GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cousas de Castelao
Unha representación teatral dos Quinquilláns de Cousas, de Castelao o 17 de decembro, nunha xira polos centros de toda Galicia promovida pola editorial Galaxia



Trátase de todo un reto pois esta obra teatral procura pasar á linguaxe dramática un texto narrativo, un texto de apariencia sinxelo, un dos clásicos da Literatura Galega de todos os tempos, moi coñecido e polo tanto un traballo moi arriscado. Mais o texto teatral resultante, que foi adaptado por Lucho Penabade e Tero Rodríguez, (os propios actores que interpretan a obra) presenta moitos acertos optimizando, se cabe, a forza do texto orixinal do xenial Castelao.

Sobre unha selección de 5 títulos ou "cousas", estas historias en realidade serven de pretexto para introducírmonos de cheo no mundo das Cousas de Castelao xa que cada un dos relatos escollidos provoca evocacións continuas e diversas doutros moitos dando a sensación, ao longo da representación, de ter percorrido de novo unha gran parte do conxunto das narracións da man dos numerosísimos personaxes, dos múltiples detalles e perspectivas, historias e acontecidos que a obra do inmortal rianxeiro ofrece. Relatos como "O Rifante", ou "o pai de Migueliño" vólvense así parte dun retábulo en movemento que se vai abrindo máis e máis a medida que avanza a posta en escena.

Desta montaxe finalmente destacaríamos a estética castelaniana coa que se aborda e que permite ao público (xuvenil ou non) retrotraérense á época na que Castelao escribiu o texto e, á vez, sentirse mergullando nas fórmulas plásticas caricaturescas coas que o autor completa os seus relatos. Trazos fortes e seguros, que insinúan e ganduxan o carácter dos personaxes con humor e cunha fondura sorprendentes. Hai outro aspecto moi notable que é a versatilidade dos actores, que a pesar de seren dous parecen cento, o que di tamén moito do traballo actoral que hai detrás desta emotiva obra teatral que para nada desmerece o marabilloso texto do que nace, senón que vén a ser un fermoso e moi recomendable complemento emulando a función dos mesmos debuxos que acompañan cada historia.

En definitiva, unha montaxe digna de ver e recomendar, moi válida para actualizar e divulgar a obra dun dos máis prestixiosos e recoñecidos autores e, polo tanto, cun gran valor didáctico, unha das preocupacións coa que naceu esta substanciosa adaptación dos Quinquilláns. Como eles mesmos recoñecen dalgún xeito a representación convértese nunha auténtica invitación a "vivir e revivir o lido a través da versión teatral".



Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 09-01-2017 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal