GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un texto para coñecer a Florentino Cuevillas e o pensamento da Xeración Nós
Previa lectura debes ler e entender a entrada anterior deste blog. sobre o pensamento da xeración Nós (de Vicente Risco en particular) para logo poder comentar a fondo o seguinte texto de Florentino López Cuevillas.

O trasno na vila

"Ben te vexo Trasno, e ben te coñezo, aínda que non parezas sempre a mesma cousa. Cando chimpaches no regueiro a aqueles sete mozos que viñan da tuna e que montaron en ti, tiñas corpo de burro; e cando te puxeches a guichar por baixo das saias das fillas do muiñeiro, tiñas corpo de año Mais agora, Trasno, tes a mesma figura que cando ías empoleirado por riba dos tarecos da tía Marica, que, non te podendo aturar máis tempo, botou o seus trebellos ao lombo para se mudar a casa, e na cima dos trebellos ías ti, condenado. Porque a pobre da tía marica non sabía que ninguén se pode ceibar do teu sino, nin das súas angueiras, nin de ti.

Xa sei que non es ruín; xa sei que en Melias advertiches aos veciños para que non murmuraran máis daquela costureira que fora para o Ceo, aínda que todos os domingos lavaba a súa roupa no río; xa sei que aquel quinto da parte de Chantada, que andaba fuxido para non ir ao servicio, avisábalo ti en canto os da xustiza querían chagarse a el. Mais aínda que non ruín, gustas das burlas e das argalladas, de asombrar a uns e de meter medo a outros, de rir de todos, e de non acougar en ningures. E por iso, Trasno, non sei que me dá mirarte parado aí tanto tempo por riba de Pontevedra.

Eu ben te vin cando chegaches, pouco despois do mediodía, e desde entón estás sen rebulir, sen remexer man nin perna, deitado no aire e ollando para abaixo. Miraches para a xente que andaba a pasear pola Alameda e pola Ferraría, e para os automóbiles que corrían dun sitio para outro; e tan parvo estabas, que non te riches nin daquel señor que se botaba de agudo sendo negado, nin daquela vella que quería ser nova, nin daquela fea que se eslumía por ser boa moza. E agora xa vén a noite, e o Lérez e a ría están sementados de estrelas; e ti segues deitado aí no aire esquecido de ti mesmo sen acubillar ningunha cousa, sen trelazar as cerdas das colas dos cabalos, sen arrastrar cadeas polos faiados, sen petar nas portas. Ai, Trasno, que non te coñezo!
Eu non sei, coitado, se ti tamén non te deixarías engaiolar pola cidade. Eu non sei se esta noite mesma non estarás tentado de ir ver unha película ao cine, ou de ir botar unha bebida a un bar, ou de ir bater unhas danzas a calquera lado. Eu non sei se, como outros moitos, non te quererás vir vivir á vila.

Mira o que fas, Trasno. Ti naciches na aldea, ti andaches nos piñeirais, nos soutos e nas fragas; ti aínda levas na cachola un pucho de lá, e nos pés unha chancas de pao de amieiro. Qué vas facer entre homes e mulleres que están tan afastados de todo o que é propio da túa natureza; qué vas facer á beira dos sabios dunhas ciencias que non son as túas bibliotecas, duns mozos e dunha mozas que nin sequera ouviron falar de ti. Vaite; pretiño de ti están Mourente, Salcedo, Marcón, Bora; en calquera destes lugares poida que aínda quede xente da túa xente da que sabe mirar para a terra e para o ceo, e que vai vivindo agarrada ao rabo do sol e ao rabo da lúa.

Se te quedaras, deixarías de ser quen es, porque aínda que rebuliras e correras non habían dar tino de ti, e toda a túa arte tería que empregarse nas sesións dos espiritistas.

Vaite Trasno, vaite. Que ti non tes ocupación nestes sitios en que a xente á forza de querer ver claro se volveu cega".

(De Prosas galegas, F.L.Cuevillas)

CUESTIÓNS DE COMPRENSIÓN

1- Divide o texto en partes e explica coas túas palabras que conta en cada unha delas.

2- A quen se dirixe o narrador? Por que cres que dialoga con el?

3- Que diferenza fundamental atopas na actitude do Trasno a partir de que se diga no texto ( final do segundo parágrafo "por riba de Pontevedra"?
Por que cres que actúa de xeito distinto nos dous casos?

4-Por que cres que se di "qué vas facer entre homes e mulleres que están tan afastados de todo o que é propio da túa natureza"?

5- Que medo ten o autor na parte final do texto? Que quere invitar a que pensemos os lectores ao afirmar "poida que aínda quede xente da que sabe mirar para a terra e para o ceo"...? Onde vive esa xente, a quen fai referencia?


Comentarios (0) - Categoría: Nós - Publicado o 29-10-2013 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
Vicente Risco as bases filosóficas do seu pensar
Para comprendermos mellor o aporte do grupo Nós á hora de recuperar a identidade cultural e política a través da súa actividade literaria por exemplo indo na procura de mitos que compensaran a alineación cultural do país, é dicir, en palabras de Castelao unha "cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón" Risco será un deses autores que procuran na súa escrita cousas como:

- Mitos de orixe celta.
- Exaltación do medievo ( a época anterior ao sometemento político e cultural de Galicia).
- Valoración do natural e rural fronte ao urbano e burgués.

Vicente Risco desbota a razón ou a ciencia como fonte de coñecemento real,estas levan ao esmorecemento do espírito, exalta o sentimento como facultade cognoscitiva, que permite saber e indagar na esencia das cousas (isto explica a súa fascinación polo mito a as culturas orientais). Os mitos permiten reconstruír o corpo da cultura galega, o seu espiritualismo céltico e atlántico fronte o pensamento filosófico mediterráneo.

O sentimento da Terra é esencial para definir ao home galego. A emoción dos labregos apegados á Terra, o sentimento da Natureza e da paisaxe, unha perfecta simbiose coa Terra onde se sitúa o coñecido sentimento da saudade: "adoración da terra e procura do alén"

A fala que modela o pensamento é tamén un elemento fundamental do soporte cultural propio, calquera ataque, ou mesmo, o seu abandono levará á dexeneración do espírito do noso pobo.
Comentarios (0) - Categoría: Nós - Publicado o 29-10-2013 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
Unha panorámica gráfica da historia da Lingua Galega
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 06-10-2013 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal