GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cousas de Castelao
Unha representación teatral dos Quinquilláns de Cousas, de Castelao o 17 de decembro, nunha xira polos centros de toda Galicia promovida pola editorial Galaxia



Trátase de todo un reto pois esta obra teatral procura pasar á linguaxe dramática un texto narrativo, un texto de apariencia sinxelo, un dos clásicos da Literatura Galega de todos os tempos, moi coñecido e polo tanto un traballo moi arriscado. Mais o texto teatral resultante, que foi adaptado por Lucho Penabade e Tero Rodríguez, (os propios actores que interpretan a obra) presenta moitos acertos optimizando, se cabe, a forza do texto orixinal do xenial Castelao.

Sobre unha selección de 5 títulos ou "cousas", estas historias en realidade serven de pretexto para introducírmonos de cheo no mundo das Cousas de Castelao xa que cada un dos relatos escollidos provoca evocacións continuas e diversas doutros moitos dando a sensación, ao longo da representación, de ter percorrido de novo unha gran parte do conxunto das narracións da man dos numerosísimos personaxes, dos múltiples detalles e perspectivas, historias e acontecidos que a obra do inmortal rianxeiro ofrece. Relatos como "O Rifante", ou "o pai de Migueliño" vólvense así parte dun retábulo en movemento que se vai abrindo máis e máis a medida que avanza a posta en escena.

Desta montaxe finalmente destacaríamos a estética castelaniana coa que se aborda e que permite ao público (xuvenil ou non) retrotraérense á época na que Castelao escribiu o texto e, á vez, sentirse mergullándoo nas fórmulas plásticas caricaturescas coas que o autor completa os seus relatos. Trazos fortes e seguros, que insinúan e ganduxan o carácter dos personaxes con humor e cunha fondura sorprendentes. Hai outra aspecto moi notable que é a versatilidade dos actores, que a pesar de seren dous parecen cento, o que di tamén moito do traballo actoral que hai detrás desta emotiva obra teatral que para nada desmerece o marabilloso texto do que nace, senón que vén a ser un fermoso e moi recomendable complemento emulando a función dos mesmos debuxos que acompañan cada historia.

En definitiva, unha montaxe digna de ver e recomendar, moi válida para actualizar e divulgar a obra dun dos máis prestixiosos e recoñecidos autores e, polo tanto, cun gran valor didáctico, unha das preocupacións coa que naceu esta substanciosa adaptación dos Quinquilláns. Como eles mesmos recoñecen dalgún xeito a representación convértese nunha auténtica invitación a "vivir e revivir o lido a través da versión teatral".



Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 09-01-2017 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
Unha biografía de Castelao
Para comezar con Castelao imos botar unha ollada a un documental sobre a súa biografía que nos pode axudar a entender o contexto no que nace e se desenvolve esta figura clave para entender o 1º terzo do século XX e introducirmos así na primeira lectura do curso: Cousas.

Vexamos logo o documental que aparece na páxina Castelao na rede

Nace o 29 de xaneiro de 1886 en Rianxo, vila situada na ría de Arousa. O pai emigra ese mesmo ano á Arxentina.En 1895 embarca coa súa nai para Buenos Aires.

En 1900 volve a Galiza coa familia e ingresa no Instituto de Bacharelato de Santiago.En 1903 empeza a carreira de medicina, licenciándose en 1909.

En 1912 casa na Estrada con Virxínia Pereira.En 1913 nace o seu único fillo Alfonso Xesús.

En 1914 ten o seu primeiro acceso de cegueira.

En 1918 participa na Asemblea Nacionalista de Lugo.En 1919 intervén na 2º Asemblea Nacionalista de Santiago.

En 1920 asume a dirección artística de Nós, e expón as estampas do álbum Nós.En 1925 publica CINCUENTA HOMES POR DEZ REÁS.En 1926 publica COUSAS na editorial Lar.

En 1927 agrávase a súa doenza dos ollos.

En 1928 mórrelle o seu único fillo.

En 1930 o Seminário de Estudos Galegos edita AS CRUCES DE PEDRA NA BRETAÑA.

En 1931 participa no mitin conmemorativo dos mártires de Carral en Vigo e no mitin da Alameda do Cruceiro de Ourense. Resulta elixido Deputado nas Constituíntes da República.

En 1933 é nomeado académico da Real Academia Galega.En 1934 asina o pacto de Compostela e xorde Galeuzca. Publica OS DOUS DE SEMPRE e RETRINCOS.

En 1936 volta a ser elixido deputado nas eleccións do 16 de febreiro. Dirixe a campaña a prol do Estatuto de Galiza.

En 1937 publica GALICIA MÁRTIR E ATILA EN GALICIA, en Valencia.

En 1938 viaxa a New York con Virxínia en campaña de propaganda a favor da República. Edita o álbum MILICIANOS. Viaxa a Cuba.

En 1939 fai OS DEBUXOS DE NEGROS. Viaxa a New York e Califórnia. É nomeado Presidente Honorario da Federación Mundial de Sociedades de Negros.

En 1940 viaxa á Argentina con Virxínia e son recibidos con clamor en Buenos Aires.En 1.941 estrea a obra teatral OS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE en Buenos Aires e Montevideo.

En 1944 funda e preside o Consello de Galiza no que se integran os deputados Suárez Picallo, Elpídio Villaverde e Alonso Ríos. Publica SEMPRE EN GALIZA editado polo Centro Ourensán de Buenos Aires.

En 1948 pronúncia o ALBA DE GRORIA, o seu discurso máis fermoso e tamén o derradeiro no Centro Galego de Buenos Aires. En Alba de Groria non só expresa Castelao a saudade dos emigrados pola terra afastada, endexamais esquecida, senón que dá forma a unha grande imaxe dunha Santa Compaña composta por galegos inmortais: santos, guerreiros, estatistas, nomes de ciencia e de letras que abraia o espectral misterio da alma dos galegos, para rematar coa máis belida e xusta evocación do pobo inmorrente de Galiza. Os emigrados, a historia, o pobo, constitúen os temas de tres grandes frescos que o talento plástico de Castelao fixou en palabras, imposibilitado fisicamente de facelo nos grandes lenzos de parede con que soñou quizais na súa mocidade.
O 7 de Xaneiro de 1950 un “carcinoma de pulmón” remata coa vida física de Castelao, pero quedará para sempre o seu legado artístico, político, humano.
Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 24-11-2014 06:37
# Ligazón permanente a este artigo
O limiar de Cousas (A carón da natureza)
É no intre en que a terra, para se durmir, vaille virando as costas á luz e o fume das tellas, mesto e leitoso, vaise esparexendo no fondo do val. Non é cousa de outro mundo pinta-lo que ven os ollos, que serán comestos polos vermes; pero na paisaxe hai máis cousas que fitar, pois naquel muíño cantareiro dous namorados danse o primeiro bico e naquel pazo do castiñeiro seco ouvean os cans.

Dende o adro dunha eirexa ollámo-lo val afundido na choiva. A iauga que cai a fío aplaca o fume azul contra as tellas brilantes dunha chouza. Os camiños están cubertos de lama e un vendedor de cobertores pasa cabaleiro na súa besta ferrada. Vela´çi o cadro dun pintor; pero aínda hai máis na paisaxe, pois tocan a morto no campanario da eirexa e o son é tan amargurado coma se batesen a campá coa mesma cabeza do morto e non adeviñamos en cal casa do lugar hai desgracia porque todas, todas, están tristes.


Noite de luar. Na beira dunha encrucillada de leenda un cruceiro ten a rentes de si a mesa de pedra onde pousan os mortos para botarlle o responso; por antre os piñeiros amóstrase a ría maina; a lúa está pendurada da ponla dun pino. O pintor ten que evocar algo máis que unha visión, pois na mesa de pedra do cruceiro, aquela mesma tardiña, pousaron o corpo morto dun rapaz que veu do servicio; por aquela congostra vai un estudante de crego cavilando na moza do pano roxo que lle roubou a vocación. E ó lonxe cantan un alalá.

Mañanciña de domingo. Os montes de lonxe teñen azures de patinir; as xestas e os toxos poñen as súas motiñas marelas na diviña sinfonía verde da paisaxe. Moitas cousas máis ten a paisaxe para un artista, pois nunha ponla daquela maceira o melro de guerra Xunqueiro, “lucidío e xovial” aínda, agarda polo abade da aldea para darlle os “bons” días”; choveu onte; as campás da eirexa repenican unha muiñeira e polos carreiros das veigas de acolá embaixo as formiguiñas negras e roxas veñen á misa.

O tempo engalanou cunha tona de ouro e prata o vello castelo feudal; os esclavos do fisco sachan o millo nas leiras; antre os salgueiros sombrizos do fondo do val avístase a fouce do río. O sol bate no lombo da terra. Todo está disposto para pintar porque todo é regalía dos ollos; pero na paisaxe hai máis. Hoxe é víspera de san Xoán, arrecende a colo de nai, cantan os grilos e o vento morno trainos de lonxe o son dun bombardino. Mañán lavarémonos con herbas arrecendentes.

Anoitecía. A silueta negra dun pino dibuxándose no azul escuro do ceo. Todos sabedes que na primaveira os pinos botan milleiros de velas, collendo eisí o aspeito de candieiros xigantes. ¡Cantas veces sentimosdesexos de alcende-las velas dos pinos! Pois ben; pero do meu pino acertou a pasa-lo Viático aldeán ( o crego, dous rapaces, catro mulleriñas que van rezando) e, ¡ouh miragre!, o irmán pino, sentindo o momento relixioso e en homenaxe á sagrada Forma, alcendeu as súas velas, que estiveron acesas namentras o Viático non se perdeu na revolta do camiño.
Un día de nadal, ollando unha paisaxe que imitaba un Nacimento, decateime de que hai máis fermosura nas froliñas dos campos que nas froles de xardín. As froliñas ventureiras que nacen dos campos parecen creadas polo Bosco ou por Breughel “o vello”, namentras que as froles foulentas de xardín semellan os encoiros manteigosos de Rubens. Dende entón eu quixen ser un ventureiro das letras.


Castelao
Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 02-11-2011 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
Modelo dun comentario dun texto de Castelao

Esta que segue é unha proposta que circula polos libros e que precisa unha pequena explicación ou un modelo de comentario seguindo o esquema que se propón. Colocamos un texto de Castelao de modelo a continuación ( é importante ver o debuxo que realizou para ilustrar este texto o propio Castelao):


Esta morea de pedras e tellas, de latas tomadas e táboas podres, que semella un cortello abatido, foi o tobo en que viveu moitos anos a vella Fanchuca.
Esta figueira de ponlas ensarilladas foi o amparo da vivenda. Os figos ninguén degoraba comelos porque sabían a miseria.
A vella Fanchuca pregaba de porta en porta, alá cando nas nosas aldeas había máis fartura de pan que de diñeiro. Aínda era no tempo en que cada esmola recibía un bico de quen a daba e outro bico de quen a collía; porque as esmolas non eran cachos de cobre acuñado, que eran codelos de pan ou espigas de millo.
A siña Fanchuca, por ser tan probe e tan vella e por estar tan perto da morte, ía tornándose terra e xa se confundía de lonxe coa lama dos camiños. Mais a vella Fanchuca sabía remozarse o día da festa prendendo na roupa moitos remendiños bonitos: adobíos da súa probeza, que o sol e a choiva de todo o ano ían trocando en novos ferrapos torreiros.
A vella Fanchuca contaba máis de catro veces vinte anos e portaba nas roupas os remendiños de tódalas festas, talmente como levan as plumas os paxaros cativos.
A primeira mostra de probeza que fitaron os meus ollos foi a siña Fanchuca e dende aquela tiven tan aparelladas na miña memoria a vellez e a miseria, que aínda hoxe tódolos vellos enrugadiños parécenme probes de pedir polas portas.

Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 09-02-2011 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
Características da prosa de Castelao:
No conxunto dos seus textos narrativos podemos atopar os seguintes trazos de estilo:
A) Humanismo: os seus personaxes son tratados con emotividade e sentimentos amables, especialmente os das clases populares. Indulxencia polos defectos humanos.
B) Humorismo: tendencia á caricatura, ao uso da ironía.Non cae no sarcástico.
C) Crítica das inxustizas e preocupación polos problemas sociais, denuncia a miseria dos labregos e mariñeiros.
D) Galeguismo, sempre en Galiza e coa preocupación por deixar ás claras a nosa identidade e carácter.
E) Visión populista da literatura. Distancia do culturalismo e aristocratismo da arte fronte a Risco ou Otero Pedrayo, procurando usar recursos propios da arte popular e entendibles polas xentes humildes.
F) Lirismo: sentimento persoal, prosa rítmica cando o contido é emotivo. Subliña o clímax da emoción.

En COUSAS temos unha das obras máis orixinais da literatura galega, un xénero específico onde a síntese, frases breves, claridade conceptual e riqueza léxica en harmonía coa lingua popular son claves do estilo do autor.
Os temas fundamentais e recorrentes:
- Os problemas do mundo mariñeiro (ruína e alcoholismo) afectado polas novas artes de pesca da burguesía catalá.
- A emigración: os fracasados traen consigo a enfermidade; os triunfantes desvincúlanse do mundo do que partiron, mais fica a morriña, a saudade.
- A problemática da muller: a fidalga só ten como función a maternidade ( para reproducir a súa clase); a popular loita por conseguir a felicidade partindo de condicións precarias.
- A crítica dun progreso que vén pola acumulación de capital e que pode provocar a inxustiza e a infelicidade.

Ademais debemos ter en conta a presenza directa ou indirecta da morte en moitas das “cousas” . Os desenlaces están coidados con esmero e a miúdo rematan nun clímax con epifonema ( figura de pensamento que conclúe un relato cunha exclamación ou meditación profundas). Deste xeito, o narrador expresa nunha atinada síntese a esencia do relato. Noutras ocasións, despois do clímax narrativo, o conto prolóngase unhas liñas máis, que serven para lograr unha distensión.

Comparar as versións dos relatos de Castelao na voz de tres actores:

Sobre os vellos non deben namorarse
Comentarios (1) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 19-01-2011 07:03
# Ligazón permanente a este artigo
Unha visita a Pontevedra na procura de Castelao
Realizaremos nesta semana unha visita ao Museo de Pontevedra para visitar entre outras cousas as salas que se lle dedican a Castelao e coñecer de perto e mellor a súa vida, o seu pensamento e a súa obra creativa, especialmente a súa obra plástica que deste xeito poderemos apreciar dun xeito máis intenso.
Existen na rede multitude de entradas relacionadas con estes aspectos da obra e personalidade deste gran autor das nosas letras. por exemplo o denominado Museo Castelao, un proxecto virtual do Consello da Cultura Galega ao que aconsellamos realizar unha visita que por ser virtual podedes realizar en calquera momento que creades oportuno. outra páxina completiña é esta titulada Castelao na rede que ofrece a posibilidade de ver unha boa parte da súa obra plástica.



Finalmente localizamos estas imaxes e mesmo unha mensaxe que envía Castelao coa súa propia voz para a estrea da súa obra " Os vellos non deben namorarse " en Montevideo no seguinte vídeo que recolle tamén un tanto o que foi a derradeira etapa da súa vida ligada ao exilio en Arxentina.

Comentarios (1) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 17-01-2011 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Comezamos a LECTURA De COUSAS
A CARÓN DA NATUREZA

Podes procuarr información xeral sobre este libro e un índice comentado dos seus contidos de Cousas na Galipedia
Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 16-11-2010 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
ALBA DE GRORIA
Este texto de Castelao, un discurso promunciado un 25 de xullo no ano 1948 na Arxentina, está cheo de saudade e emoción, pero tamén é unha pequena gran obra xenial do noso autor na que realiza unha curiosa panorámica do máis esencial da nosa cultura ata o comezo do XX. Aquí tedes un enlace para podelo ler enteiro:
ALBA DE GRORIA

CUESTIÓNS:

1. Tras da lectura, indica as partes nas que podemos dividir este texto e intenta argumentar a que respostan cada unha desas divisións.

2. Por que evoca Castelao á Santa Compaña?

3. Dos personaxes que se citan cántos coñeces, indica brevemente qué sabes deles.

4. Escolle 10 destes personaxes que non coñezas e infórmate sobre eles.
Comentarios (0) - Categoría: CASTELAO - Publicado o 28-09-2010 07:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal