GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un par de textos para o día da non violencia
"Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.
Digo lombriga e larva de carne podrecida.

Digo nenos de napal,
terror de noite e de selva,
fedor de cidade e cloaca.
Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremos de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.

Digo gas abafante.
Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
Mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.
Apenas digo nada.

Digo Vietnam i está xa dito todo
cunha soa palabra.
Pra abranguer a vergonza do mundo,
digo Vietnam e basta."


Celso Emilio Ferreiro no ano do seu centenario.
unha versión recitada aquí




Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Celso Emilio Ferreiro no ano do seu centenario.
Comentarios (0) - Categoría: CELSO EMILIO FERREIRO - Publicado o 28-01-2012 07:18
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo texto para Comentar de Castelao
Un texto de Cousas, de Castelao:

Esta morea de pedras e tellas, de latas tomadas e táboas podres, que semella un cortello abatido, foi o tobo en que viveu moitos anos a vella Fanchuca.
Esta figueira de ponlas ensarilladas foi o amparo da vivenda. Os figos ninguén degoraba comelos porque sabían a miseria.
A vella Fanchuca pregaba de porta en porta, alá cando nas nosas aldeas había máis fartura de pan que de diñeiro. Aínda era no tempo en que cada esmola recibía un bico de quen a daba e outro bico de quen a collía; porque as esmolas non eran cachos de cobre acuñado, que eran codelos de pan ou espigas de millo.
A siña Fanchuca, por ser tan probe e tan vella e por estar tan perto da morte, ía tornándose terra e xa se confundía de lonxe coa lama dos camiños. Mais a vella Fanchuca sabía remozarse o día da festa prendendo na roupa moitos remendiños bonitos: adobíos da súa probeza, que o sol e a choiva de todo o ano ían trocando en novos ferrapos torreiros.
A vella Fanchuca contaba máis de catro veces vinte anos e portaba nas roupas os remendiños de tódalas festas, talmente como levan as plumas os paxaros cativos.
A primeira mostra de probeza que fitaron os meus ollos foi a siña Fanchuca e dende aquela tiven tan aparelladas na miña memoria a vellez e a miseria, que aínda hoxe tódolos vellos enrugadiños parécenme probes de pedir polas portas.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 10-01-2012 07:45
# Ligazón permanente a este artigo
100 anos de Álvaro Cunqueiro
O 22 de decembro de 1911 naceu Álvaro Cunqueiro que será unha das figuras máis senlleiras da literatura galega do século XX neste elace podemos ver varios vídeos sobre a vida e a obra deste gran autor:
Especial Cunqueiro
Comentarios (0) - Categoría: CUNQUEIRO - Publicado o 10-01-2012 06:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal