GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os Ourensáns da xeración Nós: Os inadaptados.
A alma mater da Xeración Nós estaba en Ourense. De espírito fidalgo, son homes que na súa procura dun mundo mellor, dun mundo que os afastara da preocupante situación da Europa do primeiro terzo do século XX, homes que viviran a 1ª Guerra mundial coma un elemento máis de desafección e pesimismo, o que lles serve para pronunciarse inicialmente como individualistas e inadaptados ata descubrir Galicia. Así é como se os describe o propio Vicente Risco:

Eu caracterizaría os homes de meu tempo preocupados polas cousas do espírito, dicindo que eramos- e somos-individualistas, inadaptados, antisociais, antigregarios, introvertidos... os auténticos vencidos da vida…vencidos por inadaptados…Efectivamente: introvertidos fomos ata non chegar a nós o galeguismo. Os inadaptados son por definición os insatisfeitos do mundo sensible, os inimigos da realidade cotiá, os que procuran fuxir do medio que os rodea… Peregrinamos polas cosmogonías, metafísicas e estéticas, despois de moitas viaxes polo mundo, despois de tantas voltas e reviravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espazo e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de Galicia, a nosa Terra oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan extenso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante…”

Semellanzas entre os membros do Grupo:
1º-As datas de nacemento dos escritores deben darse nun período máximo de 15 anos: todos os autores de Nós nacerán na década de 1880, o cal lles fará compartir unha serie de elementos e inquedanzas comúns. Alén disto, entran xuntos na vida cultural.
2º.Igualdade de elementos formativos: todos eles teñen estudos universitarios.
3º.Existencia de trato persoal entre os escritores: no caso de Nós tanto é así, que todos eles pertencen ás Irmandades da Fala e colaboran nas mesmas revistas e xornais, alén de no Seminario de Estudos Galegos.
4º-Os escritores deben ser impulsores dunha nova forma de expresión: neste caso, estamos a falar dos renovadores da prosa galega e dos creadores do ideal de que o galego é válido para calquera uso.
5º-Ruptura coas xeracións anteriores: os homes de Nós romperon coa literatura de inspiración decimonónica e puxeron o noso sistema literario á altura dos europeos.


Podemos adentrarmos no cenáculo ourensán a través de diversos traballos:

Fundación Vicente Risco onde podemos atopar estudos como quen é Risco?

OTERO PEDRAYO
Ramón Otero Pedrayo (Ourense 1888- Trasalba 1976) De familia fidalga, amigo de Risco desde a infancia. Estudou Dereito e Filosofía e Letras. Asumiu o nacionalismo tras entrar nas Irmandades da fala. Foi deputado polo Partido Galeguista en 1931 e 1936. Foi expulsado da súa cátedra de instituto durante a ditadura franquista ata que se lle permite volver a docencia na universidade galega, onde será recoñecido referente do galeguismo da posguerra.

Obra: Foi un escritor en prosa de ficción e ensaio.
Novelas:
Os camiños da vida (1928) novela centrada na decadencia da fidalguía e no auxe da burguesía
na Galicia rural ao longo do século XIX

Arredor de si (1930) novela autobiográfica que relata a través do seu protagonista Adrián Solovio o camiño cara ao compromiso con Galicia, é dicir, a evolución ideolóxica que percorreu a súa xeración. Un pequeno texto deste libro di:

" Algunhas veces Adrián coidaba oir un baixo latín cheo de mocidade e futuridade. No comercio cos labregos, o esperto senso crítico do Solovio deprendeu ben pronto a falsidade dunha afirmación na que el, por costume e preguiza, participara: a de ser o galego unha lingua vella, unha ruína, non doada para conter nin fecundar unha idea moderna, impropia para a Técnica e para a filosofía, por exemplo. Pois desque Adrián falaba galego sentía todo o seu ser renovado."

Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939) un dos numerosos ensaios deste autor.

Fundación Otero Pedrayo

Sobre Florentino López Cuevillas autor dunha especie de autobiografía da xeración á que pertenceu titulada Dos nosos tempos.


Comentarios (0) - Categoría: Nós - Publicado o 09-11-2014 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal