GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UXÍO NOVONEYRA: POETA DO COUREL, POETA DE COMPOSTELA

COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home…




1- Un home do COUREL (Biografía).

Uxío Novoneyra(1930-1999) é o poeta do Courel, mais tamén de Compostela, é dicir de Galicia. Esta dicotomía faino poeta do rural e da paisaxe, pero tamén poeta social e urbano, cunha tendencia ineludible cara ao universal, pois como o camiño a Compostela, el como poeta síntese no camiño do humanidade, poeta social por compromiso co home coa liberdade.



2- Poeta consagrado: Os EIDOS e a poesía da metapaisaxe.

Novoneyra, é un poeta que se recrea unha e outra vez no seu primeiro libro: Os Eidos (1955). Un poeta que fala da terra da paisaxe da natureza e do home fronte a ela. É tamén un poeta que nos anos 50 será colocado na nómina dos clásicos, e con 25 anos foi consagrado e coñecido en todo os ámbitos culturais, e impulsado por Galaxia e o Piñeirismo, como modelo de poetas que non viviron a guerra e falan de Galicia, que son a confirmación da renovación tras da guerra civil do 36 e en plena ditadura de Franco.


Que é a poesía da metapaisaxe?
denominamos metapaisaxística a unha poética que versa sobre a natureza en sentido
amplo, sen buscar a súa descrición física, senón procurando nela
o sentido último das cousas, da humanidade e da propia individualidade.
Neste mesmo xeito, radica tamén a dimensión ecolóxica,…
Efectivamente,esta peculiar vivencia do contorno natural parece ser unha
nota característica da tradición autóctona galega, segundo nos
demostra a antropoloxía. Da mesma maneira, está moi presente
na propia literatura galega, polo menos nunha corrente cultural
que se remonta á lírica dos cancioneiros medievais, pasa polas
creacións da literatura folclórica e maniféstase en individualidades
da literatura contemporánea, como Rosalía de Castro, Eduardo
Pondal, Otero Pedrayo ou Xohana Torres. Por outra parte, non
podemos esquecer a xa longa tradición da denominada escola
paixasística da provincia de Lugo, na que se inclúen autores, algúns
deles tan distintos como Manuel Leiras Pulpeiro, Antón Noriega
Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Crecente Vega, Xosé
María Díaz Castro, Manuel María e o propio Novoneyra, (Os Eidos. Introdución.
Edición de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco)

Cuestións:
Que cres quere dicir que Uxío é o "cantor dos tesos cumes courelaos":

Procura algún exemplo nos moitos textos da Exposición das Letras Galegas 2010 que visitaches.


3- Poeta social: Do COUREL a COMPOSTELA.

Pero Uxío, en palabras de Emilio Insua, era un “espírito independente e singular, torceu a propósito o rumbo polo que eses sectores do Piñeirismo tiñan interese en que navegase sen se desviar…, mais o seu illamento no Caurel do 52-62 e a estadía en Madrid do 62 ao 66 determinaron a evolución persoal, estética e ideolóxica… o cantor dos tesos cumes courelaos, sen abandonar ese motivo recorrente e esencial na súa poesía abriu a partir de 1953 novos campos temáticos e formais… explorar os camiños do soño, a declarar a folga xeral contra da Historia e escribir contra a guerra de Vietnam, contra o poder, contra a Galicia atrelada, triste e calada á forza e, como non, unha identificación absoluta e militante coa causa do idioma”: A Fala é o único sitio onde seguen vivos os antepasados, dicía.

O compromiso social de Novoneyra co pobo galego é froito da realidade
sociocultural de Galicia que viviu o autor. O poeta, fillo de labregos,
nace en 1930 e, polo tanto, de neno viviu a Guerra Civil e a represión
tras a ditadura. Esta vivencia reflíctese nunha das súas máis grandes
obras, a chamada Letanía de Galicia. Esta obra está escrita para ser recitada
como unha ladaíña ou un rosario. Unha vez máis, temos unha das
características da poesía de Novoneyra, que é que moitas veces debe
ser representada ou mesmo cantada.
A década dos 50 supón un afianzamento da verba como arma contra
as inxustizas sociais. Aires de solidariedade cos que sofren percorren
as páxinas poéticas en galego. Porén, a nosa literatura vence
o seu primixenio carácter localista con respecto á poesía de denuncia.
Os autores de mediados do século XX deseñan un discurso
máis universal e, sen deixar de lado os problemas especificamente
galegos, serán voceiros tamén da dor doutros pobos que sofren a
opresión imperialista e capitalista. Novoneyra non queda á marxe
destas preocupacións e préstalles a súa voz aos oprimidos deste
mundo. A súa denuncia recolle a indignación ante o masacre norteamericano
en Vietnam ou a preocupación xeral diante do golpe
de estado en Chile.
Uxío viviu estas experiencias dende unha perspectiva antiimperialista e
creou as composicións “Pranto polo Ché” e o máis famoso “Vietnam canto”.
O maior conflito acontecido neste período da Guerra Fría seguramente
sexa a chamada guerra do Vietnam, entre o Vietnam do sur, apoiado por
EEUU, e o Vietnam do norte, comunista e apoiado pola URSS. Os EEUU usaron
unha forza desmesurada para tratar de dobregar o inimigo, pero non
puideron facelo e abandonaron a contenda definitivamente no ano 1975.

Ao mesmo tempo, Novoneyra eríxese en continuador da liña de denuncia
social máis localista iniciada xa no Rexurdimento e retoma temas
xa clásicos, como a miseria das clases populares galegas, a fame e a
lacra da emigración. A solidariedade de Novoneyra maniféstase, polo
tanto, cara ao seu contorno máis próximo (“Todo o que pasou o meu
pobo pasoume a min”), pero tamén desde unha óptica universal (“Todo
o que pasou ó home pasoume a min”).
o poema pode constituírse en moitas ocasións nunha
alegación contra as relacións de poder establecidas, ante as cales o individuo
se desmarca de maneira desafiante (“só teñen de noso os nosos
nomes no censo”).
Novoneyra percibe en si mesmo como poeta esa necesidade de constituírse
en voceiro (“De tanto calar xa falo eu solo”)

4- Poeta da Fala oriental. O compromiso coa Lingua.

Uxío Novoneyra foi un home moi comprometido coa realidade galega,
“verbo verdadeiro que fala o pueblo”, e un personaxe singular que non
deixou indiferente a ninguén.
Dende a Asociación de Escritores en Lingua Galega, promoveu a defensa
do idioma, como signo de identidade e de orgullo, fronte ao rexeitamento
que xeraba o galego durante a ditadura, como lingua de clase baixa:
“Lingua que rexeitaron os meus pais”
A mediados do século XX, se un escritor optaba por expresarse en galego
estaba adquirindo un compromiso tinguido de todo tipo de matices
ideolóxicos.
Un compromiso cunha lingua totalmente relegada de usos públicos,
oficiais e relevantes; unha lingua que soportaba todo tipo de estigmas,
tópicos degradantes e, incluso, desprezos; unha lingua asociada ás clases
populares, obreiras e rurais; e, tamén, unha lingua de oposición manifesta
ao poder establecido.
Por iso, expresarse en galego xa supuña un posicionamento social en si
mesmo, á parte dun sinal de autoafirmación galeguista, así como de reivindicación
da propia identidade como pobo.

A súa linguaxe poética reproduce a fértil variante dialectal courelá, onde
a natureza sobrevive en eclosión estacionaria permanente e desde un
compromiso inequívoco coa lingua galega, a quen define como “o único
sitio onde seguen vivos os antepasados”

Procura exemplos máis repetidos dos dialectalismo da fala oriental nos seus poemas.

5- Poeta existencial.

Así mesmo, en Os Eidos móstrasenos unha natureza que envolve o home ata convertelo en algo pequeno, insignificante, que é transcendido pola
Paisaxe
Ese home é “o camiñante que pasa”, consciente das súas limitacións e do
seu carácter efémero, mortal, finito. Esta característica fai que o home que
retrata Novoneyra exprese as súas dúbidas existenciais por medio de interrogacións
que quedan no aire, sen resposta... “¡El pra onde vou?”.
Ao mesmo tempo, no seu conflito interno entre o SER e o NON SER, o home
aférrase con forza ás súas esperanzas transcendentais: “Teimo algo que
desminta a seguranza de que todo está perdido”
Novoneyra propón certas actitudes do home diante do seu tráxico destino:
- INCONFORMISMO: “Non podo non ser nin ser así”.
- INSEGURIDADE: “Non temos nada que non se perda doadamente”.
- RESIGNACIÓN: “Nada foxe ao final certo”.
O home, en definitiva, na poesía de Novoneyra é un ser ferido pola constante
presenza da morte; unha morte que se enfoca nalgún caso como a
ausencia dun futuro cara ao cal avanzar, coma un inquietante estado de
estatismo perpetuo: “Morrer é ficar morto”.

Cuestións:
Que significa que Uxío é un poeta existencial?
Analiza tamén de que xeito se manifestan neles os tópicos literarios
do tempus fugit e do homo viator.
Procura tamén varios poemas que conteñan esta temática.

6- Poesía intimista.

No intimismo, a través de formas de expresión líricas e subxectivas, o eu
poético interrógase sobre a súa propia existencia, sobre o amor e a súa
problemática. Son as reflexións dun ser sobre o mundo e incluso a proximidade
á dor e á aflición que nacen da soidade, da morte.
O libro de Muller pro lonxe é no qu emellor se percibe esta temática.
O intimismo en Novoneyra nace da súa vivencia telúrica no Courel, alí no
medio do monte elabora a súa visión propia da vida, do home e da natureza,
o que lle confire á súa obra unha dimensión, que a fai inseparable en
moitos casos, entre intimismo, poesía da terra e existencialismo.

7- Poeta innovador e outras producións.

Os caligramas e o seu estilo cargado de espírito innovador.
Pese a rexeitar en todo momento a despersonalización que propuñan
as vangardas, Novoneyra si que soubo incorporar un gran número de recursos
innovadores que floreceran nas diferentes correntes de comezos
de século.
Sen deixar a un lado o marcado carácter moi intimamente popular, vivencial
ou comprometido, Novoneyra foi capaz de potenciar a súa mensaxe
e de suscitar diversas emocións xogando co significante por medio
das técnicas vangardistas máis eficaces ao respecto:
Novoneyra consegue, polo tanto, un uso moi significativo das maiúsculas,
dos espazos en branco, da separación entre letras ou do emprego de
diferentes tipografías.
Por outra banda, o emprego da caligrafía dálle unha raizame máis persoal,
emotiva e sincera que o uso da letra impresa, á parte da beleza visual
que logra, deste xeito, para moitos dos seus poemas.

Incluso atopamos influxos neotrobadorescos, por medio dos cales o poeta
retoma recursos coma o paralelismo, o leixaprén e o refrán para lle
outorgar á súa creación poética un marcado ritmo popular ao máis puro
estilo das cantigas de amigo medievais.
A obra literaria de Uxío comprende dende a poesía visual e os caligramas,
ata obras de temática intimista, coma Muller pra lonxe, ou
existencialista, presente en case toda a súa produción. Asemade, na
súa obra están sempre presentes os xogos de palabras e o fonosimbolismo.
A produción de Uxío ten unha grande unidade, tanto naquelas obras
nas que prima a colaboración con outros artistas, sobre todo plásticos
(Laxeiro ou Cabezón, por exemplo), e outras nas que é a poesía o único
eixe da obra.
NOS EIDOS: A auga, o aire, a neve, o sol morno, o lobo son temas recorrentes ao longo
do libro. Permítenlle ao autor expresar a súa vivencia de comuñón íntima
coa paisaxe que o rodea e mostrar entón as súas máis íntimas, como en
“cae a tarde baixiño i o corazón sínteo”.
O fonosimbolismo tamén está presente en gran parte da obra e o poema
máis característico é o que comeza por “No bicarelo do bico do brelo...”.
Esta repetición de sons intentará dalgún xeito evocar aquilo sobre o que
o poema trata, así a caída da neve, “falorpiña a falorpiña”, xa nos evoca
ese caer lento. Noutros casos, pode ser a auga como en “Naz a auga su as
abrairas...”, ou a forma dos animais, como en “O lobo! os ollos ao lombo
do lobo”.
O poema “Viet Nam canto” manifesta a oposición conceptual liberdadeopresión.
Nel hai trazos de estética beatnik e a disposición visual do poema
adquire moita importancia.

Poemas caligráficos, en que recolle o poema
“Vietnam Canto” e no que colaboran Raimundo Patiño e Luís Seoane, entre
outros.
Así, realiza diferentes caligramas e
gravados, tanto en lenzo coma en pedra, e non esquece nunca a dimensión
recitada e mesmo musical e coral da poesía, que está presente en
moitas das súas obras, como se os seus poemas se concibisen para seren
representados e percibidos polos sentidos

por camiños de renovación, experimentación
e indagación formais ben afastados do prosaísmo
de certa poesía social-realista, tirando inspiración na liña beatnik,
retomando elementos surrealistas e expresionistas, recreando
o espírito dos haikus orientais

Outras obras narrativas
Unha última e inauguradora faceta do autor é a contribución á literatura
infantil e xuvenil con obras como O cubil do xabarín, Gorgorín e Cabezón
e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998).
No final da súa vida, cultivou o ensaio en Dos soños teimosos (Ed. Noiterenga,
1998). E tamén fixo literatura infantil e xuvenil en obras coma O cubil
do xabarín (Edelvives, Zaragoza, 1991) ou Gorgorín e Cabezón (Edelvives,
Zaragoza, 1992). Tivo unha obra póstuma de título Arrodeos e desvíos do
Camiño de Santiago e outras rotas (Hércules Ediciones, A Coruña, 1999).

8- O camiño do soños do poeta.

Por que escritor?
“Por que escritor?... Quizabes por unha desmesura do soño. Por
un desmandarse, por un anteporse dos soños máximos.

Dicía Novoneyra:
“ Grande é a soidade e por iso tamén grande é a tentación de pecharse a soñar. Ou de abrirse a soñar. E máis cando toda a segunda infancia, toda a adolescencia, toda a mocidade, “ as sete mocidades”, quedaron inscritas na Ditadura…

Xa está dito que soñar é crear. Máis cómpre reasumilo. Soñar é descubrir posibilidades certas. Case sempre soñamos posibles necesarios. Case nunca soñamos imposibles, aínda que só sexa por esa discreción que nos impón a Historia.
Posibles necesarios e difíciles. Difíciles só porque están en choque con intereses creados e coa simple inercia…

Un poeta pouco máis precisa se o alenta a plenitude interior. Se está ben asistido pola memoria individual, pola memoria colectiva, pola memoria profunda, polo soño do futuro, pola potencia da mocidade.

Os poetas gozamos e sufrimos dunha incurable mocidade. E máis se, por riba de todo iso, un ten un nó, o problema de pertencer a un pobo sen estado de patria-lingua ameazada. Entonces si que xa se xustifica toda a desmesura no soño e na renuncia por transformar o Mundo e salvar o Seu Común, o Noso Común.

Amais de estar posuído polo soño da plenitude humana e da liberdade, polo soño de cambiar o Mundo, un está secuestrado pola patria. E isto si que o pon en forte punto. E máis por tratarse dun poeta que é o ser máis dependente da propia Lingua.”



9- Novoneyra na literatura galega.

Uxío é o poeta de dicir moito coas menos palabras posibles, versos curtos, polisemánticos e cargados de suxestións. En Novoneyra encontraremos un poeta que soubo ir incorporando un gran número de recursos innovadores nos seus versos. As temáticas serán diversas: poemas da terra e da paisaxe, poesía social, poesía intimista e poesía existencial.

Durante a estadía madrileña, completará a formación cultural de xeito
autodidacta e comeza a escribir en castelán na revista universitaria Bengala,
participa en recitados poéticos que se celebraban nas aulas universitarias
e que o singularizarán como un gran declamador e conforma
un pensamento crítico cos tempos avoltos que lle toca vivir que se irán
tinxindo de conciencia galega a partir dos anos 50, en contacto co propio
Manuel María, Carlos Maside, Ramón Piñeiro ou Otero Pedrayo. Estas
experiencias persoais van asentando a súa vocación galeguista e a volta
ao Courel en 1952 confírelle o impulso definitivo para escribir en galego,
que se visualizará na súa primeira obra poética, Os eidos (1955).

Co grupo Brais Pinto, mozos galegos intelectuais, pintores e
escritores residentes en Madrid, de ideoloxía de esquerda e nacionalista,
como Xosé Luís Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Bernardino Graña,
Raimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Herminio Barreiro e Ramón
Lorenzo, que desenvolveron un amplo labor cultural na capital española,
creando unha editorial onde publicar literatura en galego ou dándolle
visibilidade á cultura galega.

“Aínda concibo a función do escritor como función máxima e no
caso galego a Literatura como misión, como gardadora do pasado,
como veladora e como adianto do porvir, aínda que só se adianta
o que xa está en nós. O feito de que Galicia sexa unha nación sen
estado, mal articulada e representada, carga moita responsabilidade
no escritor”.


Uxío tivo que afrontar e encaixar, cónstanos que non sen desgusto,
o propositado esquecemento en que nalgunhas historias e
libros de texto sobre a nosa literatura colocaron os seus poemas
máis sociais e políticos (a “Letanía de Galicia”, o “Vietnam canto”...).
Marxinación ou esquecemento este realmente inxusto e inxustificable,
pois eses poemas foron sen lugar a dúbidas iniciadores,
antes da pólvora e da magnolia ferriniana.

Cuestión:
Procura realizar un esquema coas ideas centrais destes textos.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 20-05-2010 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal