GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

SABER PARA QUE? ... Para mergullar no mundo


Tentei comenzar cun cadro pequeno
pintandolle esquinas os mares e os ceos.
En cada recuncho atopaba dous erros
tan só contaba con ve-lo primeiro.
Cantabas poemas, imaxes con letras
paraba-lo tempo con cada conversa
con cada sorriso tremían as pernas
mentres asubiabas na miña xanela
e logo xa chegaches ti...
Traias toda aquela luz
pechei os ollos esta vez
e mergullei...

O cadro que pinto xa non ten cancelas
vai ceibo de medos e de indeferenza.
Os erros dos anos arroupan as medras
e nos ven asidos gardando as mareas.
Agora somos eu e ti, gardamos toda aquela luz.
Mil cadros para pintar e máis...
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 21-09-2017 07:06
# Ligazón permanente a este artigo
En galego porque é de xustiza!!
Benvidos ao curso 2016-17. Esta ano imos traballar co lema da Xustiza e, en relación a nosa materia, hai moito que dicir. Comecemos logo:



Porque somos iguais, pero diferentes.

Porque xustiza non é sempre igualdade.

Porque non debemos silenciar a nosa forma de ver o mundo.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 14-09-2016 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Unha lingua, unha terra, unha identidade.
Imos falar da nosa lingua, da nosa terra e do seu nome. Repararemos no valor da identidade de sermos verdadeiros e non meras copias.

A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra. Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais.
De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como serse que vivimos en sociedade en común cos outros habitantes da Nosa Terra, Galicia.

NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA

Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.

Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego.

COMO SERMOS VERDADEIROS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)


ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira

A nosa lingua é logo como un tesouro a conservar no conxunto de linguas do mundo.

Cantas linguas hai no mundo?
Cantas en Europa?
Cantas desaparecen a cada 15 días?





Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinas aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e “ás cuncas" ou "a cachón” Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia" de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas linguas do mundo hai en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Despois de ler o texto de Vilar Ponte e consultando as dubidas de vocabulario que teñas, intenta expresar coas túas palabras o que nos quere dicir.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 21-09-2014 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os tempos son chegados
Comeza o curso e imos traballar con "Sentidiño".



Bando

Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai seca
para que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra de Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dáse este bando en tal e cal
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Carimbado, firmado e rubricado.


Manuel María, Documentos persoais

A que momento da nosa historia e circunstancias pensas que se están a referir estes versos?

O poeta utiliza a ironía como recurso esencial á hora de poder realizar unha crítica de que cousas?

Intenta elaborar ti un bando semellante cunha crítica dalgún aspecto da sociedade na que vivimos que non te guste. Logo fíxate nesta adaptación dun grupo A Quenlla:

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 16-09-2014 06:23
# Ligazón permanente a este artigo
TEMPO DE NADAL
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 20-12-2013 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
VIAXANDO CON ITH

Viaxamos dende o mito que parte dunha torre, no fogar de Breogán, ata un soño e logo percorremos da mao dos poetas do ESPERTAR, da alborada da nosa cultura, un camiño cara un rico porvir, na procura dunha Terra liberada dun sono que semella un duro inverno. Procuramos un canto á primavera para Galicia e lembramos que ese soño de nos abrir camiños no mundo é posible por obra e graza do noso idioma, soubemos do dereito a pensarmos como pobo e reclamamos o dereito á ser libres, superando atrancos que non impiden soños de irmandade. Descubrimos que Galicia sen nosoutros é ben pequena e que pode ser outra cousa, envolvéndose en sabas de mil anos, na fala e en nós temos que atopala, a porta que é a nosa patria, agárdanos. Sabemos xa que o pobo que ame o bon poema será quen de beber nos soños coas palabras e recuperar os camiños,
pórlle nome ó labirinto,
navegalo.

Galicia é unha terra de torres, de mar e de soños.

ACTIVIDADES

Despois de traballar cos versos dos nosos autores esa mirada sensible cara Galicia, lembrando os versos de Ana Romaní cres que a invitación que ela fai ten algo que ver coa que fan outros poetas? Argumenta a resposta.

O LÉXICO DA SENSIBILIDADE POLA TERRA

1-Non é o mesmo sono que soño, explica en que consiste a diferenza.

2- Significan o mesmo senso e sentimento? Procura unha definición destas palabras e un sinónimo para cadasúa palabra que pertenzan á mesma familia léxica.

3- Busca nun dicionario as distintas acepcións da palabra sensibilidade.

4- Completa as seguintes oracións cas palabras do campo semántico dos sentimentos:

É unha persoa moi.......... non soporta a visión do sangue.
A ............. está a flor de pel. Non soporta un chío.
Cando saíu á rúa ........... como a lentura da noite pousaba sobre a pel.
Con dozura............ a testa do animal transmitíndolle tranquilidade.
Ao lonxe.............. un grupo de rapaces que camiñaban cara nós.
A ................ das persoas que conforman unha nación baséase en compartir unha mesma historia, unha cultura e un idioma.
A rapaciña........... con desconsolo pola perda dunha persoa querida.
............. con pracer os últimos pasteis que estaban enriba da mesa.

5- Asociar a seguinte listaxe de verbos a cadanseu sentido (olfacto, gusto, vista, tacto, oído.
xantar, uliscar, enxergar, apalpar, chiar, cantaruxar, beliscar, axexar, catar, cheirar, ventar, ollar, rañar, relatar, bisbar, acariñar, ver, mirar, palpitar, roncar, saloucar, latexar, impar.

6- Relaciona en dúas columnas os seguintes sinónimos: A) asoar, pular, rosmar, impar, apalpar, catar, observar
B) axexar, degustar, tentar, saloucar, roñar, saltar, fungar.

7- Explica as seguintes expresións e escribe unha oración usándoas:
-Cos cinco sentidos:
-Sentido común:
- Trocar o sentido:
-Andar con sentidiño:
- Sentir a Terra:
- Ser propio de...:
- do país:
- da Terra:
- O noso, -a

8- Investiga a que lugares pertencen cada unha das bandeiras da fotografía.

9- Que sinónimos de redenzón e de aurora podes atopar entre as palabras dos poetas traballados nesta unidade cero?
Que significaba rico porvir?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 25-09-2013 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Un soñador...
Outra mirada sobre Galicia é posible, O autor do himno galego, Eduardo Pondal, invita aos galegos a realizar ese exercicio de sensibilidade cara a nosa Terra. O lema do curso servirá para escoller como fío condutor da materia de galego eses versos escritos no noso idioma.

Pero antes de seguir leamos este texto adaptado dun autor marinense, Silvestre Gómez Xurxo, sobre:
BREOGÁN e o seu fillo ITH

"É unha tarde fría e clara de inverno. Os ventos do norte que sopran estes días non teñen auga para formaren nubes. Son aires duros que cuartean a pel e queiman os campos. Son aires de xeadas e lobos famentos ouleando na noite. Non é o tempo máis amante, pero Ith vai coma cada tarde á illa e sobe ata o campo da torre. Hoxe vai só. No fondo, é como prefire ir.

Os demais quedaban arredor dunha boa larada, sentados xerarquicamente de vellos a mozos, pois ese era o costume que se seguía de vello, polo respecto e o cariño que se sentía polos maiores.
A caída da tarde nos días de inverno é a hora da fantasía, das palabras graves e das algareiras ó ao agarimo lume. Nesas horas tamén se aprenden as historias que manteñen viva a memoria colectiva do pobo. E así pasan xeración tras xeración formando parte do orgullo de todos e cada un.

A illa da torre está case pegada á aldea, de feito, só é illa a medias, dependendo da marea. Co devalo, ábrese unha lingua clara de area que une a illa á terra; coa chea, vese unha illa ben formada. Desta vez, a marea está baixa e Ith fai a pé o camiño da illa. Ama ese camiño e gústalle sentilo directamente baixo os pés. Coñéceo tan ben que anda treitos cos ollos pechado e sabe, polas sensacións do tacto e do olfacto, o lugar xusto en que está en cada momento.

Para Ith, o campo da torre abre todos os mundos, porque el sabe ben que o mar é o grande camiño que sempre se pisa por primeira vez e que leva a todas partes, ás coñecidas e ás que están por coñecer. Por algo é fillo do sabio e valoroso Breogán, que chegou polo mar a estas terras para darlles nome e fillos que as poboasen. Quizais o seu destino sexa ese: botarse ao mar e atopar novas terras para poboalas e darlles nome.

Ith é un soñador. A aldea e as súas terras forman un mundo importante, pero pequeno de máis para os seus soños. El precisa mirar alto e lonxe para respirar fondo e atopar aire abondo que encha o seu peito afouto e baril.

Os ollos de Ith pérdense outra volta na auga seguindo trazado dos seus soños e avanzan cara o norte, antes de que se consuma totalmente a luz do sol. O seu corazón bate coa forza do presentimento. E CANDO SE ATOPA DE FRONTE Ó NORTE, NON PODE ACREDITAR NO QUE VEN OS SEUS OLLOS. Aló nos confíns, perdida no horizonte, onde só alcanzan os ollos máis agudos e ilusos, porque non é doado diferenciar entre o que se ve e o que se desexa ver, está a luz da terra tanto tempo presentida. Na hora do luscofusco xorde un resplandor que se espella nas augas do océano. Ith refrega os ollos e contén o ánimo. Volve mirar. Aquela é a terra que o chama, que dende rapaz o estivo levando cada tarde ao alto do campo da torre. Permaneceu mirándoa ata que aquela luz se sumiu apagada pola forza da lúa chea. Unha terra que el sabía fermosa e farturenta, a onde levaría a súa estirpe a vivir en paz e prosperidade. A vida dun home, aínda a dun soñador, contida en poucas palabras: torre, terra, mar, soño.”


Repara no léxico e se non coñeces esta palabras búscaas: larada,algareiras, xerarquicamente, devalo,afouto, baril, iluso, luscofusco, doado,...

COMPRENSIÓN: Quen era Breogán? Nacera naquelas terras nas que vivía? Que decidira construír?

En que tempo cres que viven os personaxes deste relato?

Quen era Ith? Que facía cada tarde? que lle ocorre?

Cal era o seu soño?

A sensibilidade de Ith como aparece expresada no texto?

Xogando coas palabras:
-“onde di o trazado dos seus soños“ podería dicirse "o ronsel dos seus soños"?

- Onde di na hora do luscofusco, podería dicirse: na hora do .......
Que relación terá Breogán con Irlanda?

Será verdade que Ith fixo unha viaxe de conquista cara o Norte?

Procura algo máis de información, por exemplo na Galipedia, para facer logo unha pequena redacción coas túas conclusións sobre a relación entre o mito de Breogán e Irlanda, que é como falar da relación que pode que haxa de vello entre Galicia e Irlanda.
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 16-09-2013 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
Mirámonos? Comezamos o curso 2013-14
Unha invitación a botar unha ollada sobre nós mesmos coa intención de chegar máis alá!

A titoría dínos: Mírame, mírate... mirámonos? nunha proposta máis de cara ao noso interior, pero sen deixar de seren homes e mulleres do Morrazo. O lema escollido para a Unidade 0 do curso en galego coñecerémola mañá,hoxe só é o día da presentación do curso, pero seguro que ten algo que ver coa da propia da titoría de 4º... a todos e a todas benvidos/as!!!
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 16-09-2013 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
SERMOS HUMANOS, SERMOS GALEGOS
CHEGOU DAS AMÉRICAS


Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.

Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.

Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.

Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:

—Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco...


(de “Cousas” A.D. R. Castelao)

CUESTIÓNS
1-Identifica as partes nas que podemos dividir este texto atendendo a estrutura do mesmo.
2-Fíxate na contraposición que ofrece o autor entre a "aldea" e a "Habana" Cal cres que será o motivo? De cal dos dous lugares cres que se sentía o protagonista? Por que?
3- Cal sería o tema ou a idea central do texto?


As palabras son fenómeno de comunicación, pero tamén de saber porque sen elas non temos memoria. O poeta dixo: "Somos o que lembramos". Podemos dicir tamén que a palabra é un instrumento da identidade. Coa palabra facémonos seres humanos:

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.

Castelao, Sempre en Galiza

CUESTIÓNS
4- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas?.
5- Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel?
6- Segundo Castelao, ¿que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
7- Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas? Razoa a resposta.




LINGUA, IDENTIDADE e TERRA

Ademais a palabra, a fala, a lingua ofrécenos unha personalidade, lévanos a falar da Terra, con maiúscula, e que lle deamos á vez pronomes como "miña" ou " nosa", se cadra sendo por iso máis universais á vez de verdadeiros. Só sendo orixinais poderemos evitar ser unha simple copia:


A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo...


Antón Vilar Ponte, Pensamento e sementeira

O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

Castelao, Sempre en Galiza

CUESTIÓNS
8- Segundo Vilar Ponte somos galegos só por nacer en Galicia? Razoa a resposta botando man dos seus argumentos.
9- Cres que Castelao e Vilar Ponte defenden a mesma idea? Argumenta a resposta.

COMO NACE UN IDIOMA?:
A terra e a natureza condicionan á sociedade que fai posible madurar unha diferenza: a cultura é unha forma distinta de ver o mundo. Castelao dío así:

Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión.

E Antón Vilar Ponte afirmaba:
Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo ? (...)

10- Despois de ler estes textos que elementos dirías ti que interveñen no nacemento dun idioma?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 24-09-2012 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
VIVIMOS COMO GALEGOS?
Este curso imos reflexionar sobre a vida, e que vivimos na terra afirmando que somos de algures.

Somos galegos? que significa iso?

Imos visionar dun xeito crítico os seguintes vídeos que son vídeos publicitarios moi coñecidos:
1- Resume (ou copia) o contido fixándote especialmente no texto dos anuncios.









Despois le este poema de Manuel Rivas titulado FONEMA:
Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol,
saíannos sons que debiamos matar.
Repitan:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía
que los pajaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo
e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era
se é que a tiña
o toxo que douraba os montes de Galicia.

Costa da Morte blues, Manuel Rivas.

2- Que relación podes establecer entre o contido dos vídeos e o poema?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE 0 - Publicado o 16-09-2012 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal