GALEGOXXI



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS ESTATUTOS DE 1936 E DO 1981 E A LEI DE NORMALIZACIÓN
Algunhas linguas do Estado Español foon recoñecidas como cooficiais nos Estatutos aprobados antes do golpe militar de Franco do ano 1936, pero ese recoñecemento legal básico para poder exercer a identidade cultural das nacionalidades históricas, como Galicia, foi frustrado tras da Guerra Civil e a Ditadura franquista de aí que ata á volta da democracia á morte de Franco non se puidese elaborar de novo un Estatuto para Galicia que proclamase a cooficialidade do galego e incorporase a nosa lingua á administración, a educación e aos medios de comunicación públicos. Este Estatuto foi o de 1981 no que se mandata aos poderes públicos para que garantan o uso normal do noso idioma en todos os planos da vida. Outorgando ademais a competencia de crear unhas leis para desenvolver este dereito recollido tanto na Constitución como no Estatuto.

A Lei de Normalización Lingüística aprobouse en 1983 coa finalidade de abordar un proceso de fomento e regulación do uso do galego por parte dos cidadáns:
O galego é a lingua propia de Galicia. Todos os galegos teñen o dereito* de coñecelo e o dereito de usalo.

Un dos grandes logros desta lei é o feito que os topónimos de Galicia só teñan reango legal en galego e a introdución do galego nos centros de ensino, medios de comunicación, a administración e a xustiza


Existe ademais unha Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias asinada polos estados membros da Comunidade (entre os que se atopa España dende o ano 2000) que vela dende as instituciois europeas para que os dereitos lingüísticos no referente a linguas minoritarias ou minorizadas dos cidadáns europeos sexan garantidos.

*Inicialmente en lugar de "dereito" dicíase o "deber", pero este enunciado declarouse inconstitucional.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 17-12-2017 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
O maio do popular á poesía


Procura o texto deste poema de Curros Enríquez e compárao (semellanzas e diferenzas) coa letra dun maio humano:

A LETRA DO MAIO DE VILAFRANCA. Distinguimos catro grupos de coplas na letra deste maio que foron transmitidas de xeneración en xeneración, aínda que son a suma de distintos momentos na evolución da tradición, podendo intuir ese proceso de adición de coplas, inevitable por outro lado, e sendo conscientes de que hai algunhas coplas que de sempre foron e sempre deben ser cantadas.

O grupo 1º ou referencial: describe o espertar da natureza, facendo referencia o cambio estacional. Identifícase ao Maio co mes. A súa orixe ten moito que ver co refraneiro. Ponnos no camiño dunha casa ou dun barrio da vila. Do mesmo modo comezan romances tan coñecidos como "Por Mayo era, por Mayo cuando hace la calor..." e outras moitas cantigas populares medievais:
" Marzo airoso, Abril chuviñoso
sacan o Maio florido i hermoso. "
" Entra Mayo con sus flores,
sale Abril con sus amores. "

Podería parecernos chocante que a segunda estrofa estea en castelán. En concreto naceu da fragmentación dun estribillo que aparece no Cancioneiro musical dos séculos XV e XVI ( "Entra Mayo y sale Abril, tan garridico le ví venir...") amplamente versionado no chamado Século de Ouro da Literatura española. Polo tanto sería unha adición á copla inicial tamén de tipo referencial; adición á que non lle costaría moito insertarse dada a súa popularidade. Este grupo de estrofas referenciais dáse tamén noutros tipos de maios. Citemos unha ó azar dun maio figurativo pontevedrés do ano 1840:
"Este mes de maio é o mes das flores,
cando os paxariños ven ós seus amores".

O grupo 2º nuclear ou armazón básico tradicional: Este grupo de coplas dividirémolo a súa vez en dúas.
Principiamos coas estrofas de presentación ou humanizadoras (lembremos que o noso maio é un maio humano) pois a comitiva chega ao pé dun balcón ou a unha praciña onde deben e queren cantar o maio, e primeiramente preséntano. O mes de Maio personifícase ou toma aspecto antropomorfo. O maio-mozo alí presente simboliza nese momento as cualidades positivas de protección e fecundidade atribuidas ao mes. Pode ser tumbado no chan fronte da casa ou no medio da praza. Cremos que coplas de filiación moi próxima introducidas a raíz dos concursos habidos nos anos 70 como a que dí: "Acuestate mayo a descansar, cuando descanses vuelve a cantar" non deben incluirse na letra tradicional do maio de Vilafranca entre outras razóns por non seren tracicionais, ademais de que a copla que incita a deitar o maio xa existe na copla tradicional.. Iremos colocando xunto coas estrofas do noso maio, polo efecto de conxunto que poidan producir nos lectores, outras de maios galegos algúns xa fai máis de cen anos desapareceron. Esta humanizadora do maio-mozo de Lugo é un exemplo: " Este Maio señora é,
este maio que andaba de pé." (Vilafranca).

