GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LECTURAS 2010/2011
Este ano participaremos os alumnos/as de 4ºda ESO no Premio Frei Martín Sarmiento convocado polos EDLG da FEREGA que consiste, como xa sabedes de cursos anteriores, en ler unha serie de libros e logo puntuar como xurado o que máis nos gustou. Estas lecturas as realizaredes fundamentalmente na casa.

Os títulos son os que seguen:

5ª categoría:alumnos/as de 4º de ESO
CARBALLUDE, PEPE; Xograres dun tempo novo; Ed. Everest.

Pepe Carballude vén de publicar unha novela titulada Xograres dun tempo novo, que podemos incluir no que se chama narración histórica, pois refírese ás Misións Pedagóxicas que levaron a cultura por vilas e aldeas de toda España. Neste caso a acción transcorre en Galicia, na Costa da Morte. Aínda que se trata dunha obra de ficción hai algúns personaxes con nomes que corresponden a persoas reais, como Rafael Dieste, Carmen Muñoz, Lorenzo Varela, Urbano Lugrís e outros. Fun amigo dos tres primeiros e con eles teño falado en Buenos Aires daquelas xeiras populares de teatro, monicreques, música, lecturas comentadas, artes plásticas, nas que participaron activamente. As Misións en Galicia aparecen por primeira vez na literatura galega con esta novela de Carballude, cando estamos rememorando feitos da nosa historia contemporánea, que ó longo de moitos anos foron deliberadamente esquecidos. A acción ten como fío argumental unha historia de amor entre Francisca e Agustín, activistas republicanos. Ela, mestra en Buño (Malpica) e o seu home pintor vocacional, que foi paseado coma tantos naqueles días tráxicos de 1936. Francisca áchase nunha residencia de anciáns e evoca os anos da xuventude diante dun autorretrato do compañeiro asasinado. Unha fermosa, documentada e ben contada historia como acai a un veterano narrador que sen estridencia, laboriosamente, na lingua popular e á vez culta, que lle vén da súa terra estradense de Rubín, ó tempo que exerce como profesor de latín e tradutor de obras clásicas, deu a coñecer novelas como O talismán dos druídas, Investigación 091, Romaxe de desventuras, A historia do home can, O santo dos croques se fai peregrino, e outros títulos, nunha prosa depurada, enxebre, con doses axeitadas de humor e retranca. En Xograres dun tempo novo aborda o noso autor un tema de gran significación que as novas xeracións deben coñecer.

ANEIROS, ROSA; Ás de bolboreta; Ed. Xerais.
En a Luzada, a cafetería de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixe a vellez. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que intentan atravesar a valla da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que espera todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar ás súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño... O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que presenta unha estrutura non xerarquizada, dividida en breves capítulos en onde calquera parte está conectada con todas as demais, unha serie de pezas engarzadas ao igual que se engarzan as vidas dos personaxes da novela"; destacando, ademais, que "mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas consegue unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela". Para concluír que "Ás de bolboreta” é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, profundamente humano, solidario e internacionalista."

VILA SEXTO, CARLOS; As sete mortes; Ed. Galaxia.

Fiel ao estilo que o caracteriza dende que aos 14 anos nos sorprendeu como autor precoz co libro Alén da aventura (1992), Carlos Vila Sexto regresa á creación literaria cunha nova novela na que conxuga elementos como o suspense, o terror, o esoterismo e o misterio. Os protagonistas da historia, un misterioso home de pasado incerto e inexplicable facilidade para sobrevivir, e una moza restauradora afectada por un trauma persoal, emprenden unha viaxe que dende Ourense os leva por toda Galicia pasando pola cidade de Lugo, O Courel, Fisterra ou o Monte de Sta. Tegra na ría de Vigo, ata rematar na Torre de Hércules nunha viaxe desesperada, que ao mesmo tempo é unha fuxida para salvar a vida e unha procura da propia identidade, seguindo as pistas encontradas nun antigo pergamiño e no que a lenda se transforma en intrigante realidade… Unha trama moi áxil e ben construída que logra combinar eficazmente os elementos realistas cos esotéricos nunha fantasía coherente e que é un interesante aporte
a este xénero de relatos da literatura xuvenil.


Ademais nós na aula traballaremos coa lectura de A.R. CASTELAO; Cousas do que iremos tamén seleccionando textos para comentar.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 08-11-2010 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal