GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TEMPO DE IRMANDADES: UNHA NOVA IDEA DE GALICIA

Seguindo o programa que abordaremos no presente curso, tras unha panorámica xeral que nos enmarque o traballo a realizar e nos lembre o visto en anos anteriores, entraremos de cheo a traballar sobre o século XX en Galicia, o tempo das Irmandades da Fala no que xorde unha nova idea de Galicia.

-Botémoslle unha ollada ao libro de texto páxinas 26-27 nas que nos fala do Agrarismo e outras transformacións sociopolíticas que favorecen o nacemento desa nova idea de Galicia no primeiro terzo do século XX.
- As Irmandades da Fala.
- Ramón Cabanillas, o poeta das Irmandades.
- Antón Vilar Ponte e o teatro das Irmandades.
- As mulleres nas Irmandades.
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 07-10-2018 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Que saber sobre Ramón Cabanillas?

Ramón Cabanillas, din os críticos que é a ponte entre o Rexurdimento e o século XX porque "recolle e peneira a inquedanza rosaliana, o celtismo de Pondal e a ira de Curros" os tres grandes autores do Rexurdimento galego, anovando o discurso literario a comezos do XX. Ademais adoita considerar como aporte o achegar a literatura galega ás vangardas por introducir a estética modernista que se pode sintetizar na evocación de espazos e tempos remotos (mitos artúricos) a introdución de novos ritmos (alexandrinos)e recursos novidosos (sensacións lumínicas e a sinestesia).

Saber de tres obras:
-Vento mareiro (Explicar a renovación literaria e modernista que emprende o poeta).
-Da terra asoballada (Apuntar a conciencia cívica co que se converte no poeta das reivindicacións do 1º terzo do século XX).
-Na noite estrelecida (Analizar o simbolismo da temática artúrica).

Tradicionalmente divídense as súas obras en dous grandes grupos:

I) Poesía lírica que ten tres direccións das que participa Vento mareiro

a)Poesía social e combativa de carácter
agrarista. (No desterro, Da Terra asoballada)

b)Poesía intimista que pode lembrar a Rosalía.
(A rosa de cen follas)

c)Poesía costumista con pegadas modernistas

II) Poesía narrativa (épica): Na noite estrelecida.

Cabanillas colabora co líder das Irmandades da Fala Antón Vilar Ponte na elaboración de dúas obras teatrais moi singular: A man da santiña e O Mariscal
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 08-10-2017 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
O AGRARISMO DO 1/3 DO XX

Como xa explicamos tres grandes movementos transforman a Galicia rural e da fidalguía que dende o século XVI viñera evolucionando paseniño.

A GALICIA DO 1900:
O 10% da poboación urbana.
0 90% da poboación era labrega ou mariñeira.
O galego era a lingua do 85% da poboación.

DE QUEN É A TERRA?
Non era dos labregos. Antes eran dos mosteiros e nobres, agora está na man dos Fidalgos que esixen un pago (foro) para poder traballar nas súas propiedades.

QUEN TRABALLA NO MAR?
Os mariñeiros, pero comezan as conserveiras e condicionan o mundo da pesca.

POR QUE EMIGRAN MOITOS GALEGOS?
Moitas familias humildes emigran porque as condicións de vida non son boas e intentan melloralas fóra de Galicia.

Tres grandes procesos transformarán Galicia:
AGRARISMO: un cambio na Galicia rural.Movemento de carácter reivindicativo que pretendía rematar co sistema dos foros e planificar unha reforma agraria). Agrúpanse distintas asociacións e sindicatos (Solidaridad Gallega, Acción Gallega).

INDUSTRIALIZACIÓN E URBANISMO: Nace a Galicia de cidades e vilas grandes.A industrialización emerxe na costa da man dunha burguesía catalá nas conservas e asteleiros.
A Galicia urbana comeza a desenvolverse (Vigo, Ferrol, Coruña e un bo número de vilas.



NOVOS MOVEMENTOS: SINDICALISMO OBREIRO E GALEGUISMO. Nestas cidades e vilas medran novos movementos: Os Sindicatos obreiros comezan a súa actividade, pero tamén o tránsito do XIX ao XX correspóndese cunha época de carencia de organizacións sociais galeguistas que irá cambiando coas Irmandades da Fala e a aparición do NACIONALISMO, movemento político que se basea no carácter diferencial de Galicia a nivel económico, social, lingüístico e xeográfico. Ten as súas orixes na conciencia lingüística que agroma coa Ilustración (Martín Sarmiento), e logo se desenvolve no XIX co Provincialismo, o Rexurdimento e o Rexionalismo. Así no XX nacerá o Partido Galeguista.

Unha Galicia nova, base da Galicia actual emerxe co novo século e que podemos definir atendendo a tres cambios básicos:
1-Da Galicia rural e fidalga á dos labregos: Agrarismo

2- Da Galicia dos Séculos Escuros á Galicia con conciencia galeguista: Galeguismo

Da Galicia rural á Galicia urbana onde comezan conflitos entre burgueses e proletarios:Sindicalismo obreiro
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 09-11-2014 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
DE RAMÓN CABANILLAS

PARA COMENTAR:
A espada Escalibor
Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida


Nun nimbo lumioso surde o bardo adiviño,
envolveito en brancuras recendentes de liño,
ollos gazos, profundos, longa barba frorida,
cingue a frente coas hedras da coroa druida
e na man, que reloce como un lirio bendito,
ten a fouce de ouro do litúrxico rito;
a fouce segadora da mandrágora, ó raio
de feitizo e de agoiro dos luares de Maio.

É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das lumias ollado por irmán,
sabidor dos encantos e os máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,
que nos craros dos bosques e os baixíos costeiros
deprendéu o diviño lenguaxe dos luceiros;
o bardo das edades, o da segreda cencia
que a terra fixo súa, impóndolle obedencia
ás ágoas da riada, ós rochedos do cume,
ás nubes da tromenta, á ardentía do lume.

Impoñente, amostrando nativa maxestade,
na mirada un sereo craror de eternidade,
ten ós pés –cruz de ouro, folla núa afiada–,
sobre o manto da neve unha fúlxida espada.
Aceiro puro e virxe das entrañas da terra,
cos lumes sideraes das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán temprado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impor unha crenza, siñalando o camiño
que por riba dos tempos leva ó trunfo diviño.

Ergueito como o pino que as outas nubes fende,
os brazos sarmentosos o bardo ós ceos tende,
e escóitase na noite solene resoar
a súa voz bruante, sonora como o mar:
Baixo a dozura do ceo
da nobre Galicia irmán,
onde pola nosa groria
inda doirando o fogar
vive aceso o lume sagro
dos craros días do clan,
hai unha illa encantada
de rochedos de coral,
esmeralda verdegaia
ó resprandor do luar,
bicada de manseliñas
ágoas de limpo cristal
nas que as sirenas ensaian
seu namorante cantar
mentras os pinos lanzales
escoitan voces leviáns
que chegan esmorecidas
do misterio de alén-mar.

Amada dos vellos dioses,
mortos e esquecidos xa,
que Sálvora lle chamaron
afeitos nela a topar
repouso doce e tranquío
de celestiaes afáns,
inda está tendida a escada
que baixa do ceo ó chan,
envolveita e recuberta
de bretemoso cendal
feito de rendas garnidas
por diviños teceláns.

Nunha furna que galgantes
zarran as ondas do mar,
apreixada nas firentes
poutas dun aguia reial,
gardada por un dragón
de alento que é solimán,
brilaba a fúlxida espada
Escalibor, o trunfal
aceiro da heroica edade
cantada por Osián,
que ten de ser sobre terra
ergueita en céltigas mans,
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e a Paz.

1 a)Resume brevemente o asunto do texto:
b)Cal é o eu poético –quen fala– do texto. É a mesma voz a que se manifesta ao longo de todo o poema? Fíxate especialmente na cuarta estrofa.
c)Indica cal é o tema arredor do cal xira todo o poema. O tema é a intención do autor, o que quere comunicar e sobre o que xirará todo o comentario do texto:
2-Examinemos con máis detalle as tres primeiras estrofas do poema:
• Na estrofa I descríbese a Merlín. Indica cales son as súas calidades.
Ten a fouce de ouro do litúrxico rito
A que rito se está a referir este verso do poema e en que consiste?
• Que calidades e poderes de Merlín se citan na estrofa II?
• Na estrofa III, que obxecto ten aos seus pés Merlín? Cales son as calidades dese
obxecto?
3-Fagamos unha análise semellante das outras estrofas:
• Sinala a hipérbole que aparece na estrofa IV. Explica a súa utilización en relación
co contido do poema.
• Explica o que se nos está a contar nas estrofas V, VI e VII.
• Nas estrofas anteriores hai unha gradación para indicar a aproximación ao lugar onde se atopa a espada; indica cal é.
• É agora cando se nos descobre o nome do fabuloso obxecto do que se está a falar ao longo do poema. Cal é o seu nome e onde se atopa?
• Explica o que queren dicir os versos seguintes:
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e a Paz


4-Repara nos aspectos formais do poema de Cabanillas:
• Analiza metricamente (rima, medida, tipo de estrofas) os versos do poema e explica
as diferenzas que observas entre eles.
• Tendo en conta a medida e a rima, de que xeito poderiamos agrupar as estrofas do
poema?

5-Cabanillas manifesta trazos modernistas que se presentan ao longo da súa obra e que se aprecian ben neste poema.Escribe varios exemplos tirados do texto para cada un destes trazos.
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 18-10-2012 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
AS IRMANDADES E CABANILLAS
Coas Irmandades da Fala e figuras como Antón Vilar Ponte cobraron pulo o galeguismo cultural e axiña foise consolidando un movemento político que dará lugar ao nacemento do Partido Galeguista e a reivindicación dun Estatuto de Autonomía para Galicia.

Estaba nacendo a Galicia actual á que tamén contribuíron fenómenos como o agrarismo,que provocará a desaparición da fidalguía a industrialización da costa atlántica debido ao asentamento dunha burguesía foránea e o conseguinte nacemento dun proletariado que porá en marcha tamén o sindicalismo obreiro co conseguinte desenvolvemento das cidades.

Nese contexto un poeta como Ramón Cabanillas será un referente para as Letras Galegas, capaz de condensar o mellor da poesía do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal) á vez de lograr innovar a creación poética achegándoa ás vangardas europeas a través da estética do Modernismo. Poeta ponte entre os dous séculos o XIX e o XX.

Cabanillas foi homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 1976:




Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 09-10-2012 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
AS IRMANDADES DA FALA (1916)

AS IRMANDADES DA FALA (1916)
“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?”
—Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916), por Antón Villar Ponte[1].

Esta institución comezou grazas a Antón Vilar Ponte. O seu obxectivo principal reivindicar a cultura galega. A este movemento uníronse moitos galegos, entre eles escritores como Cabanillas ou Otero Pedrayo. Fixeron a primeira Asemblea Nacionalista coa que decidiron os seus principais obxectivos como: .

• Cooficialidade entre o galego e o castelán
• Crear unha institución para solucionar os problemas de Galicia
• Fomentar o ensino e a cultura do pobo galego…

As Irmandades fomentaban a participación na política e na cultura. Esta última liderada por Vicente Risco.

O traballo cultural das Irmandades dividiuse en varias direccións.
• Centráronse no traballo a prol do emprego da lingua en distintas institucións como: o ensino, actos culturais, etc.
• Co xornal A Nosa Terra axudaron a potenciar a actividade editorial. Fundaron editoriais como Céltiga, Lar ou Nós. Nestas promóvense a narrativa breve e de carácter popular.
• Funda conservatorios e escolas de actores.
• Un universitario crea o Seminario de Estudos Galegos para investigar e interpretar a realidade de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: TEMPO DE IRMANDADES - Publicado o 23-11-2009 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal