GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DA NARRATIVA ACTUAL

DE MANUEL RIVAS E A LINGUA DAS BOLBORETAS

Despois de ver a película baseada no texto de Manuel Rivas, A lingua das bolboretas, imos comentar:


1- Cres que esta ilustración de Castelao do 1937 do seu álbum GALICIA MÁRTIR titulada “a derradeira lección do mestre” ten algunha relación coa película? Cres que puido inspirar a Manuel Rivas á hora de escribir o seu relato? Cal é tema que une o debuxo, o relato e a película?

2- Comenta estas palabras do texto de Manuel Rivas:
"¡Traidores! ¡Criminais! ¡Roxos!"
"Berra ti tamén, Ramón, polo que máis queiras, ¡berra! A miña nai levaba collido do brazo a papá, como se o suxeitara con toda a súa forza para que non desfalecera. "Que vexan que berras, Ramón, que vexan que berras!" E entón oín como o meu pai dicía "Traidores!" cun fío de voz. E logo, a cada vez máis forte, ¡Criminais! ¡Roxos!" Soltou do brazo da miña nai e achegouse máis á fileira dos soldados, coa mirada enfurecida cara ao mestre. "¡Asasino! ¡Anarquista! ¡Comenenos!"
Agora mamá trataba de retelo e tiroulle da chaqueta discretamente. Pero el estaba fóra de si. "¡Cabrón! ¡Fillo de mala nai!" Nunca lle escoitara chamar iso a ninguén, nin sequera ao árbitro no campo de fútbol. "A súa nai non ten a culpa, ¿eh, Moncho?, recorda iso". Pero agora volvíase cara a min entolecido e empuxábame coa mirada, os ollos cheos de bágoas e sangue. "¡Bérralle ti tamén, Monchiño, bérralle ti tamén!"
Cando os camións arrincaron cargados de presos, eu fun un dos nenos que corría detrás lanzando pedras. Buscaba con desespero o rostro do mestre para chamarlle traidor e criminal. Pero o convoi era xa unha nube de po ao lonxe e eu, no medio da alameda, cos puños pechados, só fun capaz de murmurar con rabia: "Sapo! ¡Tilonorrinco! ¡Iris!".

3- Comenta: Este texto da película “A lingua das bolboretas”:
─ Cando un morre... morre ou non morre?
─ Na súa casa que din?
─ A miña nai di que os bos van ao ceo e os malos ao inferno.
─ E o seu pai?
─ O meu pai di que de haber xuízo final os ricos irían cos seus avogados, pero á miña nai non lle fai gracia.
─ E vostede que pensa?
─ Eu teño medo...
─ É vostede capaz de gardar un segredo?
(si coa cabeza)
─ Pois en segredo... ese inferno do máis alá non existe... O odio, a crueldade... iso é o inferno... Ás veces o inferno... somos nós mesmos.
A lingua das bolboretas
José Luis Cuerda
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 07-06-2023 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
DA NARRATIVA DO XX (1ª parte)
Previo á Narrativa da posguerra un autor singular:
Rafael Dieste un escritor da época da Xeración Nós que co seus textos narrativos incorpora á narrativa galega a intriga psicolóxica co seu libro de relatos: Dos Arquivos do Trasno. Traemos aquí: A morte de Bieito

DA NARRATIVA DA POSGUERRA:

Álvaro Cunqueiro e o seu Merlín en familia o realismo fastástico:Podes consultar o texto a comentar completo no libro na páxina 160 exercicio 1.

O señor Merlín asegún se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado para Miranda por unha tía segunda por parte de nai, pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito. … iba don Merlín vestido de negro, agás unha gran bufanda colorada, e xa daquela tiña mi amo a barba branca. Por don Merlín non pasaban os anos, e disto queixábase como dunha horamá...
A primeira na casa, despoixas de don Merlín era mi ama doña Ginebra. Tampouco era do país e prendía algo na fala. Tiña un pelo loiro mui fermoso e longo,… decían que era viúva dun grande rei que morreu na guerra, e que tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro.


Blanco Amor é un autor que viaxa no realismo social con novelas como A Esmorga Consulta no libro o texto completo na páxina 161 exercicio 3.

- O Bocas apareceu, erguéndose dun recanto, escuro, cos pantalós a medio subir, deixando ver a brnca pele da barriga por un costado...e sin dicir palabra deste mundo, o Milhomes alancou para el e dun golpe afundiulle alí a navalla e rachou con ela para un lado, sacándoa aixiña para lle asegundar máis abaixo...

O Milhomes sufriu e botouse a correr... Eu corrín tamén, pero foi ben pouco, porque as forzas que me quedaban esvaíronseme coa gran disgracia que acababa de ollar...

(...) Sinto a morte que levaron porque eran cristiaos coma mín, pero merecíana de abondo e ata somella que a percuraban tal como a levaron...
E con isto xa non teño máis que falar, e que Deus nos perdoe a todos...
- Si, señor, si. É a mesma, Vinlla pouco, pero esa somella ser a navalla do Aladio, o Milhomes.

Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 22-05-2023 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
Dillo con toxos (tcvetok), porque as rosas tamén teñen espiñas

Aproveitando este día 14 de febreiro imos darlle un repaso a tópicos e recursos literarios válidos tanto para crear como para comentar textos (podes consultar no libro na páxinas: 294-295).

Un texto ten contido e forma, logo o comentario debe saver distinguir estas dúas facetas, a do significado ou contido da semántica ligada ao ton, e, por outra banda, a da forma ou significante morgosintáctico e fonéticos ligados ao ritmo.

RECURSOS DE CONTIDO:
Simil ou comparación:
Metáfora ou identificación:
Metonimia (parte polo todo):
Símbolo:
Ironía:
Hipérbole ou esaxeración:
Antítese ou contraposición:
Personificación:
Sinestesia:(O mundo dos sentidos)
Silepse ou Diloxia ou dobre sentido:

RECURSOS DE FORMA:
a) Morfosintácticos:
Epíteto:
Enumeración:
Asíndeto:
Polisindeto:
Hipérbato (desorde)
Anáfora:
Paralelismo:
b) Fonéticos:
Aliteración ou fonosimbiolismo:
Onomatopea:
Paronomasia:

TÓPICOS
Carpe diem
Tempus fugit
Furor amoris
Locus amoenus
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 14-02-2023 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Dous textos para entrar no mundo de Cousas.

Seguimos comentando textos e aprendendo. Para adentrármonos no mundo de Cousas, ademais do recentemente comentado sobre as características da prosa de Castelao, podemos usar estes dous textos con certas comnexións entre si, pero distintos no tema como deberedes chegar a ver tras profundar no seu comentario:

Chegou das Américas.

O pai de Migueliño.

Lembra que cada "cousa" vai acompañada dun debuxo esencial para entender ese texto, son o seu punto de partida.

Non esquezas antes de comezar a estrutura recomendable dun comentario

Versión cinematográfica do relato.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 05-02-2023 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
COMENTANDO O PORCO DE PÉ


Na postguerra, don Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita. Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e perigris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis. Vouvos referir a vida de don Celidonio[...]
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semellan que botan unto derretido; ás nádegas e o bandullo vánselle un pouco para abaixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no vran súdao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada había atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento.
Pois don Celidonio veu de Castela de mancebo de don Baldomero, onde botou moitos anos curtindo as frieiras, enzoufado no aceite e no bacallau. tamén Baldomero vilera de Castela...puxo unha tenda nun buraco cheirento e escuro...a larota era boa, mais o negocio ía para adiante, e por fin arriscándose a levar a tenda para a Praza Maior, xa que non tiñan que pagar alugueiro. Daquela foi cando trouxeron o Celidonio...

Cando chegou don Celidonio o seu principal non levaba aínda gravata.Daquela, don Celidonio era un rapaz moi gordo e case bonito. Se non cheirase a queixo fresco e aceite, e aínda por tempos a gas , aínda, aínda... Os domingos ó serán ían o matrimonio, a filla e don Celidonio por unha estrada adiante, case sempre calados. O resto do
día dona Emerenciana empregábao en rifar co home, coa filla, con don Celidonio ou cos veciños. Un día... morreu de xenio, botando lume polos ollos... foi o modo de poñeren gravata Baldomero e don Celidonio. E don Celidonio, que se lle fora o medo cerval que lle puña dona Emerenciana, casou coa filla e o pai interesouno no negocio. Eu non quero de ningunha maneira imaxinar o que sería a noite de vodas, ... debeu ser un idilio, o de don Celidonio con aquela rebola, enzoufado, farturento e espeso, que se podería cortar con coitelo como o touciño, e pesar pola libra galega. Eu quixera contar estes amores crasos e lardeiros, aquela mestura farta de dúas almas que se derreten a unha na outra como se derrete na tixola a graxa dos roxóns... Así como dona Emerenciana morreu do mal xenio, Baldomero García do Comercio desta praza, morreu tamén como vivira: morreu restriñido. Toda a vida fora un raña, que non pensou máis que en apertar e apertar e apertar: apertar a bolsa, apertar a gorxa, apertar a barriga, ó final, apertoulle a tripa e non andou máis. Morreu aforrando.

O xastre Nogueira fixo de don Celidonio un señor: chaqueta e chaleco negros; pantalón de listas; camisa branca, co colo amidonado; gravata escura con craviño de brillantes. Leontina de ouro, delgadiña, nos bolsos de abaixo do chaleco; botinas lustradas, polainas grises, guantes de gamuza, abrigo de peles, sobre todo con solapa de raso de seda, reloxo de ouro, moedeiro de ouro, carteira de pel de Rusia, caxata de Xava, pipa de ámbar para pito e para puro, pano de seda para os mocos... tamén ten traxes de levita, de chaqué e de frac. Desde que meteu os miolos na chistera, don Celidonio fíxose outro. Cando come, aínda fai clape, clape, coma os porcos na maseira, mais xa non come cos dedos, nin lambe o prato nos convites. Eu penso que non é que metese a testa na chistera, senón a chistera que se lle meteu na testa, de sorte que hoxe domina toda a súa psicoloxía.
Unha chistera, semella que non ten nada dentro, ... o que ninguén pensa é que unha chistera tamén leva dentro ideas, e mais leva todas as que enchen os diarios de sesións das cámaras, as actas dos concellos e das deputacións, os artigos de fondo e a gaceta.
Hai moitos que mentres non a puxeron eran uns calquera, e despois chegaron a ministros. Ideas foi o que tirou da chistera don Celidonio.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 19-12-2022 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
Un texto de Cabanillas para comentar
DE RAMÓN CABANILLAS para comentar

OLLO Entregar para a próxima clase:

- A análise do nivel semántico: cadeas léxicas, connotacións e recursos semánticos destacables que inciden no ton do texto.
- A Valoración do comentario deste texto.

Lembra como se estrurura un comentario: Esquema do comentario e logo ver un exemplo de comentario doutro texto de Cabanillas
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 03-11-2022 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Un texto para comentar do tempo das Irmandades

Acción Gallega (Hino). Ramón Cabanillas

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra o sangue a regos
dende a montaña ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val.

Do libro Vento Mareiro

Pasos a seguir para comentar un texto:
1-Lectura (consultar o léxico que non se coñeza por exemplo a palabra cacique)
2- Localización do xénero, autor, obra e contexto social e literario no que se realizou.
3- Interpretación do texto:
a) Asunto ou resumo, tema central e punto de
vista (narrativo ou lírico)
b) Estrutura ou partes nas que se divide.
c) Linguaxe, análise por niveis semántico
(ton), morfosintáctico (ritmo) e fonético (no
caso dun texto lírico a rima ou os elementos
sonoros do mesmo).
4-Valoración ou conclusións finais.

Bótalle un ollo ao comentario
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 25-10-2022 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
Como podemos organizar un comentario?

Ante as insistentes preguntas e como necesitades unha orientación acerca de como se avalían os comentarios, pode ser interesante que valoredes realizar o comentario dun poema seguindo este esquema en función da puntuación a lograr no comentario:
Se trata dun texto poético un Comentario debería ter unha estrutura semellante a esta:

1º Asunto, tema e punto de vista: 1 punto.
Estrutura e relación entre as partes: 1 punto.
3º Análise nivel semántico: cadeas léxicas: 1 punto.
4º Recursos deste nivel máis significativos (relacionándoos co tema e o ton do poema) 3 puntos.
5º Análise do nivel morfolóxico: recursos do nivel e relación co tema e o ritmo do poema) 2 puntos.
6º Análise do nivel fonolóxico: A musicalidade do poema: 1 punto.
Conclusións: Valorar o tema, estilo cunha das temáticas da obra, co autor e o seu contexto literario: 1 punto.

SOBRE OS RECURSOS NO COMENTARIO
Un texto ten contido e forma, logo o comentario debe saber distinguir estas dúas facetas, a do significado ou contido da semántica ligada ao ton, e, por outra banda, a da forma ou significante morgosintáctico e fonéticos ligados ao ritmo.
Podes usar o libro de texto nas páxinas:294-295 para consultar,

RECURSOS DE CONTIDO:
Simil ou comparación:
Metáfora ou identificación:
Metonimia (parte polo todo):
Símbolo:
Ironía:
Hipérbole ou esaxeración:
Antítese ou contraposición:
Personificación:
Sinestesia:(O mundo dos sentidos)
Silepse ou Diloxia ou dobre sentido:

RECURSOS DE FORMA:
a) Morfosintácticos:
Epíteto:
Enumeración:
Asíndeto:
Polisindeto:
Hipérbato (desorde)
Anáfora:
Paralelismo:
b) Fonéticos:
Aliteración ou fonosimbiolismo:
Onomatopea:
Paronomasia:

TÓPICOS
Carpe diem
Tempus fugit
Furor amoris
Locus amoenus
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 06-03-2019 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Un comentario sobre un texto de Cabanillas, o poeta das Irmandades
Acción Gallega (Hino). Ramón Cabanillas

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra o sangue a regos
dende a montaña ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val.

Do libro Vento Mareiro

Pasos a seguir para comentar un texto:
1-Lectura (consultar o léxico que non se coñeza)
2- Localización do xénero, autor, obra e contexto social e literario no que se realizou.
3- Interpretación do texto:
a) Asunto ou resumo, tema central e punto de
vista (narrativo ou lírico)
b) Estrutura ou partes nas que se divide.
c) Linguaxe, análise por niveis semántico
(ton), morfosintáctico (ritmo) e fonético (no
caso dun texto lírico a rima ou os elementos
sonoros do mesmo).
4-Valoración ou conclusións finais.

Tras da lectura deste texto e asegurar que non hai palabras das que descoñecemos o seu significado pasamos ao segundo punto.

2.LOCALIZACIÓN: Trátase dun texto de xénero lírico, está escrito en verso, coñecemos ao autor e a obra, Vento mareiro un libro que presenta tres direccións temáticas:a intimista, a costumista que desbotamos pois este texto presenta unha temática social ou combativa de carácter agrarista e anticaciquil. Precisamente o contexto deste poema sitúase nas loitas agrarias pola redenzón do foro, e como se pode ver no título se indica que é un himno para un dos sindicatos agrarios dirixidos polo cura Basilio Álvarez. No tocante ao contexto literario Cabanillas é un poeta que serve de ponte entre a poesía do Rexurdimento e a das Vangardas do 1º terzo do século XX, de feito vai introducir a estética modernista nos seus poemas.

3. Interpretación do texto:
a) Asunto ou resumo: O poeta fai un canto de irmandade dirixido aos galegos que levan a fouce, aos labregos para que loiten contra a clase señorial, a fidalguía que vive na vila e nos pazos, fai un chamamento a que sen medo con violencia (lume e sangue)sexan expulsados da terra antes que seguir sendo servos asoballados polos caciques.

Tema: Chamamento á unión do labregos contra a explotación dos caciques.

Punto de vista: O poeta usa unha voz en primeira persoa de plural (fagamos) expresando así a fortaleza dun nós e ademais a intención de formar parte do combate ao que chama.

b) A estrutura do texto presenta tres partes que se poden ver marcadas polo verso que se repite en tres ocasións, trátase do primeiro verso e a primeira estrofa dunha introdución, un chamamento á unidade dos labregos. Unha segunda parte que tería dúas estrofas, a segunda e a terceira que establecen o obxectivo do chamamento : a loita contra os canallas que os escravizan. Finalmente a terceira parte ten tres estrofas nas que presenta con maior claridade ao inimigo a derrotar na loita e anuncia a desexada fuxida dos caciques ladróns.

c) Análise da Linguaxe por niveis.
No nivel semántico chama a atención a reiteración da palabra irmáns, que é subliñada pola exclamación. A folla da fouce é un símbolo metafórico asociado a unha sinestesia (sensación lumínica porque brilla) coa que se quere identificar aos labregos.
A referencia a topónimos ou a elementos da paisaxe de Galicia (de Ortegal ao Miño, da montaña ao val) establece dúas coordenadas na xeografía galega coa idea de reunir a toda Galicia de norte a sur do Oeste interior da montaña ao Leste da costa, na mesma loita, a unión a que se aspira esta ligada a palabra irmáns que se reforza co epíteto "gallegos".

A carón da cadea de palabras que nos invocan á unidade dos galegos, hai outra cadea léxica relacionada co chamamento que parte dos verbos en primeira persoa plural "fagamos, ergámonos" (invocar aos irmáns á loita:con verbos e expresións: que vexa, que corra o sangue, tamén tras da metáforada loita o redentor empuxe da alma rexional que ten carácter espiritual (alma) reforzado polo adxectivo rexional (evocación do rexionalismo unha ideoloxía que defendía a dignificación de Galicia).

A antítese ou contraposición é un dos recursos semánticos máis destacables do poema Vila podre/ tamén chamada coveira da canalla fronte a Aldea que traballa... ou máis adiante os escravos fronte ao pazo señorial ou aos caciques, ladróns e herexes caciques. O adxectivo "podre" é claramente despectivo como o son a metáfora da vila, que pasa a ser coveira ( unha cova, como se se falase dunha besta á que se lle engade o epíteto "canalla" negativo e despectivo, máis aínda se contrastramos co digno verbo "traballa", dando a entender un non traballa asociado cos caciques da vila podre.

Debemos sinalar tamén o comparativo "antes de ser escravos (onde podemos ver tamén unha hipérbole ou esaxeración dado que non eran escravos en si os labregos da época, por moi malas que fosen as condicións, podían emigrar, por exemplo cousa que os escravos non podían facer).

Dos elementos relacionados coa loita que reforzan esa idea a hipérbole ou esaxeración "que corra ao sangue a regos" (ten valores sinestésicos e simbólicos tamén asociados aos ríos de sangue ou ao valor purificador do lume no pazo (metonimia da clase da fidalguía señorial que se pretende abolir.

Finalmente a meta evocada en metáforas como o redentor empuxe, loita liberadora, ou o emprego do verbo esperanzador que sexa o fato de cacique que fuxa!!

O ton do texto que se deduce dos recursos anteriormente comentados en relación co tema é combativo, exaltado axeitado a un himno que invita á rebelión.

O nivel morfosintáctico está ligado a recursos referidos á forma do texto na procura do ritmo do mesmo. Os paralelismos dos versos que se reiteran para marcar as tres partes, a repetición dunha especie de estribiño dunha das coplas a terceira que logo volve a ser la sexta, crean un ritmo pausado ou lento co qu se quere incidir por un lado na importancia da unión, da irmandade e polo outro a loita necesaria para a liberación.

c) O nivel fonético ou sonoro fai referencia á rima e a outros recursos que repercuten na musicalidade do poema. Unha rima popular para evocar un canto sinxelo propio do mundo labrego, aínda que non responde exactamente a copla tradicional coa rima nos versos pares.

4- Valoración: Concluímos poñendo en relación uns apartados do comentario cos outros.

Por exemplo, a suma do ton combativo e exaltado co ritmo lento e reiterativo, propio dun himno no que se procura realizar un chamamento á loita contra o caciquismo, típica reivindicación do agrarismo e das Irmandades da Fala , onde e enmarca e fda que participa a poesía de Ramón Cabanillas, sendo un dos seus máis destacados representantes.

Nota: Podes escoitar unha versión musical deste himno realizada por un grupo de hoxe (NAO) na que seguramente te chamarán a atención as súas correccións lingüísticas e o uso doutras liguas da península.
Comentarios (4) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 17-10-2018 06:42
# Ligazón permanente a este artigo
Un texto poético para comentar
Escollamos un texto poético para comentar e apliquemos algunhas das claves que usamos xa nos textos en prosa.

Un poema de Celso Emilio Ferreiro:

O preguntón

O home por natureza quer saber,
dixo Aristóteles fai algún tempo.
O meu amigo quixo saber da vida,
quixo saber da lei,
quiXo saber do Rei,
quixo saber do bispo,
quixo saber da espranza.
Eiquí ?díxolle o garda
que o levou detido?
o que quere saber, apanda.


Un poema de Méndez Ferrín:

EN COMPOSTELA PODE UN HOME

En Compostela pode un home
escoller óboe e docísimo cor ao contrapaso,
decaer nos tremendoiros
(VIBRA, CORAZON GASTADO!)
tenra especie de prantas espirais
e añuca ou seixo de xogar antre os dedos.
Pode pedra luída
alzarte sobre sí coma un guerreiro
é proclamado rei de oucas e carballeiras vellas.
En Compostela pode un vento duro
estremecer o corazon da Europa campesina
que todos temos dentro sen decilo.

En Compostela soan polonesas,
nacionalmente, en moitos plenilunios
cabo de trasparentes ollos, mortos,
e un barroco de bronce ergue paxaros de duro marmore
e oubear oubean os couselos
nas murallas de San Martiño Pinario.

En Compostela, enfín,
compañías de mortos compañeiros
comen caldo insumiso na lembranza ilustrada
(VOTO POR VÓS: ROSALIA, PONDAL, FARALDO)
das cabezas alzadas.

En Compostela está o que perdemos
e vai nacendo noutros e esto é o grande milagre
(UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!)
da conciencia desta patria
conservada en pequenos corazóns
ardentes con fogo doce que non morre.

En Compostela soterraron a semente
chamada Xohán Xesús González. Porta
dun futuro suntuoso e proletario
que avanza cara a nós con alboroto
e vénme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo.

En Compostela estamos
moitos xa para sempre derrotados.

Un poema de DE XOHANA TORRES
PENÉLOPE
Declara o Oráculo:
"Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.

Así falou Penélope:
Existe a maxia e pode ser de todos.
A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMEN NAVEGAR"


COMO DEBES FACER O COMENTARIO?

- Darlle relevancia ao tema, punto de partida de todo comentario.
Cal destes tres temas corresponde a cada un dos poemas: Vivir a historia de Galicia en Compostela/ Defensa da liberdade de expresión/ Reivindicación dun novo tempo para a muller.

- Establecer unha conexión entre as cadeas léxicas que existen no poema e o tema escollido.


-Relacionar os recursos máis significativos co que aporten ao propio tema, é dicir, procurar a súa funcionalidade, traballando en dous planos o do contido (ton) que expresamos con adxectivos e o da forma (ritmo).

-Esencial, sempre que se poida, partir dunha referencia do autor, das súas temáticas recorrentes, do seu contexto histórico e literario. Con estas claves podemos atar tema, autor e contexto.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTANDO TEXTOS - Publicado o 03-04-2018 07:22
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0