GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DESCUBRE A VERDADE... A GALICIA QUE LEVAS DENTRO
DESCUBRE A VERDADE... A GALICIA QUE LEVAS DENTRO

Este é o lema co que arrincamos este curso 2011-12.
Xira ao redor da idea da educación da nosa identidade. Se o que nos fai humanos é precisamente a fala, exercer como tales humanos esixe vivir na procura de nós mesmos e manifestarnos como tal, de xeito auténtico ou verdadeiro. “Coñécete a ti mesmo” é unha fermosa e vella sentencia da antiga Grecia que podemos aplicar á hora de nos dispor a coñecer ese nós colectivo que se chama Galicia e que usa unha lingua que nos dá identidade no mundo, o galego.

Tomamos este texto como primeira lectura do curso e lectura central da Unidade 0 do curso. O debuxo que tes a túa dereita acompaña o seguinte texto.



CHEGOU DAS AMÉRICAS
(de “Cousas” A.D. R. Castelao)

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.

Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.

Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.

Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:

—Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco...


I- AS LINGUAS FANNOS HUMANOS

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal. CASTELAO, Sempre en Galiza

1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas?.
2- Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel?
3- Segundo Castelao, ¿que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
4- Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas?

II- COMO NACE UN IDIOMA?:
A terra e a natureza condicionan á sociedade que fai posible madurar unha diferenza: a cultura é unha forma distinta de ver o mundo. Castelao dío así:

Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión.

E Antón Vilar Ponte afirmaba:
Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 18-09-2011 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal