GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Chegou das Américas
Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trae una mona, un papagaio, un fonógrafo…
O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gaña-lo pan. Co tempo fíxose mozo cumprido, sen máis chatas que a súa cor… aínda que era negro coma o pote, tiña gracia de abondo para facerse querer de todos. Endomingado cun caravel enriba da orella e unha póla de malva na chaqueta, parecía talmente un mozo das festas.
Unha noite de estrelas xurdiu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sentiu, coma tódolos mozos da aldea os anceios de emigrar. E una mañá de moita tristura, gabeou polas escaleiras dun transatlántico.
Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brillantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
-Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou pobre e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco…

LOCALIZACIÓN
Texto de COUSAS de Castelao unha obra narrativa singular composta de relatos curtos acompañada de ilustracións que complementan a narración.
Literatura realista sobre os problemas que atinxen a Galicia do 1º terzo do século XX cun claro sentido concienciador do seus coetáneos.

INTERPRETACIÓN
Asunto: Pachito, un negriño cubano chegou á aldea (Galicia) da mao dun home rico, adaptouse e medoru coma un mozo máis , mesmo á hora de emigrar e embarcar cara a Habana con tristura. Mais alí non se sente ben e decide volver a súa terra.
Tema: O sentimento da terra,(ou o ser dunha terra).
Estrutura:Introdución: Chegada dun negriño á aldea cun home rico
Nó: á morte do home Panchito medra e convértese nun máis na aldea, mesmo á hora de emigrar cara a Habana. Alí non é capaz de vivir.
Desenlace: Volve á aldea, a súa terra pobre como outros moitos volveron da emigración á terra allea.
Elementos da narración:
Voz narrativa: narrador externo omnisciente selectivo preocúpalle o sentir de Panchito.
Personaxes: Protagonista: Panchito. Secundarios: un home rico da aldea e os habitantes da aldea.
Espazo: a Habana e a aldea (Galicia), co como medio/ canle de unión de ambas terras.
Tempo lineal coincidindo o tempo do discurso a (cronoloxía dos sucesos) co tempo relatado: Dende a chegada de Panchito medra, emigra e volve á aldea .
Discurso narrativo-descritivo e cara o desenlace dialogado.

Nivel semántico:
Cadeas léxicas son os fíos que conforman o significado do texto:
Cuba e o seu mundo: Habana, negro…
Medrar e aprender: -iño, deprender, mozo comprido, …
Galicia e a identidade: aldea, parescía talmente, todos, terras deixadas.
Sentimentos: anceios, saloucando, morro…
Aspecto e evolución do protagonista: mona, chatas, endomingado, sombreiro de palla, traxe branco…
Recursos importantes de contido para deducir o ton do texto:
-iño diminutivo afecto e indicador da nenez propiciatoria da aprendizaxe e de que o protagonista medre, que se faga mozo
Comparacións: coma quen trae unha mona, fonógrafo / negro como o pote ( indican a cousificación inicial do personaxe que vai evolucionar sendo unha persoa allea a non ter máis chatas ( certo humorismo) cá cor de aí o valor simbólico do traxe branco (contrastre do final e incluso co debuxo que complementa o texto).
Esta antítese e ata un paradoxo irónico prodúcese dun xeito paralelo cos dous espazos simbólicos tamén: Habana / a aldea.
Enumeracións de elementos da identidade: falar, enxebreza, muiñeiras, aturuxos…
Metáforas dos sentimentos “ollos mollados e brillantes”, “fartura no corazón” mesmo hipérbole e ironía cando Panchito di: eu morro! (fixémonos aquí a utilización da voz do protagonista deixando o modo narrativo-descritivo neste punto culminante da historia.
Adverbios e adxectivación que refozan os valores e recursos semánticos do texto: “parescía talmente”, “terra de tanto sol” e especialmente “súa aldea”no final.
Lirismo : un caravel na orella e unha póla de malva nachaqueta …unha noite de estrelas…
Metáforas do crecemento: “gaña-lo pan”, “saír polo mundo á cata de riquezas” (riqueza-s plural poético) e estoutra con certo valor simbólico “ gabear pola escaleiras dun transatlántico”. “ a popa (do barco como etapa da vida pasada, superada).

Métaforas do mar como camiño (da Habana), “noite de estrelas” como momento de reflexión e de ilusión (esperanza dunha nova vida) que se concreta na mañá que como paradoxo presenta “moita tristura” (a morriña pola terra, ese non afacerse que logo aparecerá na terra de tanto sol (metonimia de calor).

Tamén parece unha ironía que un galego use en Galicia un sombreiro de palla e un traxe branco, propios de lugares de máis calor… el que era natural da Habana e que era negro, agora por riba viste coma un “americano”.


TON: reflexivo polo tema central da identidade, emotivo e sentimental

A forma do texto: o seu ritmo
Un texto que aínda sendo narrativo procura unha vertebración rítmica, un interese pola estrutura rítmica do mesmo nas dúas enumeracións iniciais de tres elementos na introdución . Logo aparece a reiteración ou repetición de elementos: neste text o nome de Panchito, por exemplo, ou estruturas gramaticais ( que sen chegar a ser moi complexas aparecen como paralelismos (eu non me afago, eu non me afago...) e nun momento álxido no texto, mesmo o pronome “eu” (en tres ocacións) lévanos a pensar nun texto de dinamismo lento ou negativo.

No nivel fonolóxico, aínda que non é un poema podemos destacar un elementos de reforzo na idea de interiorización dacultura propia da aldea ao dicir con certa aliteración “aturuxos abrouxadores”.

VALORACIÓN
Un texto reflexivo ao redor da creación da identidade, do ser, onde elementos como a terra onde se cría un condiciona a personalidade. O protagonista escollido vaise así humanizando progresivamente e á par da súa aprendizaxe e crecemento, pasa de ser tratado coma unha cousa a ser un máis da aldea, cargado de emotividade e simbolismos de Cuba a Galicia e de negriño a un home de traxe branco, iso si pobre e con moita fartura no corazón.
Ademais do galeguismo que respira polo tema central, o sentimento da Terra, preocupación evidente dos autores do 1/3 do século, o texto deixa ver as claras o estilo de Castelao na carga emotiva e emocional coa que arroupa aos seus personaxes humildes, o lirismo incluso na procura un ritmo interno na narración, certo humorismo e a sinxeleza da linguaxe e do relato que presenta sempre un coidado final.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 30-11-2017 07:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal