GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LECTURAS PREMIO SARMIENTO 2013
Este curso, como en cursos pasados fixemos, imos participar na categoría 5ª que corresponde a lectores 3º e 4º da ESO para votar sobre cal destes dous textos nos gustou máis:

LAREDO VERDEJO, CARLOS; Lena e o lobishome; Ed. Tambre

RIVADULLA, CORCÓN; O noso amor será eterno; Ed. Xerais


Imos realizar estas lecturas unha antes de Nadal e a outra despois de Nadal, polo que un dos libros podemos pedirllo aos Reis Magos, o outro debemos xa mercalo neste mes de novembro, coa idea de que en decembro estea lido. Imos comezar polo primeiro desta lista. "LENA E O LOBISHOME" de Carlos Laredo editado pola editorial Tambre.

Sobre o libishome Vicente Risco escribiu un relato recollido da tradición oral e adaptado logo por el: O lobo da xente que deberías ler antes de que remates o libro ou mesmo despois, paga a pena!( na fundación Vicente Risco hai información a maiores sobre os procesos contra un dos lobishomes máis coñecidos de Galicia "Romasanta")
Ademais hai esta outra versión dun lobishome en París.

E para ir sabendo onde estamos:Lendas vivas
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 31-10-2012 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
DE RAMÓN CABANILLAS

PARA COMENTAR:
A espada Escalibor
Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida


Nun nimbo lumioso surde o bardo adiviño,
envolveito en brancuras recendentes de liño,
ollos gazos, profundos, longa barba frorida,
cingue a frente coas hedras da coroa druida
e na man, que reloce como un lirio bendito,
ten a fouce de ouro do litúrxico rito;
a fouce segadora da mandrágora, ó raio
de feitizo e de agoiro dos luares de Maio.

É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das lumias ollado por irmán,
sabidor dos encantos e os máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,
que nos craros dos bosques e os baixíos costeiros
deprendéu o diviño lenguaxe dos luceiros;
o bardo das edades, o da segreda cencia
que a terra fixo súa, impóndolle obedencia
ás ágoas da riada, ós rochedos do cume,
ás nubes da tromenta, á ardentía do lume.

Impoñente, amostrando nativa maxestade,
na mirada un sereo craror de eternidade,
ten ós pés –cruz de ouro, folla núa afiada–,
sobre o manto da neve unha fúlxida espada.
Aceiro puro e virxe das entrañas da terra,
cos lumes sideraes das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán temprado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impor unha crenza, siñalando o camiño
que por riba dos tempos leva ó trunfo diviño.

Ergueito como o pino que as outas nubes fende,
os brazos sarmentosos o bardo ós ceos tende,
e escóitase na noite solene resoar
a súa voz bruante, sonora como o mar:
Baixo a dozura do ceo
da nobre Galicia irmán,
onde pola nosa groria
inda doirando o fogar
vive aceso o lume sagro
dos craros días do clan,
hai unha illa encantada
de rochedos de coral,
esmeralda verdegaia
ó resprandor do luar,
bicada de manseliñas
ágoas de limpo cristal
nas que as sirenas ensaian
seu namorante cantar
mentras os pinos lanzales
escoitan voces leviáns
que chegan esmorecidas
do misterio de alén-mar.

Amada dos vellos dioses,
mortos e esquecidos xa,
que Sálvora lle chamaron
afeitos nela a topar
repouso doce e tranquío
de celestiaes afáns,
inda está tendida a escada
que baixa do ceo ó chan,
envolveita e recuberta
de bretemoso cendal
feito de rendas garnidas
por diviños teceláns.

Nunha furna que galgantes
zarran as ondas do mar,
apreixada nas firentes
poutas dun aguia reial,
gardada por un dragón
de alento que é solimán,
brilaba a fúlxida espada
Escalibor, o trunfal
aceiro da heroica edade
cantada por Osián,
que ten de ser sobre terra
ergueita en céltigas mans,
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e a Paz.

1 a)Resume brevemente o asunto do texto:
b)Cal é o eu poético –quen fala– do texto. É a mesma voz a que se manifesta ao longo de todo o poema? Fíxate especialmente na cuarta estrofa.
c)Indica cal é o tema arredor do cal xira todo o poema. O tema é a intención do autor, o que quere comunicar e sobre o que xirará todo o comentario do texto:
2-Examinemos con máis detalle as tres primeiras estrofas do poema:
• Na estrofa I descríbese a Merlín. Indica cales son as súas calidades.
Ten a fouce de ouro do litúrxico rito
A que rito se está a referir este verso do poema e en que consiste?
• Que calidades e poderes de Merlín se citan na estrofa II?
• Na estrofa III, que obxecto ten aos seus pés Merlín? Cales son as calidades dese
obxecto?
3-Fagamos unha análise semellante das outras estrofas:
• Sinala a hipérbole que aparece na estrofa IV. Explica a súa utilización en relación
co contido do poema.
• Explica o que se nos está a contar nas estrofas V, VI e VII.
• Nas estrofas anteriores hai unha gradación para indicar a aproximación ao lugar onde se atopa a espada; indica cal é.
• É agora cando se nos descobre o nome do fabuloso obxecto do que se está a falar ao longo do poema. Cal é o seu nome e onde se atopa?
• Explica o que queren dicir os versos seguintes:
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e a Paz


4-Repara nos aspectos formais do poema de Cabanillas:
• Analiza metricamente (rima, medida, tipo de estrofas) os versos do poema e explica
as diferenzas que observas entre eles.
• Tendo en conta a medida e a rima, de que xeito poderiamos agrupar as estrofas do
poema?

5-Cabanillas manifesta trazos modernistas que se presentan ao longo da súa obra e que se aprecian ben neste poema.Escribe varios exemplos tirados do texto para cada un destes trazos.
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 18-10-2012 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
AS IRMANDADES E CABANILLAS
Coas Irmandades da Fala e figuras como Antón Vilar Ponte cobraron pulo o galeguismo cultural e axiña foise consolidando un movemento político que dará lugar ao nacemento do Partido Galeguista e a reivindicación dun Estatuto de Autonomía para Galicia.

Estaba nacendo a Galicia actual á que tamén contribuíron fenómenos como o agrarismo,que provocará a desaparición da fidalguía a industrialización da costa atlántica debido ao asentamento dunha burguesía foránea e o conseguinte nacemento dun proletariado que porá en marcha tamén o sindicalismo obreiro co conseguinte desenvolvemento das cidades.

Nese contexto un poeta como Ramón Cabanillas será un referente para as Letras Galegas, capaz de condensar o mellor da poesía do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal) á vez de lograr innovar a creación poética achegándoa ás vangardas europeas a través da estética do Modernismo. Poeta ponte entre os dous séculos o XIX e o XX.

Cabanillas foi homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 1976:




Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 09-10-2012 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal