos labregos para que loiten contra a clase señorial, a fidalguía que vive na vila e nos pazos, fai un chamamento a que sen medo con violencia (lume e sangue)sexan expulsados da terra antes que seguir sendo servos asoballados polos caciques.

Tema: Chamamento á unión do labregos contra a explotación dos caciques.

Punto de vista: O poeta usa unha voz en primeira persoa de plural (fagamos) expresando así a fortaleza dun nós e ademais a intención de formar parte do combate ao que chama.

b) A estrutura do texto presenta tres partes que se poden ver marcadas polo verso que se repite en tres ocasións, trátase do primeiro verso e a primeira estrofa dunha introdución, un chamamento á unidade dos labregos. Unha segunda parte que tería dúas estrofas, a segunda e a terceira que establecen o obxectivo do chamamento : a loita contra os canallas que os escravizan. Finalmente a terceira parte ten tres estrofas nas que presenta con maior claridade ao inimigo a derrotar na loita e anuncia a desexada fuxida dos caciques ladróns.

c) Análise da Linguaxe por niveis.
No nivel semántico chama a atención a reiteración da palabra irmáns, que é subliñada por la exclamación. A folla da fouce é un símbolo metafórico asociado a unha sinestesia (sensación lumínica porque brilla) coa que se quere identificar aos labregos.
A referencia a topónimos ou a elementos da paisaxe de Galicia (de Ortegal ao Miño, da montaña ao val) establece dúas coordenadas na xeografía galega coa idea de reunir a toda Galicia de norte a sur do Oeste interior da montaña ao Leste da costa, na mesma loita, a unión a que se aspira esta ligada a palabra irmáns que se reforza co epíteto "gallegos".

A carón da cadea de palabras que nos invocan á unidade dos galegos, hai outra cadea léxica relacionada co chamamento que parte dos verbos en primeira persoa plural "fagamos, ergámonos" (invocar aos irmáns á loita:con verbos e expresións: que vexa, que corra o sangue, tamén tras da metáforada loita o redentor empuxe da alma rexional que ten carácter espiritual (alma) reforzado polo adxectivo rexional (evocación do rexionalismo unha ideoloxía que defendía a dignificación de Galicia).

A antítese ou contraposición é un dos recursos semánticos máis destacables do poema Vila podre/ tamén chamada coveira da canalla fronte a Aldea que traballa... ou máis adiante os escravos fronte ao pazo señorial ou aos caciques, ladróns e herexes caciques. O adxectivo "podre" é claramente despectivo como o son a metáfora da vila, que pasa a ser coveira ( unha cova, como se se falase dunha besta á que se lle engade o epíteto "canalla" negativo e despectivo, máis aínda se contrastramos co digno verbo "traballa", dando a entender un non traballa asociado cos caciques da vila podre.

Debemos sinalar tamén o comparativo "antes de ser escravos (onde podemos ver tamén unha hipérbole ou esaxeración dado que non eran escravos en si os labregos da época, por moi malas que fosen as condicións, podían emigrar, por exemplo cousa que os escravos non podían facer).

Dos elementos relacionados coa loita que reforzan esa idea a hipérbole ou esaxeración "que corra ao sangue a regos" (ten valores sinestésicos e simbólicos tamén asociados aos ríos de sangue ou ao valor purificador do lume no pazo (metonimia da clase da fidalguía señorial que se pretende abolir.

Finalmente a meta evocada en metáforas como o redentor empuxe, loita liberadora, ou o emprego do verbo esperanzador que sexa o fato de cacique que fuxa!!

O ton do texto que se deduce dos recursos anteriormente comentados en relación co tema é combativo, exaltado axeitado a un himno que invita á rebelión.

O nivel morfosintáctico está ligado a recursos referidos á forma do texto na procura do ritmo do mesmo. Os paralelismos dos versos que se reiteran para marcar as tres partes, a repetición dunha especie de estribiño dunha das coplas a terceira que logo volve a ser la sexta, crean un ritmo pausado ou lento co qu se quere incidir por un lado na importancia da unión, da irmandade e polo outro a loita necesaria para a liberación.

c) O nivel fonético ou sonoro fai referencia á rima e a outros recursos que repercuten na musicalidade do poema. Unha rima popular para evocar un canto sinxelo propio do mundo labrego, aínda que non responde exactamente a copla tradicional coa rima nos versos pares.

4- Valoración: Concluímos poñendo en relación uns apartados do comentario cos outros.

Por exemplo, a suma do ton combativo e exaltado co ritmo lento e reiterativo, propio dun himno no que se procura realizar un chamamento á loita contra o caciquismo, típica reivindicación do agrarismo e das Irmandades da Fala , onde e enmarca e fda que participa a poesía de Ramón Cabanillas, sendo un dos seus máis destacados representantes.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 17-10-2018 06:42
# Ligazón permanente a este artigo
TEMPO DE IRMANDADES: UNHA NOVA IDEA DE GALICIA

Seguindo o programa que abordaremos no presente curso, tras unha panorámica xeral que nos enmarque o traballo a realizar e nos lembre o visto en anos anteriores, entraremos de cheo a traballar sobre o século XX en Galicia, o tempo das Irmandades da Fala no que xorde unha nova idea de Galicia.

-Botémoslle unha ollada ao libro de texto páxinas 26-27 nas que nos fala do Agrarismo e outras transformacións sociopolíticas que favorecen o nacemento desa nova idea de Galicia no primeiro terzo do século XX.
- As Irmandades da Fala.
- Ramón Cabanillas, o poeta das Irmandades.
- Antón Vilar Ponte e o teatro das Irmandades.
- As mulleres nas Irmandades.
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 07-10-2018 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Un repaso á historia da lingua
Para entrar no curso e poder entender en profundidade cal é a Galicia do XX, como se asenta a Galicia da actualidade na que vivimos, é indispensable botar unha ollada cara ao pasado:

1- As raíces da Lingua.

Un par de apuntamentos mitolóxicos a ter en conta:
- BREOGÁN e ITH
-O RÍO DO ESQUECEMENTO E MONTE MEDULIO

2- Unha panorámica da historia do Galego.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 01-10-2018 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal