GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Panorámica e resumo para un primeiro traballo persoal.

No enlace seguinte: Panorámica tes un esquema a seguir para realizar unha presentación propia e enviarma por correo electrónico.

UN SOÑADOR: ITH

DÍA DA TRADUCIÓN

MONS MEDULIO

Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 25-09-2017 20:48
# Ligazón permanente a este artigo
Indo ás raíces...

DA TERRA E A LINGUA (I)
I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.
II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.
III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 21-09-2017 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
O ROMANCE DA HISTORIA DA NOSA LINGUA
OS SÉCULOS ESCUROS

VIII

Viñeron xentes de fóra,
xentes de dentro marcharon,
e a lingua da nosa xente
nos escritos olvidaron.
Galicia foi sometida
polo xugo de Castela,
e os que mandan en Galicia
non falan na língua dela.
Pero as xentes desta terra,
columna do noso pobo,
non deixan de ser galegos
nin falan idioma novo.
Artesáns e mariñeiros
e burgueses e labregos
levan no peito Galicia
e nos labios o galego.


Cuestións:
Como se chama esta época na que os escritos en galego se esquecen?

Cales son os motivos que se deixe de escribir en galego? Tamén se deixa de falar?

IX

Inda que os bispos de fóra
mandan rezar noutra língua,
a xente fala na súa
Galicia non sofre míngua.
Así van pasando os anos,
anos a ducias e centos,
e moitos anos máis tarde
fala o bo Martín Sarmiento.
Padre Sarmiento Bieito
non quere de fóra un crego,
nin oficial de xusticia
que non fale en bo galego.
Douscentos anos pasaron
desque escribiu este frade,
e inda todo o que el quería
dista ben de ser verdade.


Cuestións:
Quen era Sarmiento, que reclamaba? Eran todos os curas así nesta época? Razóa a resposta.

X

Ó principio do oitocentos
toda Galicia falaba
na lingua dos devanceiros
e ninguén se avergonzaba.
Pero en seguida empezaron
as xentes acomodadas
a pensar que eran máis finas
as palabras importadas.
Galicia xa tiña fendas,
xa o seu corpo se crebaba
pola mor dos desleigados
que a súa lei non lle gardaban.
Pero había peitos nobres
que pensaban doutro modo,
e anque en Carral os mataron
nunca os mataron de todo.


Cuestións:
Que significan “crebar" e “desleigados”?

A quen mataron en Carral? En que época? Que pedían? Por que se di que non morreron de todo?


XI

O seu espírito altivo
preludiaba o nacemento
das mil flores que serían
o noso Rexurdimento.
Añón, Pintos e Camino
e outra xente que escribía
na vella lingua galega,
preludiaba a Rosalía.
Rosalía a gran poeta
recobrou a dignidade
da língua que todo o pobo
gardara na adversidade.
Don Manuel Curros Enríquez
palabra de aceiro fino,
cantou a luz e o progreso
neste idioma campesino.


Cuestións:

Por que cres que se chama a esta época o Rexurdimento?
Cita cinco poetas desta época:

XII

Língua de ouro nos facía
Pondal o bardo do pobo
cantando os fastos antigos
e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas
a historia nos descubría
e fundaba o noso orgullo
aquel bo Manuel Murguía.
Entusiastas estudiosos
a gramática estudiaban,
recollían as palabras
e pulían e ordenaban.
Fundaron unha Academia
e as Irmandades da Fala,
que naceron na Coruña
para honrala e enxalzala.


Cuestións:
Era Murguía un poeta? Que escribía?

Cal era o obxectivo das Irmandades da Fala?

En que momento nace este movemento e a Academia?

QUE DEBES SABER DESTA ÉPOCA:
DECADENCIA E SÉCULOS ESCUROS
VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.



VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

REXURDIMENTO

VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.



O SÉCULO XX

XIII

E tantas altas empresas
e tantos feitos honrosos
que en Galicia procuraban
un abrente esplendoroso.
Castelao e Vilar Ponte
Bóveda, Otero Pedrayo,
¡Que gran xente aquela xente,
que esplendor extraordinario!
No trinteseis o Estatuto
fixo un pouco de xusticia
recoñecendo o galego
como lingua de Galicia.
Pero a guerra fratricida
desfixo toda esperanza
e a vida de moita xente
de imborrable relembranza.

Cuestións:
Ademáis de escritores como Castelao, Vilar Ponte... estes autores fundaron un partido, como se chamaba?


Quen impulsou o primeiro Estatuto de autonomía para Galicia?


Cales eran os principais logros deste Estatuto?

Que impedíu a posta en marcha do Estatuto? Quen provocou esta situación?


XIV

Foron anos de silencio,
de persecución e pranto:
"A longa noite de pedra"
enchía os peitos de espanto.
Por fin foron renacendo
novas luces pequeniñas
e Galicia agurgullaba
nas xuntanzas clandestinas.
Novos poetas cantaron,
contaron os narradores,
e "a longa noite de pedra"
clarexaba cos fulgores.
Galaxia, O Castro, Castrelos
editaban en galego
e a patria nosa xurdía
e empezaba a ve-lo ceo.


Cuestións:

Como se pode chamar doutro xeito a esta “longa noite de pedra”?

Estaban permitidos daquela os partidos políticos? Como realizaban a súa función?

QUE TEÑO QUE SABER SOBRE ESTA ETAPA:
O GALEGO NO SÉCULO XX
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.

X- O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XV

En Santiago canta o Galo,
loce o Facho na Coruña
e en Ourense, Vigo e Lugo
dase nova testemuña.
A enseña da democracia
ten o brasón en galego
e na fábrica e nas aulas
soa a língua dos antergos.
Mozos sabios e patriotas
ordenan a lingua nosa;
fana culta e ordenada,
fana lóxica e fermosa.
Entra a lingua nas escolas
e se inda non é señora
ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.


Cuestións:
Que son “ o galo” e “ O facho”?

Que trouxo consigo a recuperación da democracia?

Como podes interpretar estes dous versos?

ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra
.


XVI

Xa se fala nos lugares
onde lle era antes vedado,
inda que hai quen a discute
porque hai moito desleigado.
Inda hai pais que son contrarios
a que a aprendan os seus fillos
sexa porque non o pensan
ou que os movan catro pillos.
Este noso antigo idioma
é unha lingua de cultura
e é vergoña pra un galego
non falala con soltura.
"O galego que non fala
na lingua da súa terra,
nin sabe o que ten de seu,
nin é merecente dela".


Cuestións:
Que problemas ten a lingua nesta etapa na que vivimos?

Que cres que diferenza a un galego habitante dun galego falante?




XVII

Así falaba un poeta
noutro tempo deste asunto,
e agora vai sendo hora
de poñerlle á historia punto.
Esta historia é diferente
doutros romances de cegos;
non se sabe inda o remate,
pois depende dos galegos.
Nenos, homes e mulleres
desta terra adormentada,
rematouse xa o romance,
e escomenza a pandeirada:

¡ARRIBA POBO GALEGO,
ARRIBA LINGUA GALEGA,
QUE SE MORRE A NOSA FALA
NON HAI POBO NIN HAI TERRA!

Cuestións:

O final do romance está escrito?. Quen vai escribir o final desta historia?

Cal é a advertencia final deste romance?

XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 28-09-2014 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
ROMANCE DA NOSA LINGUA
ROMANCE DA NOSA LINGUA

DAS ORIXES AO ESPLENDOR



I

Miñas donas e señores,
nenos, vellos e medianos,
esta historia verdadeira
xa comeza cos romanos.
Era unha vez unha terra
que Gallaecia era chamada,
onde había moitas tribos
nunha idade antepasada.
Fabricaban xoias de ouro
de fina ourivería,
mais as linguas ignoramos,
pois ningunha se escribía.
Chegaron despois de Roma
xentes ben organizadas,
que gañaron esta terra
polas armas esforzadas.


Cuestións:
Cando comeza a historia da lingua galega?
Como se chamaba antiguamente o territorio onde vai nacer o galego?
Cal era a situación das linguas antes da chegada dos romanos?

II
Asentáronse os romanos
en cidades que fixeron,
os antigos poboadores
dos seus castros descenderon.
Mesturáronse os dous pobos,
vencidos e vencedores,
e ó cabo dun certo tempo
non quedaron máis rancores.
Os romanos posuían
unha avanzada cultura,
e adiantaron moito as artes,
o comercio, a agricultura.
Falaban estes romanos
a ilustre lingua latina,
e ó cabo de pouco tempo,
Galicia por súa a tiña.



Cuestións:
Como se chamaba a cultura anterior á romana? Onde vivían?
Cal é a semente plantada nesta Terra que dá lugar ao nacemento da lingua galega?

III
Media Europa e máis aínda
falaba latín daquela
coma Horacio e coma Ovidio,
coma Plauto e Columela.
Mais é de todos sabido
que a lingua que se falaba
non era o latín escrito,
anque moito lle imitaba.
Latín vulgar era a fala
na que entonces se entendía
desde o Miño ata o Danubio
canta xente alí vivía.
Desfeito o Imperio Romano
polas armas dos xermanos,
a lingua foise rompendo,
porque todo vai mudando.


Cuestións:
Quen son e en que lingua se expresaban Horacio, Ovidio, Plauto e Cogumela?
A lingua galega de que tipo de latín deriva?
Antes de nacer o galego e despois dos romanos houbo un pobo e unha lingua que deixan a súa pegada na lingua que ía falar Galicia?

QUE DEBEMOS SABER SOBRE ESTA ETAPA>
AS ORIXES

I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.

II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.Tamén teremos un superestrato árabe de menor incidencia.





IV

Neste extremo de occidente
xa o falar se diferencia
do que falan en Italia
en Romenia e en Provenza.
Xa non podemos chamarlle
lingua latina a esta fala,
e chamámoslle galego
pra poder diferenciala.
Toda a xente desta terra
sen ningunha distinción
fala nesta nova lingua
que é o idioma da nación.
Os clérigos inda escriben
na antiga lingua romana,
pero o pobo non a entende,
pois xa queda ben lonxana.

Cuestións:
Cal era a situación lingüística de Galicia na época medieval? Realiza unha breve redacción.

V

Alá polo mil douscentos
a lingua que hoxe falamos
escomenza a ser escrita
por poetas e notarios.
Falan en lingua galega
reis,labregos e señores,
e os abades dos mosteiros
e os soldados e os doutores.
Unha grande poesía
cántase ó son das violas
polas prazas de Santiago,
por Toledo e por Lisboa.
Agres cántigas de escarño,
doces cántigas de amores
resplendían coma xemas
no cantar dos trobadores.


Cuestións:
Unha lingua antes de escribirse, primeiro só se fala. De cando datan os primeiros documentos escritos en galego?

Cando se considera normalizada unha lingua? Estábao o galego na Idade Media?
Que tipo de composicións literarias había daquela? Só se facían en galego en Galicia?

VI

Rei Afonso de Castela
cantaba a Santa María
coas palabras máis fermosas
que na nosa terra había.
Rei Denís de Portugal,
o amigo da agricultura,
na nosa língua cantaba
con extremos de dozura.
Martín Codax o de Vigo,
Airas Nunes e Mendiño,
dicían os seus cantares
nas terras que baña o Miño.
Pero Meogo trobaba
do cervo que a auga volvía
con tan belidos dicires
que os sentidos suspendía.



Cuestións:
Cal é a temática das cantigas feitas polo rei Afonso e polo rei Denís?
Quen son Martín Codax, Airas Nuñez, Mendiño e Pero Meogo?

VII

A luz máis bela de Europa
resplendía en Compostela
como en terras de Occitania
de onde viña tanta estrela.
Historias de cabaleiros
e miragres de Santiago
en galego se contaban,
e as fazañas dos troianos.
E ordenanzas se escribían
e crónicas e tratados
e os acordos dos concellos
en galego eran labrados.
Mais despois tempos viñeron
que Galicia esmorecía,
porque nobres e señores
cometeron felonía.



Cuestións:
Cales son os temas que narraba a prosa medieval en galego?
Que significa a palabra felonía?

QUE DEBEMOS SABER SOBRE ESTA ETAPA:

NACEMENTO E ESPLENDOR MEDIEVAL

IV- Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.

V- O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 23-09-2014 06:20
# Ligazón permanente a este artigo
Unha panorámica gráfica da historia da Lingua Galega
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 06-10-2013 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
PANORÁMICA DA HISTORIA DA LINGUA

AS ORIXES
I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.

II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.

IV- Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.



ESPLENDOR E DECADENCIA
V- O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII: A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.

VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.



REXURDIMENTO

VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.



O GALEGO NO SÉCULO XX
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.

X- O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.
Comentarios (1) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 24-11-2010 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
A Galiza da normalización
O galego pasou de ser a lingua do día a día de campesiños e mariñeiros a unha lingua promovida polo goberno autonómico, utilizada na Administración , na educación, etc.

En Galicia, o galego ten consideración de lingua co-oficial. Fai uns 30 anos, algúns pais galego-falantes decidían educar aos seus fillos en castelán, coa idea de que así lles procuraban un mellor nivel social. O resultado eran uns falantes dun castelán bastante galeguizado, sobre todo en canto ao uso dos verbos e certo léxico.No día de hoxe, a Constitución de 1978 recoñece os dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, abrindo o camiño para unha normalización do noso idioma.
Hoxe en día, podería dicirse que o galego está de moda, que se deu paso a un "neo-rexurdimento".
No ano 1978, Galicia, igual có resto do Estado, volve a contar cunha Constitución democrática que no seu articulado proclama a "vontade de protexer tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións", ao tempo que senta as bases dunha nova configuración xurídico-política: o Estado das Autonomías.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 09-11-2010 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 29-10-2010 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
O primeiro galeguismo e o Rexurdimento
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 29-10-2010 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Os ilustrados e precursores dunha nova etapa
No século XVIII, Galicia, como o resto de Europa, veu xurdir un movemento que representou un novo interese polas ideas e o progreso material, que coñecemos co nome de Ilustración. A chegada da nova dinastía borbónica supuxo ,paradóxicamente, un alivio do longo período de sometemento ao pobo galego. O ilustrado galego por excelencia é Frei Martín Sarmiento, que dada esta situación deuse conta de que debía "dignificar" o galego. Os progresos realizados por Sarmiento fixeron, xa no século XIX, que grupos de persoas (os chamados precursores) reivindicasen os dereitos polo galego e comezasen a escribir obras no noso idioma.

Así, nun momento dun certo auxe económico, alternado de crises terribles coma a de 1768-1879, as boas rentas que percibía o Arcebispado e a multiplicación dos mosteiros son indicios que mostran un novo dinamismo económico e cultural.
Esta época vén xusto despois dos séculos escuros, polo tanto o galego estaba non só mal visto, senón completamente prohibido.
Sarmiento vivía no século XVIII, pero era un adiantado a súa época, implantou o galego nas escolas, creou mosteiros... o exemplo de persoas como esta fixo que no século seguinte aparecesen os precursores, que xa publican obras.
VIQUEIRA MOREIRA, Manuel
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 29-10-2010 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal