Escollamos un texto poético para comentar e apliquemos algunhas das claves que usamos xa nos textos en prosa.
Un poema de Celso Emilio Ferreiro:
O preguntón
O home por natureza quer saber,
dixo Aristóteles fai algún tempo.
O meu amigo quixo saber da vida,
quixo saber da lei,
quiXo saber do Rei,
quixo saber do bispo,
quixo saber da espranza.
Eiquí ?díxolle o garda
que o levou detido?
o que quere saber, apanda.
Un poema de Méndez Ferrín:
EN COMPOSTELA PODE UN HOME
En Compostela pode un home
escoller óboe e docísimo cor ao contrapaso,
decaer nos tremendoiros
(VIBRA, CORAZON GASTADO!)
tenra especie de prantas espirais
e añuca ou seixo de xogar antre os dedos.
Pode pedra luída
alzarte sobre sí coma un guerreiro
é proclamado rei de oucas e carballeiras vellas.
En Compostela pode un vento duro
estremecer o corazon da Europa campesina
que todos temos dentro sen decilo.
En Compostela soan polonesas,
nacionalmente, en moitos plenilunios
cabo de trasparentes ollos, mortos,
e un barroco de bronce ergue paxaros de duro marmore
e oubear oubean os couselos
nas murallas de San Martiño Pinario.
En Compostela, enfín,
compañías de mortos compañeiros
comen caldo insumiso na lembranza ilustrada
(VOTO POR VÓS: ROSALIA, PONDAL, FARALDO)
das cabezas alzadas.
En Compostela está o que perdemos
e vai nacendo noutros e esto é o grande milagre
(UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!)
da conciencia desta patria
conservada en pequenos corazóns
ardentes con fogo doce que non morre.
En Compostela soterraron a semente
chamada Xohán Xesús González. Porta
dun futuro suntuoso e proletario
que avanza cara a nós con alboroto
e vénme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo.
En Compostela estamos
moitos xa para sempre derrotados.
Un poema de DE XOHANA TORRES
PENÉLOPE
Declara o Oráculo:
"Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.
Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.
Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.
Así falou Penélope:
Existe a maxia e pode ser de todos.
A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMEN NAVEGAR"
COMO DEBES FACER O COMENTARIO?
- Darlle relevancia ao tema, punto de partida de todo comentario.
Cal destes tres temas corresponde a cada un dos poemas: Vivir a historia de Galicia en Compostela/ Defensa da liberdade de expresión/ Reivindicación dun novo tempo para a muller.
- Establecer unha conexión entre as cadeas léxicas que existen no poema e o tema escollido.
-Relacionar os recursos máis significativos co que aporten ao propio tema, é dicir, procurar a súa funcionalidade, traballando en dous planos o do contido (ton) que expresamos con adxectivos e o da forma (ritmo).
-Esencial, sempre que se poida, partir dunha referencia do autor, das súas temáticas recorrentes, do seu contexto histórico e literario. Con estas claves podemos atar tema, autor e contexto. |