" Éste é o maio,maiño é,
este é o maio que anda de pé." (Lugo).

A inventiva popular creou outra estrofa que humaniza ao Maio e preséntao cunha pícara connotación sexual propiciada pola estación primaveral das que o etnógrafo J. Frazer nos fala no libro no capítulo titulado: A influencia dos sexos na vexetación. Esta estrofa atoparémola moi semellante noutros maios galegos:

" Víche o Maio, miralle ben,
tres caralliños tamén vo-los ten" (Vilafranca).

" Víste o maio, vístelo ben,
si non o viste, vé-lo eiquí vén. " (O Carballiño)

As estrofas petitorias son tamén un elemento nuclear dos maios pois a comitiva tras presentar o maio-mozo como personificación das virtudes do mes, tras tumbar o maio, esixen dos veciños a súa aportación por colocar ás portas da casa eses bens favorecedores. Mais, que é o que se reclama? Pídense insistentemente no noso e noutros maios galegos ou asturianos castañas secas ou maiolas, símbolo clarísimo do rirual propiciatorio que estes costumes gardan no seu transfondo desde tempos moi, pero que moi remotos. Coméntannos González Palencia e Eugenio Mele no seu libro La Maya que na Beira-Alta portuguesa existe a superstición segundo a cal é preciso comer castañas o 1º de Maio se non queres que te rouben o burro ou morra o teu gando. En Alsacia piden ovos ameazando con que se non se entregan as galiñas non porán en todo o ano ou levaránchas as raposas. Fórmulas petitorias idénticas ou semellantes, como non, nos maios de Santiago, As Nogais,Portomarín, etc...son mui frecuentes. Especialmente significativa é a copla recollida no libro de J.L. Alonso Ponga e A. Diéguez Ayerbe recollida do maio de Santalavilla no Bierzo: " Este é o maio, señora é, este é o maio que anda de pé, que de pe, que de sentadas, señora tire as castañas." A presente copla xunta nunha sola o núcleo esencial ou armazón tradicional sobre o que se estructuran os maio-mozos galegos. Pero voltemos as coplas de petición do noso: FOTO 8 " Tire castañas ,señora María, tire castañas que as ten na cociña" ( Vilafranca). " Tire castañas, señora María, tire castañas que as trae na barrila" (As Nogais). " Tire castañas ,señora Manuela, tire castañas que as ten na mantela" ( Vilafranca). " Déano-las maias, señora María, déano-las maias que están bailando na criba." ( Santiago). " Tire castañas , tía Susana, tire castañas que as ten na romana." " Tire castañas ,tía Narcisa, tire castañas que as ten na camisa." ( Landoiro ). Estas estrofas petitorias deron pé á inserción de coplas novas improvisadas e que por ser recoñecido o vecín citado ,por exemplo, sexa doado lembrala en anos posteriores. Tamén provocaron o acople de outras estrofas que ímolas considerar un grupo aparte. O grupo 3º de coplas de halago ou insulto cántase unha vez que a comitiva é premiada con diñeiro ou castañas. Son cantigas da comitiva agradecendo ou ,no seu caso, denunciando a tacañería con maior ou menor sutileza, tentando en todo momento que na celebración do rito primaveral participen por activa ou por pasiva tódolos veciños. Estas coplas comuis a outras manifestaciois culturais como os aguinaldos,manueles,reis,etc... trunfarán, acadando a súa pervivencia nos anos vindeiros , dependendo da gracia ou ,quizais, do personaxe criticado, da popularidade que sexa capaz de conquerir, establecéndose, deste xeito, unha criba de autoselección e depuración da letra tradicional.Vexamos alguis exemplos: " Estas portas son de ferro , onde vive un caballero." " Estas portas son de de estopa, onde vive un lapasoupas( ou zampatortas)." " Esta casa é de cristal , onde vive un general." " Esta casa é de pedra, onde vive unha doncella." " Esta casa é de palla, onde vive a cagalla." " Esta casa é de losa, onde vive unha roñosa." (Vilafranca). Nestas coplas por unha banda escóllense a casa ou as portas como unha metonimia daquela pola significación non tan solo de lugar adicado á vivenda, se non coma unidade de carácter antropolóxica ou socio-cultural. Esta pasa a ser calificada por materiais nobles e indicadores da riqueza xunto cun reforzo de tinte social (caballero, general, doncella) que contrastan con materiais pobres e adxectivos peiorativos. O grupo de peche cántase para ergue-lo maio,que durante as peticiois estivo tumbado, despedíndose deste xeito ata outro ano. É unha copla das máis frecuentes en maios galegos. Nalguis casos aparece o seu significado máis ás claras noutros maios como o de Viana do Bolo onde cantaban: " Levántate maio, que tanto dormiches, xa pasou o inverno e nono sentiches. " Este verbo : " levantar" voltaría a identificar ó Maio co mes,ou máis ben a referirse de novo ós cambios estacionais cos que abriamos a letra do noso maio, conferíndolle esta estrofa unha estructura pechada cíclica. Ese inverno (e tódolos males que se asocian a él) remata coa renovación primaveral que dá entrada a boas colleitas, permite a prosperidade do gando e felices partos,e é vencido e alonxado de cada casa cando o maio-mozo se levanta para dirixirse á outra veciña . Outro sentido , o burlón ,derivado do maio perezoso que non esperta ainda que pase unha cabaleiría ou un camión (nas versiois máis modernas) ,conflue coa interpretación anterior , pois urxe ó maio a que esperte e dea paso a primavera. A nosa copla de peche dí o seguinte: " Levántate maio, bastante dormiches, pasou un burro e non o sentiches." Fagamos un esquema da división e o concepto de cadanseo grupo coas súas estrofas: 1º Grupo referencial: Describe o espertar da Natureza en Maio. Armazón > Estrofas de presentación ou 2º Grupo nuclear: básico humanizadoras. tradicional. > Estrofas petitorias. 3º Grupo de coplas de halago ou insulto. 4º Peche: Para ergue-lo maio.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 05-05-2015 07:21
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO DE 1980 ao 2014
Para darmos unha idea da situación do galego na actualidade tras da volta da democracia podemos botar man de diversas fontes. Os datos que aparecen na páxina oficial da Consellaría de Educacción da Xunta de Galicia Unha moi recente foi un libriño que intenta argumentar en base a un cuestionario sobre a problemática lingüísticas desfacendo varias mentiras sobre o galego.

Os argumentos que podemos contrastar no día a día e coa propia opinión que os nosos compañeiros/as manifestan na aula.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 03-06-2014 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
Rematamos cun filme galego
Visualizamos unha produción galega recente que sirva de exemplo da cración cinematográfica propia e evidencie por unha banda o bon facer e pola outra os esforzos que neste terreo se están facendo para que a industria do cine na nosa lingua sexa unha realidade.

A película escollida é Pradolongo un filme de Ignacio Villar do ano 2008 da que realizaremos finalmente un comentario (especie de cine club)despois do seu pase. A idea é analizar a comprensión do visionado e o espírito crítico que como espectadores poden desenvolver pois a película trata varios problemas de actualidade e de interese, dende a relación cotiá dos adolescentes, ás diferenzas sociais entre as familias que se retratan no filme, os contrastres da Galicia Interior e a súa problemática,os problemas da minería a ceo aberto,... tamén a experiencia de establecer un contacto coa variante lingüística do galego oriental viva.
Comentarios (1) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 19-06-2013 06:43
# Ligazón permanente a este artigo
Shakespeare escribía para ignorantes ou para necios?
Unha pregunta que vai ter resposta despois de ver a representación do próximo xoves. Na programación do Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ofrécense diversas sesións de teatro. unha delas xira ao redor do dra,maturgo inglés e sobre a ignorancia e a necedade, como veremos. Podes xa ir botando unha ollada á crítica da obra.

Shakespeare era para ignorantes ou para necios?

Para poder dar unha resposta apropiada debemos retomar a definición que fai Aristóteles dos ignorantes. Cal era?

Por que un necio é necio e sempre o será, debería ser a segunda cuestión.

As diversas fórmulas para matar que Shakespeare puxo en escena eran? Que era o que se reservaba pra detrás das cortinas?


Importante destacar tamén que existen cursos en EE.UU. para empresarios baseados nas obras do noso autor. Será certo? Fai as túas pescudas.

Que ten de semellante, pois, un empresario con algún dos moitos personaxes creados por Shakespeare?



Houbo un brillante monólogo sobre a conciencia, a que obra de Shakespeare pertencía este fragmento seleccionada?

Curioso tamén o argumento de Pericles e o rei de Tiro. Saberías indicar de que trataba nun breve resumo.

Un personaxe patético resulta ser un personaxe que fai unha apoloxía misóxina. En que consistía semellante discurso, cal era o motivo e que impresión dá aos espectadores semellante escena? Cal é o comentario que fai do mesmo o profesor erudito en Shakespeare (Quico Cadabal)?

Shakespeare descobre que cada un de nós leva un heroe no seu interior, mais tamén un covarde ou un traidor. Esta obra quere ser unha versión orixinal sobre este dramaturgo inglés procurando aqueles momentos cómicos que hai en cada unha das súas traxedias, recreándose naqueles personaxes secundarios con gran transcendencia ética e que nos permiten facer unha lectura moi actual do autor.

Non hai moitos vídeos na rede colgados sobre esta montaxe, os que aparecen están ás veces en castelán.







Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 15-02-2011 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
Unha peza sobre a lingua
Aqui tedes o vídeo prometido:



Hai moitos textos e cantigas sobre a lingua. Está ben que se vaian anovando día a día. esta está musicada por Roi Casal, pero é do poeta Manuel María:

O idioma é a chave coa que abrimos o mundo.
O salouco máis feble o pesar máis profundo.
O idioma é a vida, o coitelo da dor,
o murmurio do vento, a palabra de amor.

O idioma é o tempo e a voz dos avós,
ese leve ronsel que deixaremos nós.
O idioma é un berce, patrimonio do pobo
maxicamente vello, eternamente novo.

O idioma é a patria e a esencia máis nosa
E a creación do mundo meirande e poderosa,
O idioma é a patria e a esencia máis nosa.

O idioma é a forza que nos xungue e sostén
Se perdemos a fala non seremos ninguén
O idioma é o amor , o latexo , a verdade,
a fonte da que agroma a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.


Copia a letra da peza e indica:
1- Cal é o tema central desta cantiga?
2- Trátase dunha descrición na que abondan as metáforas. Localízaas e comenta o sentido das que creas máis importantes.
3- Intenta explicar con argumentos claros que quere dicir cando se afirma "se perdemos a fala non seremos ninguén".
4- Intenta comentar e explicar coas túas palabras estas outras dúas afirmacións relacionadas co título deste tema: O idioma é o tempo, a voz dos avós... maxicamente vello, eternamente novo" (fíxate na antítese vello-novo)
5- Outro verso que se repite na composición é "O idioma é a forza que nos xungue e sostén" razoa sobre o sentido do mesmo.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 02-02-2011 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
OS XORNAIS DIXITAIS (PAUTAS PARA O TRABALLO- 4º ESO-A)
Os xornais cos que tendes que traballar están na páxina 160 do libro de texto. Aquí tendes os enderezos web.

O que quero que fagades é o seguinte e da seguinte maneira.

1.- Características do xornal (mesmo podedes indicar a historia do mesmo, porque nace, etc..)

2.- Tipo de contidos (mesmo podedes sinalar se ten algún tipo de ferramenta relacionada coa lingua).

3.- Lingua(s) na(s) que se pode ler.

4.- Diferenzas e similitudes entre ambos.

5.- Opinión crítica.

Finalmente, só me queda dicirvos que o pasedes moi ben nesta semana e un día de vacación e que a data para entregar é o traballo é o 16 de abril e non penso recoller os traballos que non se entreguen este día nin aqueles traballos que non respecten a estrutura que se pide.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 26-03-2010 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO HOXE (II) 4º eso B
A día de hoxe o debate sobre o novo decreto está así. Véxase en GALICIA HOXE como reflicte o debate coa opinión de Feijóo e a nova campaña orgullos@s do galego dos equipos de normalización dos centros educativos que tamén aparece na prensa.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 22-02-2010 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
TRABALLO 4 ESO-A
ENQUISA DE SOCIOLINGÜÍSTICA.
Departamento de Lingua e Literatura Galega do Colexio San Narciso de Marín.
TRABALLO DE CLASE.

DATOS PERSOAIS
Nome………………......................................
Lugar de nacemento e de residencia………………………………....
Sexo……….. Idade........
Profesión…………………………… Estudos……………………………………..

2. COMPETENCIA LINGÜÍSTICA.

MOITO POUCO NADA

ENTENDE

FALA

LE

ESCRIBE



3. HISTORIA (SOCIO)LINGÜÍSTICA.
Lingua inicial: galego, castelán, as dúas, outras……………….………….
Lingua habitual: galego, castelán, as dúas, outras…………….….……….

4. USOS LINGÜÍSTICOS.
Na casa: galego, castelán, as dúas, outras……………………….……
No traballo: galego, castelán, as dúas, outras…………..……….……
Cos amigos: galego, cstelán, as dúas, outras………………………..…
Na administración: galego, castelán, as dúas, outras…………….……


5. ACTITUDES E PREXUÍZOS.
5.1 Que lle parece cal é a relación do uso do galego con respecto ó castelán en diferentes espazos como por exemplo na publicidade. Pensa que hai máis presenza do galego ou do castelán?
………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………......

5.2. Que lingua lle parece máis útil. O galego ou o castelán? Por que?
…………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………….

5.3 Nota un aumento do uso do galego na sociedade? Se a resposta é afirmativa, en que ámbitos ou sectores?
…………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………….

5.4 Sentiuse nalgunha ocasión discriminado ou discriminada por usar unha determinada lingua, ben sexa o galego ou o castelán?
…………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………….

5.5. Parécelle importante o debate das linguas? Cal é a súa opinión?
………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………

PASOS QUE TENDES QUE SEGUIR.

1. Recoller os datos e cubrir esta mostra.
2. Unha vez que teñades todos os datos, pasades os datos a gráficas (os puntos que dixemos na clase).
3. Analizades eses datos e de aí tendes que sacar unha conclusión. A idea é aprender a interpretar as gráficas e a comentalas.
4. Calquera dúbida que teñades, por insignificante que sexa, preguntádea. Neste tipo de traballos dar un paso en falso é ir cara atrás. Preguntádeo todo.



Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 19-02-2010 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO HOXE (I) para 4º eso B
Partindo da situación actual do Mapa Sociolingüístico de Galicia imos analizar o conflito actual que está estes días nos medios de comunicación. Para poder abordar con obxectividade imos colocar as dúas propostas que están sobre a mesa. A idea inicial é que tras da consulta da información da que dispoñemos teñades a capacidade de formar unha opinión propia sobre a situación que se está a vivir neste momento nos centros de ensino con respecto ás linguas que usamos nas aulas.

Por unha banda podemos consultar as denominadas BASES PARA O DECRETO DO PLURILINGÜISMO que promove a Xunta de Galicia dende a Consellaría de Educación e a súa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Por outro lado está o documento que eleborou a REAL ACADEMIA GALEGA como resposta ao documento da Xunta.

Aquí deixamos tamén outra opinión de peso o ditame do Consello da Cultura Galega sobre as bases para o decreto que se pretende implantar.

Como son textos longos propoñemos realizar un traballo que se centre nos puntos que crean maior discusión e conflito no eido do ensino.

Comezamos coa cuestión das linguas e dos territorios:

Imos ver este vídeo na aula, para quen non o puido ver por faltar ese día aquí está linguas cruzadas:




1º Realiza unha reflexión sobre a túa lingua materna,a lingua paterna, lingua vehicular, linguas que escribes e falas, os membros da túa familia galegofalantes. Realiza unha árbore xenealóxica na que especifiques os nomes e apelidos, oficio e datas de nacemento (falecemento no caso que corresponda) dos teus irmáns, pais, avós e bisavós e o idioma que falan. Como se van expoñer os resultados convén realizalo nun formato común. Unha cartulina tamaño din A3 (dobre folio)coa árbore e os datos.

2º Logo virá unha reflexión conxunta sobre os datos que recollamos co plano da lingua da nosa aula. Os motivos da situación sociolingüística na que vivimos.

3º Análise dos textos máis arriba citados nos cinco apartados que indicamos:

Imos fixarnos en cinco puntos chamativos e polémicos da situación actual que xerou a publicación das Bases para a elaboración do Decreto do Plurilingüismo:
- A consulta vinculante aos pais.
- A competencia e as porcentaxes para o galego no ensino.
- O galego, lingua propia e o inglés, lingua estranxeira.
- Concepto da normalización e discriminación positiva.
- Que facer ante a actual falta de consenso?

Podedes consultar tamén: ogalegonascienciastecnoloxia.
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 25-01-2010 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal