GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ROMANCE DA HISTORIA DA NOSA LINGUA
OS SÉCULOS ESCUROS

VIII

Viñeron xentes de fóra,
xentes de dentro marcharon,
e a lingua da nosa xente
nos escritos olvidaron.
Galicia foi sometida
polo xugo de Castela,
e os que mandan en Galicia
non falan na língua dela.
Pero as xentes desta terra,
columna do noso pobo,
non deixan de ser galegos
nin falan idioma novo.
Artesáns e mariñeiros
e burgueses e labregos
levan no peito Galicia
e nos labios o galego.


Cuestións:
Como se chama esta época na que os escritos en galego se esquecen?

Cales son os motivos que se deixe de escribir en galego? Tamén se deixa de falar?

IX

Inda que os bispos de fóra
mandan rezar noutra língua,
a xente fala na súa
Galicia non sofre míngua.
Así van pasando os anos,
anos a ducias e centos,
e moitos anos máis tarde
fala o bo Martín Sarmiento.
Padre Sarmiento Bieito
non quere de fóra un crego,
nin oficial de xusticia
que non fale en bo galego.
Douscentos anos pasaron
desque escribiu este frade,
e inda todo o que el quería
dista ben de ser verdade.


Cuestións:
Quen era Sarmiento, que reclamaba? Eran todos os curas así nesta época? Razóa a resposta.

X

Ó principio do oitocentos
toda Galicia falaba
na lingua dos devanceiros
e ninguén se avergonzaba.
Pero en seguida empezaron
as xentes acomodadas
a pensar que eran máis finas
as palabras importadas.
Galicia xa tiña fendas,
xa o seu corpo se crebaba
pola mor dos desleigados
que a súa lei non lle gardaban.
Pero había peitos nobres
que pensaban doutro modo,
e anque en Carral os mataron
nunca os mataron de todo.


Cuestións:
Que significan “crebar" e “desleigados”?

A quen mataron en Carral? En que época? Que pedían? Por que se di que non morreron de todo?


XI

O seu espírito altivo
preludiaba o nacemento
das mil flores que serían
o noso Rexurdimento.
Añón, Pintos e Camino
e outra xente que escribía
na vella lingua galega,
preludiaba a Rosalía.
Rosalía a gran poeta
recobrou a dignidade
da língua que todo o pobo
gardara na adversidade.
Don Manuel Curros Enríquez
palabra de aceiro fino,
cantou a luz e o progreso
neste idioma campesino.


Cuestións:

Por que cres que se chama a esta época o Rexurdimento?
Cita cinco poetas desta época:

XII

Língua de ouro nos facía
Pondal o bardo do pobo
cantando os fastos antigos
e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas
a historia nos descubría
e fundaba o noso orgullo
aquel bo Manuel Murguía.
Entusiastas estudiosos
a gramática estudiaban,
recollían as palabras
e pulían e ordenaban.
Fundaron unha Academia
e as Irmandades da Fala,
que naceron na Coruña
para honrala e enxalzala.


Cuestións:
Era Murguía un poeta? Que escribía?

Cal era o obxectivo das Irmandades da Fala?

En que momento nace este movemento e a Academia?

QUE DEBES SABER DESTA ÉPOCA:
DECADENCIA E SÉCULOS ESCUROS
VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.



VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

REXURDIMENTO

VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.



O SÉCULO XX

XIII

E tantas altas empresas
e tantos feitos honrosos
que en Galicia procuraban
un abrente esplendoroso.
Castelao e Vilar Ponte
Bóveda, Otero Pedrayo,
¡Que gran xente aquela xente,
que esplendor extraordinario!
No trinteseis o Estatuto
fixo un pouco de xusticia
recoñecendo o galego
como lingua de Galicia.
Pero a guerra fratricida
desfixo toda esperanza
e a vida de moita xente
de imborrable relembranza.

Cuestións:
Ademáis de escritores como Castelao, Vilar Ponte... estes autores fundaron un partido, como se chamaba?


Quen impulsou o primeiro Estatuto de autonomía para Galicia?


Cales eran os principais logros deste Estatuto?

Que impedíu a posta en marcha do Estatuto? Quen provocou esta situación?


XIV

Foron anos de silencio,
de persecución e pranto:
"A longa noite de pedra"
enchía os peitos de espanto.
Por fin foron renacendo
novas luces pequeniñas
e Galicia agurgullaba
nas xuntanzas clandestinas.
Novos poetas cantaron,
contaron os narradores,
e "a longa noite de pedra"
clarexaba cos fulgores.
Galaxia, O Castro, Castrelos
editaban en galego
e a patria nosa xurdía
e empezaba a ve-lo ceo.


Cuestións:

Como se pode chamar doutro xeito a esta “longa noite de pedra”?

Estaban permitidos daquela os partidos políticos? Como realizaban a súa función?

QUE TEÑO QUE SABER SOBRE ESTA ETAPA:
O GALEGO NO SÉCULO XX
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.

X- O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XV

En Santiago canta o Galo,
loce o Facho na Coruña
e en Ourense, Vigo e Lugo
dase nova testemuña.
A enseña da democracia
ten o brasón en galego
e na fábrica e nas aulas
soa a língua dos antergos.
Mozos sabios e patriotas
ordenan a lingua nosa;
fana culta e ordenada,
fana lóxica e fermosa.
Entra a lingua nas escolas
e se inda non é señora
ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.


Cuestións:
Que son “ o galo” e “ O facho”?

Que trouxo consigo a recuperación da democracia?

Como podes interpretar estes dous versos?

ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra
.


XVI

Xa se fala nos lugares
onde lle era antes vedado,
inda que hai quen a discute
porque hai moito desleigado.
Inda hai pais que son contrarios
a que a aprendan os seus fillos
sexa porque non o pensan
ou que os movan catro pillos.
Este noso antigo idioma
é unha lingua de cultura
e é vergoña pra un galego
non falala con soltura.
"O galego que non fala
na lingua da súa terra,
nin sabe o que ten de seu,
nin é merecente dela".


Cuestións:
Que problemas ten a lingua nesta etapa na que vivimos?

Que cres que diferenza a un galego habitante dun galego falante?




XVII

Así falaba un poeta
noutro tempo deste asunto,
e agora vai sendo hora
de poñerlle á historia punto.
Esta historia é diferente
doutros romances de cegos;
non se sabe inda o remate,
pois depende dos galegos.
Nenos, homes e mulleres
desta terra adormentada,
rematouse xa o romance,
e escomenza a pandeirada:

¡ARRIBA POBO GALEGO,
ARRIBA LINGUA GALEGA,
QUE SE MORRE A NOSA FALA
NON HAI POBO NIN HAI TERRA!

Cuestións:

O final do romance está escrito?. Quen vai escribir o final desta historia?

Cal é a advertencia final deste romance?

XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 28-09-2014 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal