GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LECTURA E COMENTARIO DE COUSAS

Imos ler durante o Nadal esta obra magnífica de Castelao titulada Cousas con dous obxectivos:

- Coñecer mellor o estilo deste autor, un clásico das letras galegas.
- Escoller unha serie de textos para comentar, para mellorar a nosa comprensión lectora e a nosa destreza no comentario de textos.


Ler para comentar:
Temos que realizar dez comentarios de textos cos relatos de Cousas.
Debemos escoller primeiro un texto de cada unha das temáticas recorrentes que son:
- Os problemas do mundo mariñeiro (ruína e alcoholismo) afectado polas novas artes de pesca da burguesía catalá.
- A emigración: Os fracasados traen consigo a enfermidade; os triunfantes desvincúlanse do mundo do que partiron, mais fica a morriña, a saudade.
- A problemática da muller: A fidalga só ten como función a maternidade (para reproducir a súa clase); a popular loita por conseguir a felicidade partindo de condicións precarias.
- A crítica dun progreso que vén pola acumulación de capital e que pode provocar a inxustiza e a infelicidade.

Ademais destes catro temas, faremos un comentario tendo en conta a presenza directa ou indirecta da morte nun texto, temática de carácter secundario, pero tan presente nas “cousas” do noso autor.

Os cinco comentarios restantes serán escollidos libremente por cada un de vós.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 12-12-2018 05:51
# Ligazón permanente a este artigo
Un libro de poesía para ter, ler e pensar.
O segundo libro deste curso do plan lector, é como o primeiro, un libro que en gran medida é un clásico,como o era Cousas de Castelao, pero que á vez é unha lectura actual de poetas vivos e sen canonizar. Sí é un libro que cambio de rexistro da prosa e a narrativa de comezos do XX, imos pasar a facer un percorrido pola poesía galega contemporánea que, como ben sabedes, non se entendería sen figuras que viviron no século XIX, coma Rosalía que é coa que dá comezo este libro titulado POETÍZATE.

Trátase dun traballo de selección de textos poéticos dende Rosalía ata os anos 90. Pero lonxe de ser unha antoloxía ao uso, é máis ben unha capichosa selección feita por un poeta Fran Alonso pensando nos lectores novos, nos que non len habitualmente poesía, poemas que farán pensar a quen se achegue a eles.

Comezamos logo, dous poemas clásicos de Rosalía:


Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:

—Por Dios non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
—¿Pois que tes, ña mulleriña?
—¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
—Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, que antre mil,
n' hai máis que un anxo antre os demos;
n' hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

Rosalía de Castro,da obra Follas Novas

O outro poema é de Celso Emilio:



Busca este poema que será o próximo que imos comentar, titúlase: Deitado fronte ao mar.




Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 20-02-2015 06:34
# Ligazón permanente a este artigo
Unha lectura para a semana do libro
O corazón de Xúpiter é unha novela de Ledicia Costas que imos analizar nesta semana do libro na aula de galego de 4º da ESO.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-04-2014 07:33
# Ligazón permanente a este artigo
NADAL TEMPO DE LECTURAS NA CASA
Comezamos o Plan lector de lecturas na casa a proposta dos Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia que promoven dende hai dez anos un concurso moi especial no que o gañador é votado polos propios lectores. Os libros escollidos este ano para a cartegoría de 4º da ESO son estes dous:

O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Ed. Galaxia).

O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas ( Ed. Xerais).

Pode ser un bo agasallo para pedir este Nadal porque o primeiro vai ter que estar lido xusto despois das vacacións.

O segundo tamén haberá que lelo, pero será para o mes de Marzo. De ambos os dous libros (hai algún exemplar na biblioteca, non chega para todos)e faremos unha proba de lectura e un comentario.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 17-12-2013 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS PREMIO SARMIENTO 2013
Este curso, como en cursos pasados fixemos, imos participar na categoría 5ª que corresponde a lectores 3º e 4º da ESO para votar sobre cal destes dous textos nos gustou máis:

LAREDO VERDEJO, CARLOS; Lena e o lobishome; Ed. Tambre

RIVADULLA, CORCÓN; O noso amor será eterno; Ed. Xerais


Imos realizar estas lecturas unha antes de Nadal e a outra despois de Nadal, polo que un dos libros podemos pedirllo aos Reis Magos, o outro debemos xa mercalo neste mes de novembro, coa idea de que en decembro estea lido. Imos comezar polo primeiro desta lista. "LENA E O LOBISHOME" de Carlos Laredo editado pola editorial Tambre.

Sobre o libishome Vicente Risco escribiu un relato recollido da tradición oral e adaptado logo por el: O lobo da xente que deberías ler antes de que remates o libro ou mesmo despois, paga a pena!( na fundación Vicente Risco hai información a maiores sobre os procesos contra un dos lobishomes máis coñecidos de Galicia "Romasanta")
Ademais hai esta outra versión dun lobishome en París.

E para ir sabendo onde estamos:Lendas vivas
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 31-10-2012 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS 2010/2011
Este ano participaremos os alumnos/as de 4ºda ESO no Premio Frei Martín Sarmiento convocado polos EDLG da FEREGA que consiste, como xa sabedes de cursos anteriores, en ler unha serie de libros e logo puntuar como xurado o que máis nos gustou. Estas lecturas as realizaredes fundamentalmente na casa.

Os títulos son os que seguen:

5ª categoría:alumnos/as de 4º de ESO
CARBALLUDE, PEPE; Xograres dun tempo novo; Ed. Everest.

Pepe Carballude vén de publicar unha novela titulada Xograres dun tempo novo, que podemos incluir no que se chama narración histórica, pois refírese ás Misións Pedagóxicas que levaron a cultura por vilas e aldeas de toda España. Neste caso a acción transcorre en Galicia, na Costa da Morte. Aínda que se trata dunha obra de ficción hai algúns personaxes con nomes que corresponden a persoas reais, como Rafael Dieste, Carmen Muñoz, Lorenzo Varela, Urbano Lugrís e outros. Fun amigo dos tres primeiros e con eles teño falado en Buenos Aires daquelas xeiras populares de teatro, monicreques, música, lecturas comentadas, artes plásticas, nas que participaron activamente. As Misións en Galicia aparecen por primeira vez na literatura galega con esta novela de Carballude, cando estamos rememorando feitos da nosa historia contemporánea, que ó longo de moitos anos foron deliberadamente esquecidos. A acción ten como fío argumental unha historia de amor entre Francisca e Agustín, activistas republicanos. Ela, mestra en Buño (Malpica) e o seu home pintor vocacional, que foi paseado coma tantos naqueles días tráxicos de 1936. Francisca áchase nunha residencia de anciáns e evoca os anos da xuventude diante dun autorretrato do compañeiro asasinado. Unha fermosa, documentada e ben contada historia como acai a un veterano narrador que sen estridencia, laboriosamente, na lingua popular e á vez culta, que lle vén da súa terra estradense de Rubín, ó tempo que exerce como profesor de latín e tradutor de obras clásicas, deu a coñecer novelas como O talismán dos druídas, Investigación 091, Romaxe de desventuras, A historia do home can, O santo dos croques se fai peregrino, e outros títulos, nunha prosa depurada, enxebre, con doses axeitadas de humor e retranca. En Xograres dun tempo novo aborda o noso autor un tema de gran significación que as novas xeracións deben coñecer.

ANEIROS, ROSA; Ás de bolboreta; Ed. Xerais.
En a Luzada, a cafetería de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixe a vellez. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que intentan atravesar a valla da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que espera todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar ás súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño... O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que presenta unha estrutura non xerarquizada, dividida en breves capítulos en onde calquera parte está conectada con todas as demais, unha serie de pezas engarzadas ao igual que se engarzan as vidas dos personaxes da novela"; destacando, ademais, que "mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas consegue unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela". Para concluír que "Ás de bolboreta” é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, profundamente humano, solidario e internacionalista."

VILA SEXTO, CARLOS; As sete mortes; Ed. Galaxia.

Fiel ao estilo que o caracteriza dende que aos 14 anos nos sorprendeu como autor precoz co libro Alén da aventura (1992), Carlos Vila Sexto regresa á creación literaria cunha nova novela na que conxuga elementos como o suspense, o terror, o esoterismo e o misterio. Os protagonistas da historia, un misterioso home de pasado incerto e inexplicable facilidade para sobrevivir, e una moza restauradora afectada por un trauma persoal, emprenden unha viaxe que dende Ourense os leva por toda Galicia pasando pola cidade de Lugo, O Courel, Fisterra ou o Monte de Sta. Tegra na ría de Vigo, ata rematar na Torre de Hércules nunha viaxe desesperada, que ao mesmo tempo é unha fuxida para salvar a vida e unha procura da propia identidade, seguindo as pistas encontradas nun antigo pergamiño e no que a lenda se transforma en intrigante realidade… Unha trama moi áxil e ben construída que logra combinar eficazmente os elementos realistas cos esotéricos nunha fantasía coherente e que é un interesante aporte
a este xénero de relatos da literatura xuvenil.


Ademais nós na aula traballaremos coa lectura de A.R. CASTELAO; Cousas do que iremos tamén seleccionando textos para comentar.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 08-11-2010 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
ENCONTRO CO AUTOR NA PRÓXIMA SEMANA
Lembrade que a próxima semana está o Encontro con Xosé Monteagudo, autor da novela que estamos lendo: UN TIPO LISTO
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 10-05-2010 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal