GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un texto para coñecer a Florentino Cuevillas e o pensamento da Xeración Nós
Antes de entrar a analizar en detalle o relato "O trasno na vila" convén saber que Florentino López Cuevillas foi antropólogo e historiador -considerado o primeiro sistematizador da prehistoria galega- e achegouse ademais ao ensaio e á narración literaria. Un home que endexamais renunciou ao seu compromiso con Galiza e que puxo todo o seu saber ao servizo do país desde a súa militancia inicial nas Irmandades da fala até o final da súa vida. Destacou sobre todo o seu traballo no Seminario de Estudos galegos como arqueólogo.

Obra:
Prosas galegas, un conxunto de relatos curtos literarios e algún ensaístico.

Ensaios:
Dos nosos tempos. Onde explica o significado do grupo Nós e a súa transcencencia para a cultura galega (reflexións sobre a evolución da súa xeración e Galicia):

"Galicia presenta dous problemas principáis: Un económico, liberdade da terra; outro político: liberdade do sufraxio, da soberanía popular galega; e un xeral: a desgaleguización de Galicia.
Ademáis do cual, Galicia vese afectada polas consecuencias dos erros dos gobernos de España, e do seu atraso político. O nacionalismo galego, diante dos problemas de Galicia proclama a persoalidade xeográfica, histórica e espiritual da nosa Terra, e significa para ela a autonomía en todos os órdenes, significa a nosa espiritualidade enxebre manifestándose na súa peculiaridade na vida española e na vida mundial.
(Dos nosos tempos)

Afondando no pensamento e na obra de Cuevillas:

Previa lectura debes ler e entender a entrada anterior deste blog. sobre o pensamento da xeración Nós (de Vicente Risco en particular) para logo poder comentar a fondo o seguinte texto de Florentino López Cuevillas.

O trasno na vila

"Ben te vexo Trasno, e ben te coñezo, aínda que non parezas sempre a mesma cousa. Cando chimpaches no regueiro a aqueles sete mozos que viñan da tuna e que montaron en ti, tiñas corpo de burro; e cando te puxeches a guichar por baixo das saias das fillas do muiñeiro, tiñas corpo de año Mais agora, Trasno, tes a mesma figura que cando ías empoleirado por riba dos tarecos da tía Marica, que, non te podendo aturar máis tempo, botou o seus trebellos ao lombo para se mudar a casa, e na cima dos trebellos ías ti, condenado. Porque a pobre da tía marica non sabía que ninguén se pode ceibar do teu sino, nin das súas angueiras, nin de ti.

Xa sei que non es ruín; xa sei que en Melias advertiches aos veciños para que non murmuraran máis daquela costureira que fora para o Ceo, aínda que todos os domingos lavaba a súa roupa no río; xa sei que aquel quinto da parte de Chantada, que andaba fuxido para non ir ao servicio, avisábalo ti en canto os da xustiza querían chagarse a el. Mais aínda que non ruín, gustas das burlas e das argalladas, de asombrar a uns e de meter medo a outros, de rir de todos, e de non acougar en ningures. E por iso, Trasno, non sei que me dá mirarte parado aí tanto tempo por riba de Pontevedra.

Eu ben te vin cando chegaches, pouco despois do mediodía, e desde entón estás sen rebulir, sen remexer man nin perna, deitado no aire e ollando para abaixo. Miraches para a xente que andaba a pasear pola Alameda e pola Ferraría, e para os automóbiles que corrían dun sitio para outro; e tan parvo estabas, que non te riches nin daquel señor que se botaba de agudo sendo negado, nin daquela vella que quería ser nova, nin daquela fea que se eslumía por ser boa moza. E agora xa vén a noite, e o Lérez e a ría están sementados de estrelas; e ti segues deitado aí no aire esquecido de ti mesmo sen acubillar ningunha cousa, sen trelazar as cerdas das colas dos cabalos, sen arrastrar cadeas polos faiados, sen petar nas portas. Ai, Trasno, que non te coñezo!
Eu non sei, coitado, se ti tamén non te deixarías engaiolar pola cidade. Eu non sei se esta noite mesma non estarás tentado de ir ver unha película ao cine, ou de ir botar unha bebida a un bar, ou de ir bater unhas danzas a calquera lado. Eu non sei se, como outros moitos, non te quererás vir vivir á vila.

Mira o que fas, Trasno. Ti naciches na aldea, ti andaches nos piñeirais, nos soutos e nas fragas; ti aínda levas na cachola un pucho de lá, e nos pés unha chancas de pao de amieiro. Qué vas facer entre homes e mulleres que están tan afastados de todo o que é propio da túa natureza; qué vas facer á beira dos sabios dunhas ciencias que non son as túas bibliotecas, duns mozos e dunha mozas que nin sequera ouviron falar de ti. Vaite; pretiño de ti están Mourente, Salcedo, Marcón, Bora; en calquera destes lugares poida que aínda quede xente da túa xente da que sabe mirar para a terra e para o ceo, e que vai vivindo agarrada ao rabo do sol e ao rabo da lúa.

Se te quedaras, deixarías de ser quen es, porque aínda que rebuliras e correras non habían dar tino de ti, e toda a túa arte tería que empregarse nas sesións dos espiritistas.

Vaite Trasno, vaite. Que ti non tes ocupación nestes sitios en que a xente á forza de querer ver claro se volveu cega".

(De Prosas galegas, F.L.Cuevillas)

CUESTIÓNS DE COMPRENSIÓN

1- Divide o texto en partes e explica coas túas palabras que conta en cada unha delas.

2- A quen se dirixe o narrador? Por que cres que dialoga con el?

3- Que diferenza fundamental atopas na actitude do Trasno a partir de que se diga no texto ( final do segundo parágrafo "por riba de Pontevedra"?
Por que cres que actúa de xeito distinto nos dous casos?

4-Por que cres que se di "qué vas facer entre homes e mulleres que están tan afastados de todo o que é propio da túa natureza"?

5- Que medo ten o autor na parte final do texto? Que quere invitar a que pensemos os lectores ao afirmar "poida que aínda quede xente da que sabe mirar para a terra e para o ceo"...? Onde vive esa xente, a quen fai referencia?


Comentarios (0) - Categoría: Nós - Publicado o 29-10-2013 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal