GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Características da prosa de Castelao:
No conxunto dos seus textos narrativos podemos atopar os seguintes trazos de estilo:
A) Humanismo: os seus personaxes son tratados con emotividade e sentimentos amables, especialmente os das clases populares. Indulxencia polos defectos humanos.
B) Humorismo: tendencia á caricatura, ao uso da ironía.Non cae no sarcástico.
C) Crítica das inxustizas e preocupación polos problemas sociais, denuncia a miseria dos labregos e mariñeiros.
D) Galeguismo, sempre en Galiza e coa preocupación por deixar ás claras a nosa identidade e carácter.
E) Visión populista da literatura. Distancia do culturalismo e aristocratismo da arte fronte a Risco ou Otero Pedrayo, procurando usar recursos propios da arte popular e entendibles polas xentes humildes.
F) Lirismo: sentimento persoal, prosa rítmica cando o contido é emotivo. Subliña o clímax da emoción.

En COUSAS temos unha das obras máis orixinais da literatura galega, un xénero específico onde a síntese, frases breves, claridade conceptual e riqueza léxica en harmonía coa lingua popular son claves do estilo do autor.
Os temas fundamentais e recorrentes:
- Os problemas do mundo mariñeiro (ruína e alcoholismo) afectado polas novas artes de pesca da burguesía catalá.
- A emigración: os fracasados traen consigo a enfermidade; os triunfantes desvincúlanse do mundo do que partiron, mais fica a morriña, a saudade.
- A problemática da muller: a fidalga só ten como función a maternidade ( para reproducir a súa clase); a popular loita por conseguir a felicidade partindo de condicións precarias.
- A crítica dun progreso que vén pola acumulación de capital e que pode provocar a inxustiza e a infelicidade.

Ademais debemos ter en conta a presenza directa ou indirecta da morte en moitas das “cousas” . Os desenlaces están coidados con esmero e a miúdo rematan nun clímax con epifonema ( figura de pensamento que conclúe un relato cunha exclamación ou meditación profundas). Deste xeito, o narrador expresa nunha atinada síntese a esencia do relato. Noutras ocasións, despois do clímax narrativo, o conto prolóngase unhas liñas máis, que serven para lograr unha distensión.

Comparar as versións dos relatos de Castelao na voz de tres actores:

Sobre os vellos non deben namorarse
Comentarios (1) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 19-01-2011 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
Unha visita a Pontevedra na procura de Castelao
Realizaremos nesta semana unha visita ao Museo de Pontevedra para visitar entre outras cousas as salas que se lle dedican a Castelao e coñecer de perto e mellor a súa vida, o seu pensamento e a súa obra creativa, especialmente a súa obra plástica que deste xeito poderemos apreciar dun xeito máis intenso.
Existen na rede multitude de entradas relacionadas con estes aspectos da obra e personalidade deste gran autor das nosas letras. por exemplo o denominado Museo Castelao, un proxecto virtual do Consello da Cultura Galega ao que aconsellamos realizar unha visita que por ser virtual podedes realizar en calquera momento que creades oportuno. outra páxina completiña é esta titulada Castelao na rede que ofrece a posibilidade de ver unha boa parte da súa obra plástica.



Finalmente localizamos estas imaxes e mesmo unha mensaxe que envía Castelao coa súa propia voz para a estrea da súa obra " Os vellos non deben namorarse " en Montevideo no seguinte vídeo que recolle tamén un tanto o que foi a derradeira etapa da súa vida ligada ao exilio en Arxentina.

Comentarios (1) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 17-01-2011 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal