GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Probas modelo para setembro
1ª AVALIACIÓN:

1-COMPRENSIÓN LECTORA/ LITERATURA: Le o seguinte texto de Vicente Risco e define brevemente os trazos vitais, a evolución e os principios ideolóxicos da Xeración Nós usando especialmente as afirmacións do texto: “Eu caracterizaría os homes de meu tempo preocupados polas cousas do espírito, dicindo que eramos- e somos-individualistas, inadaptados, antisociais, antigregarios, introvertidos... os auténticos vencidos da vida…vencidos por inadaptados…Efectivamente: introvertidos fomos ata non chegar a nós o galeguismo. Os inadaptados son por definición os insatisfeitos do mundo sensible, os inimigos da realidade cotiá, os que procuran fuxir do medio que os rodea… Peregrinamos polas cosmogonías, metafísicas e estéticas, despois de moitas viaxes polo mundo ,despois de tantas voltas e reviravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espazo e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de Galicia, a nosa Terra oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan extenso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante…”
2- CASTELAO: Características da súa prosa.
3- Enumera os títulos máis destacados da obra narrativa, ensaística e teatral de Otero Pedrayo.
4- Valores e obra de Vicente Risco.
5- HISTORIA DA LINGUA: Que sabes das Irmandades da Fala? Que sabes sobre Ramón Cabanillas?

6- Cal é a importancia do Grupo Nós para a cultura galega? Responde esquematicamente.
7- LÉXICO : Define e identifica as distintas linguas de substrato e superestrato do galego:
8- LINGUA E SOCIEDADE: Explica que son: O Estatuto, a Lei de Normalización e a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
9- A LINGUA POR DENTRO: Pon 5 exemplos de prefixos e 5 sufixos gregos e outros tantos latinos:

10- Escribimos ben: Explica nun texto breve e coherente as transformacións sociais, económicas e ideolóxicas e culturais que sofre Galicia neste 1º terzo de século.

2ª AVALIACIÓN:
1- Historia social do galego de 1936-1976
2- Historia social do galego dende 1976
3- A poesía da Posguerra.
4- A xeración das Festas minervais.
5- Celso Emilio Ferreiro: vida e obra (temáticas)
6- Uxío Novoneyra : obra estilo e temáticas

7- GRAMÁTICA: Colocación dos pronomes átonos
8- Pronomes: Substitúe o OD e OI polos pronomes átonos que correspondan:
Botei o sal ás lentellas.
Como non ensinaches os deberes aos profesores?
Latexaba o corazón ás rapazas na alborada
Teu pai mercou un piso para vós.
Saúda a Xurxo da miña parte.
Nunca mercarei unha bicicleta para ti.
Coloca nas seguintes oracións te/che (fíxate se son OD ou OI):
…..busquei …. o libro
Non …… lanzaron …. o balón.
…. esperei….. na rúa a que …. deran ….. o coche.
Sempre…. chegaron….. os cartos.
Que ……dixo ….. que ….. quería …. ver….. onte?

9-Autor, tema e funcionalidade dos principais recursos do poema:


Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

10- Autor, tema e funcionalidade dos principais recursos do poema:

LETANÍA DE GALICIA
GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
hastr’os que calan din GALICIA
e saben sabemos
GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza
libre pra servir libre pra servir
libre pra non ser libre pra non ser
libre pra morrer libre pra morrer
libre pra fuxir libre pra fuxir
GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda
recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa
recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa.

3ª AVALIACIÓN:
1-Conxuga os seguintes tempos verbais : Presente, pretérito e antepretérito de indicativo
Presente, pretérito e futuro de subxuntivo dos verbos: HABER, IR , SABER e SER.
2- Historia do galego: Das linguas de substrato e superestrato do galego ata o seu nacemento.
3- Historia do Galego: O galego dende principios do século XX ata hoxe.
4- Cunqueiro narrador.
5- Variedades xeográficas da lingua.
6- A escoller: A) Nova Narrativa Galega ou B) X. L. Méndez Ferrín: un antes e un despois.
7- A escoller: María Xosé Queizán ou Xohana Torres.
8- María Victoria Moreno : Letras galegas 2018.
9-10 TEXTOS / EXPRESIÓN Comenta brevemente dous dos seguintes textos ( tema, recursos principais e funcionalidade, deducir o autor/a e corrente á que pertence argumentándoo a partir do texto):
A) A voz do Suso chegou a min fortemente, como unha corneta que rinchase: -Manolito baixa, baixa! ...
…O rapaz afogado tiña os ollos de animal de baixoterra. Tiña os ollos do Suso. Tiña a admirada cara do Suso. O rapaz afogado era o Suso. Botei un berro liso e longo coma unha lombriga. A néboa espesara. O vento quería Fender os canavais. Volvín berrar e o berro foi outravez longo e repulsivo. Caín. Erguínme. Iniciei unha carreira cega. Ao final da miña fuxida de pequena besta horrorizada, estaba a miña casa. E metínme na cama acorado e molladísimo.
Pasou o tempo. Pasou o que quedaba de noite, nun estado de semi-inconsciencia. E toda a rapazallada do barrio comezou a berrar baixo da miña fiestra: Manolito, Manolito, o Suso afogou onte no río.

B) O señor Merlín asegún se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado para Miranda por unha tía segunda por parte de nai, pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito. … iba don Merlín vestido de negro, agás unha gran bufanda colorada, e xa daquela tiña mi amo a barba branca. Por don Merlín non pasaban os anos, e disto queixábase como dunha horamá.
A primeira na casa, despoixas de don Merlín era mi ama doña Ginebra. Tampouco era do país e prendía algo na fala. Tiña un pelo loiro mui fermoso e longo,… decían que era viúva dun grande rei que morreu na guerra, e que tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro.

C) PENÉLOPE
Declara o Oráculo:
"Que a banda do solpor é mar de mortos, incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.

Así falou Penélope:
Existe a maxia e pode ser de todos.
A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMEN NAVEGAR"

Xohana Torres.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2018 07:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal